Paseo e horizonte

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a beirarrúa voada do paseo de Afonso:

A estrutura de formigón do edificio Ardora do Barrio do Cura xa impide ás persoas que se asoman ao miradoiro do paseo de Afonso ver os tellados da igrexa e do convento de San Francisco. Nada estraño para quen visite os espazos virtuais da promotora, onde se poden identificar como as alturas en superficie do edificio, que vai dende a baixada de San Francisco á que foi a fonte e lavadoiro da Barroca na rúa Poboadores, ocultarán a vista do mosteiro máis antigo da vila e cidade de Vigo, incendiado por Drake en 1589 e do que xa tiñamos constancia no plano esbozo de Vigo de 1597 de Leonardo Turriano, no que no promontorio elevado sobre o mar se identifica a capela de Santa Marta fundada polos monxes cistercienses de Melón. Igrexa e convento franciscano rematados en 1774, cuxos membros participaron en episodios da Reconquista, onde tras a exclaustración se fundou en 1839 a Casa de Caridade, hoxe centro de menores e comedor social. Edificación inmortalizada polo inglés George Vivian nun gravado, que constituíu, xunto ao castelo do Castro, a imaxe máis emblemática do primeiro Vigo urbano.

Primeira decepción visual da intervención urbanística sobre o Barrio do Cura, que non será a última, xa que a construción dos outros dous edificios, Lúa e Estrela, que ocuparán as rúas Pi e Margall, Llorente e Santa Marta, cegarán as vistas desde unha parte da beirarrúa voada dos estaleiros e do porto de Bouzas e mesmo unha parte da illa sur de Cíes. Contando cos permisos urbanísticos do concello e cos de patrimonio da Xunta de Galicia, roubarase a viguesas e visitantes unha propiedade comunal de valor emotivo incalculable, ese anaco de horizonte, no solpor a imaxe máis luminosa e fermosa da propia cidade, onde cada serán no miradoiro case centenario, ao abrigo da oliveira, centos de persoas atopabamos os ollos do porvir e os camiños do mar da nosa cidade atlántica. Certo é que nas páxinas da promotora, prométese recuperar algunha das derradeiras vivendas mariñeiras viguesas, como reclamo etnográfico e de protección do patrimonio, ademais de anunciar que a nova praza miradoiro de acceso público constituirá «un innovador ámbito comercial, que xerará un foco de actividade económica e social importante». O que traducido a fala viguesa significa que os promotores pensan que empreñamos co vento e ademais das vistas espectaculares anunciadas para as vivendas máis exclusivas, con prezos ao alcance de moi poucos, no novo miradoiro se instalarán bares «cool» con terraza con vistas a ría e o Berbés para o gozo dos que poidan pagalos.

Xaora, a cuestión do miradoiro –proxectado en 1928 por Jenaro de la Fuente como balconada artística e remodelación de todo o paseo de Afonso, para substituír o deteriorado muro de contención sobre a rúa Poboadores e permitir duplicar a vía do tranvía– ten gran importancia para o patrimonio vigués polo que esta actuación supuxo de modernización urbana. Empregou o formigón armado para soster a beirarrúa voada, apenas 0,75 metros sobre o muro. Coidou o acabamento artístico nas balconadas rectangulares e dúas semicirculares máis voadas que o resto, onde alternan floreiros coas figuras dos querubíns pétreos sostendo os escudos de Vigo e de Galicia, pezas escultóricas, obra de Camilo Fernández «O Roxo». Como novidoso foi o forxado da varanda, probablemente realizado nos obradoiros de La Industriosa de Sanjurjo Badía, como pensa o historiador Xosé Ramón Iglesias Veiga. Paseo de Afonso que ten a súa orixe en 1875 arredor da fonte da Falperra, concibido como punto de encontro, a saída e entrada do Vigo que comezaba a estenderse seguindo a estrada de Baiona. Paseo de Afonso, onde ademais do bulevar arborado e a beirarrúa voada, a oliveira e as súas fontes, cómpre non esquecer o quiosco para venda de flores, proxectado con linguaxe racionalista por Emilio Bugallo Orozco e inaugurado o 28 de marzo de 1943, dedicado a partir da década de 1950 a venda de prensa.

Lamentar este roubo dunha liña do horizonte é un exercicio lexítimo de melancolía e xustiza poética, que ninguén pode impedirnos, coma xa provocaron respostas emotivas outras desfeitas urbanísticas viguesas ou a equivocada retirada do tranvía en tempos de Portanet. Secasí, os cidadáns posuímos ademais o dereito de opinar e propoñer, como sucedeu cando hai máis de dúas décadas solicitabamos a peonalización do paseo de Afonso, hoxe por ventura irreversible, convertido en gozosa sala de estar do tardeo vigués e da celebración de solpores espectaculares dende os seus miradoiros. Razón pola que non estaría de máis que o propio concello de Vigo fose quen solicitase a declaración da beirarrúa voada, incluídas as súas esculturas, farois e enreixado de ferro, como Ben de Interese Cultural, gozando así dunha protección que impida un futuro espolio. O ben feito ben o parece.

Praza de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao farol de Urzaiz:

Sei que non son un mandicante se propoño que Vigo conte cunha «Praza de Galicia», coma o resto das cidades galegas. E tampouco ando de meniñas propoñendo que esa referencia engadida ao rueiro sexa para o espazo peonil coñecido como «A farola», situado entre o anfiteatro cívico de Urzaiz e o edificio do Marco de Príncipe, onde se expresa o Vigo das causas máis xustas. Praza de Galicia creada polas luces do farol ou «columna artística» de sete metros de altura encargado en 1930 ao arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez pola corporación monárquica, presidida por Manuel San Román Ceballos, co achaque de darlle categoría á entrada da rúa Príncipe. Construción que comezou iluminar en febreiro de 1932, cando presidía a Praza da República, sendo alcalde Amado Garra Castellanzuelo, político agrarista de Teis, membro do Partido Republicano de Vigo. Farol artístico que ordenaba un espazo de transición urbana, entre Capitán Galán (Príncipe), Capitán García Hernández (Urzaiz) e Colón, que ao longo de nove décadas adoptou diversas solucións urbanísticas, nunca completamente satisfactorias. Nome de «Praza da República» suprimido tras o alzamento mais nunca substituído por outra alternativa, máis alá da popular de «Praza da farola».

