O galego tamén é para o verán

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar un texto galegófobo do PP de Baiona:

Para Manuel e Martiño, novos baioneses que falarán galego

Esta semana soubemos que para o Partido Popular de Baiona o galego non é lingua para o verán. Nunha nota publicada en redes sociais, ao fío dun acto celebrado o serán do 13 de xullo, incluído na programación Baiverán 2022 da Concellaría de Cultura, os populares lamentan «la falta de respeto que la concelleira [sic] de Cultura tuvo ayer con el público que asistió al monólogo del humorista Quico Cadaval en la plaza del Concello [sic] al decidir que se hiciese en gallego y no en castellano para permitir que los asistentes, una gran mayoría residentes de segunda vivienda en nuestra localidad procedentes de diferentes puntos de España, pudiesen entenderlos y no se sintiesen discriminados». Texto no que entenden «que si se pueda optar por nuestro dialecto [sic] en otra época del año, no es de recibo que se haga en pleno verano, la época de mayor afluencia turística»; e no que rematan apelando ao carácter “acogedor” [sic] da vila da Arribada e á utilización do castelán como cortesía cos visitantes, así como recoñecendo ter recibido queixas trasladadas por asistentes ao monólogo pola lingua utilizada.

Un texto político que aventuramos pasará á historia externa do galego por reunir en apenas un cento de palabras as mentiras e os prexuízos actuais máis grosos sobre a nosa lingua milenaria. Máis alá do desatino (sinónimo no vocabulario galego de “burrada”) e do atrevemento sen referencias académicas ningunhas de clasificar o uso das linguas pola estación do ano, outra forma de diglosia na que o galego continúa sendo a lingua inferior, o conto do grupo popular baionés (como ben advirte para estes casos o mestre Castelao) é ben triste xa que nega de raíz a existencia da propia lingua galega, á que se refire como “nuestro dialecto”, terminoloxía do máis reseso franquismo, anterior á Constitución, ao Estatuto de Autonomía de Galicia e á Lei de Normalización Lingüística que dende hai máis de catro décadas regula a nosa convivencia e a utilización das linguas cooficiais no espazo público. Un texto galegofóbico que en aras desoutro prexuízo de evitar que os nosos visitantes españois poidan sentirse molestos escoitando un monólogo en galego dun actor galego ou simplemente lendo na rúa un carteliño onde se anuncia, máis aínda se posúen unha segunda vivenda en Galicia (condición de propiedade que para os populares semella outorgarlles “dereito de veto lingüístico”), apela a que “por cortesía” durante o verán prescindamos do uso do galego e sexamos, dialogando co verso rosaliano, estranxeiros na nosa patria.

Este disparatado texto dos populares baioneses, que ben debería sequera ser comentado polos responsables galegos do PP, podería formar parte d’ O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento (Xerais 2022), monumental obra recente na que o profesor Carlos Callón escolma en oitocentas páxinas documentos de proscrición, limitación, desprezo e ataque ao galego. Textos que documentan unha fobia poliédrica persistente, a galegofobia, o odio á lingua de Galicia, presente ao longo da historia en diversas formas, dende prohibicións polo seu uso privado e público, queimas de libros, castigos físicos, sancións administrativas ou multas  até os actuais prexuízos lingüísticos que obrigan a esa eterna ollada subordinada sobre o galego e sobre a propia Galicia como suxeito político. Neses poderosos anteollos que deforman a ollada sobre a nosa realidade lingüística, até facela irrecoñecible por mentirana e deformada, como sucede co estrafalario texto dos populares baioneses, identificamos a cerna do agravio lingüística actual, que coincide (e non parece fortuíto) cun retroceso do emprego do galego no espazo público até niveis preconstitucionais por parte dalgúns responsables políticos.

No entanto, do conto triste de Baiona paga a pena recoller o fío tan valioso da cortesía lingüística, un camiño de respecto e empatía de dúas direccións, que compromete tamén ás persoas que nos visitan e ás que decidiron compartir as súas vidas aquí durante a tempada nas súas segundas residencias. Deámoslle a volta ao carpín do abandono e da desidia e recoñezamos que o verán é un tempo de privilexio para gozar co galego, tamén, nos areais, cantís, prazas e terrazas de Baiona nas que un entorno acolledor de respecto e curiosidade as veraneantes poidan recoñecer a existencia da lingua galega e o se uso en espazos privados e públicos. Como o verán é tempo para que todas, tamén as visitantes, poidamos gozar da diversidade e da calidade das manifestacións culturais en lingua galega, sexa na música, no teatro, no audiovisual ou na creación literaria onde hai moito e bo para escoller. O galego é lingua milenaria de acollida, que abraza e agarima as persoas que con curiosidade e respecto se achegan a ela.

Vigo e o ano para don Paco

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a escolla de Francisco Fernández del Riego como figura do 17 de maio de 2023:

Non foi sorpresa ningunha que a Academia escollese a Francisco Fernández del Riego como figura homenaxeada no vindeiro día das letras galegas (2023), coincidindo cos cento e dez anos do seu nacemento en Vilanova de Lourenzá (1913) e coa sexaxésima celebración do 17 de maio, efeméride creada polo polígrafo galeguista, coincidindo co centenario da publicación no obradoiro da rúa Real de Compañel de Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro, o primeiro libro universal contemporáneo que se producira en Galicia. Un ano dedicado a don Paco, figura referencial do galeguismo progresista do século XX, afouto resistente interior ao franquismo durante catro décadas, teimoso editor e motor de Galaxia, editorial da que foi ideador xunto a Xaime Isla, lector letraferido, escritor todoterreo, obreiro das letras galegas, activista e divulgador cultural en centos de páxinas en galego, primeiro no suplemento dos sábados de La Noche, despois en Faro de Vigo e La Voz de Galicia. Todo un ano para afondar na biografía e na ampla obra cultural dun home de temperamento optimista, tolerante, dialogante, pacífico até o lirismo, que dedicou canto menos oitenta primaveras a que o soño dunha nación galega dona de seu se proxectase no futuro, un seu máis íntimo degoiro.

