Onte 495: Gonzalo Canedo

Noticia moi triste foi a do falecemento do editor galego Gonzalo Canedo. Coñecino no Liber de 2009, moi pouco antes de que aparecesen os primeiros títulos de Libros del Silencio, a editorial que agarimou dende entón. Contoume entusiasmado que despois dunha longa vida profesional como comercial dalgunhas das máis grandes editoras radicadas en Barcelona –traballou en Círculo de Lectores e como director comercial doutras editoras do grupo Berstelman– decidira arriscar creando unha editora independente onde publicar textos de calidade. Nacido en Cerceda en 1955, pretendía que no seu proxecto editorial tivese presenza destacada a tradución ao castelán da mellor literatura galega contemporánea. Interesáballe publicar a poesía de Ferrín, a narrativa de Casares e doutros narradores galegos novos. Pretendía incluílos nun catálogo literario selecto (faloume de quince títulos por ano) no que se mesturasen con novos talentos e coa recuperacións de autores internacionais inéditos en castelán.

Canedo conseguiu materializar o seu soño en apenas tres anos nos que publicou medio centenar de títulos convertindo a Libros del Silencio nunha das editoras independentes mellor valoradas e visibles, tanto polo interese do seu catálogo como pola súa moi coidada edición, tanto no tratamento dos interiores como dunhas cubertas soberbias. No que atinxe a literatura galega publicou a edición bilingüe (galega e castelá) da obra completa de Lois Pereiro en coidada edición de Daniel Salgado, así como A poesía última de amor e enfermidade do poeta monfortino; o magnífico Elisa e Marcela de Narciso de Gabriel, prologado por Manuel Rivas; e, hai apenas uns meses, a Narrativa breve completa de Carlos Casares, con prologo de Juan Cruz. Magnífico catálogo!

Canedo foi un editor comprometido cos seus libros. Consideraba que «a edición tiña algo de deporte extremo» e advertía que aqueles editores que esquecesen ese principio «corrían o risco de se converter en tristes burócratas». Sempre me impactou o lema que acuñou para a súa editorial, unha frase de Pascal Quignard: «Un libro é un fragmento de silencio en mans do lector. Aquel que escribe cala. Aquel que le non rompe o silencio». O editor Gonzalo Canedo déixanos un silencio fecundo no seu coidado catálogo de lecturas. A nosa gratitude pola súa amizade e a nosa saudade tras o seu pasamento.

Onte 450: Ser libris no Culturgal


Nunha xornada memorable do Culturgal 2012, na que se bateron todas as marcas de afluencia de público, presentamos a campaña «SER LIBRIS» promovida pola Asociación Galega de Editores. Esta peza de 47 segundos, preparada polo equipo de Illa bufarda, é o eixo dunha iniciativa coa que os editores pretendemos contribuír a sensibilizar á cidadanía galega sobre as lecturas como agasallo de Nadal. Baseada no carácter transversal e interxeracional da lectura, a peza ofrécese ademais como un recurso con posibilidades de aproveitamento didáctico.

Onte 449: Gústame o galego en Cultugal

Entre as moitas iniciativas e accións que se desenvolveron na intensa primeira xornada de Culturgal, moito me gustou participar en Gústame o galego, a promovida pola CTNL. Unha marabilla! A tarefa de desmontar prexuízos arredor da lingua e de prestixiala en todos os eidos da vida social require da corresponsabilidade de todas as persoas. Accións imaxinativas e divertidas como esta de «Gústame o galego» pola súa facilidade de viralización e pola súa capacidade de  ontaxiar entusiasmo poden ser doadamente emuladas ou reinventadas de forma creativa en centros educativos ou noutros eventos da cultura de noso. «Gústame que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño», «Gústame o galego con acento africano», «Gústame que non me traduzan o café con leite», «Gústame que me digan “qrt m8″», «Gústame que me lembres en galego»… son mensaxes potentes que merecen ser compartidas. Participar nesta iniciativa é outro motivo máis para viaxar esta fin de semana a Pontevedra e pasar un tempiño no magnífico Culturgal, que paga moito a pena.