O pedestal do farol, traballado en cantaría de granito, foi obra do mestre canteiro e escultor Camilo Fernández Correa, «Camilo o Roxo», quen tallou catro bancos para o descanso da xente, gravando en riba de cada un deles o escudo dunha das catro provincias. Detalle premeditadamente galeguista, que imitaba a solución que o propio O Roxo argallara en 1929 para as catro parellas de nenos que sostendo os escudos de Vigo e de Galicia engalanaban a beirarrúa voada do Paseo de Afonso, o fermoso miradoiro da oliveira. Solución artística que coincidía co debate aberto sobre o estatuto de Galicia, cando Vigo era considerada a Barcelona do Atlántico e non renunciaba a encabezar o proxecto autonomista galego. Liderado para o que o arquitecto Antonio Palacios reservaba no seu plan de reforma interior de 1932, no cume do monte do Castro, o gran pazo rexional, sede das institucións galegas. Como sabemos que o monumental farol dunha ducia de brazos e outras tantas luminarias, deseñadas por Pere Falques, foi forxado polo mestre Romero, un gran artista do ferro, e fundido nos obradoiros de Nervión no Roupeiro, propiedade de Joaquín Fernández Lema.

Farol artístico da Praza da República, onde abría terraza o famoso café Derby, que foi retirado aos depósitos municipais en 1965 para ser substituído por outro de maior altura e horroroso deseño, outra das tantas alcaldadas de Portanet que na década corrupta do «desarrollismo» fixo caso omiso do valor do patrimonio, autorizando animaladas coma o derrube no mesmo ano do edificio Rubira, unha das xoias da arquitectura de Jenaro de la Fuente Domínguez, que facía recanto entre Colón e García Barbón, apenas criticada nas páxinas de Faro de Vigo polo xornalista Benedicto Conde «Bene» nun artigo memorable titulado «El asesinato completo…». Farol recuperado en 1973 para ser instalado na alameda de Eduardo Cabello en Bouzas con motivo da celebración da VIª Feira Mundial da Pesca, que por vez primeira se celebraba en Vigo. Habería que agardar case tres décadas para que en 2002 sendo alcalde Lois Pérez Castrillo o farol fose restaurado e dous anos despois, coincidindo coas obras do aparcamento de Urzaiz, trasladado á praza sen nome, onde quedou chantado. Mudanza, non o esquezamos, froito da negociación coa veciñanza de Bouzas da alcaldesa Corina Porro, que se comprometeu a instalar na vila a antiga pérgola da Praza de Portugal (1928), tamén deseñada polo Jenaro de la Fuente Álvarez.

Esta praza do farol debería recuperar o seu nome primixenio, o de «Praza da República», como debería ser retirada a cruz de doce metros de altura que chanta no monte do Castro dende 1961, símbolo do nacional catolicismo e exaltación do franquismo. Porén, creo que no Vigo actual, unha cidade estado, sería aínda máis útil que os tres grupos municipais acordasen chamar «praza de Galicia» a este lugar de encontro habitual da mocidade e espazo cívico de concentracións e iniciativas diversas artellado arredor do farol artístico. Hai motivos abondo para xustificalo, sendo o primeiro o carácter de Vigo como cifra de todas as galicias posibles. Expresión afortunada do mestre de X.L. Méndez Ferrín para expresar que Vigo é unha bisbarra complexa, berce de actividades industriais diversas, dende as pesqueiras e portuarias até as automobilísticas, dixitais e culturais, como territorio do Val do Fragoso onde por ventura se conserva a lingua e a cultura agraria tradicional galega. Para recuperar o liderado perdido, Vigo ben podería comezar por este xesto de dotarse dunha praza de Galicia.

Escultura en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Escultura pública en Vigo de Mercedes Bangueses:

Entre as novidades editoriais que se presentan na feira do libro de Vigo, inaugurada hoxe na praza de Compostela, destaca Escultura pública en Vigo (Instituto de Estudios Vigueses, 2025) da que é autora Mercedes Bangueses Vázquez. Libro monumental de 500 páxinas, formato de mesa, coidada diagramación, presencia de fotografías, recolle dez anos de traballo da catedrática viguesa, especializada na historia da ilustración en Galicia e na escultura en Vigo, temática sobre a que publicou a fermosa monografía sobre o Escultor Silvino Silva. Xamarúas dos arxinas (IEV 2020) e o Catálogo de bustos, monumentos conmemorativos e placas de Vigo (2022), obra de referencia de grande utilidade na medida que por vez primeira sistematizaba de forma exhaustiva este tipo de obras. Tarefa de catalogación, que amplía nesta novo libro ás 183 obras escultóricas instaladas no espazo público vigués, e ás 200, se consideramos as que forman parte doutras edificacións. Esculturas que constitúen un paseo pola cidade de Vigo ao longo do século XX e o que levamos do XXI, iniciado coas dúas únicas pezas decimonónicas, os monumentos a Méndez Núñez da praza de Compostela (1890) e a de José Elduayen dos xardíns de Montero Ríos (1896) e finalizada coa homenaxe a Domingo Villar na praza de Compostela (2025).

Antes de realizar este percorrido, Mercedes Bangueses, actual secretaria-conservadora do Instituto de Estudios Vigueses, propón unha reflexión sobre o propio obxecto da súa investigación, sobre qué entendemos por escultura pública. Para ela este sintagma identifica as esculturas instaladas en xardíns, prazas, rúas, mais tamén a dos interiores dos espazos públicos accesibles sen limitación ningunha en calquera dos espazos urbanos e periurbanos. Libro novidoso nos estudos locais vigueses, que apenas contaban cun título desta temática, Historia dos monumentos de Vigo (Concello de Vigo 1998) de Lalo Vázquez Gil, entón cronista da cidade. Feito explicable para o prologuista, o desaparecido e querido José Ramón Iglesias Veiga, pola primacía que dende hai tres décadas teñen as variadas publicacións sobre as edificacións arquitectónicas e os seus diversos estilos desenvolvidos dende o século XIX. Sobre unha documentación exhaustiva, Bangueses ofrece unha narrativa divulgativa, ao que non impide o rigor, contextualizada na intención explícita de construír memoria viguesa e incitar aos cidadáns a adoptar unha actitude curiosa, a ser viaxeiros na súa propia cidade e, polo tanto, poder sorprenderse a cada recanto.