Un ano del Riego no que Vigo deberá ter o principal protagonismo e responsabilidade. «Vigo é a miña vila», confesoulle a Perfecto Conde, no seu libro de conversas (Xerais 2018), texto memorialístico clarificador, un diálogo auténtico e espontáneo que constitúe hoxe un testamento cultural e político aos seus 95 anos. «Vin para Vigo en 1939 e xa levo aquí 70 anos. Identifiqueime con Vigo, cos seus problemas, co xeito de ser da súa xente e o único que me afasta algo de Vigo é o seu pé coxo da cultura, Vigo é unha grande explosión industrial e comercial, pero ten un déficit de cultura indubidable». Unha sincera declaración de lealdade á cidade á que confesa chegou cunha maleta chea de libros e incertezas para incorporarse como pasante do despacho de Paz Andrade da rúa Policarpo Sanz. Un Vigo de días difíciles nos que del Riego obtivo os seus primeiros ingresos como redactor dunha revista de reloxaría e máis tarde de Imán, de deportes e cine, antes que empezara a dar clases no colexio Mezquita de García Barbón, despois tamén no Labor, e fundara a Academia Sigma da praza da Constitución. Unha cidade da que don Paco se sentía orgulloso, «Vin como Vigo se foi facendo», e da que acreditaba no seu futuro como Barcelona do Atlántico: «a posición estratéxica da cidade e os medios cos que conta poden posibilitar que o día de mañá Vigo adquira unha dimensión moito máis importante da que agora ten».

Foi tamén en Vigo onde don Paco consagrou a súa vida á editorial Galaxia, á revista Grial, que dirixiu até o seu número cen, ás páxinas de «Arte e literatura» de Faro de Vigo (1961), onde asinaba como Salvador de Lorenzana, e máis tarde na páxina de «Letras», tamén no decano, xa en lingua galega. Como foi tamén en Vigo onde dirixiu a biblioteca Penzol, o maior fondo documental galego e sobre Galicia existente no mundo. Del Riego foi o motor de todos eses proxectos galeguistas: «Os demais eran máis reflexivos ca min», confesoulle tamén a Perfecto Conde, «eu era un lanzado, e cando tiña que sacar adiante unha cousa, tiraba dela como fose». En Galaxia, onde foi dende secretario a director xerente, don Paco alentaba teimoso a autores, como fixo con Cunqueiro, amigo dende a infancia, para que rematase Merlín e familia, mais tamén pasaba os textos a máquina, correxía galeradas, unificaba o idioma (a don Paco debéselle a supresión dos apóstrofos para facilitar a lectura) e facía os paquetes de novidades que logo enviaba á reducida rede de librarías que vendían libro galego.

Del Riego e Vigo arraigaron a súa relación cando coa alcaldía de Manuel Soto o concello de Vigo acolleu os fondos da Biblioteca Penzol no que foi a antiga casa do concello, transformada en Casa Galega da Cultura. Proxecto ampliado polo goberno municipal de coalición de socialistas e nacionalistas presidido por Carlos G. Príncipe, que a dotou das instalacións actuais e de persoal para o seu funcionamento. Arraigo intensificado en 1995 cando don Paco doou á cidade de Vigo os 30.000 volumes da súa biblioteca persoal, o seu grande arquivo documental e de correspondencia, así como unha ampla pinacoteca, que hoxe ocupan dous andares do edificio da Porta do Sol coa praza da Princesa. Un valioso legado que amosa o vínculo de don Paco con Vigo como a súa cidade amada, unha querenza que compromete tanto ao concello de Vigo, a Fundación Penzol, como a Academia Galega a modernizalo con motivo do 2023, ano del Riego. Tempo haberá de entrar en detalles sobre unha celebración que aventuramos contará en Vigo con ampla simpatía popular.

Baixas emisións

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha política de baixas emisións para Vigo:

Dous espazos naturais de encontro e convivencia dentro da cidade de Vigo emiten estes días o seu mayday, ameazados de desaparición. Refírome ao Parque García Picher, no corazón industrial da beiramar, situado entre as factorías de Barreras e a de conservas Albo, onde hai un século estivo instalado o campo de fútbol de Coia, espazo de privilexio que o concello anuncia converter noutro macroparque infantil de cemento e caucho, o que polas infografías difundidas polos medios dixitais suporá inevitablemente a desaparición completa do arborado e da herba e a súa posibilidade de utilización interxeracional, dende as crianzas ás persoas maiores. Refírome, en segundo lugar, aos xardíns das Avenidas, arranxados hai arredor de trinta anos na actuación Abrir Vigo ao Mar, onde se anuncia a construción dun aparcadoiro soterrado, xustificado como ampliación daqueloutro do Náutico, o fracasado «Robotizado», nunha actuación urbanística no moi sensible perfil da beiramar viguesa avalada polo concello, Autoridade Portuaria e Consorcio da Zona Franca.

Actuacións ambas as dúas en zonas verdes consolidadas que destruirán, no caso da primeira, unha paisaxe viguesa moi singular, onde dende apenas dúas décadas se funde de forma case única en Vigo o arboredo coas guindastres e os cascos de ferro nas gradas dos estaleiros, e no caso da segunda, os xardíns urbanos de Montero Ríos, que dialogan coa frescura centenaria da Alameda, en pleno ensanche ideado por García Olloqui, coa pretensión de meter aínda máis coches nunha zona xa moi saturada que dende o Berbés, pasando pola Laxe e a praza da Estrela, até ao Areal, conta cunha decena de estacionamentos soterrados. Cabe preguntarse se con intervencións no tecido urbano como estas dúas se contribúe de forma eficaz a que Vigo conte a partir do 31 de decembro de 2023 dunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), a que está obrigada pola Lei 7/2021 de Cambio Climático e Transición Enerxética como cidade con máis de 50.000 habitantes, para reducir a contaminación no entorno urbano?

Transformación innecesaria do Parque García Picher explicable só pola grandilocuencia que o goberno municipal imprime a cada unha das súas actuacións dirixidas á infancia, coma se a súa obriga fose a de ofrecer parques de atraccións con estruturas de proporcións enormes e deseño extravagante, o que de facto supón consolidar parques cada vez máis desnaturalizados que privan ás criaturas do escaso contacto que na cidade poden ter coa natureza. Tras corenta anos observando o xogo infantil acredito con maior convicción que os elementos naturais, a auga e a terra, a area e a herba, son o mellor parque de atraccións e a primeira aula de aprendizaxe para os nenos e nenas de todas as idades; elementos naturais que facilitan ás crianzas a conquista da autonomía, a exploración dos perigos, o desenvolvemento psicomotor, as habilidades sociais e a cooperación entre iguais ou a exploración da creatividade. Seguindo as tendencias que hoxe se impoñen en Europa máis que grandes estruturas de esvaradoiros e chans de caucho requentado concibidas para un xogo guiado, o que se bota en falta nos parques infantís vigueses son árbores para gabear, máis randeeiras e xiradeiras, máis fontes e areeiros, limpos e ben conservados, como máis espazos de calma, sombra e frescura para os picariños e bancos para os avós e avoas ou nais e pais que os acompañan.

