Onte 1901: Crónica da Feira do Libro da Coruña 2017

Rematamos onte tres días de intensa participación na Feira do Libro da Coruña. Seráns literarias todas moi concorridas  e interesantes nas que presentamos algunhas das novidades recentes de Xerais dirixidas a públicos diversos.

Comezamos o martes 1 de agosto con Costa do Solpor. O regreso da Illa do tesouro nunha sesión audiovisual na que Xosé María Lema presentou os espazos e os personaxes desta versión publicada en Fóra de Xogo da novela coa que o de Bamiro homenaxea o clásico de Stevenson, a comarca da Costa da Morte. Continuou Elena Gallego Abad, que conversou coa escritora e crítica Mercedes Queixas sobre O xogo de Babel, unha novela publicada na serie de fronteira Milmanda, na que a creadora da serie «Dragal» explora o xénero romántico, a intriga psicolóxica e a literatura de viaxes, tan pouco frecuentes en galego. Pechou a primeira xornada Xurxo Mariño que engaiolou ao público coa presentación audiovisual do seu periplo arredor do planeta recollido en Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, publicado en Básicos Ciencia, e no seu blog fotográfico Vagamundeando. Mentres que Anxo Fariña asinou exemplares na libraría Lume de 4 xinetes.

Protagonizaron a segunda xornada, a do mércores 2 de agosto, Carlos Callón, Pedro Feijoo e Ledicia Costas. Callón tirando de moita retranca presentou o seu ensaio Galegocalentes e galegofalantes, publicado na colección Crónica, e defendeu a necesidade da activación dos galegofalantes e da unión dos galegocalantes como claves para o futuro do idioma. Xaora, os minutos de ouro dunha intervención moi vibrante de Callón foron os que dedicou a denunciar a identificación que os medios de comunicación galegos fan do galego coa delicuencia. A seguir conversamos con Pedro Feijoo sobre Os fillos do lume, a novela que recibida de forma entusiasta pola crítica lidera tamén de forma indiscutible todas as listas dos libros máis vendidos en galego. Feijoo defendeu a importancia da memoria no conxunto da súa obra e a súa intención de ofrecer outra visión de acontecmentos claves da nosa historia, como a Guerra de Galicia, mal chamada da Independencia. Mentres que a escritora Ledicia Costas asinou no stand de Lume exemplares da súa obra.

Onte, na nosa derradeira xornada, foron protagonistas Xurxo Souto, Manuel Rivas e Miguel Vázquez Freire. Souto presentou a cuarta edición de Contos da Coruña, un clásico, publicado hai dezaseis anos, que constitúe un auténtico compendio de épica cascarilleira, lembrando á poeta Luisa Villalta, que morreu en 2004 sen poder presentar En concerto, o seu libro póstumo. As repichocas e os contos de Xurxo emocionaron a un público que rendido celebrou a palabra coruñesa perfecta: ORZÁN. Desenvolveuse despois a agardada homenaxe arredor de Os libros arden mal de Manuel Rivas, recoñecida co Premio Mondoñedo 10 como a mellor novela galega da década (2006-2015). Antes da lectura de tres fragmentos, Rivas defendeu «a memoria conxugada como un presente recordado, a utopía de seres que exercen o dereito a soñar», insistindo en que «o corpo da linguaxe é a liberdade», e «a literatura debe funcionar como un biodetector, capaz de desvelar zonas de misterio», para finalizar citando a John Berger: «hai que ter un pouco de esperanza».

Pechou a participación de Xerais a presentación de Demos de verán, o regreso á narrativa galega, despois de case dúas décadas, de Miguel Vázquez Freire. Foi o xornalista Tino Santiago quen presentou unha novela que definiu como de lectura moi intensa. Na súa intervención Miguel confesou que tardara dez anos en escribila, «abandoneino moita sveces, case pode comigo como escritor, mais conseguín finalizala». Desvelou que foran tres as fontes da obra. A primeira os sucesos de malos tratos a menores acaecidos en 1984 e coñecidos como o caso Edelweiss; asegunda, un encontro fortuíto que tivo en Roma, que lle permitiu crear o personaxe de Radia Ludescu e desatascar a novela; e o terceiro, a proliferación de ideas, que levaron á humanidade ao desastre, difíciles de erradicar. «Quixen facer unha novela paródica das novelas esotéricas, ao xeito d’ O péndulo de Foucault, uha novela de misterio con fondo esotérico». Rematou Miguel anunciando a apertura do blog da novela onde publicará contidos estendidos.