Bangueses organiza o seu catálogo de forma cronolóxica, diferenciando cinco momentos da historia de Vigo no século XX, representado por diversas pezas. A primeira metade do século XX, da balconada artística do paseo de Afonso e as esculturas de Camilo Fernández Correa «o Roxo» (1930). O franquismo, de esculturas como as de san Juan Bosco (1966) de Camilo Nogueira. A transición e recuperación democrática, na que se produce unha profunda renovación estética, con pezas extraordinarias como os Cabalos (1991) de Juan Oliveira, o Monumento ao traballo (1991) de Ramón Conde na Gran Vía ou o Sireno (1991) de Francisco Leiro na Porta do Sol, entre outras convertidas en iconas viguesas. Para finalizar no novo milenio, onde se ampliou de forma considerable o número de pezas, con monumentos como os de Jules Verne (2005) de José Molares, o Horizonte parte o sol (2003) de Silverio Rivas, A familia (2009) de Buciños, as esculturas do Auditorio Mar de Vigo (2011) de Sergio Portela ou o Mar habitado (2023) de Eva López Tarrío, unha das escasas escultoras con obra públia en Vigo.

Libro tan fermoso, alfaia para viguesas curiosas, inzado de detalles artísticos e algúns procedementos burocráticos, remata de forma moi orixinal cun capítulo dedicado aos 29 bustos existentes no concello e a propoñer sete percorridos pola escultura pública, chamados a converterse en itinerarios referentes para gozar de Vigo cunha ollada alternativa. Velaí o percorrido polo Castro, o parque escultórico vigués por excelencia, onde hai pezas de Camilo Nogueira e Silvino Silva. Outrosí, o paseo escultórico pola praza de Compostela, tamén con pezas do mestre Nogueira. Aí, o parque escultórico do museo de Castrelos, con pezas contemporáneas de Rute Rosas e Elena Gómez, xunto ao Neptuno da fonte desaparecida. Como pezas interesantes hai no Parque da Bouza, moitas no Campus das Lagoas, na Carretera Vigo-A Ramallosa, froito dunha estancia artística de nove escultores en 1984, e no Parque Forestal do Monte Alba e Cepudo, froito do simposio internacional de escultura de 1999, baixo o lema Arte e Natureza. Recomendo vivamente este libro importante para a cidade que se presentará no serán do luns 7 de xullo na Feira do Libro de Vigo. Para non perder.

Cervexa viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a presencia da cervexa en Vigo:

Ao fío do artigo sobre o agromar do atletismo e da actividade deportiva en Vigo, como expresión da cidade moderna, preguntáronme sobre a referencia que se facía aos socios de El Gimnasio, señoritos vigueses, que despois de facer os seus exercicios ximnásticos nos máis modernos aparellos fumaban tabaco exipcio e bebían cervexa nos salóns da sociedade. Historia contada por Xosé María Álvarez Blázquez nas páxinas d’ A cidade e os días (Xerais 2008), que ilustra o entusiasmo vivido en 1875, ano no que Ceferino de Blas considera que Vigo iniciou o seu medre coma cidade industrial e porto cosmopolita. E non lle faltaba razón ao noso último cronista, xa que foi hai cento cincuenta anos cando se derrubou a torre da Pulguiña e se trazou a actual rúa Poboadores, cando se comezou a mudar a navegación a vela pola de vapor, o que supuxo a recuperación das liñas regulares con América e a construción do peirao do Comercio, a chegada da primeira locomotora, que unía o porto con Chapela ou cando varios industriais representaron a Vigo na Exposición Rexional de Santiago.

Ano de 1875 no que comezaron a mudar os espazos de sociabilidade da emerxente burguesía industrial, que se reunía en sociedades recreativas como La tertulia, El casino, El recreo artístico ou El gimnasio ou coincidía no Café Suízo da rúa do Príncipe 27, o primeiro da cidade, onde se anunciaba nun gran rótulo «English spoken» e «Man Spricht Deutsch». E foi, tamén, en 1875 cando se comezou en Vigo a fabricar cervexa, como xa o alsaciano Louis Moritz facía en Barcelona dende 1856. Álvarez Blázquez rescata do Faro de Vigo do 8 de maio de 1875 a crónica sobre o grande movemento a prol da industria e os intereses locais que supoñía a fabricación de cervexa por parte de Mr. Hyde, que utilizando unha excelente clase de primeiras materias na súa elaboración, era capaz de competir coas cervexas importadas do estranxeiro, tanto polo seu gusto como polas súas burbullas, entre outros comentarios gabanciosos.

Consumo de cervexa ao que eran alleos os oficiais do Cable Inglés, establecido dende 1873, que anos máis tarde levaron a que o portugués Antonio Bandeira Proença instalase en 1898 –primeiro en Policarpo Sanz 36, logo en Velázquez Moreno, fronte ás oficinas do cable, no local que ocupou a tenda de instrumentos de Villanueva– o famoso Bar Bandeira onde servía viño do Porto, contaba cunha ampla carta de cervexas internacionais, aperitivos e até daba o té das cinco. Eduardo Rolland cita que despois da fábrica de Mr. Hyde chegarían outras marcas cervexeiras como Moreira e Cía e García Bañón. Habería que agardar ao 29 de xaneiro de 1925, hai polo tanto un século, para que comezase a súa actividade a fábrica de cervexas A Barxa, proxectada polo arquitecto Manuel Gómez Román, que dous anos antes fixera La Panificadora, nun amplo edificio de estilo rexionalista na rúa García Barbón, que contaba cun parque de fermosas plantas tropicais. Propiedade de Cervezas de Santander elaboraba as cervexas Austriaca e Cruz Blanca, que na década de apoxeo, de 1925 a 1935, cunha produción de cinco millóns de litros chegaría a ser líder en Galicia. En 1970 pasou a ser propiedade de Unión Cervecera S.A., elaborando os botellíns da famosa Skol, que tería boa acollida e pecharía en 1989, deixando un formidable soar, onde se construirían as torres do Club Financeiro.

Neste reconto non pode faltar a lembranza da cervexarías históricas, como Joaquín, inaugurada en 1914 no Areal e pechada noventa anos despois. Local axeitado con estilo parisino art decó, fermosos espellos, cadros e fotografías e mesas de táboa de mármore, Joaquín foi referente sentimental para varias xeracións, fose polas billas de Guinnes que servían a mellor cervexa negra, os bocks e as cañas, as gambas á gabardina que saían da cociña ou pola calidez dos encontros alí vividos. Desapareceron tamén as cervexarías El Laurel e Eusco da rúa Gamboa, onde en 1958 abriu El Pasillo, hoxe a decana da cidade, que continúa tirando as súas cañas e os bocks en xerra coa escuma xusta para mantelas fresquiña acompañadas de olivas e manises. Local que conserva unha enciclopedia e o dicionario da lingua de María Moliner por se a clientela precisa consultalos.