Como a todas luces é innecesario outro estacionamento soterrado nas Avenidas que como o resto dos existentes nun traxecto lonxitudinal de dous quilómetros contribuirá paradoxalmente a atraer máis tráfico sobre o centro e, polo tanto, máis emisións contaminantes. Compensa desfacerse do arborado arraizado nos xardíns de Montero Ríos, que por experiencia en intervencións anteriores semellantes sabemos será apenas substituído por arbustos chantados en macetas? Compensa semellante previsible desfeita dun espazo público naturalizado para dotar de máis prazas de estacionamento aos usuarios dos atraques  de embarcacións deportivas dunha concesión privada? Compensa estoutro paso atrás na difícil tarefa de facer un Vigo máis biodiverso e comprometido coa redución das emisións?

Neste contexto de transición ecolóxica convén lembrar que establecer unha Zona de Baixas Emisións obrigará en Vigo, como no resto das cidades, a aplicar restricións de acceso, circulación e estacionamento. Como tampouco está de máis recordar que conservar os espazos verdes existentes constitúe un requisito para preservar a biodiversidade urbana. No camiño de facer un Vigo máis verde e menos contaminante, un Vigo máis amigable para crianzas e maiores non semella a estratexia máis axeitada construír máis aparcadoiros no centro ou desfacerse de espazos naturais interxeracionais.

Arquitecto Pacewicz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición de rúa sobre o arquitecto Pacewicz:

Unha mostra dunha ducia de paneis de cartón pluma lembra diante do Marco o legado vigués do arquitecto francés de orixe polaca Michel Pacewicz. Con motivo do centenario do seu pasamento na nosa cidade, o 2 de febreiro de 1921, a delegación viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o Concello de Vigo organizaron esta exposición, comisariada por Nacho Hortas e inaugurada a comezos de ano no centro Vialia, coa intención de facer visible a pegada decisiva dun arquitecto responsable dunha parte moi significativa do deseño pétreo do ensanche burgués, transformando a comezos do século XX fóra do perímetro da muralla unha cidade portuaria de apenas 23.000 habitantes nunha boiante cidade industrial e cosmopolita que pretendía contar coas infraestruturas e comodidades dunha capital europea.

Responsable dun catálogo de máis de vinte proxectos, desenvoltos en Vigo entre 1897 e 1918, asinados todos por outros arquitectos, na súa maior parte polo mestre de obras catalán Dimas Vallcorba, xa que non lle foi recoñecida a súa titulación francesa como membro da Sociedade Central de Arquitectos de París, Pacewicz decidiu instalarse en Vigo en 1904 coa súa dona Anne Marie Traber e desenvolver aquí o derradeiro treito dunha vida profesional, que até entón fixera en París. E abofé que esas dúas décadas de traballo deixaron algúns dos edificios máis relevantes do Vigo do século XX.

Un legado arquitectónico rescatado do esquecemento e investigado de forma titánica por José A. Martín Curty, autor de Pacewicz, arquitecto vigués 2020 (Instituto de Estudios Vigueses, 2021), obra referencial na que amplía e actualiza a monografía que editara en 1992 (COAG). Debemos á formidable esculca de Curty nos arquivos franceses e vigueses o coñecemento do fío que coseu de por vida a Pacewicz con Vigo. E non foi outro que o tirado pola figura de Benito Sanjurjo (1856-1916), que marchara a París en 1872 a estudar arquitectura e probablemente coincidira con Pacewicz no estudio de Paul Abadie onde o franco-polaco se formaba. Da amizade con Sanjurjo debeu nacer tamén o contacto co primeiro cliente vigués, Manuel Bárcena Franco, Conde de Torrecedeira, na visita que fixera con outros industriais vigueses á Exposición Universal de París de 1889, centenario da Revolución Francesa, marcado pola inauguración da Torre Eiffel.

Dese nobelo tirou Curty para documentar os primeiros proxectos de Pacewicz na comarca de Vigo, na ampliación e axardinamento do pazo do Conde de Torrecedeira na parroquia redondelá de Cedeira, datados entre 1888 e 1890. Como documentou nas páxinas de Faro de Vigo a primeira visita de Pacewicz a Vigo, instalado durante dez días de setembro de 1897 no Hotel Europa da rúa do Príncipe, no recanto coa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias), nos que debeu abordar o estado dos seus primeiros proxectos vigueses: a casa para Joaquín Acuña Soaje, o edificio Bárcena («Hotel Moderno») e a Escola de Artes Oficios encargada por García Barbón. Tres edificios claves, cos que nos anos de entre séculos inicia unha gran actividade construtiva que o levará en 1904 a fixar a súa residencia coa súa dona na cuarto andar da Casa Bárcena e a instalar en Vigo o seu primeiro estudio en Urzaiz 37 na axencia de proxectos do seu amigo Benito Sanjurjo.

Nos paneis desta mostra de rúa, ten particular relevancia a presentación das fachadas emblemáticas de Pacewicz, características do seu eclecticismo internacional de influencia francesa, como a da casa para Paulino Yáñez (1900) da praza de Compostela, un dos edificios vigueses máis notables e fermosos, nos que destacan o seu elegante traxe de granito e a galería de madeira do seu chafrán neogótico. Como chaman moito a atención a planimetría das vivendas de renda da problemática promoción de Benito Sanjurjo na rúa Urzáiz (11-23), nas que rescataba as solucións parisinas para as vivendas de alugueiro. Como atrae a casa de campo de carácter neomedievalista deseñada para Rosendo Silva (1900) na estrada de saída a Baiona, hoxe rúa López Mora, rodeada dunha cúpula vexetal extraordinaria marcada por dúas araucarias centenarias que resisten como símbolo da cidade xardín que Vigo tamén quixo acubillar.