Onte 393: Cifras críticas para o libro galego (IV)

Cos datos achegados pola Panorámica de la edición española de libros 2011, que coñecimos onte, podemos actualizar a nosa serie estatística sobre a edición en galego (1991-2011), que dende hai máis de quince anos vimos realizando. Os datos da panorámica, baseados nas inscricións do ISBN, son os que mellor expresan as tendencias da produción editorial, complementándoas coas estimacións de facturación achegadas polos estudos do Comercio Interior do Libro, aos que xa nos referimos en anteriores anotacións.

A panorámica amosa que en 2011 a edición en Galicia baixou con respecto ao ano anterior un 28, 88 % (3.384 títulos), mentres que a edición en galego o fixo no 16,30 % (2.130 exemplares). A edición en galego realizada en Galicia baixou o 18,60 % (1.647 títulos), mentres que a edición en galego fóra da nosa comunidade decreceu o 6,93 % (483 títulos). A edición en galego en Galicia supuxo o 77,32 % do total da realizada na nosa lingua e o 48,67 % da editada en Galicia.

A edición realizada por editoriais privadas supuxo en 2011 o 90,47 % (1.927 títulos) da realizada en galego, diminuíndo nun 16,00 % con respecto ao ano anterior. A edición pública en galego supuxo o 9,53 % (203 títulos), a procentaxe máis baixa da última década, decrecendo nun 18,80 %. Dentro da edición institucional, é a a realizada polas universidades (59,61 %) a que continúa liderando o sector, a pesar de que diminúe o 31,63 %. A edición realizada polos organismos autonómicos, Xunta de Galicia e Consello da Cultura Galega diminuíu nun 39,28 %, supoñendo os seus 17 títulos apenas o 0,80 % do esforzo editorial anual en lingua galega.

As primeiras edicións supuxeron o 85,87 % (1.829 títulos), mentres que as reedicións e reimpresións o 14,13% (311). O número de primeiras edicións diminuíu con respecto ao ano anterior nun 18,27 %, o que quere dicir que se reducíu o número de novidades, mentres que aumentou lixeiramente nun 1,16 % o de reedicións e reimpresións.

A edición en galego en papel supuxo o 78,35 % (1.669 títulos), mentres que a relizadas en soportes dixitais o 21,65 % (461). A edición en papel diminuíu nun 28,25 %, mentres que a edición dixital duplicouse nun 211,47%, o que amosa unha importante ampliación desta oferta e a aceleración do proceso de substitución iniciado hai unha década.

A edición en galego de traducións supuxo o 27,10% (577 títulos), a maior porcentaxe das dúas últimas décadas. O número de traducións descende apena sun 5,09 %, mentres o de obras orixinais faino no 19,78 %. O castelán continúa sendo a lingua máis traducida, 68,50 % (395 títulos), seguida do inglés, 11,60 % (67), e do francés 6,20 % (36).

Por ámbitos temáticos, a edición continúa concentrándose no eido escolar xa que o libro de texto co 24,50 % (585 títulos) e a literatura infantil e xuvenil co 15,40 % (328) representan o 39,90 % dos títulos publicados. Porén, semella identificarse unha mudanza de tendencia xa que a edición infantil é a que máis diminúe, mesmo nun moi apreciable 40,36 %, mentres que se incrementa nunha porcentaxe semellante a de Ciencias Sociais que xa supón o 29,30 % do sector. Pola súa banda, a edición literaria co 20,20 % (431 títulos) diminúe nun 36,80 %, porcentaxe moi elevada.

Se comparamos a edición en galego coa doutras linguas oficiais, comprobamos que a nosa é a que máis descende (-16,80%), mentres que en castelán diminúe nun 0,13 %, incrementándose en éuscaro nun 2,65 % e en catalán nun 19,67 %. Ademais, se comparamos o número de referencias de ISBN en relación ao número de habitantes de cada comunidade, comprobamos que a oferta editorial en catalán en Cataluña continúa duplicando a existente en galego e eúscaro.

Por último, os datos da nosa serie estatística concentran a oferta editorial en galego no período autonómico, sendo xa do 94,71%. No entanto, hai unha cifra que non debe pasar desapercibida: a finais de 2011 a serie histórica do libro editado en galego acadou as 36.926 referencias.

