Premios edición 2007, finalistas

Acaban de anunciarse os títulos dos libros finalistas dos Premios da edición 2007 que serán entregados o vindeiro venres na Coruña no transcurso da IIIª Noite da edición.

Durante A noite da edición 2007 serán homenaxeadas tres editoras galegas: A Nosa Terra, Alvarellos editora e La Voz de Galicia.

Xohán Ledo: exposición de homenaxe

Inaugurouse hoxe no Museo de Castrelos a exposición de homenaxe ao editor Xohán Ledo. A magnífica exposición, preparada por Galaxia e a Consellaría de Culura, acompáñase cun ciclo de mesas redondas nas que se pretende facer unha completa revisión sobre a historia, estado actual e futuro do libro galego. Beizóns para os organizadores por tan interesante iniciativa.

Etiquetas:

Manuel Valente: editores de cultura ou de mercado

Manuel Valente, director literario de Ediçoes ASA, abriu a segunda xornada do IV Simposio cunha conferencia sobre “Editores de cultura fronte editores de mercado“. Comezou a súa intervención describindo o proceso actual de concentración das editoras portuguesas arredor de grandes grupos editoriais, “cambios que necesariamente van afectar ao traballo das editoras e aos seus programas editoriais”. Para o editor portugués, a pesar de que os editores de cultura e os de mercado representan modelos antagónicas, o dilema entre uns e outros é falso, xa que os primeiros tamén teñen que manter un “ollo no mercado”, xa que se non o fixesen nalgún momento terían que botar o pecho” e os segundos non poden deixar de atender á calidade do texto. O dilema resolveríase “publicando o que dá e deixando publicar o que non dá, xa que de aí é de ónde poderán emerxer no futuro os grandes autores”.
Na quenda de preguntas, Valente salientou a súa preocupación polo proceso de concentración da distribución que se está producindo, tamén, en Portugal, onde o 80% das vendas está nas mans das grandes superficies, da FNAC e da cadea Bertrand, “as librarías independentes están a desaparecer en Portugal, aínda que están xurdindo experiencias interesantes de novas librarías moi lúdicas e bonitas que poden axudar a equilibrar o proceso”.
Etiquetas:

Silvia Querini: libro e mercado

A editora Silvia Querini abriu esta mañá o IV Simposio “O Libro e a Lectura” no que se reflexiona sobre as relacións entre o libro e o mercado.
A directora literaria de Lumen comezou a súa magnífica e clarificadora conferencia abordando o significado de dúas palabras “malditas” que, xeralmente, no mundo da edición (sobre todo da literaria) son moi mal vistas: “mercado” e “mercadotecnia”. Para Querini detrás do termo “mercado” está a sociedade de lectores e lectoras. Sendo a “mercadotecnia” toda comunicación que aplicamos a un libro ou, por extensión, á obra dun autor para que o noso público (sexan os comerciais da editora, os libreiros ou os lectores) coñezan o que teñen enriba da mesa. A mercadotecnia no mundo editorial require que existe un bo matrimonio entre o contido e a comunicación. “Non é extraño que esta estratexia fracase –e o editor vai sabelo de antemán– cando o contido textual non está á altura da cantidade e tipo de comunicación que estamos aplicando; en definitiva, cando o texto per se non aguanta a comunicación que se propón”.
Querini propuxo, logo, unha provocadora reflexión sobre o éxito do editor no mercado: “Cando temos un contido que nos deixa durmir tranquilos e lle proporcionamos a comunicación axeitada podemos estar satisfeitos”. Despois debullou o significado doutros dous termos que non se deben confundir –”best seller” e “long seller“–, apostando, sen dubidalo, polo segundo, “aqueles libros que grazas a ese matrimonio entre contido e comunicación se manteñen nun réxime de vendas sostido ao longo de moitos anos; eses valores seguros que permiten que os nosos presupostos cadren ao remate de cada ano”. O traballo do editor é crear un catálogo, que serva de caldo de cultivo para cada un dos títulos que editamos, sempre coa intención “de ampliar a mancha dos nosos lectores”.
Silvia continuou a súa intervención propoñéndonos a todos os asistentes “ver a vida con ollos de editor”, tentando identificar as tendencias do gran público que debemos buscar, sabendo que non é o mesmo a literatura que a edición.
Rematou o seu parlamento enumerando algúns dos ítems de maior preocupación do sector internacional nestes momentos:
– “A vida efémera dos libros que editamos no mercado.” “Hoxe un libro pode durar na libraría menos ca unha revista mensual. Ou mesmo pode haber títulos que morren nas mans do propio editor. O libro que cae, que non se ve, é un libro que non existe”. Fronte a esta doenza dos nosos tempos, propuxo que os editores nos acheguemos ao noso público (que debemos saber segmentar), mantendo unha comunicación moi fluída e simpática cos libreiros. “Cada varios meses, collo a miña axenda e fago unha ronda de chamadas aos libreiros para saber qué está pasando na súa libraría. Non coñezo mellor procedemento”.
– Loitar contra a idea de “libro=obriga”, substituíndoa pola de “libro=pracer”. “É unha mágoa que a idea da lectura non estea asociada, aínda, coa do pracer. Cantas veces, editores e lectores estamos presos da antilíbido do libro: as lecturas obrigatorias”.
– “Os lectores non son marcianos, son os nosos veciños, os nosos concidadáns.” Razón pola que os editores non podemos darlles nunca gato por lebre; pola contra é a nosa obriga “intentar que comprendan que pasar unha tarde lendo un libro poden ser escandalosamente felices”.
Na quenda de intervencións do público, Querini apostou por traballar a información como o mellor soporte promocional que pode ofrecer un editor; calculou que a taxa de devolucións do seu fondo estaba entre o 25% e o 30% (aínda que os exemplares devoltos perviven logo como “goteo” e permiten que o título non se descatalogue decontado); e defendeu de forma apaixonada o prezo fixo (“se se liberaliza, morrerán ás librarías independentes”).
En definitiva, unha intervención moi clarificadora dunha das máis importantes editoras literarias en lingua castelá.

Etiquetas:

Read Galicia

Hoxe preséntase na Feira de Frankfurt Readgalicia o primeiro catálogo de dereitos da edición galega actual. O espazo web (en galego e inglés) permite acceder á información de 169 novidades publicadas por dezanove editoras galegas nos últimos dous anos. De cada título pode consultarse a sinopse, un fragmento do texto e a ficha dos seus dereitos dispoñibles. O catálogo aparece organizado en seis categorías: ficción, infantil, xuvenil, non ficción, poesía e teatro. O deseño da páxina é moi claro e a navegación moi doada e amigable. Readgalicia constitúe un paso de xigante na exportación da literatura e da edición galega. A Consellaría de Cultur e Deporte e a AGE, promotoras da iniciativa, merece as nosas maiores beizóns!

Etiquetas:

Entrevista a Nelson de Matos

Recomendo a lectura desta entrevista a Nelson de Matos, o noso benquerido e admirado editor (sen dúbida, o que máis literatura galega publicou alén Minho). Felicitámonos, ademais, pola volta á actividade so seu blogue.