Completan a mostra a lembranza dos cines desaparecidos, o Royalty de Velázquez Moreno, o primeiro cinematógrafo de Vigo, e o Odeón de Urzáiz, así como da súa arquitectura funeraria de Pereiro, onde foron depositados os seus restos até que en 1926 pasaron ao osario xeral, sen que ninguén os reclamase. Un remate humilde en orfandade para quen tanto fixo por engrandecer Vigo como unha cidade europea. Triste paradoxo semellante ao que vivimos coa colocación dun escenario fixo para pequenas actuacións na Porta Sol diante do Moderno, o edificio máis emblemático do arquitecto vigués Pacewicz.

Todo chega desde o mar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Todo chega desde o mar (Medulia 2022), a primeira novela de Santiago Ferragut:

Unha das técnicas da concellaría de Cultura designada como membro do Padroado de Historia prepara unha serie de artigos sobre os principais episodios da historia de Vigo para ser publicados no xornal centenario. Concibida como a procura da cerna da cidade, a esculca levará á historiadora a afondar nos naufraxios ocorridos no interior da ría de Vigo durante o século XX e logo a centrarse nos acontecementos dos últimos anos da ditadura, con especial atención sobre aquela folga de setembro do setenta e dous, na que dez mil obreiros paralizaron Vigo durante case un mes con argumentos políticos, máis alá dos estritamente laborais, acontecemento que as persoas entrevistadas citaban con saudade mais en cuxos detalles ninguén quería entrar. Así arrinca a trama de Todo chega desde o mar (Medulia 2022), a primeira narración de Santiago Ferragud, unha engaiolante pescuda na memoria viguesa, unha achega novidosa dende a novela histórica ao catálogo cada día máis amplo e diverso do Vigo literario.

Ferragud, a quen coñeciamos como músico e compositor, cantor de poemas, integrante de Xardín Desordenado, reconstrúe nestas páxinas documentada co rigor e o detalle do historiador e escritas co alento do narrador natural, os episodios esenciais da historia dunha cidade ocupada sempre no seu difícil e convulso presente, mais que ten conciencia que o seu pasado a compromete. Aquí están dende a presenza da pequena vila de pescadores atacada por Pedro Madruga no século XV, durante o reinado dos Reis Católicos, pasando pola incursión de Drake un século despois e a batalla naval de Rande de 1703, até o pulo acadado pola frota corsaria viguesa dos Marcó del Pont de fins do século XVIII e a expulsión heroica dos franceses, que permitiu ascender a Vigo de vila a cidade (1810), mito fundacional do Vigo contemporáneo. Mais non esquece o autor a memoria recente recuperando acontecementos que até agora permanecían case inéditos, como  os últimos fusilamentos franquistas de setembro de 1975, entre eles o do vigués Xosé Humberto Baena, a do primeiro atentado do GRAPO e a traxectoria dalgúns membros deste grupo armado ao longo de vinte e cinco anos até o asalto ao furgón blindado da estrada provincial.

Episodios que permiten entender as orixes dunha cidade á que todo chega desde o mar: as ideoloxías e as lendas, os animais exóticos e as invencións mecánicas, mais tamén as crebas e restos de naufraxios que alguén, nalgún afastado lugar, deixou de amar. Episodios transformados en mitos que agora nos seducen e agrupan aos vigueses, que nos explican como un porto refuxio, unha fronteira de tráfico incesante, entre o infortunio e a quimera. Episodios que desvelan, ademais, testemuños que sobrevivirán á negación e ao esquecemento, algúns estremecedores como os do sendeiro das bágoas do 36 cos que se vai pechando a novela. Velaí o retrato do xeneroso alcalde Martínez Garrido, fusilado en Pereiró, coma o primeiro, Heraclio Botana, ambos os dous socialistas. Velaí a crónica do inferno da illa de San Simón, convertida en lazareto polo visionario e optimista Nicolás Taboada Leal. Velaí a narración do sucedido dentro do bou Eva ou o asasinato da Calesa que voceaba os vespertinos na Porta do Sol, onde o 20 de xullo caeu abatida por unha baioneta a primeira vítima viguesa do alzamento.

Cos vimbios dunha memoria fértil e dun amplo coñecemento histórico, coa forza e credibilidade dunha voz recoñecible e unha modulación poética sutil no urdime dunha prosa coidada, o autor ofrece unha excelente novela histórica na que retrata un Vigo de salitre e aceiro construído sobre o anfiteatro da ría coa ollada sempre enxergando o horizonte das Cíes e coa súa cidadanía pendente de todo o que chega desde o mar. Esta é a novela dun Vigo orgulloso do seu pasado obreiro, portuario e fabril –velaquí a importancia da conmemoración do cincuenta aniversario do setembro de 1972, epopea viguesa homenaxeada nestas páxinas–. Con todo, e a pesar das actuais manobras de ilusionismo ao que está sometido, a de Ferragud é a novela dun Vigo que non se distrae nun tempo de hibridación e mudanza nas incertezas do seu atarefado presente de porto atlántico, produtor e distribuidor de automóbiles e embarcacións, que continúa escrutando o seu futuro nos camiños do mar, dos que falaba con fachenda Valentín Paz Andrade. O autor, como a súa incansable narradora, sabe que as cidades non existen se non son relatadas. Todo chega desde o mar é o relato dese Vigo inmorredoiro da memoria, desa teimosa abella da ribeira que permanece sempre aparentemente durmida, volcán de dinamismos e contradicións, célula que contén todas as Galicias posibles no que teimosamente acreditamos o mellor porvir para os netos dos nosos netos. Recomendo vivamente a lectura e parabenizo polo logro ao seu autor.

Plurilingües dende o galego

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre a necesidade dunha nova política lingüística escolar:

Os datos sobre o estado da lingua son alarmantes: dende 2003 a 2018 o galego perdeu 250.000 falantes, o que supón que as persoas galegofalantes habituais supoñen o 52 % do total da poboación, unha diminución do 10 % nese período. Cifras que en tramos de idade amosan unha fenda xeracional no uso da lingua inédita, xa que o 75 % das maiores de 65 anos son galegofalantes mentres que a porcentaxe diminúe até o 25 % nas menores de 15. Como desacougantes son os datos dispoñibles sobre a competencia adquirida polo alumnado galego da Educación Secundaria Obrigatoria que amosan que os estudantes rematan esta etapa cunha capacitación, tanto na expresión oral como na escrita, superior en lingua castelá ca galega. Datos que expresan o fenómeno que os docentes coñecemos: o do dramático abandono do uso do galego como lingua de instalación habitual polos que serían os seus falantes máis novos rompendo cando se incorporan a Primaria e inician a aprendizaxe da lectura e da escritura a súa cadea de transmisión familiar, sendo a súa competencia oral e escrita, no caso de utilizar o galego, inferior a adquirida en castelán.

