Onte 386: Cifras críticas para o libro galego (I)

Coñecimos onte o contido de senllos informes –Comercio Interior del libro en España 2011 (versión definitiva, impresa) e El sector del libro en España 2010-2012) que amosan a actual situación crítica da edición do libro en Galicia e en galego. Varios son os indicadores recollidos en ambos os dous informes de referencia para o «Observatorio de la Lectura y el Libro» do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, que amosan o retroceso do sector tanto no seu volume de edición e facturación como na perda de empregos directos e indirectos.

A edición en Galicia baixou o último ano un 28,8% pasando de editar 4.754 títulos en 2010 a 3.384 en 2011, mentres que en comunidades como Madrid e Cataluña, que concentran o 60% da edición,  aumentou e no conxunto do estado incrementouse nun 2,1%, até os 116.851 títulos, fenómeno en boa medida explicable debido á edición en soportes distintos ao papel. No entanto, o número de títulos editados polos membros da AGE increméntase nun 2,03 % pasando dos 2.115 (1.566 en galego, 520 en castelán e 27 noutras linguas) do ano 2010 aos 2.156 de 2011 (1.587 en galego, 540 en castelán e 28 noutras linguas); tendencia que se mantén no incremento do 0,14 % do número de exemplares fabricados que en 2011 acadan os 3.360.000. Cifras que permiten que a tirada media baixe apenas un 1,76 %, pasando dos 1,589 exemplares por títulos en 2010 aos 1.561 de 2011.

A edición en galego diminuíu no mesmo período, segundo a Panorámica de Edición Española de 2011 en 16,3% (2.130 títulos) e segundo o Comercio Interior del Libro nun 5,22 %, pasando de 2.028 (1.566 en Galicia, 320 en Madrid, 139 en Cataluña e 4 noutras comunidades) en 2010 a 1.922 os títulos publicados polos editores privados en 2011 (1.587 en Galicia, 265 en Madrid, 67 en Cataluña e 3 noutras comunidades). Datos que amosan que os editores privados galegos manteñen o seu nivel de edición en galego, mentres que baixa o número de títulos na nosa lingua editados fóra de Galicia. A pesar de non contar con datos comparativos con respecto ao ano anterior, é salientable que en 2011 foron editados en galego por editores privados 2.497.000 exemplares, o que supón o 74,31 % dos publicados en Galicia, sendo a súa tirada media de 1.573 exemplares por título.

A facturación do comercio interior do libro en España en 2011 diminuíu nun 4,1 % con respecto ao ano anterior, situándose nos 2.772, 34 millóns de euros, dos que estima corresponden o 5,8 % a Galicia, 160,79 millóns de euros. A facturación das editoras privadas galegas foi de 26,86 millóns de euros, o que supón un decrecemento do 13,3 %, o maior sufrido polos diversos gremios pertencentes a FGEE. Decrecemento que dende 2009 –ano que marcou o teito da facturación do noso sector (33,68 millóns €) coincidindo co inicio da lexislatura que agora finaliza– supón un 25,42 % e dende 2010 o 20,25 %.

O estudo do comercio interior estima en 21,43 millóns de euros a facturación do libro editado en galego en 2011 polas editoras da AGE, cifra que só se pode comparar cos 21,98 millóns de euros do estudo de comercio interior do libro galego de 2007, até agora o último dispoñible. Cifra que amosa un claro estancamento do sector dende entón, que de ser corrixida a prezos constantes amosaría, tamén, un significativa retroceso superior aos dez puntos. Tanto no caso do libro editado en Galicia (26,86 millóns €) como o editado en galego (22,50 millóns €), as librarías independentes  continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 55,8 % no primeiro caso e nun 53, 6 % no segundo. Convén reparar que relacionando as cifras, obtemos que a cota do mercado do libro en galego foi en Galicia no ano 2011 do 14 %.

O estudo de Comercio Interior de 2011 estima a perda de emprego no sector editorial privado galego nun 5,2 %, sendo 249 persoas as que forman parte dos cadros de persoal das empresas; diminuíndo de forma significativa o número de colaboradoras externas, que se reduce de forma moi significativa dende 2009, pasando das 14 de media por empresa até as 8 na actualidade.

Nunha segunda anotación, debullaremos os datos dispoñibles nestes informes estatais sobre a edición e facturación por xéneros do  libro editado en Galicia, agardando a próxima publicación do Estudo do Comercio Interior do libro en galego 2011, encargado pola AGE e a Secretaria Xeral de Cultura da Consellaría de Educación e Cultura.

