Onte 839: Paz e humor

Entre as mensaxes de anovello que recibín por Whatsapp (aqueles sms doutrora desapareceron engulidos pola fraxilidade do entorno dixital) unha das que máis me prestou rezaba: «Os meus desexos para o 2014: xenerosidade, cariño e respecto. Intolerancia absoluta só contra o fanatismo. En resumo: paz e humor». Subscribo os desexos do meu amigo que deste xeito propón enunciar os sintagmas do afecto, da simpatía, da firmeza e do entusiasmo, aqueles que nos poderán axudar na difícil tarefa de reconstruír un país hoxe en ruínas. Pola miña banda, eu só insistiría na necesidade de abandonar de raíz calquera actitude e comportamento seitario e cainita, que identifico coma síntoma dun ameazador dogmatismo conformista e paralizante. Cómpre procurar novos espazos onde compartir o relato da reconstrución da nación cos valores inclusivos da xenerosidade, da escoita, do agarimo, do respecto, da firmeza, da solidariedade e do entusiasmo até o lirismo (do que falaba Castelao). Con ese pulo, retomamos o fío do aninovo.

No 2014 acenderemos unha estrela

Recupero «Don’t Go Away» (1997), un dos meus clásicos preferidos de Oasis, unha tradición de fin de ano en brétemas. Todos precisamos máis tempo para acertar as cousas, para compartir afáns, angueiras e afectos. Benvido o aninovo! No 2014 acenderemos unha estrela.

Onte 814: Seis de nadal

A xornada de onte non foi só á efeméride da aprobación da Constitución, a peza xurídica da restauración monárquica xoancarlista. O seis de nadal os nacionalistas galegos celebramos a fundación do Partido Galeguista tras a VII Asemblea Nacionalista organizada no salón de festas do Hotel Madrid da cidade do Lérez polo Partido Galeguista de Pontevedra. Unha asemblea constituínte decisiva na que os trinta e dous grupos e irmandades presentes acordaron a disolución das Irmandades da Fala e a integración dos seus membros no novo partido; ademais de reclamar, por vez primeira na nosa historia, o dereito de autodeterminación e a redacción dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Seis de nadal, unha data galeguista para non esquecer no «labor de acadar os dereitos de Galicia e facer dela un país próspero e glorioso».

Onte 803: Terrorismo machista

702 mulleres asasinadas en España polo terrorismo machista entre 2003 e 2013, 42 no que vai de ano. Dúas cifras estremecedoras que obrigan a unha contundente resposta cidadá e dos poderes públicos. Números que sabemos son apenas a punta do iceberg do comportamento machista hexemónico na sociedade nosa, oculto no espazo do privado, mais capaz de transmitirse con enorme facilidade xeración tras xeración, a pesar do esforzo coeducativo que dende hai tempo se ven acometendo en escolas e institutos. Para erradicar esta lacra machista. para manter unha tolerancia cero co maltrato e a desigualdade, non abonda por importante que esta sexa coa acción coeducadora, é imprescindible unha actuación integral no conxunto da sociedade. A corresponsabilidade pola igualdade, a denuncia dos comportamentos machistas e violentos,  debe asumirse en todos os ámbitos do público e do privado, dende os grupos familiares e de amizade, pasando polos centros de traballo, até os medios de comunicación e redes sociais. Con todo, os poderes públicos, amparados polas políticas de consolidación fiscal, non poden renunciar a súa responsabilidade nesta loita antiterrorista. Os recortes nas políticas de igualdade e de loita contra o machismo son outra manifestación desta violencia.

Cartografías de Xela Arias

Dedico a Xela Arias o artigo da semana en Faro de Vigo con motivo do décimo aniversario do seu pasamento.

Pasaron dez anos desque a inxusta ondada dun ataque ao corazón tronzase a existencia de Xela Arias, cando apenas contaba con corenta e un anos. Unha década sen Xela, a poeta, tradutora, editora e profesora que na eclipse das certezas indagou con teimosía na procura de novas cartografías. Agora, no pouso dos afectos, lembramos a súa presenza fráxil, cun aceno de melancolía nos seus ollos grandes, a súa voz dóce iniciando unha conversa intelixente, afastada de calquera banalidade. Lembramos a súa vontade de reinventarse cada día, ao xeito dun Loud Reed feminino, cando escribía textos para “Desertores”, o grupo musical dos irmáns Díaz, ruando por aquel Vigo dos afectados e narcisos oitenta, que ela definiu como “cidade revolcada”, unha das metáforas máis acaídas para definir o noso volcán de dinamismos, que tamén sabemos cidade de fronteira, onde non é difícil esculcar os límites tan imprecisos do pracer cos da dor. Lembramos as súas intervencións literarias nos días de luz con Darío, cando presentou o seu libro (“Darío a diario”, 1996) sobre a experiencia da maternidade, empregando unha palabra decidida e precisa, matizando a súa actitude vital de desesperanza esperanzada, unha resistencia activa que tinguiu a súa obra poética de intuicións intimistas na súa loita contra o desacougo. Lembramos os textos dunha poeta esencial que indagou no territorio incombustible das palabras e nas contradicións do amor, da vida e da sociedade. Lembramos á creadora que asumiu a absoluta incerteza e a fraxilidade da súa empatía co ser humano e co seu destino.