 

Vigo, a nosa California

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao bando que leu Víctor Freixanes con motivo do Día de Galicia en Vigo 2017:

Encantoume o Bando que co gallo do Día de Galicia en Vigo 2017 leu en Castrelos o escritor e editor Víctor F. Freixanes, actual presidente da Real Academia Galega. Unha peza literaria fermosa na que reivindicou o liderado de Vigo no proxecto modernizador de Galicia, ao tempo que evocou de forma saudosa os seus corenta anos vencellado á cidade, desque comezou a traballar naquela Radio Popular de Vigo da época de José Andrés Hernández e Gerardo González Martín. Un discurso inzado de chamadas a mobilizar azos, ideas e vontades para que Vigo non perda nin a súa identidade nin o seu liderado. Freixanes citou a Méndez Ferrín para advertir que Galicia só se salvará se o fai Vigo, apelando así ao carácter acolledor, dinámico e cívico (“revolcado”, adxectivaba Xela Arias) dunha “cidade de encontros”, “cidade para construír e sementar, sen complexos, sempre a sumar, sempre a abrir os brazos aos que se achegan, porque todos somos de aquí, todos somos Vigo, e en sendo Vigo somos Galicia”. Xaora, foi o treito final do discurso o máis emocionante, cando Víctor relatou a historia dun seu veciño da praza da Constitución, un veterano alfaiate catalán que nos anos corenta, camiño de coller o barco para América, decidiu quedar en terra e facer de Vigo a súa California, o país de oportunidades para el e para a súa familia.

O memorable discurso de Freixanes, que pola súa forma e calado xa forma parte da historia viguesa, constitúe un chamamento dende as células primixenias da sociedade civil viguesa, as formadas polo mundo do traballo, do asociacionismo e dos movementos sociais, a recuperar o entusiasmo pola idea de construír colectivamente o Gran Vigo como primeiro motor de Galicia. Freixanes convocou a recuperar o soño de Castelao para Vigo, como aquela Barcelona atlántica deseñada polo arquitecto Antonio Palacios; a facer aquel Vigo cosmopolita, que entusiasmaba a Julio Camba; a desenvolver aquel Vigo en bisbarra, co que Ramón Otero Pedrayo salientaba o seu carácter policéntrico e a importancia das súas vinte e tres parroquias; mais tamén a non esquecer o Vigo das xeometrías fabrís, o “abismo e paraíso” do poeta Manuel Forcadela, “a cidade Feroz” de Iolanda Zúñiga, “a cidade teorema” de Celso Emilio Ferreiro, “a cidade das grúas asombradas” de Antón Reixa… En definitiva, a facer esa cidade nova, activa e agarimosa que sempre se ofreceu orgullosa a liderar en todos os eidos o proxecto dun país chamado Galicia.

Porén, xusto é recoñecelo, este proxecto de Vigo ao servizo de Galicia foi perdendo pulo nas últimas décadas, tanto pola ferocidade da crise económica sobre a área metropolitana viguesa, singularmente sobre os sectores da automoción e o naval, onde reside o seu ADN industrial, como pola perda do músculo financeiro que supuxo ao longo do século XX a Caixa de Aforros para a economía viguesa. A continuidade do índice de desemprego arredor do 20 % amosa as dificultades de recuperación da economía metropolitana. Mais Vigo neste mesmo período tamén perdeu peso político, como amosa o insoportable bloqueo institucional, especialmente da Xunta de Galicia e do Goberno de España, que paraliza e ralentiza boa parte dos seus proxectos estratéxicos como a posta en marcha da área metropolitana, a chegada directa do AVE da meseta ou a declaración pola Unesco das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade…