Por ventura dende 2013 volveuse a elaborar cervexa en Vigo coa aparición de Cervexa Nós, con fábrica propia e dúas cervexarías no Vigo vello e unha carta de dez tipos de cervexas artesanais. En 2018 comezou a produción de Cervexas Madroa, que conta con seis variedades elaboradas na súa factoría da rúa san Cristovo de Candeán. Máis recente e a actividade de Pits cervexas artesanais, elaboradas na mesma praza de Compostela, coa posibilidade de que o público as goce na cervexaría instalada no andar superior. Conta con sete variedades, entre elas unha chamada «Viguesa». Excelente herdanza deixou Mr. Hyde!

Campo de Caralladas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Campo de Caralladas, ao fío da publicación do libro de Fernando Ferreira sobre o Bar León e o seu entorno:

Preséntase hoxe na biblioteca da EMAO o libro de Fernando Ferreira Priegue Entre café, espuma y confidencias el bar León y su entorno. Memorias de un barrio vigués mediado el siglo XX (Instituto de Estudios Vigueses 2025). Activista vigués das belas artes, con especial dedicación ás musicais, plásticas e literarias, autor de Crónicas de un Vigo yeyé. Historia de los conjuntos músico-vocales vigueses 1958-1975 (IEV 2008), Ferreira ofrece unha memoriosa crónica coral en primeira persoa do que foi o seu barrio de infancia e mocidade nas décadas de 1950 e 1960. Un territorio entre o rural e o urbano, coñecido como Campo de Caralladas, enorme descampado atravesado pola rúa Urzaiz, camiño dos Choróns e do barrio de Riomao, á altura da finca Coto Modón ou Villa Enriqueta e doutras vivendas na traseira do Tercio de Afora. Espazo comunal referenciado sobre o bloque Concepción Arenal, edificio construído en 1949 polo arquitecto Fernando Gallego, chamado popularmente Casas de Pernas, o primeiro da praza de Fernando o Católico, onde nos seus baixos estaban instalados o Bar León e a tenda bar El Bloque.

Crónica da urbanización dunha terra que foi de labor (campo), propiedade dun home alcumado Caralladas, que para Iván Sestay sería probablemente gaiteiro, pois ese nome foi típico de xente festeira, músicos e bailaríns. Prevista no Plan de Reforma Interior Ensanche e Extensión (1943) de Antonio Cominges Tapias, coa intención de unir a cidade co Calvario, a urbanización do Campo de Caralladas pretendía prolongar o barrio de Casablanca coa construción dun triángulo de vivendas entre Urzaiz, Vázquez Varela e Pizarro. Recoñecible no voo americano de 1946, no lateral quedaran vestixios da casa de Concepción Arenal, derrubada en 1949, na parte baixa existía unha mina e na superior a fonte de ferro, ademais do quiosco do fielato dos Choróns ou caseta de arbitrios onde ás portas da cidade se cobraban as taxas municipais que gravaban o tráfico de mercadorías e se exercía un certo control sanitario dos alimentos procedentes da bisbarra. Campo de xogos de toda unha xeración, tamén a do autor, onde en días felices se xogaron interminables partidos de fútbol, desputas de indios e vaqueiros, preparación de foguetes e mesmo algunhas pelexas a pedradas cos mangallóns do barrio de Ribadavia ou de Casablanca. Peripecias relatadas polos protagonistas, nunhas páxinas emocionantes e divertidas.

A cerna do excelente libro de Ferreira, que lembra o ton literario saudoso de La acera volada de Xaime Fandiño, está no relato da peripecia do Bar León, hoxe a cafetaría decana da cidade, entón o corazón do barrio que se transformaba, dende a súa inauguración o 29 de xuño de 1953 até o seu traspaso o 1 de xaneiro de 1988 polos irmáns Elías, Joaquín e Manuel Suárez Valbuena. Familia leonesa chegada a Vigo seguindo ao tío Victorino, camareiro no Café Derby de Urzaiz, quen cos cartos da lotería mercou o Bar Zamora para crear alí o Gran Bar Buenos Aires, no recanto entre Urzaiz e a rúa Pino, onde comezaron a traballar na hostalaría os tres sobriños. Documentado, en boa medida, coas voces dalgúns protagonistas, ao fío da vida social do Bar León, dende os seus torneos de xadrez até a súa intensa actividade celtista, Ferreira recupera a memoria do Campo de Caralladas onde se instalaban as carpas dos circos familiares, o Kron, Americano, Holanda ou o Atlas dos irmáns Tonetti, ou dos circos de variedades como o Radio Teatro ou o Teatro Circo Chino de Manolita Chen. Outro tanto sucede coa memoria do Jardín Park (antes Club Ford), a sala de festas familiar de Urzaiz 93, fronte a tenda bar El Bloque, a carón do Tercio de Afora, onde vivía o autor. Lembranza dun espazo de lecer de anos difíciles, onde no seu interior había bailes con música en directo (as tardes de xoves, sábados e domingos) e combates de boxeo e loita libre ibérica, e na pista exterior a cancha onde xogaba o Estudiantes de baloncesto.

Con prosa irónica e afiada, Ferreira lembra que no Jardín Park, montado arredor de 1950 polos donos do xardín de recreo Las Cabañas, as rapazas tiñan entrada libre, «só tiñan que bailar», mensaxe que se anunciaba pola megafonía, nun palco polo que pasaban as mellores orquestras do momento. Non esquece o autor a presenza no palco do Maese Villarejo e as súas funcións de marionetas de Gorgorito e a princesa Rosalinda, a bruxa Ciriaca e o ogro Dientes Largos. Pecharía a comezos dos 60 para construír no soar o edificio Park, onde nas galerías comerciais en 1963 abriría as portas o Cine Plata, entón o máis moderno da cidade, que funcionaría durante catro décadas.

Fernando Ferreira cose con zurcido invisible todas estas e moitas outras historias íntimas e colectivas do seu barrio, memorias imprescindibles da vida cotiá de pícaros e maiores. Recomendo este libro emocionante e gozoso.