A conmoción inicial que supuxo o seu prematuro pasamento suscitou numerosos artigos literarios e unha emocionante homenaxe en Vigo, o 29 de maio de 2004, organizada pola Asociación Galega de Editores, a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Homenaxe que se prolongou poucos meses despois no libro colectivo “Xela Arias, quedas en nós” (Xerais 2004), cuxa edición correu ao coidado do seu pai, o tradutor Valentín Arias, magoadamente desaparecido hai apenas dous anos.

Homenaxes literarias que salientaron a importancia da dimensión autoral de Xela, comprometida cunha poesía que nas súas palabras “debe indagar e cuestionar a orde das cousas” e das propias linguaxes; poesía que para ela “sempre é temeridade, incendio”, considerando que a función da autora “é cuestionar o que hai precisamente para dar pé a construírnos mellor”. Traxectoria poética individual, singular, desubicada xeracionalmente, rabiosamente urbana e contemporánea, caracterizada por “camiñar ás aforas” na procura do seu propio camiño, en palabras de Ana Romaní, “escrita a golpes como os golpes marcan a violencia do noso existir”. Unha escrita poética na procura da independencia, que asume, como sinalou no seu derradeiro poema (inédito) que “a única dependencia desexable, a tolerar” é “a constelación do afecto”.

Homenaxes que non esqueceron a sua condición de “muller do libro”, traballadora de Edicións Xerais de Galicia durante unha década, enraizando alí na ramallada dos libros que escribiu e traduciu, mais tamén dos libros que foron arxila editorial nas súas mans, detalle, forma e estilo. Referencias que non esqueceron a súa dimensión como esixente tradutora para o galego de textos literarios como “Dublineses” de Joyce, “O derradeiro dos mohicanos” de Cooper, “O bosque animado” de Fernández Flórez, “Drácula” de Stoker ou o “Spleen de París (pequenos poemas en prosa)” de Baudelaire.

Porén, dende aqueles primeiros reencontros de 2004 coas cartografías de Xela Arias, abordados desde a dor e desde a vida, moi pouco se ten feito pola restitución e redescuberta da súa obra literaria. Os seus catro poemarios éditos quedaron xa fóra da voracidade do noso mercado literario actual, “Denuncia do equlibrio” (1986), “Tigres coma cabalos” (1990), “Darío a diario” (1996) e “Intempériome” (2003). Coma “Lilí con pistolas”, o libro que presentou sen fortuna ao Esquío de 1986, que nunca chegou a editar, ou os poemas que publicou en xornais (sobre todo en “Faro de Vigo”), revistas (“Luzes”, “Festa da palabra”, “A Nosa Terra”…) e libros colectivos. Secasí sucede co seu relato “Que si que si”, incluído no volume “Contos eróticos/Elas” (1990), co que iniciou un vieiro tan prometedor na ficción.

Urxe unha edición da poesía completa de Xela Arias, reunindo a súa obra édita e dispersa (e mesmo quizais a inédita). Urxe que as tres facultades de filoloxía galega promovan investigacións e traballos críticos sobre unha autora que non se compraceu, que nunca se aliou, convencida que “vencerse é cousa de se tratar” (un dos seus versos máis inquedantes). A Real Academia Galega debería considerar a súa candidatura para un dos vindeiros 17 de maio.

O excelente retrato de Xela Arias é de Guillermo Cameselle.

Onte 772: Día da biblioteca

Ademais da exitosa folga en defensa do ensino publico galego de calidade, non esquezamos que onte foi tamén o Día da Biblioteca. Unha efeméride para poñer en valor a que debera ser considerada como a primeira institución cultural de cada comunidade local. As bibliotecas son servizos públicos de primeira necesidade, como as escolas, os hospitais e os centros de saúde; as bibliotecas son o garante do acceso de toda a cidadanía en condicións de igualdade á información, á lectura e á creación literaria.

Comprendo nesta xornada a euforia dos responsables da Consellaría de Cultura presentando o aumento de usuarios e préstamos da rede de bibliotecas nodais, un feito que se produce na maior parte das comunidades autónomas, probablemente asociado ás dificultades da crise. Porén tamén hai que denunciar, como fixo Olimpia López, a presidenta de ANABAD Galicia, os recortes brutais que sofre a rede de bibliotecas públicas en Galicia. Entre 2012 e 2013 os orzamentos da Xunta para bibliotecas reducíronse nun 40 %, recortes que para o 2014 serán do 12%, o que supón unha rebaixa dos recursos dispoñibles en dous anos en máis do 50 % (e non queremos comparar estas cifras coas que en 2008 destinaba o goberno bipartito). Redúcense todas as partidas, mais sobre todo a de adquisición de fondos bibliográficos (ao que non e alleo a decisión do ministro Wert de suprimir esta partida, xa por segundo ano consecutivo, nos orzamentos xerais do estado) e a dos recursos destinados ao fomento da lectura. Con máis usuarios e menos recursos é moi dificil para os bibliotecarios (outros heroes anónimos) poder manter a calidade do seu servizo.