En resumo, as crianzas cada vez falan menos en galego e con máis dificultades. Un abandono que identificamos coa aceleración que na segunda década do século se produciu no proceso de substitución lingüística do galego polo castelán en case todos os ámbitos da vida social, coincidindo cos gobernos de Alberto Núñez Feijoo, responsable principal da aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario, unha operación electoral coa que rompeu o consenso político e social forxado en 2004, no derradeiro goberno de Manuel Fraga, arredor do Plan xeral de normalización da lingua galega. Un decreto cuxos efectos nunca foron avaliados, a pesar de que así o establece anualmente a súa disposición adicional quinta, mais que de facto supuxo a creación dos «centros plurilingües», nos que se incorporou de forma regrada e explícita o uso vehicular da lingua estranxeira (eufemismo de ˝inglés”), así como un retroceso moi significativo do emprego do galego en Educación Infantil e primeiros cursos da Educación Primaria e a súa contundente prohibición nas áreas, hoxe privilexiadas como «STEM», de Matemáticas e Física e Química.

Diante de semellante fracaso da política lingüística feijoana, asumida polo seu sucesor, Alfonso Rueda, un dos participantes na estratéxica manifestación de febreiro de 2009 contra a «imposición lingüística», outra fake new de carácter negacionista, se pretendemos evitar que o galego sexa unha das linguas que a Unesco identifica como en «grave perigo», cómpre acuñar un novo modelo de política lingüística escolar que conte tanto co consenso da desenvolta até 2009 como se axeite á precaria saúde actual do galego e ao marco de preservación da diversidade lingüística garantido pola Unión Europea. Un modelo de equidade para o galego que asegure o seu futuro dentro do marco competencial deseñado na nova lei de educación (LOMLOE), que inicia novos currículums no curso 2022-2023, e garanta unha educación lingüística que dende un enfoque comunicativo e utilizando metodoloxías activas atenda tanto á adquisición efectiva dunha dobre competencia nas destrezas orais e escritas das linguas oficiais como atenda, dende unha actitude de sensibilización lingüística, á preservación da riqueza cultural e lingüística como unha tarefa abordada por todo o profesorado nos espazos escolares de convivencia, polo tanto dentro e fóra da aula, que contribúe ao desenvolvemento da competencia clave social e cívica.

Á tarefa compartida de reconstruír un modelo lingüístico do sistema educativo favorable á nosa lingua e respectuoso cos seus e as súas falantes, á vez que sirva como vehículo de integración da súa diversidade e útil para o futuro de todo o alumnado, contribúe o recente documento Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames (RAG, 2022), preparado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Unha guía de referencia dirixida ao profesorado que, fronte ao plurilingüismo homoxeneizador do fracasado e ameazante decreto 79/2010 de Feijoo que obriga a retroceder ao galego, propón un concepto alternativo, o dun plurilingüismo restitutivo, construído dende o galego e comprometido co seu futuro, socialmente inclusivo, respectuoso e fomentador da diversidade e capaz de garantir a competencia en varios idiomas. Un plurilingüismo que como opción didáctica viable e decidida aposta ético-cívica alicerza unha educación lingüística que atende tanto a adquisición da competencia idiomática como ao respecto e valoración da diversidade lingüística. Nesa dimensión ética e didáctica o galego podería enxergar a súa recuperación.

 

O «Vigo noir» no Vigo literario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao chamado «Vigo noir» dentro do Vigo literario:

Na emocionante homenaxe que o Club Faro de Vigo tributou a Domingo Villar, ademais de salientarse a dimensión humana e os valores éticos do escritor vigués, destacouse o seu papel decisivo na ampliación do territorio do «Vigo literario», unha xeografía literaria que Iolanda Galanes Santos, profesora da Universidade de Vigo, chamou «Vigo noir», sintagma acuñado por Xaquín Núñez Sabarís nun traballo publicado na revista Tintas. Quaderni di letterature iberiche e iberoamericane (Universidade de Milán, 2019). Un texto académico no que o profesor da Universidade de Minho estuda o papel da novela negra no campo cultural galego, dende a publicación de Crime en Compostela (Xerais 1984), a novela alboral deste xénero de Carlos G. Reigosa. Artigo no que Sabarís focaliza o seu interese nas achegas de tres vigueses, o propio Domingo Villar, autor de Ollos de auga (Galaxia 2006) e A praia dos afogados (Galaxia 2009), Pedro Feijoo, autor d’ Os fillos do mar (Xerais 2012) e Francisco Castro, autor de Tes ata as dez (Galaxia 2014), nas que en todas catro identifica unha localización e ambientación viguesa como marca específica de espacialización do texto literario capaz de construír unha certa cosmovisión dunha narrativa cooperativa co lector ou lectora.

Coma fixera Camilleri coa súa Vigata siciliana, nas súas tres novelas protagonizadas polo inspector Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez, Villar fixo do Vigo metropolitano unha cidade literaria en clave do xénero policial. Dende a súa primeira novela, na que recoñeceu a Reigosa apelidando así a súa primeira vítima, deseñou a paisaxe dunha xeografía literaria propia con paradas na Taberna de Elixio, no Bar Puerto de Areal, na Escola de Artes e Oficios, no Pirulí (o vello Xeral), na lonxa do Berbés, no quiosco das Almas Perdidas ou no xardín histórico da Alameda. Unha xeografía estendida sobre a ría no porto de Panxón, no faro de Monteferro, na parroquia de Tirán na banda do mar, que tiña previsto ampliar a Santa María de Oia onde anunciara se localizaría a cuarta entrega, Ondas de inverno. Como exaltou nas novelas o coidado artesanal das vides, un xeito de homenaxear ao seu propio pai, debullou as mellores receitas da nosa culinaria popular (viva a pata con garvanzos!), reivindicou a conservación da arquitectura pétrea viguesa do Ensanche ou homenaxeou a Carlos Oroza, o noso poeta peripatético. Expresións todas dun espazo emocional, no que destilou o espírito máis xenuíno de Vigo como urbe metropolitana de fronteira, portuaria e mariñeira, estendida sobre a ría, posuidora dun elixir propio presente no recendo do salitre.