«La Cristina», papeleira de Lavadores

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a «La Cristina», a primeira papeleira viguesa:

O 30 de marzo de 1862 inaugurouse «La Cristina», a primeira fábrica de papel continuo de Vigo, producido con pastas químicas e procedementos mecánicos, concibido para impresión tipográfica, un dos fitos da nosa historia como cidade industrial e do libro. Estaba instalada no lugar da Bouciña, no concello de Lavadores, ao pé da fervenza de Barreiro, onde se construíron hai pouco as chamadas «Pasarelas do Lagares», que salvan os trinta metros de altura existentes no río con respecto á Poza da Serpe. Unha edificación de catro andares e muro de cachotería, presidida no frontispicio da fachada por un «C» entre polas de loureiro, símbolo da vitoria.

Proxecto fabril promovido dende 1860 polo emprendedor e comerciante camerano Norberto Velázquez Moreno, creador do primeiro teatro de Vigo (1832-1880), na praza da Princesa, das primeiras construcións do lazareto da illa de San Simón (1842) e da casa de baños da Laxe (1860), a quen a morte chegou antes da apertura da papeleira, da que se encargou o seu fillo Norberto Velázquez Coppa, que chegaría a alcalde ocasional en 1863 e 1869.

Sería, porén, o enxeñeiro francés Alfred Motteau, procedente de Angulema, bo coñecedor do procedemento de fabricación deste papel enrolado de pezas de 20 a 30 metros, que substituía as follas soltas, quen se ocuparía da dirección técnica dun proxecto que pretendía producir 250.000 toneladas de papel por ano. Un procedemento no que utilizando calor, presión e un ph ácido ou alcalino disgregaba a madeira en partículas aptas para a formación do papel, o que substituía a produción tradicional nos vellos batáns instalados nos ríos. «La Cristina» contaba coa maquinaria axeitada para acometer este proceso, ademais de dependencias como sala de caldeiras de vapor, ventiladores, trituradoras, separadoras de farrapos, sala de satinado e mesmo de empaquetado.

Chama a atención que os principais accionistas fosen tres xornalistas, editores e impresores vigueses: Ángel de Lema e Marina, dono dunha imprenta na rúa Oliva nº 1 e director de Faro de Vigo, periódico bisemanal conservador do que fora fundador o 3 de novembro de 1853; Juan Compañel, dono da imprenta na rúa Real 14, director de El Miño, fundado en 1857, xornal de liña rexionalista e progresista, sucesor obrigado de La Oliva; e Miguel Fernández Dios, impresor radicado na praza da Constitución, onde vendía papel de Tolosa, que en 1873 fundaría La Concordia, xornal de tendencia liberal e provincialista, o primeiro diario de Vigo, que competiría durante cinco décadas con Faro de Vigo, que pasaría a diario en 1879. Tres xornalistas que competían, mais que, como sinala Xurxo Martínez González, o mellor coñecedor do Rexurdimento en Vigo, se asociaban para poder contar con papel de fabricación local. Cooperar e competir, un modelo de modernidade industrial, que logo utilizarían os empresarios da conserva, onde se poñen por diante os intereses comúns sobre as diferencias da concorrencia.

Utilizado o papel cristino na impresión dos xornais dos accionistas, Faro de Vigo e El Miño, a empresa constituía para Compañel «unha exaltación de progreso», símbolo «da prosperidade e grandeza de Galicia», como do «espírito asociativo patrio», foino tamén na publicación en 1862 do primeiro volume do Diccionario de escritores gallegos de Manuel Murguía, como Compañel fixo figurar na páxina inicial. Como é probable que tamén fose utilizado en 1863 cos libros que lle publicou a Rosalía de Castro  Cantares gallegos e A mi madre, mágoa que o editor compostelán non deixara constancia.

«La Cristina» como papeleira pechou arredor de 1865, mantendo a propiedade do edificio outro dos socios, Antonio López de Neira e Freire, industrial monfortino casado en Lavadores, propietario dun almacén de coloniais, petróleos e unha fábrica de chocolate, pioneiro na utilización da electricidade e o teléfono (1887), que chegaría a ser deputado conservador ligado a Elduayen, alcalde (1887-1891) e presidente de deputación (1907). López de Neira, despois de utilizar o edificio como almacén, vendeullo en 1910 aos conserveiros Curbera, que o utilizaron para o desestañado de follas de latas usadas, que reciclaban envases de La Artística e La Metalúrgica.

O edificio de «La Cristina», a pesar de estar catalogado no PXOM, merecería o seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural (BIC) tanto polo seu carácter de papeleira como desestañadora, mostra da pioneira industria viguesa. Como tamén se bota en falta nas Pasarelas do Lagares, un espazo fermoso por descubrir para a maioría da cidadanía, un sinal informativo da edificación como da canalización da auga utilizada pola papeleira. En todo caso, recomendo a visita a este espazo e a seguir os tres quilómetros de sendeiro do Lagares até a Avenida de Madrid, canto menos.

Vigo desde o aire

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo as primeiras fotografías de Vigo tomadas dende o aire:

Foi o fotógrafo Pacheco quen o 10 de setembro de 1927 tirou as primeiras fotografías de Vigo dende o aire. Foi desde o Marabú, un avión da marca Junkers da Unión Aérea Española, que podía ser transformado en hidroavión, tripulado por José María Ansaldo e polo mecánico Mario Álvarez, que despois de catro horas de voo dende Madrid aterrou na praia de Ghaifar en Panxón. Entre os catro pasaxeiros viaxaron o marqués de Quintanar, presidente da compañía aérea, e José Espinosa, un dos seus empregados, que pretendían estudar as condicións da aterraxe co fin de establecer unha liña aérea entre Ferrol e Lisboa, con escalas na Coruña, Vigo e Porto, que puidese enlazar cos avións da liña Lisboa, Sevilla Madrid que xa explotaban. Proxecto co que simpatizaban as elites viguesas que consideraban que un servizo aéreo dese carácter acrecentaría o comercio e o turismo en Vigo e no seu «hinterland», termo que daquela se utilizaba para a área de influencia do porto e da cidade; o que non impedía que naquela altura o programa das infraestruturas viguesas fose o ferroviario, cuxa prioridade era a liña do Atlántico, cuxo traxecto reclamado era A Coruña-Lisboa. O que despois de case un século se continúa facendo.