Tanto en tempos de crise coma de bonanza, o papel das bibliotecas e esencial para desenvolver altos niveis de cohesión interxeracional, convivencia social e participación cívica. Moito máis no momento actual, onde ademais de incrementarse a desigualdade social, cómpre suturar a fenda dixital aberta polo acceso ás novas tecnoloxías da comunicación. As bibliotecas teñen un importante papel neste proceso de alfabetización informacional, no acceso de toda a poboación a estas novas tecnoloxías (que non son só cousas das xeracións mozas), contribuindo ao proceso de formación permanente e alfabetización informacional.

De bibliotecas e do seu futuro dabaterase no Simposio «O libro e a lectura» que organizamos os membros da Asociación Galega de Editores o vindeiro 14 de novembro. Unha xornada que pechará o escritor Suso de Toro cunha conferencia titulada: «En defensa da biblioteca pública». Un tema sobre que volveremos.

623: Outras edicións de «Cantares gallegos»

Antes da presentación, Xesús e Pablo Couceiro agasalláronos cadanseu exemplar da edición facsímile que prepararon en Edicións do Cerne de Cantares Gallegos. Utilizaron a segunda edición corrixida e aumentada pola propia Rosalía, a de 1872, a que inclúe 35 poemas numerados e dous sen numerar, editada pola Librería de Leocadio Pérez e impresa en Rivadeneyra.

A iniciativa dos Couceiro, que forma parte do seu proxecto editorial de recuperar edicións históricas do libro galego, únese á que hai poucas semanas presentou o Parlamento de Galicia e o Consello da Cultura Galega, desta volta o facsímile da primeira edición de Compañel. Segundo Antonio Vázquez Rey, autor dun  bosquexo de biografía rosaliana, da edición viguesa de 1863, a que inclúe 31 poemas numerados e dous sen numerar, se fixo unha tirada de 50 exemplares, nos que figuraba impreso o nome da persoa a quen ía destinado, case todos eles familiares ou achegados de Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Unha moi interesante curiosidade que nos informa da distribución case «baixo demanda da nosa primeira trabe.

Dentro das edicións que se fixeron de Cantares gallegos é interesante salientar a  que fixo Ricardo Carballo Calero para a Biblioteca Anaya en 1963, coincidindo coa celebración do centenario e coa edición que preparou Fermín Bouza Brey para Galaxia, Carballo actualiza a ortografía e enriquece o glosario de voces feito por Murguía que acompaña a todas as edicións do poemario fundacional. Unha edición a de Carballo que en 1969 publicaría Ediciones Cátedra dentro da súa colección letras hispánicas. Bo é lembrar estas edicións pioneiras cando festexamos este sequiscentenario.

Onte 615: «En principio foi o verso»

Tivo interese a inauguración de «En principio foi o verso», a exposición sobre Rosalía de Castro e o sequiscentenario da publicación de Cantares gallegos. A presenza dun grupo de afectados polas preferentes disuadiu no último minuto ao presidente Feijoo de participar nun acto que se desenvolveu con grande respecto á dignidade da nosa autora primeira. Concibida co rigor documental e a sobriedade visual de todos os traballos do deseñador Pepe Barro, a exposición propón unha completa viaxe á iconografía rosaliana, dende os seus retratos e fotografías, pasando por manuscritos e primeiras edicións das súas obras, até o seu proceso de mitificación como icona nacional. Tamén está moi presente na mostra un achegamento ao Vigo das décadas de 1850 e 1860, o de Alejandro Chao e Juan Compañel, cando aquí agromaba o pensamento demócrata e galeguista nos xornais que eles editaban, primeiro La Oliva e despois El Miño. Non esqueceu Barro o decisivo papel do editor Compañel na proeza rosaliana, así como o dos seus sucesores no século XX, que fixeron de Vigo a capital editorial de Galicia. Foi este un recanto da exposición que como editor galego moito agradecín. Sei que axudará a comprender o papel de editores como Xohán Ledo (portadista de Galaxia e autor dos carteis das primeiras celebracións do Día das Letras), Eugenio Barrientos (fundador da editorial Cíes e descubridor de Marcial Lafuente Estefanía), Xosé María Álvarez Blázquez (fundador de Monterrey e edicións Castrelos) e Francisco Fernández del Riego (o obreiro da editorial Galaxia durante os anos do franquismo), así como doutros editores vigueses  do noso tempo como Bieito Ledo e Carlos del Pulgar. Xa no que atinxe ao espazo dedicado a Xerais, deixoume un chisco melancólico ver exposto un exemplar de Matemáticas de 1º de BUP do colectivo Vacaloura,o primeiro título da nosa editorial, tamén o primeiro libro de texto en galego para a área de Matemáticas. Editado en 1979, aquel libro sería hoxe un texto prohibido, de edición imposible, xa que así o determina o actual decreto de plurilingüismo. Outra vez, un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo o seu soño. Parabéns a Pepe Barro e Anxo Angueira, responsables primeiros destoutra iniciativa rosaliana. Recomendo vivamente visitar a exposición.