Os datos do “Informe económico e de competitivade Ardán 2017”, presentados hai apenas uns días pola Zona Franca, confirman que o Vigo metropolitano diminuíu o seu peso na economía galega, en boa medida polo crecemento da área urbana da Coruña. Unha perda do liderado, que o profesor Santiago Lago explica polo éxito da estratexia de “globalización intelixente de Inditex”, empresa para a que semella non existir a crise, da que depende o 70 % do saldo comercial de Galicia e que funciona como arrastre para a súa rexión urbana. Como non hai dúbida, pola contra, que a crise continúa batendo sobre os sectores industriais tradicionais viguesas da automoción e do naval, o que supón un factor de incerteza, mitigado, pola resistencia do tecido empresarial vigués que sigue sendo líder en Galicia, tanto en vendas brutas como en valor engadido, entre as compañías que facturan até 10 millóns de euros.

Vigo non pode deitarse nin nos brazos do conformismo nin nos do vitimismo cantonalista. Todos os datos amosan que pode volver a recuperar as posicións do liderado galego, sempre que asuma unha estratexia de rexeneración e diversificación profunda dos seus sectores, que podería ser moi facilitada pola creación dun entorno de cooperación institucional leal entre as diversas administracións públicas. Vigo debe continuar sendo terra vizosa de oportunidades e de acollida, como esa California da que lle falaba a Freixanes o alfaiate catalán.

Onte 1900: O estado da nosa tradución

 Por fin tiven acougo para debullar «La traducción literaria gallega contemporánea. Intratraducción y Extratraducción», o traballo da profesora Iolanda Galanes Santos  incluído no libro La traducción literaria. Nuevas investigaciones (Comares 2016). Iolanda Galanes presenta un panorama completo do estado da tradución literaria galega contemporánea, mesmo afondando nos seus antecendentes históricos, utilizando como fonte principal o Catálogo da Tradución Galega do Grupo Bitraga da Universidade de Vigo do que forma parte. Identifica no período 1980-2015, coincidindo coa institucionalización do galego, co desenvolvemento profesional do sector da edición e dos estudos universitarios de tradución e interpretación, 4.603 traducións, das que 1.540 son extratraducións (obras galegas verquidas a outras linguas), sendo a LIX o motor da tradución galega e a narrativa, máis en concreto o subxénero da novela, o tipo de texto máis traducido neste período.

Entre outros datos salientables, Galanes sinala que até agora foron 43 as linguas que entraron en contacto coa galega a través da tradución sendo no caso da intratradución o español (795), inglés (683), francés (428), alemán (234) e italiano (161) as de orixe máis traducidas; mentres que no caso da extratradución o maior volume foi para o español, catalán e éuscaro, feito que para a autora «non é alleo o importante papel da lix na historia da tradución galega na súa fase comercial».

Por último, Galanes ofrece dous cadros esenciais para comprender o estado da nosa tradución. No primeiro, referido a Intratradución, aparecen como os autores máis traducidos ao galego para público adulto Arthur Conan Doyle, Shakespeare e Poe, mentres que para o publico de LIX, son Grimm, Alcantara e Andersen, ademais dos cómics de Tintín e Astérix. No segundo, no caso da Extratradución, os autores galegos para público adulto máis traducidos son Manuel Rivas (a 25 linguas), Rosalía de Castro (a 16), Suso de Toro (a 13) e Xosé Neira Vilas (a 13); mentres que Agustín Fernández Paz (115 traducións) e Fina Casalderrey (103) son os que contan con máis tradución dirixidas ao publico LIX.

Debullando no artigo, insisto moi vizoso e ben traballado, sabemos que a obra galega máis traducida a outras linguas (25) é O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, mentres o título que conta probablemente con maior número de edicións é Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz.  Entre as conclusións do artigo destaco o feito de que para Iolanda Galanes a pesar de que «o aumento de referencias e espazos [de tradución] foi exponencial, non podemos considerar que se producira un diálogo con todas as culturas nas que se entrou en relación, ainda que se realizasen importantes avances, especialmente nos últimos anos». O dito, un traballo de referencia sobre o estado da tradución galega, ao que cómpre volver.