Sabemos que ao día seguinte o Marabú efectuou dous voos sobre Vigo, sendo o fotógrafo Pacheco convidado a ocupar unha das catro prazas dispoñibles. Viaxe que lle permitiu ao afouto reporteiro fotografar dende o aire o perfil portuario de toda a beiramar: as liñas de atraque gañadas ao mar no Areal, as avenidas de Cánovas del Castillo e Montero Ríos cos seus novos peiraos, a Ribeira do Berbés e a súa Lonxa, onde xa estaba previsto o recheo para instalar o porto pesqueiro. Vistas que foron publicadas no libro Vigo en 1927 da editorial P.P.K.O., dirixida polo editor José Cao Moure, que contribuíron por primeira vez a identificar no skyline que debuxan as edificacións pétreas do ensanche e as súas novas avenidas, tomadas dende a ría, como a imaxe máis atractiva do Vigo moderno, a semellanza de Nova York. Hipérbole utilizada polas elites do viguismo de hai un século para salientar o emprazamento estratéxico da cidade, situada no paralelo 42 (en realidade, N 42º 13’ 58,2’’), o mesmo ca Nova York, cidade distante 2.910 millas. A grande oportunidade sería funcionar como ponte peninsular sobre os tres grandes portos mundiais do momento Hamburgo, Londres e Nova York. E para iso había que darse a coñecer.

Outros famosos voos fotográficos sobre a ría e a cidade foron as dúas campañas dos voos americanos de 1945 e 1956, contratados polo goberno de Franco ao Army Map Services dos Estados Unidos coa intención de fotografar todo o territorio para así trazar mapas e planos. As imaxes foron realizadas cunha escala 1:33.000 e a unha altura de cinco mil metros, sendo o segundo tecnicamente máis preciso. Estas ortofotografías, que poden ser hoxe consultadas na web de Información Xeográfica de Galicia, constitúen un documento excepcional para coñecer de forma detallada o Vigo de hai seis ou sete décadas, sobre todo no perfil litoral anterior os recheos portuarios, nos que aínda aparecen a praia de San Sebastián e o Campo do Gas, onde se abriu a rúa Torrecedeira e as súas paralelas. Outrosí sucede con Bouzas, onde apenas se identifica unha liña de peirao. Como sobre todo se ven os eidos agrícolas de Teis, Travesas, Coia antes de iniciarse o proceso de urbanización coincidindo coa instalación da Citroën na terra das abeleiras. Documento fotográfico excepcional, no que se divisa perfectamente a coroa vexetal dos sete outeiros que cinguen a cidade, por ventura, aínda conservados nas terras do Fragoso.

Coa década dos sesenta apareceron xa con frecuencia vistas aéreas, como as tomadas por Fotografía Aérea e Terrestre S.L. no propio aeroporto de Peinador, dispoñibles no Arquivo Dixital de Galicia. Como a partir de entón foi frecuente o traballo de vistas da cidade dos excelentes fotógrafos do Faro de Vigo como Magar e as súas viaxes pioneiras en avioneta, Barreiro, Siorty, Cameselle, de Arcos ou de Ricardo Grobas. Particular importancia neste eido tivo o coleccionable Vigo y su Ría: miradas aéreas (Faro de Vigo 2004) fotografado por Nardo Villaboy, vinte anos despois libro xa de referencia do tecido urbano e dos seus arrabaldes a comezos do século XXI. Obra prologada por X.L. Méndez Ferrín co título «Vigo é moito máis ca Vigo» no que o autor do «Testamento do ghebo» salienta que Vigo non debe ser considerado como unha cidade senón como unha bisbarra: «Vigo é unha exposición permanente, a escada reducida, da realidade de Galicia: mar, agricultura, gandaría, natureza salvaxe, pesca fluvial e marítima, areais, illas, industria, comercio…» Dende hai un século, Vigo desde o aire é moito máis ca Vigo. Se poden, vexan as fotos que o testemuñan.

Aeroporto de Budiño

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao proxecto do Aeroporto de Budiño de 1928:

Entre as historias viguesas rescatadas do esquecemento por Xosé Ramón Iglesias Veiga, o profesor e historiador do Instituto de Estudos Vigueses falecido en 2020 pareceume extraordinaria a da instalación frustrada nas Gándaras de Budiño (O Porriño) do aeroporto nacional do noroeste. Aprobado en 1928 e abandonado en 1934, de non ter quedado no papel, este proxecto tería transformado por completo o tecido urbano da área metropolitana viguesa, ademais de todas as infraestruturas de mobilidade (estradas, portos, ferrocarril e aeroportos) do «noroeste» peninsular e, o que considero máis decisivo, enraizando a capitalidade de Vigo como a «Barcelona atlántica» de Galicia. Oportunidade perdida que Moncho Iglesias desvela nun artigo precioso publicado en Glaucopis 20 (IEV, 2015) onde relata os primeiros contactos de Vigo coa aviación para logo presentar o proxecto do campo de aviación da Louriña e as circunstancias que levaron a que quedase no papel.

Relato de auténtica ciencia ficción rematado cando en 1936 comeza a construción do aeroporto de Peinador, nuns terreos próximos á estación tranviaria de cruce, que albergaba o transformador da enerxía eléctrica, chamada de Enrique Peinador, en honra do promotor dunha liña que uniría Vigo co balneario de Mondariz, que en 1920 chegou e quedou no Porriño. Aeródromo onde milleiros de veciños, entre os 20 e os 50 anos de idade, dos concellos de Vigo, Lavadores e Mos, traballaron obrigados durante dous días ao mes, a menos que abonasen en metálico 12 pesetas mensuais entre 1936 e 1938. Inaugurado o 25 de abril de 1954 cando sobre a pista de 1.400 metros aterrou un DC-3 de Iberia con 22 viaxeiros. Aeroporto que non incrementaría a súa actividade comercial até chegada a década de 1970, que contaría con voos internacionais desde 1981, cuxa pista sería ampliada até que entre 2009 e 2014 reconstruíu a súa terminal o arquitecto César Portela.