Esta transformación da xeografía metropolitana viguesa en espazo literario e emocional, «relato noir da cidade», en palabras do profesor Núñez Sabarís, da que Domingo Villar foi destacado pioneiro, tivo continuidade durante a segunda década do século nas novelas xa citadas de Pedro Feijoo e Francisco Castro, como nas doutros autores e autoras que asumiron a ambientación viguesa como marca cultural específica das súas tramas policiais. Unha relación da que forman parte Manuel Esteban, autor de tres novelas protagonizadas polo inspector Carlos Manso, A ira dos mansos (Xerais 2016), O meu nome é Niguén (2018) e A vinganza dos homes bos (Xerais 2002); Beto Luaces, autor da triloxía formada por Vicus, un lugar común (Bolanda 2017), Vicus, un lugar aquelado (Bolanda, 2019) e Vicus, un lugar afastado (Bolanda, 2020); María Xosé Porteiro, autora de Covardes (Ir indo, 1999); Elena Gallego, autora de Sete caveiras (Xerais 2014); Alicia Borrás, autora de La voz rota (Elvira 2018); Daniel Cid, autor de La gabardina azul (Ediciones B, 2017) e Óscar Vázquez de Lima, autor de Ángeles robados (Maluma 2018), entre outras.

Títulos de thrillers aos que se podía poñer a etiqueta de «Vigo noir», que forman parten dun fenómeno máis amplo e vizoso, o do «Vigo literario» en lingua galega, recollido no excepcional proxecto do «Mapa literario de Vigo» deseñado pola Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas. Un amplo catálogo que ofrece dende títulos pioneiros da escritora María Xosé Queizán, como Amor de tango (Xerais 1998), a outros máis recentes de Ledicia Costas, como Infamia (Xerais 2018) e Golpes de luz (Xerais 2021), pasando por aqueloutros convertidos en clásicos modernos como Panificadora (Xerais 1994) e Unha historia que non vou contar (2009) de Cid Cabido, Cemiterio de elefantes (Xerais 1994) de Fran Alonso ou Cabalos e lobos (Xerais 2015) de Fran P. Lorenzo, entre outros dunha relación máis ampla.

Vigo, a cidade amada de Domingo Villar, para el «un animal durmido ao bordo da auga» (O último barco, 2019), configurouse nas dúas últimas décadas como un espazo literario propio, e polo tanto emocional, ese «Vigo noir» e «Vigo literario», do que os vigueses e viguesas podemos sentirnos orgullosos.

Facer lectores

Xosé Ramón Pena, coordinador de Faro da Cultura, convidoume a participar no número que celebra o viséximo aniversario do suplemento cultural e artístico de Faro de Vigo:

O 9 de maio de 2002 publicábase o primeiro número de Faro da Cultura (FdC), o suplemento de oito páxinas, coordinado polo escritor e catedrático Xosé Ramón Pena, que durante dúas décadas e de forma ininterrompida publica todos os xoves Faro de Vigo (FdV). Oitocentas corenta e dúas entregas, 6736 páxinas en lingua galega inseridas no Decano, nas que se realizou un seguimento amplo e plural da actualidade literaria (protagonista, pero non en exclusiva) e artística galega. Unha auténtica rareza no noso feble panorama cultural, tamén unha proeza a contracorrente, que contou co compromiso e amparo das diversas direccións de FdV, dende a de Pedro Pablo Alonso (2002-2006), Juan Carlos Da Silva (2006-2019) á actual de Rogelio Garrido (dende 2019), así como coa teimosía e independencia de Xosé Ramón Pena e do seu cadro de colaboradores, que termaron do proxecto contra vento e marea e actualizaron periodicamente os formatos e os contidos desta publicación única na prensa galega contemporánea, tanto polo seu carácter monolingüe como pola súa antigüidade e continuidade.

O precedente de Faro das Letras

O Faro da Cultura tivo o seu precedente máis próximo nas cento trinta e unha entregas de Faro das Letras (FdL), un suplemento literario de catro páxinas publicado entre abril de 1993 e setembro de 1996, coordinado tamén por Xosé Ramón Pena, sendo director de FdV Ceferino de Blas. Unha publicación literaria que dalgún xeito tomaba o relevo de Galicia literaria, o suplemento de Diario 16 de Galicia dirixido por Manuel Forcadela e o propio Xosé Ramón Pena, coincidindo cun dos períodos de máis intenso desenvolvemento da edición en lingua galega que precisaba como auga de maio do acompañamento e visibilidade proporcionada pola crítica literaria xornalística. Contando cun consello de redacción, en certa medida tamén un grupo literario xeracional vigués, formado, ademais do coordinador, por Xosé María Álvarez Cáccamo, Carlos L. Bernárdez, Estro Montaña, Gonzalo Navaza, Ramón Nicolás e o tan prematuramente desaparecido Ramiro Fonte, Faro das Letras acuñou un modelo de crítica literaria xornalística de libros galegos que recollida por FdC cumpriu as funcións de informar das novidades editoriais, ser testemuño da recepción e valoración das obras e constituír un índice das mudanzas valorativas dun tempo histórico determinado.

O primeiro número de Faro da Cultura

Abría os contidos do primeiro número de Faro da Cultura unha páxina do tradutor Moisés R. Barcia sobre «Os eidos de Tolkien», coincidindo coa publicación na colección Fóra de Xogo de Xerais das dúas primeiras entregas d’ O señor dos aneis, tradución que daquela supuxo un fito para a edición galega. Ademais de dar ampla noticia biográfica do autor, Barcia ofrecía unha novidosa nota tradutolóxica sobre as escollas da versión galega do texto tolkieano, abrindo o que sería unha das singularidades máis atractivas do FdC as reportaxes de divulgación metaliteraria. Tratamento que se ampliaba cunha entrevista con quen este texto escribe, entón director da editora de Doutor Marañón, abrindo a sección de entrevistas literarias e editoriais que non faltou en semana ningunha, o que supón a creación dun arquivo de voces de autores e autoras, mais tamén de editoras e críticas, extraordinario e de consulta obrigada. Un número alboral que dedicaba o seu amplo repertorio crítico a novela Ganga (Xerais 2002) de Antón Lopo, reseñada por Francisco Martínez Bouzas, o libro de relatos Un rabaño de ovellas brancas (Galaxia 2002) de Xerardo Quintiá, comentado por Joaquim Ventura, e o poemario Eclipse (Espiral Maior 2002) de Xabier R. Baixeras, lido por Román Raña. Textos críticos de tres dos colaboradores máis habituais ao longo das dúas décadas de FdC que sen renunciar a presentación atractiva das obras ofrecían valoracións literarias e establecían relacións con outras.