Onte 371: The Joy of Books

Tras tres xornadas seguidas do intenso Seminario sobre edición de libro electrónico, impartido por Antón Lado e no que participamos trinta editores galegos, é inevitable para os que gozamos co arrecendo dos libros expresar un aceno de perplexidade, entre unha doce melancolía e un ilusionante entusiasmo. Vivimos un momento de tránsito, onde a pesar das incertezas sobre o modelo da cadea de valor do sector do libro debemos desenvolver un catálogo de lecturas, tanto impresas como electrónicas. No obstante, preparar unha oferta de referencia en lingua galega en formato dixital é hoxe un dos retos principais do sector da edición privada en Galicia. Sen dúbida, o excelente ciclo formativo de Antón Lado moito axudará en impulsala e orientala. O noso maior recoñecemento para el.

Onte 317: Outlet do Libro Galego

Participei no acto de inauguración do Outlet do Libro Galego de Pontevedra, organizado pola Asociación Galega de Editores e as librarías Paz e Seijas, coa colaboración do concello de Pontevedra e da AGPI. Como sinalou o escritor Manuel Lourenzo, magnífico pregoeiro do evento, do que se trata «é de proporcionar unha nova oportunidade a uns títulos [900 de 14 editoras], que xa completaron o seu circuíto comercial». Unha oportunidade para mercar ademais de libros para todos os públicos, obra gráfica de ilustradores recoñecidos, tanto de orixinais como de láminas dixitalizadas, tamén a prezos moi atractivos. Tras o éxito de Allariz, este segundo outlet constitúe un novo esforzo da AGE para procurar espazos de visibilidade para os fondos do libro galego. Convido a acudir ao Café Moderno de Pontevedra. Creo que paga a pena.

Aquí descarga o programa.

Onte 170: Debate sobre os libros de texto dixitais

Tras a intensa tarde e serán de debate arredor do futuro do libro de texto dixital e do programa Abalar, organizado por Nova Escola Galega, convencinme máis, se me quedaba algunha dúbida, do carácter disrutivo que introduce, tamén na educación, o paradigma da comunicación dixital, ao tempo que da necesidade de acompañar a innovación tecnolóxica nas aulas cun modelo didáctico rigoroso e unha planificación coidadosa da innovación. A intervención do profesor Jordi Adell evidenciou ese carácter disrutivo provocado tanto polas posibilidades da concepción dixital de código aberto (copiabilidade, transferencia, interactividade, multimodalidade….) como polas inherentes á propia rede (colaboración, serendipia, simultaneidade….). Adell foi demoledor, ademais dun chisco teatral, no diagnóstico sobre o futuro que lle agarda ao «moi poderoso sector editorial educativo» ao que considera o grande perdedor desta mudanza disrutiva na que o profesorado, iso si, se conta con vontade, será o creador e prosumidor colaborativo dos contidos dixitais que utiliza na aula. Porén, fronte ao entusiasmo da magnífica conferencia de Adell, na mesa redonda sobre o proxecto Abalar, na que intervín en representación da Asociación Galega de Editores, se evidenciou que a tecnoloxía por si mesma non supón innovación e mellora da calidade educativa nin ruptura de modelos educativos pasivos nin sequera asegura unha convincente alfabetización de carácter hipertextual. Neste proceso de tránsito entre os paradigmas analóxico e dixital, non é doado valorar de forma serena e obxectiva as tendencias que se van consolidando sobre o futuro do libro de texto dixital. Hoxe as posibilidades colaborativas que para o profesorado máis innovador e inquedo introducen os libros de texto open source ou os que utilizan licenzas libres compiten no mercado educativo estadounidense coa estratexia de Apple de vender millóns dos seus ipads aos escolares ou a dalgunhas operadoras de televisión, como Discovery, por entrar neste mercado. Un debate interesantísimo, onde os editores educativos debemos participar sen prexuízos ningúns. Neste eido todo está en mudanza e aberto.

Onte 88: As conversas de Culturgal

O soño de Culturgal é un proxecto consolidado. Na derradeira xornada o público familiar volveu encher as instalacións do Pazo da Cultura pontevedrés confirmando a tendencia exitosa de xornadas anteriores. Especialmente seguidas polo público foron as conversas de Salón, un modelo atractivo e alternativo ás presentacións convencionais de libros e discos. A este interese non foi alleo a intervención do equipo de xornalistas culturais que conversaron cos autores e autoras. Ana Romaní, Manuel Jabois, Xesús Fraga, Belén López e Teresa Cuíñas amosaron o alto nivel do xornalismo cultural que se está facendo no país. Hoxe merecen o noso maior recoñecemento.

Onte 86: Culturgal 2011

Spot Culturgal 2011 from Culturgal on Vimeo.