A aviación chegou a Vigo moi cedo. En setembro de 1911 o aviador francés Jules Vedrines aterrou nun aeródromo improvisado na zona de Balaídos. Espectáculo moi celebrado, precedido pola prohibición do gobernador de Pontevedra ao piloto Garnier que voase en Vigo, o que provocou tremenda reacción, cunha asemblea cidadá o 22 de agosto de 1911 que desbordou a Alameda e na que falaron os líderes do momento. Así defendían os vigueses á chegada da vida moderna, como a da aviación, nunha cidade que espertaba. Exhibicións que continuarían coa presencia do aviador de Sanxenxo José Piñeiro, que en 1917, con motivo dunha festa da empresa de tranvías, voou sobre Bouzas utilizando como aeródromo o campo do Fortuna. Contactos vigueses coa aviación consolidados en 1922 cando o goberno concedeu ao consignatario Joaquin Davila unha liña aérea e máis tarde outra postal, abrindo a relación entre aeroporto e porto transatlántico orientado cara América.

Despois de descartadas as Gándaras de Valadares, en 1924 o goberno decidiu que a instalación do aeroporto nacional de Galicia efectuaríase nas Gándaras de Budiño, mentres que o aeroporto marítimo se instalaría na enseada de San Simón, na praia de Cesantes. En 1929, o enxeñeiro César Vila López presentou os traballos de planificación e  o arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez deseñou o edificio terminal do aeroporto de Budiño en estilo rexionalista, utilizando cantería de granito e concibindo a torre de control coma un faro costeiro. O proxecto estaba en marcha, agardando por cartos do goberno. En 1931, o arquitecto Palacios presentou o seu proxecto de reforma interior de Vigo, que contemplaba o aeroporto e unha estación ferroviaria de mercadorías en Atios, unha das vinte cidades satélites de Vigo. Presentaba, ademais, un proxecto de liña de hidroavións entre Nova York e Vigo sobre cinco hidroaeródromos instalados no Atlántico. A intermodalidade ferroviaria e a conexión portuaria aparecían como principais vantaxes de Atios (Vigo) sobre os proxectos competidores da Coruña e Santiago.

Palacios propoñía, ademais, un aeroporto local, Parque de aviación Terramar, situado en Cabo do Mar, na antiplanicie de Samil, destinado ao tráfico de aero-taxis que o comunicarían co aeroporto nacional de Atios e o de avionetas procedentes doutras localidades. Palacios pretendía converter a Terramar nun dos elementos emblemáticos do Vigo futuro. Magoa que co inicio das obras de Lavacolla en 1932 o proxecto de Budiño comezou a empardecer, cando en 1934 perdeu a súa condición de aeroporto de Galicia a costa da apertura do aeroporto compostelán o 25 de xullo de 1935. Unha derrota ao proxecto vigués que perdera interese para as elites locais que preferiron apostar pola solución de Peinador que, a pesar de parecer menos complexa ca de Atios, só achandar o monte Peinador, tardou dúas décadas en abrirse.

Gol en Balaídos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á despedir a Grada de Gol, a derradeira peza do vello Balaídos:

O 14 de agosto de 2023 pasará historia do Celta pola estrea de «Oliveira dos cen anos», himno que Antón Alfaro compuxo para celebrar o seu centenario. Tema musical recoñecido con moitos premios, con case cinco millóns de reproducións en youtube, convertido en insignia do actual celtismo de canteira espallado por todo o mundo. Expresión emocional musical afortunada tanto do proxecto deportivo e empresarial da presidenta Marian Mouriño, como do sentimento da mocidade celeste, que asume con orgullo o celtismo galeguista como unha suma de ledicia e padeceres, renovado en cada partido nunha cerimonia de canto coral que fai tremer á abarrotada catedral da terra das abeleiras.

Himno de C. Tangana que substitúe ao tradicional de melodía rústica que acuñou o lema heroico (e afortunado) daquel Celta do ascensor de sube e baixa: «nobre xogo, afouteza e corazón». Tema creado en castelán, traducido con agarimo pola inesquecible lingüista e xestora deportiva Marta Souto, iniciando así o emprego modélico do galego como lingua vehicular de Balaídos, medida promovida polo alcalde Manuel Soto, ao abeiro da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1989.

Ademais do incrible precedente que supuxeron as pancartas en galego da peña Jaburú nos derbis co Coruña dos sesenta, fotografadas, probablemente, por Siorty e Magar, foi pioneira para a galeguización do Celta a achega d’ A Roda, grupo de canción tabernaria do que celebramos este ano o cincuenta aniversario da súa primeira actuación nun escenario no Iº Festival dos Xesuítas. Formado primeiro por Fito, Luis Vaamonde, Luis Domínguez, os irmáns Abalde, Piña e Queno, A Roda creou a mítica «Foliada do Celta», incluída en Falemos galego (1979), segundo elepé do grupo. Nacida do celme popular, obreiro, vigués e galeguista, que caracteriza o repertorio do grupo, a foliada celtista, coñecida tamén como «Díxolle ao sobriño o tío», converteuse no himno non oficial do sentimento da inquebrantable paciencia celtista («e chega outro ano e pasa tamén») durante as décadas difíciles de 1960 a 1990. Máis aínda, cando o grupo nacido nos bares do Vigo vello interpretou a foliada no estadio de Balaídos en xuño de 1982 para celebrar o ascenso memorable a Primeira de Milorad Pavic, adestrador serbio que, dúas temporadas antes, collera ao Celta en Segunda B.

Convertéronse en himnos non oficiais tamén os temas de Keltoi, «1923 (2010)» e «Unhas cores e un sentimento (2016)». A banda viguesa de punk, liderada por Sime, actuou en Balaídos en 2012 para celebrar o último ascenso a Primeira (toquemos madeira!), tras un lustro en Segunda, daquel Celta de Sergio, Mallo, Lago, Oubiña, Alex López, Bermejo e Iago Aspas, entre outros. Repetidos na festa do centenario, os himnos de Keltoi representan o celtismo da afouteza orgullosa dun equipo para un país que nunca vai camiñar só.

Nas últimas seis décadas de celtismo entusiasta vividas na bancada de Río (Alto), onde adquirín parte da miña formación emocional, é a foliada da Roda o tema que máis pegada me deixou. Quizais pola acerto dos autores de exaltar a diversidade do celtismo, como emoción compartida dos seareiros de cada grada do vello Balaídos, anterior á reforma do mundial de 1982, cando aínda existía a pista de cinza que no descanso percorría Toniño. Identificación afortunada, xa que sabiamos que eran os señoritos de Tribuna os que sacaban o pano para dicirlle ao presidente que «a temporada que vén temos que cambiar de xente». Como eran os de Marcador –que non tivo cuberta até 1970, onde estaba instalado o marcador simultáneo «Dardo», no que seguiamos os resultados de Primeira cos seus anuncios– os algareiros que «máis se cabreaban e pedían a cabeza do señor adestrador». Ou que os de Río, un pouco señoritos, pero entendidos, eramos os que montabamos o lío, para intimidar ao equipo arbitral, que almorzara como deus manda no Mosquito.