O primeiro FdC inauguraba unha páxina de Literatura Infantil e Xuvenil, entón un tratamento novidoso para un subxénero que adoitaba ser infravalorado e considerado menor, prexuízo aínda non superado na súa totalidade. Páxina na que no apartado de críticas María Navarro se ocupaba da novela O faro de Arealonga (Xerais 2002) de Uxía Casal, Domingo Tabuyo d’ As aventuras de Said e Sheila (Xerais 2002) de Ramón Caride, mentres que no «Andel de novidades», sección da que ocupaba o meu admirado M. Blanco Rivas, aparecía Gracias a Win-Dixie de Kate di Camillo, un dos títulos máis orixinais da primeira Kalandraka, editora infantil galega creada en 1998. Suplemento que dedicaba tamén unha páxina a lembrar ao escritor e editor Carlos Casares, falecido apenas uns meses antes, cun texto referencial do profesor Manuel Rosales, no que repasaba a obra narrativa casariana, abrindo outra das liñas características do FdC, a da memoria literaria.

Vinte ano despois volvo sobre a miña resposta á pregunta de Ramón Nicolás sobre o papel que para un editor galego tiña un suplemento como Faro da Cultura. Reitérome sobre o que dixen entón: a razón principal deste tipo de suplementos culturais dos xornais é contribuír a facer lectores, a formar un criterio e itinerario lector singular e renovado e a de seducir a novos lectores e lectoras para que se atrevan coa literatura galega. Naquela entrevista contáballe a Nicolás unha anécdota que continúa emocionándome, acababa de recibir a fotocopia do suplemento literario de Washingtohon Post, onde se comentaba a edición inglesa d’ O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas. O contido da crítica sinalaba que o autor era un dos máis importantes escritores europeos. Un comentario, sen dúbida, extraordinario para vencer os prexuízos que na edición galega tantas veces tinguiron de sospeita os libros literarios na nosa lingua. Lembro que remataba saudando entusiasmado a aparición de FdC expresando que agardaba fose unha magnífica embarcación para perderlle o medo a navegar ou voar coa literatura galega. Abofé que a pesar das dificultades o conseguiu. Azos para continuar a longa e venturosa travesía para o Faro da Cultura.

Leiro no Marco

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición do Leiro antropomórfico instalada no Marco:

Na madrugada do 7 de novembro de 1991 colocáronse as catro toneladas de peso do Sireno sobre dúas columnas de granito negro de 12 metros de altura. Dende entón a escultura deste home-peixe creada por Francisco Leiro (Cambados 1957) preside a Porta do Sol, un espazo sagrado para a cidadanía viguesa, converténdose nunha das iconas da cidade, probablemente tamén a que mellor representa o Vigo de fin do século XX daquelas catro grandes pezas encargadas nun exercicio político de grandilocuencia por Manoel Soto, alcalde de Vigo de 1979 a 1992, coa intención de modernizar e transformar puntos nodais do espazo público: os cabalos de Juan Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Silverio Rivas na Praza de América e o Monumento ao traballo (popularmente «Os redeiros») de Ramón Conde na encrucillada de Urzáiz coa Gran Vía.

Un Sireno que o escultor cambadés, entón residente en Nova York, concibiu en altura a partir do encargo de Soto e do seu concelleiro Francisco Santomé, que lle solicitaran unha escultura metálica para unha fonte de 12 metros de diámetro e outras tres illas máis pequenas, unha solución creativa alternativa que confesou ideara pensando na cabeza do león alado da praza de San Marcos en Venecia. E así foi como a partir da figura clásica do Tritón, un centauro de mar, coa parte superior dun corpo de home e a  inferior dun golfiño, Leiro desenvolveu unha peza de aceiro inoxidable puído de sete metros de lonxitude de rostro humano e corpo mariño, dotada de aletas cubertas de escamas brillantes, que cando a contemplamos non sabemos se voa ou nada. Unha figura coa que o arousán pretendía representar o vínculo permanente de Vigo co mar, dende as primeiras factorías de salgadura romanas e as cantigas de Martín Códax, pasando polas primeiras instalacións de conserva no Areal e as escalas dos transatlánticos nos que embarcaron milleiros de emigrantes, até a cidade portuaria actual, coa súa industria pesqueira, naval e automobilística de Berbés a Bouzas.

Unha escultura antropomorfa que Leiro chamaba «Home-peixe», mais que sería bautizada de forma casual polo concelleiro Santomé nunha roda de prensa na que pretendía explicar o proxecto e acabou dicindo que o que preparaba Leiro para a Porta do Sol era «un sireno». E a verdade é que o traspés do edil foi tan afortunado que superou ao nome previsto polo artista. Sireno foi un nome capaz de recoller as intencións do creador de converter a esta figura híbrida, metade humana e metade animal, nun ser mitolóxico único e orixinal que posuíse os principais trazos do carácter da cidade. Como co tempo, pasada a polémica inicial, Sireno foi un nome suficientemente orixinal e provocativo para representar a capacidade da estatua para imantar a propia praza e dialogar cos seus edificios máis emblemáticos, o Simeón do arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, o Galoya do madrileño Romualdo Madariaga e o Hotel Moderno do polaco vigués Michel Pacewicz, sen menoscabo da súa ollada melancólica contemplando a propia ría de Carral á Laxe.