Mención á parte merece o conxunto do volume, La traducción literaria. Nuevas investigaciones, do que son editoras a propia Iolanda Galanes, e as súas compañeiras do grupo Bitraga, Ana Luna Alonso, Silvia Montero Küper e Áurea Fernández Rodríguez, no que se inclúen outros traballos de grande interese para o coñecemento da edición galega. Singular importancia ten o capítulo asinado pola profesora María do Cebreiro Rábade Villar «Lecciones de economía poética. La traducción de poesía en Galicia, Euskadi y Cataluña (2010-2015)».

Onte 1899: «On the Milky Road», o regreso de Emir Kusturica

Sei que Emir Kusturica é un director que posúe un imaxinario propio achegado ao surrealismo, onde os contidos oníricos, o protagonismo dos animais e da natureza, así como a presenza da música tardicional serbia están presentes en boa parte das súas películas. Así sucede tamén en On the Milky Road (En la Vía Láctea) onde un episodio da guerra dos Balcáns sirve de fondo para contar unha delirante historia de amor, na que os animais, dende unha serpe e un falcón, até gansos e ovellas adquiren enorme protagonismo alegórico. Película de trama enxeñosa e extravagante retrata de forma desapiadada a violencia e o terror da guerra, mais que non impide que sexa un amor (imposible) o que triunfe sobre a forza da natureza. Unha boa ración de realismo máxico con carga simbólica, protagonizada pola fermosa Mónica Bellucci e o propio Kusturica, tinguida de doses de humor sarcástico e dunha triste melancolía. En definitiva, un conto de fadas no entorno brutal da guerra.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1898: «O Códice esmeralda», novela atlántica

Magnífica foi a presentación d’ O Códice esmeralda, a novela de Alberte Blanco, no Museo Massó no marco das actividades  do XXI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu organizado pola Asociación de amigos de embarcacións tradicionais Os Galos. Ao acubillo do mural de Urbano Lugrís e dunha peza artilleira dun navío da batalla de Rande de 1702, Alberte Blanco definiu O Códice esmeralda como «unha novela atlántica, unha novela de mar nacida coa intención de homenaxear aos meus devanceiros vinculados dende hai xeracións á construción naval e a todos os mariñeiros». «Como tamén axudou nos eu nacemento o feito de que a batalla de Rande se producise a poucos metros de onde eu nacín, acompañándome dende a nenez, cando coñecín, a finais dos cincuenta, a expedición de Stenuit e Potter que facían as prospeccións procurando o tesouro na ría». «Entrelacei así tres relatos independentes, localizados todos na enseada do Ulló, ofrecendo unha novela de tesouros da que estou moi orgulloso».

Onte 1897: Vigo, a nosa California

Encantoume o Bando que co Gallo do Día de Galicia en Vigo 2017 leu onte en Castrelos Víctor Freixanes. Unha peza literaria fermosa na que reivindicou o liderado de Vigo no proxecto de modernización que Galicia precisa ao tempo que evocou de forma saudosa os seus corenta anos vencellado a nosa abella da ribeira. Un discurso inzado de chamadas a mobilizar azos, ideas e vontades para que Vigo non perda nin súa identidade nin o seu liderado. Particularmente brillante foi o treito final do discurso no que definiu a Vigo como “cidade de encontros, territorio luminoso de amizades e descubertas, cidade para construír e sementar, sen complexos, sempre a sumar, sempre a abrir os brazos aos que se achegan, porque todos somos de aquí, todos somos Vigo, e en sendo Vigo somos Galicia…” Freixanes salientou coa afouteza e firmeza necesarias que son a inclusividade corresponsable galeguista e o territorio dos afectos os sinais de identidade desta “dama, señora, branca e luminosa”, a nosa California. Unha alfaia viguesa para conservar. Beizóns, Víctor!