Non esquezo que a foliada rodariana, lamentaba que os de Xeneral/e (Fondo, debaixo de Marcador) e os de Gol «como están tan separados non se decatan de nada», razón pola que «nunca protestan». Anomalía á que se pon remedio, tras o derradeiro partido de Gol do pasado venres, grada na que militaron o meu avó e o meu tío Suso dos que mamei o celtismo máis popular do Val do Fragoso, de Freixeiro a Mantelas. Gol onde colocaban as bandeiras sobre o perfil da viseira na orde clasificatoria de cada xornada, como lembro a imaxe do porteiro Fenoy marcando de penalti ou os dous goles salvadores do debut de Aspas co Alavés en 2009. Reducida, por fin, a distancia entre Gol e Marcador, agardo que cando se inaugure, previsiblemente, en 2027, a bancada pegada á lameira, completando así a nova e fermosa catedral do Fragoso, conviden a Tangana, Keltoi e A Roda a inaugurala. «Gol en Balaídos, marca Fer López, tras outra asistencia de Aspas…»

O Nigrán de Palacios

Dedico o artigo de Faro de Vigo á celebración do «Ano Palacios 2024» en Nigrán:

O concello de Nigrán pechou o «Ano Palacios 2024» –dedicado a conmemorar a obra de Antonio Palacios Ramilo con motivo do sequiscentenario do seu nacemento no Porriño– coa publicación dun fermoso almanaque ilustrado coas acuarelas que Noelia Muíños e Ramón Quintas fixeran para o libro Antonio Palacios en Nigrán (2024), no que se difunde con espírito didáctico a vida e obra do famoso arquitecto. Celebración iniciada cun paseo outonal no que se visitaron as dúas obras palacianas do concello, o Templo Votivo do Mar, inaugurado en outubro de 1937, e o hoteliño de Sileno na praia de Lourido (1932), ademais da igrexa románica de Santiago de Parada, debuxada por Palacios para ser divulgada nunha publicación. Homenaxe nigranesa, que se unía ás dos concellos do Porriño e de Madrid (onde o galego é considerado o arquitecto máis querido da capital), encabezada polo alcalde Juan González, que entende a defensa e promoción do patrimonio arquitectónico como un dos eixos da súa política turística e cultural.

Celebración iniciada, un ano antes coa publicación da excelente monografía do arquitecto Álvaro Bonet, O legado de Antonio Palacios (Engaiolarte 2023), que con apoio fotográfico e documental, actualiza o traballo clásico do noso admirado Xosé Ramón Iglesias Veiga, «Antonio Palacios en Nigrán: A procura dunha arquitectura de raíces galegas», publicado na Revista de Estudos Miñoranos nº 1 (IEM 2001). Ano Palacios en Nigrán que coincide coa repatriación ao concello do mosaico de teselas no que aparece un muxo e varios bivalvos (datado no século III), icona patrimonial da vila romana de Panxón. Atopado no castro de Panxón e embutido dende o século XIX en táboa de mesa, foi vendido en varias ocasións até chegar á galería Carlton Hobbs de Nova York, onde foi localizado por Gonzalo Fernández-Turégano, que encabezou a iniciativa cívica, apoiada polo concello, para adquirilo e traelo a Nigrán, como a súa primeira icona e horizonte na historia. Modelo de recuperación do patrimonio galego espallado polo mundo, que podería ser considerado polo concello de Vigo para repatriar para os fondos do anunciado museo de historia da cidade tres das nosas principais iconas: o Pergamiño Vindel (de finais do século XIII) hoxe en Nova York; o Cristo Salvador da igrexa de Santiago de Vigo (1136), en Madrid e o tímpano de pedra de Santa María de Vigo (1403), en Pontevedra.

O procedemento das doazóns foi tamén o utilizado por Xesús Espinosa Rodríguez, párroco de Panxón, para sufragar –entre 1932 e 1937– as obras dun templo novo na advocación da nosa señora do Carme, raíña dos mares. Deseñado polo porriñés a semellanza da catedral de Tui e da vella sede de Coímbra, construíuse en pedra rústica, coa única condición de Palacios de que se preservase o arco visigótico que se atopaba no interior da vella e arruinada parroquial de san Xoán. Isto obrigou a procurar un emprazamento, que finalmente sería de privilexio nunha penela, na que desde a nova torre se dominaba a paisaxe das dunas de Gaifar, da Madorra e do eixo central da vía principal da urbanización dun novo Panxón, trazado como vila satélite daquel Vigo debuxado no «Plan de extensión e reforma interior de Vigo» (1932). Encargouse das obras o construtor Xosé Mogimes, grande artífice do templo, que recibía por correo os planos e cartas coas observacións enviadas polo arquitecto dende Málaga, onde residía mentres elaboraba un plan urbanístico para a cidade da Alcazaba. No que foi bautizado en 1933 como Templo Votivo do Mar, Palacios desenvolve unha arquitectura idealizada con raíces galegas, na que mestura o tratamento rudo da pedra co gusto, nos interiores, de xogos cromáticos entre a pedra e a decoración cerámica. Templo emblemático, tamén a obra relixiosa máis representativa  do arquitecto e unha das máis orixinais da arquitectura galega do século pasado.

Relevante foi tamén a intervención de Palacios no desenvolvemento urbanístico da praia de Lourido –concibida por Manuel Lago Lemos, indiano que fixera cartos na emigración arxentina, mecenas das escolas do Val Miñor– que pretendeu (co seu irmán Laureano) transformar en colonia de veraneo, a que chamaron «praia e cidade de verán América Latina», abreviada polo tempo como «Praia América». Urbanización onde Palacios construíu o hoteliño de Sileno, casa do avogado e caricaturista madrileño Pedro Villahermosa, coñecido como «Sileno», a semellanza da vivenda de Palacios na madrileña colonia do Plantío. No seu libro, Álvaro Bonet advirte que outros chalés pioneiros en Praia América Latina foron a Casa de Celso Méndez deseñada por Manuel Gómez Román e a torre Quirosno do arquitecto Emilio Salgado, consideradas erroneamente até hai pouco obras de Palacios, o que non está de máis aclarar cando remata este ano da súa homenaxe.