Onte 103: «Fantasmas de luz»

Na presentación de Fantasmas de luz Agustín Fernández Paz confesou que quixo escribir dende a ficción a desfeita que está producindo o capitalismo dende a caída do Muro de Berlín. Un proceso de degradación, mesmo de perda dalgunhas conquistas e dereitos sociais, que uniu a unha das súas paixóns, a do cinema, esoutra  fonte creada pola humanidade para beber soños, para gozar de historias que van conformando o xeito de ver o mundo. O resultado desas dúas angueiras é unha noveliña (o que os franceses chamarían «nouvelle»), seis relatos («tomas extra») e cincuenta e dúas fichas doutros tantos clásicos do cine, nas que se aborda a exclusión provocada polo paro de forma radical, aínda que non exenta dun chisco de esperanza. Os protagonistas de Fantasmas de luz, como expresou Beiras, non están derrotados. Exprésao Agustín cunha frase das Uvas da ira: «Nunca poderán con nós, somos o pobo».

Mención á parte merece o traballo de ilustración memorable de Miguelanxo Prado para presentar aos excluídos como persoas invisibles, transparentes.

Onte 87: Euforia en Culturgal

Foi un día de euforia en Culturgal. Un río de xente encheu o grande corredor durante toda a tarde; un público familiar desbordou as actividades do cuarto dos nenos e do garaxe. Outrosí sucedeu cos varios centos de persoas que seguiron no salón a conversa memorable entre Manuel Jabois e Manuel Rivas, na que ambos os dous grandes xornalistas literarios exploraron os espazos das preguntas entre o visible e o invisible. Se non abondase, despois, un José Luís Cuerda simpatiquísimo adiantou como primicía tres minutos da copia de traballo da película que está preparando sobre Todo é silencio. Nun alarde de sinceridade o director manchego confesoulle a un incisivo Jabois que «unha palabra de poeta vale máis ca mil imaxes». Logo, recuncou Jabois conversando con Domingo Villar, outro dos narradores galegos máis queridos polo público. Dúas horas antes Berrogüetto dera un concerto sorpresa. Á noite, en casa e cunha catarreira do demo, revisei de vagariño twitter e comprobei que a euforia non era só cousa miña. Expositores, participantes nas actividades e visitantes expresaban de forma unánime a súa satisfacción. Culturgal, nesta súa cuarta edición, consolídase. A cultura galega, a pesar da crise, ten forza e futuro, reivindícase. Hoxe máis.

Onte 17: «A árbore da vida»

As máis de dúas horas de The tree of life fóronse nun plis plas. Xa lera cousas suxestivas sobre a película de Terrence Malick, que prometían o mellor. Agardaba atopar a beleza dun poema visual. Sabía que asistiría a deconstrución dun relato familiar da América profunda, unha historia iniciática, que explora as claves dunha ruptura. Estaba disposto a enfrontarme a unha película densa, complexa, sen concesións emotivas. E abofé que o film superou todas estas expectativas. Primeiro,  pola súa beleza desbordada, tanto por unha fasquía visual e sonora que rende ao espectador, como pola súa magnífica interpretación dramática (Brad Pitt, Jessica Chastain e mociño protagonista, Hunter McCracken, están a grande nivel). Segundo, pola forma de abordar en paralelo senllas indagacións sobre a orixe da vida. Unha, en clave micro, utilizando a ollada dramática, a da formación do carácter no seo da familia, esa estrutura emotiva solidificada no intercambio coas figuras paterna e materna, sometida, ademais, a confrontación cos irmáns. Outra, en clave macro, utilizando a ollada documental, a da orixe do universo e o desenvolvemento do planeta, dramatizada visualmente na pantalla, dende o estourido inicial á formación dos planeta, pasando por cando foi ocupado polos dinosauros en territorios vizosos até o que será o seu inevitable devalo final. Unha e outra indagación, unha e outra olladas de xénero, conforman a árbore da vida, unha narración circular, que remata coa mesma luz tenue coa que se inicia, quizais para expresar o seu carácter expiatorio («Onde estabas ti cando eu fundaba a Terra?», Libro de Xob). Máis alá do goce visual e do moito xogo interpretativo que ofrece o film de Malick, é estupendo poder reconciliarse nas salas actuais co CINE. Non deixa de ser unha brincadeira que na sala da Praza Elíptica, a proxección desta película marabillosa de Malick fose precedida pola do trailer da tamén norteamericana El arte de pasar de todo. Unha proba máis do valor dunha película que racha para o público actual os límites tan estreitos do cine de fin de semana.

A historia de sempre

La historia de siempre (2009) from Roger Batalla on Vimeo.

Recomendo esta curtametraxe de J.L. Montesinos, o xove director catalán. A interpretación de Miguel Ángel Jenner é magnífica e a peza recibiu varios premios desque foi estreada en 2009. Pagan a pena eses case doce minutos. A marabilla da narración, a crueza da vida.

Bibliotecas

bibliotecas from SonCine on Vimeo.

Únome a adhesión ao traballo dos 300 docentes que pulan polas bibliotecas escolares galegas.
Creo que esta é un peza emocionante. Sen palabras.
SonCine continúa a súa vizosa andaina (conta xa con 44 vídeos).

O outro libro dinámico


Unha boliña de papel soña con ser un libro. Esta peza de animación de Pablo Delfini obtivo unha Mención Especial no 15 FLVR, Festival Latinoamericano de vídeo Rosario, Arxentina.

Se che prestou aquí enlazas con máis pezas de Delfini nas que os libros adoitan estar presentes. A música de Jorge Retamoza é excelente.

Grazas Paula.