Onte 1896: «Dunkerque»

As boas críticas que limos de Dunkerque leváronos ao cine coas mellores expectativas. Xaora, coa excepción do alegato propagandístico final, o film de Christopher Nolan é unha alfaia como relato cinematográfico. Unha prodixiosa viaxe narrativa simultánea capaz de somerxer ao espectador en tres puntos de vista, tempos e espazos distintos para contar a retirada do exército británico de Dunkerque en 1940: na praia e no espigón, onde os soldados agardan desesperados durante unha semana a evacuación; no mar, a travesía dun día dun barquiño de recreo que acude en axuda da flota torpedeada; e no aire, na batalla dunha hora entre Stukas nazis e Spitfires británicos. Loitas angustiosas pola sobrevivencia, reivindicación dun cine (case mudo) cuxa cerna reside na sobriedade da narración visual e da música de Hans Zimmer construída como unha experiencia sensorial. Película de beleza inmensa no medio do horror, onde a morte aparece representada apenas polo silencio e polos detalles da ausencia. Cine valioso o de Nolan.

60 anos de Follas Novas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo, coincidindo co 25 de xullo, a lembrar a experiencia de Follas Novas, iniciativa que hai sesenta anos promoveron Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda:

O 15 de xullo de 1957, aniversario da morte de Rosalía de Castro, o matrimonio de escritores Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda inaugurou no seu propio fogar de Buenos Aires, na rúa Asunción 3035, o que bautizaron como Follas Novas, unha empresa editorial galega concibida para reunir todo o que se publicaba en galego e sobre Galicia en calquera lugar do mundo. Pepe e Anisia, daquela uns mozos recén casados, presentaron a iniciativa como “feira permanente do libro galego”, unha organización editorial e libreira continuadora do labor a prol do libro galego que viñan desenvolvendo sociedades e centros galegos e o activista e polifacético Luís Seoane que, contando coa colaboración de Arturo Cuadrado, impulsou edicións de libros galegos nas coleccións Hórreo e Dorna da arxentina Emecé Editores e máis tarde nos selos propios como Nova (1944), Botella al mar (1946) ou Citania (1957).

Un esforzo de resistencia da edición galega no exilio destinado tamén a facerse oír na propia Galicia interior, nos tempos difíciles do franquismo feroz onde os exemplares das edicións destes libros e revistas (como Galicia emigrante) chegaban de matute nos fondos das maletas emigrantes, sendo distribuídos despois de forma discreta nalgunhas librarías comprometidas, como a famosa anticuaria Monterrey de Pi e Margall 14, aberta dende 1948 por Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez.

Segundo confesou Xosé Neira Vilas no se discurso de ingreso na Academia Galega, «A cultura galega en Buenos Aires: 1950-1960», no seu primeiro ano de actividade Follas Novas comezou a distribuír as edicións de autor e os fondos de Emecé e Nova dispoñibles, aos que se engadiron os que chegaban de Galicia, os primeiros publicados por Galaxia, Bibliófilos Gallegos e a colección de poesía Benito Soto, que comezaban a reiniciar a actividade editorial galega no interior. Imprimiu catálogos, creou un sistema postal de novidades, que se distribuía entre asociacións de emigrantes, exiliados e universidades, ademais de instalar vitrinas en oito sociedades galegas da capital arxentina, onde se expoñían os libros galegos máis recentes.

Follas Novas organizou actos culturais, como a grande homenaxe a Otero Pedrayo, que chegara a Buenos Aires invitado polo Centro Galego para ditar conferencias e tomar parte nos actos do Día de Galicia de 1959. Entre o 22 de xullo e o 5 de agosto de 1960 preparou a primeira exposición de prensa galega na arxentina, ademais de tres exposicións do libro galego, a do Centro Lucense de Buenos Aires; a de Montevideo, inaugurada por Lois Tobío; e a de Caracas, que contou coa participación de Emilio González López e Pura Vázquez. Cada sábado celebraba unha xuntanzas de mozos galegos e arxentinos nas que se comentaban os libros que ían chegando e se lían poesías e narracións. Follas Novas vendía libros nos actos públicos da comunidade galega, para o que contaba coa axuda de mozos vencellados ás asociacións.