Onte 391: Liber e Frankfurt

A Xunta de Galicia e a AGE non contarán este ano con estand nin no Liber de Barcelona nin na Feira Internacional do Libro de Frankfurt. Rómpese así unha tradición de máis de dúas décadas de participación institucional conxunta da administración galega e do sector editorial privado nestas dúas citas, que até hoxe semellaban ineludibles. Outro efecto desolador dos recortes sobre as políticas públicas de lectura que amosa, ademais, a inexistencia dunha política estratéxica de promoción do libro e da lingua galega no mundo. O sector editorial privado galego estará presente en ambas as dúas feiras por medio dos editores que contrataron os seus propios espazos e pola viaxe comercial, organizada pola Cámara de Comercio, que a vindeira semana se realizará a Frankfurt. Agardamos que o vindeiro ano, o sector privado e a Xunta de Galicia recuperemos a colaboración no marco dun desenvolvemento estratéxico para o sector do libro que pasa neste eido pola creación dunha Oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo. Unha entidade pública privada que se responsabilizaría da difusión das axudas á tradución de obras publicadas en galego a outras linguas, de organizar a presenza institucional nas feiras internacionais do libro e da información web sobre o libro e a literatura galega. Agardo que vivamos tempos mellores.

Onte 390: Cifras críticas para o libro galego (III)

Unha panorámica sobre a situación actual do sector editorial galego, como que vimos facendo estes últimos días, non pode ocultar a redución dos fondos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas públicas de lectura e ás destinadas ao fomento da lingua galega, entre o 50% e o 65% de todas as súas partidas, que se produciu dende 2009. As compras de novidades editoriais en lingua galega destinadas a bibliotecas públicas, reducíronse de 1.250.000 euros (2009) a 500.000 euros (2012), o que supuxo un recurte do 60% ao longo da lexislatura. Redución moi significativa cando pola contra a produción editorial en galego aumentou en número de títulos no mesmo período, debido ao esforzo de dixitalización dos catálogos acometido polos editores galegos sen ningún tipo de axuda por parte da Xunta de Galicia. A resolución da compra de novidades editoriais, correspondente á produción editorial de 2011, amosa que se precisarían triplicar os fondos destinados pola Secretaría Xeral de Cultural para cumprir o compromiso establecido pola Lei 17/2006 do Libro e a lectura de Galicia a este respecto. Outrosí sucede coas axudas convocadas, ao longo de dúas décadas, pola desaparecida Consellaría de Cultura destinadas a Grandes Proxectos Editoriais (non convocadas xa en 2012) e a Tradución de obras para o galego e dende o galego que tras a redución ao 50% do seu importe, sufriron o alongamento do pagamento dos seus importes a un terceiro exercicio. Outrosí acontece coas axudas para a edición de materiais didácticos impresos e dixitais dirixidos ao sistema educativo non universitario convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística que pasaron dunha dotación superior ao millón de euros en 2009; a unha redución de case o 50% en 2010 (501.617 euros); a unha inaudita supresión no mes de setembro da adxudicación da convocatoria de 2011 (400.000 euros); á adxudicación da convocatoria de 2012 (350.000 euros), o que supón unha redución do 65% ao longo da lexislatura.

Onte 388: Cifras críticas para o libro galego (II)

A edición impresa que manexamos do estudo de Comercio Interior del libro en España 2011 amosa que o volume da edición e as vendas nas linguas cooficiais (catalán, éuscaro e galego) concéntrase entre o 80 % e o 90 % nos libros de Literatura, Texto, Literatura Infantil e Xuvenil e Ciencias Sociais. Así no caso dos libros editados en galego polos membros AGE o número dos publicados en 2011 destes catro xéneros (1.433) representa o 90,30 %, mentres que a súa facturación supuxo o 87,50 %.

A edición literaria en galego (399 títulos, 509.000 exemplares) supuxo o 25,10 % dos títulos e o 20,40 % dos exemplares fabricados, mentres que as súas vendas (2,84 millóns de €) supuxeron apenas o 13,20 % do total das do libro en galego.