Moi prometedora foi a primeira das xornadas do Culturgal 2011. O proxecto consolídase e mellora con respecto a edicións anteriores. A feira é cada vez máis atractiva. Os espazos reorganizáronse tematicamente, concibidos cada un deles como cuartos da casa común da cultura galega, ao tempo que se facilitou a visibilidade de case todos os expositores por medio dun grande corredor. A montaxe dunha grande tenda, na que se ofrece a posibilidade de mercar toda a oferta de novidades do libro e disco en galego, expresa o carácter dedicidamente comercial do evento. O deseño agarimouse para facer os espazos máis acolledores, sendo o programa de actividades aínda máis amplo e diverso, enxergando de forma decidida a procura dun público familiar de fin de semana. Con todo, o máis esperanzador do día foi a presenza dun público máis numeroso ca na primeira das xornadas da pasada edición, o que promete un cheo para este sábado e domingo. A pesar da crise económica e do virus de interesado derrotismo que se pretende inocular na cultura galega, Culturgal 2011 amosa que as industrias culturais en galego bulen, apostan pola innovación e pola mellora dos seus produtos. Paga a pena viaxar a Pontevedra (se o facedes en tren, teredes o 30% de desconto) e pasar a tarde ou o día en Culturgal coa familia. Alí hai moito para ver, gozar e participar. Recoméndoo moi vivamente.

A propiedade intelectual na sociedade dixital: conclusións

Reproducimos o interesantísimo texto de conclusións do Simposio O Libro e a Lectura celebrada arredor do tema «A propiedade intelectual e a sociedade dixital»:

“Ao remate do VIII Simposio do Libro e a Lectura, centrado este ano no tema “A propiedade intelectual na sociedade dixital”, a Asociación Galega de Editores (AGE) quere facer públicas as seguintes conclusións:

1. En primeiro lugar, valoramos moi positivamente o debate plural e diverso das voces que nos acompañaron durante estes dous días para falar dun tema clave para a industrai editorial: a propiedade intelectual na sociedade dixital, facendo nosas as aportacións dos nosos convidados e convidadas.

2. O sector do libro galego é consciente de que nos adentramos aceleradamente nunha sociedade inequivocamente dixital, sociedade que supón cambios de paradigmas para a industria cultural, que transforma os hábitos de acceso ao coñecemento, á información, e crea novas formas de relación co libro e a lectura e, sobre todo, pon en valor novos xeitos de editar e comercializar, distribuír e comunicar o libro.

3. A edición galega debe facer un esforzo por asumir e entender as transformacións que a sociedade dixital propulsa, adaptándose ás súas demandas e respondendo con solvencia aos seus retos, entre os que un novo xeito de entender a propiedade intelectual constitúe unha tarefa primorcial.

4. Tal e como manifestamos no VI Simposio, dedicado ao libro dixital, desde a AGE vemos a necesidade de desenvolver fórmulas que garantan os lexítimos dereitos da propiedade intelectual, que son a base do funcionamento da industria do libro e da creación, e queremos facelo consensuadamente e sen lesionar os dereitos dos usuarios, favorecendo de xeito especial o dereito á nova educación líquida que responde a un novo tempo.

5. Os editores somos os primeiros interesados atopar o xusto equilibro entre a divulgación da cultura, que é o que dota de sentido o noso traballo, e o dereito á retribución que garante a propiedade intelectual. Nese sentido, os editores galegos demandamos aos responsables políticos a urxente elaboración dunha nova Lei de Propiedade Intelectual acorde cos usos e necesidades que dicta a sociedade dixital.

6. Na nova sociedade dixital, cada editor ten dereito a elixir o seu propio modelo de negocio con respecto á xestión da propiedade intelectual, e a coexistencia de modelos diferentes non é excluínte senón enriquecedora.

7. Todo o sector do libro debe traballar conxuntamente para transmitirlle á sociedade unha idea positiva, de progreso e modernidade, arredor dun concepto de propiedade intelectual capaz de abordar os novos ámbitos que abre a cultura dixital, e entendendo que non é posible solucionar os problemas que se plantexan sen un pacto que implique a todas as políticas culturais.

8. A AGE desexa mostrar publicamente o seu agradecemento a CEDRO e ao Consello da Cultura Galega, principais co-patrocinadores deste Simposio do Libro e a Lectura, así como a todos os convidados nesta VIII edición, aos que parabenizamos pola súa magníficia disposición. O próximo ano estaremos novamente nesta cita xa ineludible para os profesionais do sector do libro en Galicia.

AGE, Compostela, 11 de novembro de 2011

A propiedade intelectual na sociedade dixital

O xoves e venres desta semana celebrarase o tradicional Simposio sobre o libro e a lectura da Asociación Galega de Editores que nesta edición xirará sobre A propiedade intelectual na sociedade dixital.

Eis o interesante programa, preparado por Fran Alonso, que se desenvolverá no salón de actos do Consello da Cultura Galega, na Praza do Obradoiro de Santiago:

Xoves 10 de novembro

09:30 Recollida de documentación.

10:00 Sesión inaugural: intervencións do presidente da AGE e Conselleiro de Cultura.