Follas Novas anunciaba as súas actividades nas revistas da comunidade e contaba cunha emisión radiofónica, «Mirador bibliográfico galego», unha iniciativa pioneira onde semanalmente Elsa Fernández, unha colaboradora principal do proxecto, comentaba un libro. Ademais de establecer filiais e núcleos de colaboradores en Caracas, Montevideo, Santiago de Chile e Nova Iork, e na Arxentina en Mar del Plata, Santa Fe e Rosario. Tamén pola súa iniciativa, o 10 de outubro de 1959, creouse en Follas Novas a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, que editaba a revista «Alén mar» e mantería por anos unha fecunda actividade relacionada coa cultura e a historia dos seus ancestros.

Follas Novas tivo tamén actividade editorial iniciada coa publicación de Itinerario galego (1958) de Víctor Luís Molinari, ao que seguiron Terra aluciada (1959) do porriñés Xosé Conde e Esta es Cuba, hermano (1960) de Anisia Miranda, ademais do primeiro poemario de Xosé Neira Vilas Dende Lonxe (1960) e da súa novela fulcral Memorias dun neno labrego (1961). O propio Pepe Neira confesoume que dentro do programa editorial de Follas Novas estaba previsto facer unha segunda edición de Sempre en Galiza (1944) de Castelao, que xestionaran co Rodolfo Prada e Virxinia Pereira, «na que estaba en proceso de análise a posibilidade de incorporar dous novos capítulos que o autor non incluira na primeira». Non foi posible. Como tampouco a publicación da revista «Letras galegas», que deseñaran. O devalar da vida e os seus accidentes, o que Neira Vilas definiu como «problemas técnicos», obrigou a pechar en 1961 a aventura patriótica de Follas Novas, coincidindo coa marcha de Anisia e Neira a Cuba. Un capítulo heroico da nosa edición no exilio que seis décadas despois merece non ser esquecido.

Onte 1895: Dez anos de Couceiro na praza de Cervantes

A familia do libreiro Xesús Couceiro merece todos os parabéns por esta primeira década celebrada onte da súa instalación na praza de Cervantes número 6, no corazón da cidade compostelá. Un período que a partir de 2009 no entorno do proceso de hibridación editorial e de crise económica tornouse moi difícil, na que os Couceiro levaron o libro ao espazo público convertendo o seu modélico edificio en referente indiscutible para o libro galego, tanto de novidade como de bibliófilo. Ao longo desta década foron máis dun cento as presentacións nas que participamos, algunhas inesquecibles como a de Todo é silencio de Manuel Rivasa primeira que fixemos na praza, ou aqueloutra de Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, coa intervención espontánea dende o público de Xosé Manuel Beiras. Como foron múltiples os actos cívicos que alí se celebraron da Mesa pola Normalización, Prolingua, AELG e outras entidades e asociacións.

Unha tarefa iniciada por Suso Couceiro en 1969, cando abriu a súa primeira libraría compostelá na rúa de San Pedro, continuada no baixo de Xeneral Pardiñas e dende 2007 na casa da praza de Cervantes, que xestionan os seus fillos Pablo e María. Parabéns ao fundador e ao cadro libreiro actual poro seu teimoso compromiso co libro galego e coa cultura da libraría como espazo cultural e civico.

Onte 1894: «Las cloacas de Interior»

Tras ver Las cloacas de Interior, dirixido por Jaume Roures, abraia que non tivese consecuencias políticas, cando a narración da trama revelada por Público demostra a utilización partidista do Ministerio do Interior no mandato de Jorge Fernández Díaz coa intención de prexudicar aos partidos catalanistas. Como abraia que, coa excepción de Gol, canal de TDT en aberto especializado en deportes, propiedade de Mediapro, a produtora do documental, ningunha outra canle española se atrevese a emitir un espazo que obtería (como sucedeu xa en Cataluña e Euskadi) altas cotas de audiencia. Las cloacas de Interior non pasará á historia da televisión pola súa realización, mais si polo feito de enfiar varios sumarios de corrupción onde apararecen implicados membros da «mafia policial». Tras hora e pico de testemuños, algúns tremendos como os do comisario Barrado ou o garda civil Oreja, é inevitable sentir medo, sabendo como o goberno actual entende o papel das forzas de segurirdade e do entramado xurídico do estado.