A novela, cunha tiraxe media de 1.632 exemplares, continúa sendo o xénero privilexiado da edición literaria en galego, tanto en número de títulos (218, o 13,70 %), de exemplares (356.000, o 14,30 %) como na súa facturación (2,13 millóns de €, o 9,90 %). É interesante comparar estes datos do mercado da novela en galego cos do conxunto deste subsector de ficción en España, que en 2011 editou 12.642 títulos, imprimiu 56 millóns de exemplares e facturou 507 millóns de €. Se desagregamos máis as cifras, comprobamos que a edición de novela en castelán facturou 461 millóns de € (o 18,70 % do seu mercado), en catalán 41 millóns de € (o 16,90 % do seu mercado total), sendo en galego apenas os citados 2,13 millóns de €. Noutras cifras, o número de novelas en castelán multiplica as galegas por 50, o número de exemplares por 148 e a súa facturación por 216. Se facemos esta comparativa coa edición en catalán, o número de novelas editadas (1.038) quintuplica o das galegas, o número de exemplares fabricados (2.748.000) multiplícaas por oito e a facturación case por vinte. Ademais, se comparamos o mercado da novela en galego (2,13 millóns de €) co total do mercado libro en Galicia en 2011 (160,79 millóns de €) obtemos que a súa cota real no mercado galego do libro é do 1,32 %. Cifras que representan unha pelexa tan desigual como a que desputou David contra Goliat.

A edición de poesía e teatro en galego con 63 títulos en 2011 supuxo o 4,00 % do total, o 3,10 % dos exemplares editados e o 1,30 % da facturación. Mentres que a edición de ensaio e estudos literarios en galego, cunha tiraxe media de 647 exemplares, con 118 títulos representou o 7,40 % do total, o 3,10 % dos exemplares e o 2,00 % da facturación.

A edición infantil e xuvenil en galego con 439 títulos en 2011 supuxo o 27,70 % do total, o 26,10 % dos exemplares editados e o 18,90 % da facturación.  Mentres que a edición de libro de texto en galego con 487 títulos en 2011 supuxo o 30,70 % do total, o 37,20 % dos exemplares editados e o 53,00 % da facturación.

A edición de Ciencias Sociais en galego con 108 títulos en 2011 supuxo o 6,80 % do total, o 4,30 % dos exemplares editados e o 2,40 % da facturación.  Mentres que a edición de libros Científico técnicos en galego con apenas 30 títulos en 2011 supuxo o 1,90 % do total, o 1,40 % dos exemplares editados e o 0,70 % da facturación.

Paga a pena comparar estes datos de 2011 cos dispoñibles no estudo sobre comercio interior do libro galego en 2007. Neste período aumentou a produción de novela en galego, case duplicándose o número de títulos, que pasaron dos 113 de 2007 aos 218 de 2011, como tamén se triplicou o número dos exemplares producidos, que pasaron dos 113.000 de 2007 aos  356.000 de 2011; porén a facturación só se incrementou apenas nun 8,10 % (sen contar a suba de prezos), pasando de 1,97 millóns de € de 2007 a 2,13 millóns de 2011. No caso do libro Infantil e Xuvenil aumentou o número de títulos nun 17,95 %, que pasaron dos 418 de 2007 aos 493 de 2011, diminuíu o número dos exemplares producidos nun 15,00 %, que pasaron dos 759.000 de 2007 aos  652.000 de 2011; manténdose a facturación, en ambos ous dous exercicios arredor do 4 millóns €. Por último, no caso do libro de texto o número de títulos decreceu lixeiramente nun 2,60 %, pasando de  500 de 2007 aos 487 de 2011, aumentou o número dos exemplares producidos nun 16,83 %, que pasaron dos 796.000 de 2007 aos  930.000 de 2011; incrementándose a facturación nun 22,36 %, pasando dos 10,91 millóns de € de 2007 aos 11,35 millóns de 2011.

Agardamos contar axiña cos datos proporcionados polo Estudo do Comercio Interior do libro en galego 2011, encargado pola AGE e a Secretaria Xeral de Cultura da Consellaría de Educación e Cultura para poder interpretalos máis acaidamente.