10:30 Conferencia inaugural: Tecnoloxías dixitais e dereito á educación
Conferenciante: Manuel Area, profesor de Tecnoloxía da Educación da Universidade de La Laguna.

11:30 Pausa Café

12:00 Conferencia: A xestión da propiedade intelectual na sociedade dixital
Conferenciante: Juan José Marín, avogado especialista en propiedade intelectual.

13:00 Panel de Debate: Edición e propiedade intelectual
Blas Garzón, de Traficantes de sueños
Carlos Iglesias, da Editorial Net biblo
Tomás González, de Urco Editora

14:30h Remate xornada da mañá.

17:30 Panel de Debate: Escritores, editores e bibliotecas
Daniel Buján, Director da Biblioteca de Galicia
Antonio Mª Ávila, Secretario Xeral da Federación de Gremios de Editores de España
Marcos Calveiro, escritor e avogado

19:30 Remate da xornada de tarde

Venres 11 de novembro

10:00 Conferencia: A propiedade intelectual na sociedade dixital
Conferenciante: Xavier Marcé, Director do Instituto Catalán das Industrias Culturais

11:00 Pausa Café11:30 Panel de Debate As sociedades de xestión na era dixital
Pedro de Andrés, Presidente de CEDRO
Antón Reixa, representante de Galicia na Comisión para a reforma dos Estatutos da SGAE.
David Maeztu, avogado especialista en Creative Commons e propiedade intelectual

13:00 Conferencia de clausura: Os dereitos de autor na sociedade dixital
Conferenciante: Ana Azurmendi, profesora da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra.

14:00 Acto de clausura.

14:30 Peche das xornadas.

Entrevista en «El Ideal Gallego»

Creo que é interesante recoller a entrevista (pdf) que me fixo Carmen Alonso publicada o pasado domingo nos xornais El ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. Creo que dá algunhas das claves das nosas preocupacións profesionais deste tempo.

Fomento da lectura, unha nova fronteira para o libro

Rematou onte con grande éxito o intensísimo e emocionante simposio arredor do Fomento da Lectura organizado pola Asociación Galega de Editores. Polo seu indubidable interese recollemos o documento de conclusións. Un texto importante que pregamos sexa divulgado.

O FOMENTO DA LECTURA: UNHA NOVA FRONTEIRA PARA O LIBRO

1/ A lectura é unha actividade imprescindible para crear cidadáns libres, críticos e formados, e o seu fomento constitúe unha necesidade para romper as fronteiras que restrinxen o libro e a lectura e que non permiten que o seu acceso sexa un ben de carácter universal.

2/ O labor dos medidadores hoxe é máis necesario ca nunca e o seu papel debe ser valorado, reinvindicado, promocionado, escoitado e profesionalizado.

3/ É imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública (administracións, medios de comunicacións, programas políticos, etc) e adquira a notoriedade que lle corresponde nunha sociedade do século XXI.

4/ Para falar de fomento da lectura é fundamental entender o papel social que encarna da lectura pública e, moi notoriamente, o papel das bibliotecas. A rede galega de bibliotecas públicas, e todo o sistema bibliotecario galego, debe ser impulsado e fortalecido.

5/ Os novos tempos fan necesaria a creación dun novo tipo de lector, que é o lector social. Hai que entender a lectura desde unha óptica máis global, máis social, afrontando os retos do futuro, que sintetizarán a lectura impresa e a ciberlectura.

6/ Cada vez máis, no ámbito do libro e da lectura, é necesario crear lectores, non consumidores de libros. Xa que logo, o proceso de selección neste tempo determinado polo mercado, é imprescindible. Non vale calquera libro.

7/ As bibliotecas escolares son centros de recursos fundamentais para o fomento da lectura e o adestramento no acceso e selección da información. Parece necesario dotalas de recursos humanos con horario e dedicación específica para o profesorado implicado. Tampouco podemos esquecer que, como dicía Gabriel Zaid, o principal problema da lectura está nos universitarios que non len. Tamén parece necesario, pois, impulsar universidades lectoras.

8/ No reto da lectura evidénciase como unha necesidade a recuperación, para a familia, da responsabilidade da educación a través a transmisión da lectura como un acto cotián, íntimo e entrañable, que ademais tamén constitúe unha inversión educativa.

9/ O hábito da lectura fundaméntase a través de accións continuadas, dirixidas a favorecer o hábito lector e a achegar o libro e a lectura ás persoas. Nese sentido, dubidamos da eficacia das grandes campañas publicitarias que consumen presupostos desmesurados.

10/ A Asociación Galega de Editores expresa o seu compromiso co fomento da lectura e, moi especialmente, cos seus mediadores, apostando por afrontar os retos de futuro que o libro, a lectura e a cidadanía deste século demandanan a fin de crear un mundo máis libre, máis consciente e máis xusto.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2010