Etiquetas: Nelson_de_Matos

Ranking da edición mundial

No blog de Richard Charkin, un dos responsables de Macmillan, publícase o ranking da edición mundial nos anos 2006 e 2005 en función dos resultados de explotación. Unha mostra moi clara do proceso de concentración na mundialización do sector. Paréceme significativo que o noso xigante, Planeta, ocupe só o posto número doce, Santillana o vinte e oito e que sexan os grupos educativos ou os dedicados á edición profesional os que ocupan as primeiras posicións. Tamén é moi salientable a xeografía que debuxa esta táboa, na que coa excepción da edición xaponesa, todos os grupos son norteamericanos e europeos. Esa é a auténtica xeografía do libro e a lectura no mundo contemporáneo?
Etiquetas:

Xosé María Álvarez Blázquez

No artigo da semana realizo unha primeira semblanza da figura de don Xosé María Álvarez Blázquez. É a miña intención publicar nas vindeiras semanas novos traballos no Faro sobre o “Xosé María, editor” e o “Xosé María, cronista oficial da cidade de Vigo”. Comecei estes días a versión galega d’ A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo, tarefa que asumín con enorme interese, que me permite aprender moito nese pozo de sabedoría histórica viguesa artellada polo meu admirado don Xosé María.
Aconsello a lectura da reportaxe fotobiográfica publicada hoxe no Estela de Faro de Vigo, preparada por Salvador Rodríguez.

Xosé María Álvarez Blázquez, 17 de maio 2008

Unha gran alegría: o meu admirado don Xosé María Álvarez Blázquez será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008. Poeta, editor, historiador, divulgador e cronista da cidade de Vigo (entre outros moitos méritos) a figura de Xosé María recibirá por fin un merecidísimo recoñecemento nacional.
Autor de poemarios emblemáticos como Canle segredo e Cancioneiro de Monfero (neotrobadorista), de obras narrativas en galego como A pega rabilonga e outras historias de tesouros; biógrafo de Alexandre Bóveda; editor e estudoso da obra de Martín Codax; creador das Edicións Monterrey e de Edicións Castrelos (a editora da mítica colección dos libros do Moucho); autor de La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo (un dos meus libros de cabeceira), libreiro da Libraría Anticuaria da miña rúa natal (a quen tanto lle debo a miña afección polos libros), membro da xínea dos Álvarez (a quen tanto admiro), autor de Roseira do teu mencer (quizais o primeiro poemario da poesía infantil en galego) a figura moralmente hercúlea de Xosé María (pai dos escritores Xosé María, Alfonso e Celso e da pintora Berta Álvarez Cáccamo) con seguridade axudará revitalizar e a popularizar a celebración do 17M.
Na actualidade a súa obra, coa excepción da nosa edición de Roseira do teu mencer, dificilmente se pode atopar nas librarías. A súa obra poética galega completa está recollida nun volume que publicou Xerais nos anos oitenta (hoxe totalmente agotada). Con motivo da Biblioteca 120 de La Voz de Galicia, preparamos en Xerais unha edición de Canle segredo. Sobre a súa figura existe unha biografía, preparada polo seu fillo Alfonso, editada hai anos por Ir Indo edicións, ademais de testemuñas no libro de conversas con Darío Xohán Cabana (o poeta chairego traballou man con man con Xosé María en edicións Castrelos, sendo un dos mellores coñecedores da súa figura) que publicaremos nas próximas semanas. Curiosamente, non existe aínda ficha de don Xosé María na BVG, sendo, en xeral, moi incompleta a información electrónica existente ata agora. Eivas biobliográficas que coa excepción do seu libro de contos inédito, Os ruíns (perdido cando ía ser publicado por Casal), serán cubertas sobradamente nos vindeiros meses.
A AGE puxo o nome de “Xosé María Álvarez Blázquez” ao seu Premio Autor do ano, recoñecemento que ata agora recaíu en Ferrín (2005) e Manuel Rivas (2006). Así mesmo, a Sala de Lectura da Biblioteca Central de Vigo, tamén a proposta da Asociación Galega de Editores, recibiu o seu nome sendo alcalde de Vigo Manuel Pérez. A cidade de Vigo homenaxeouno dándolle o seu nome a un paseo e colocando unha praca de bronce que lembra onde viviu.
Os meus parabéns para a Academia por escolla tan acaída. Teremos oportunidade de falar de vagar nestas brétemas de don Xosé María.