Case tres décadas despois de instalar as pezas do seu Nadador na Laxe e nos xardíns da Estrela, Francisco Leiro volve a Vigo cunha grande mostra no Marco comisariada por Miguel Fernández-Cid, tamén director do museo vigués de arte contemporánea. Unha exposición de produción propia centrada no Leiro antropomórfico (1986-2022), na que sen constituír unha retrospectiva e renunciando a unha presentación cronolóxica, reúne dende pezas de hai máis de tres décadas até algunhas de nova produción concibidas para ser instaladas nas salas da planta baixa do museo de Príncipe. Esculturas de granito, bronce e madeira e de moi distintos tamaños nas que como sucedera co Sireno o artista outorga calidades o trazos humanos a animais e obxectos. Unha mostra impactante polo xogo de escalas que se propón en cada unha das salas, nas que se dispoñen series de pezas como Escorredoiras (2021), Pavitas (1992-1999), Ceboliños (2019), Androias (1998) ou a recentísima Agrelados (2022), así como estimulante para o visitante pola variedade de temáticas, rexistros e materiais.

Sorprende a capacidade do cambadés para reinterpretar, como xa fixera no Sireno ou en pezas como Pájaras (1987), a mitoloxía clásica e a popular, sexa galega ou da tradición azteca. Como asombra a súa capacidade para ocupar os espazos expositivos con pezas de diversas escalas, sexan as enormes como Dama de Navalcarnero (2006), instalada na galería panóptico, ou os impoñentes Lacazán (2002), Winter (2021) e O home de pau (2021), até as máis pequenas e delicadas de menos dun metro de altura, como as memorables Danzantes (2020), Mameluco (2019), Escarranchada II (2019) ou Revirosa (2019). Recomendo vivamente a visita e parabenizo ao artista e comisario por tan magnífica mostra.

Ás portas do centenario

Rematada a tempada dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á encrucillada que enfronta o RC Celta SAD:

Finalizada a décima tempada consecutiva en Primeira cunha posición discreta na metade da táboa mais con alicerces sólidos na categoría dos mellores, ás portas da celebración do seu centenario (2023), o proxecto do Real Club Celta SAD non acaba de conectar coa súa masa social que, tras a pandemia, semella moi remisa a acudir ao estadio e en boa medida insatisfeita coas decisións de Carlos Mouriño, o seu dono e principal voceiro.

Unha desconexión co contorno celeste aparentemente incomprensible se temos en conta que tras dezaseis anos en mans de Ges, o grupo empresarial da familia de Mouriño, o Celta acredita contas saneadas e nas dúas derradeiras tempadas se mantivo sen abafos, probablemente grazas aos goles e liderado de Aspas, o mellor xogador da historia da canteira viguesa. Sen esquecer que nese período puxo en marcha o proxecto formativo de canteira, unha das punteiras do fútbol profesional, dotouse dunha sede no corazón da cidade e iniciou unha cidade deportiva de seu. Logros considerables, mais que non ocultan unha xestión carente de empatía tanto co seu propio cadro de profesionais, coa comunidade celtista como co Concello de Vigo.

U-las razóns desta desconexión paradoxal? U-las claves para recuperar o entusiasmo nas dúas vindeiras tempadas, no ano do centenario? O debate arredor destes interrogantes continúa aberto e moi acendido nas redes, situando en todo caso ao RC Celta SAD nunha encrucillada da que debe saír nos vindeiros meses.

O certo é que para normalizar a relación co Concello de Vigo moi pouco axudan as periódicas ameazas de Mouriño de abandonar Balaídos que, sen dúbida, forman parte da súa estratexia de confrontación persoal con Abel Caballero, primeiro responsable da corporación que, contando só coa axuda de Deputación de Pontevedra, leva varios exercicios reconstruíndo a anacos con gran esforzo financeiro e discutible resultado o vello estadio. A cidade sabe que o Celta non ten outra alternativa que continuar en Balaídos, o que inevitablemente obrigará a Mouriño a negociar co propietario desta instalación pública as condicións para os seus usos, deportivos e de lecer, procurando a maior comodidade e seguridade para abonadas e espectadoras. Como acontece coa finalización da cidade deportiva Afouteza de Mos que, por moito que se procure o amparo da Xunta de Galicia, só será posible contando tamén co acordo da propietaria dos terreos, a Comunidade de Montes de Tameiga.

Mais esta encrucillada non só é política, ten tamén un forte carácter comunitario e afecta á relación do club con todas as súas persoas abonadas, tamén os seus primeiros clientes, sometidas as máis diversas incomodidades, barreiras e desprezos dunha empresa case sempre insensible as súas demandas. Ausencia de agarimo acuñada na errática política de comunicación e redes, esencial para manter a cohesión e o entusiasmo de toda a comunidade celeste, que nalgunhas ocasións resultou allea á identidade e á historia do propio club, nacido para representar o fútbol galego en todo o mundo. Como a estas alturas está fóra de lugar a renitencia a contar cun cadro feminino, como o resto dos clubs de primeira, un empoderamento deportivo que por ventura sabemos imparable.

Xaora, está encrucillada do club celeste tamén afecta ao propio proxecto deportivo que non acaba de contaxiar o entusiasmo previsto. A xestión autoritaria do cadro de xogadores, cuxa peores expresións son a vergonzosa expulsión presidencial de Denís, o director de xogo na lameira, cen por cen celeste, máis tamén as barreiras case insuperables de acceso dos canteiráns da Madroa ao primeiro equipo ou a incomunicación entre o actual adestrador e os dos cadros filiais explican a perplexidade dunha afección que ve como non arrinca o proxecto do que debera ser a primeira canteira cen por cen galega.

Sei que moitas destas eivas da xestión RC Celta SAD son as propias do maldito fútbol moderno que transformou este xogo de pelota nun negocio multimillonario da industria do lecer audiovisual que conta co maior número de seguidores do planeta. Sei que o Celta non é alleo a esta dinámica e ás presións do mercado audiovisual e publicitario que comporta, mais iso non debería impedir que ás portas do seu centenario, máis alá da intención de vender máis camisetas, intentase recuperar a confianza da súa amplísima comunidade, dende as persoas abonadas, as peñas organizadas, as seareiras e simpatizantes viguesas e galegas até a diáspora celeste presente nos cinco continentes. Como o centenario obriga a que nas dúas vindeiras tempadas o club, sempre consciente da súa humildade e das súas posibilidades, intente acadar un logro colectivo, un obxectivo que volvese a facer soñar a un celtismo que nunca vai deixar só ao seu equipo. Pagaría moito a pena intentalo.