Onte 1838: O Vindel vai a Vigo

1280px-Martim_Codax_Cantigas_de_Amigo-1024x742

Merece os maiores parabéns o acordo da Universidade de Vigo e da Consellaría de Cultura que permitirá expoñer o Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Alcabre entre outubro de 2017 e marzo de 2018. Péchase así, felizmente, a xestión iniciada pola Asociación Cultural Pertenza de Vigo que solicitou á Pierpont Morgan Library de Nova York a cesión temporal para a súa exposición en Vigo da que é unha das primeiras pezas do patrimonio literario galego e icona da cidade e da ría de Martín Codax. Unha exposición e un programa de actividades literarias, musicais e artísticas que convertirá a Vigo durante uns meses en capital literaria da lusofonía, ademais de importante atracción do turismo cultural portugués. Mágoa que o o concello de Vigo renunciase a participar nun fito histórico para Galicia e para a propia cidade. Apenas outra doa perdida máis no triste devalo cultural dunha cidade deitada nos brazos do conformismo cesarista. Beizón para os responsables da Universidade de Vigo e da Consellaría de Cultura pola súa xenerosa colaboración interinstitucional, unha cultura de acordos que tanto precisamos en Vigo.

Onte 1837: Azos de Agustín

Agustin_Fernandez_07-03-2013Lendo nos textos do novo libro de ensaio de Agustín Fernandez Paz, que preparamos para fin da primavera, recupero azos e doses de entusiasmo para o noso traballo de edición. En boa parte dos textos, centrados sobre a lectura, o libro e a formación do lectorado literario, Agustín insiste en que “a lectura é cousa de todos” (ese foi, tamén, o título da súa intervención de decembro de 2001 no terceiro Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra”), tanto polo feito do seu papel transformardor (individual e social) como polo papel que todas as persoas teñen na súa difusión, e o papel máis esencial aínda que xogamos os que temos a responsabilidade ineludible de contaxiar o virus lector (editores, libreiros, bibliotecarios, críticos, docentes…) nos mozos e mozas, mais tamén sobre o resto dos cidadáns, nas casas, nos centros de ensino ou nas bibliotecas.

Agustín reclamaba hai máis de quince anos unha actualización urxente do discurso dos que cremos que a lectura, e especialmente a lectura literaria, é unha peza decisiva na formación e na vida de calquera persoa. Como reclamaba unha atención á especificidade do caso da lectura en galego, tanto pola súa subordinación no espazo lector (librarías, bibliotecas e medios de comunicación) como polo seu carácter de segunda lingua de lectura para a maioría das familias galegofalantes. Condicionantes para a edición na nosa lingua que, debemos recoñecer, se agudizaron ao longo do actual proceso de hibridación do noso sector, o que provoca tanto desacougo e desorientación no noso debate cultural.

Lembra o mestre Agustín, tamén noutro texto memorable, “Agora entramos nós: a construción do lector”, transcrición da súa conferencia do 7 de marzo de 2013 nos encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que o segredo da mediación lectora está “en motivar, entusiasmar, contaxiar o gusto pola lectura”, algo que debe facerse con “libros que fan lectores”, eses títulos que teñen demostrada a súa calidade e a súa eficacia. Como lembraba que adquirir unha sólida competencia lectora é un camiño longo cheo de etapas, onde cada unha delas ten os seus libros, que deben constituír novos retos formais e temáticos:

Se cadra este é un bo momento para lembrar a «teoría do iceberg», que adoita atribuírse a Hemingway. En esencia, dinos que todo bo libro é como un iceberg. O que lemos son só as 2/5 partes visibles, pero baixo a superficie ocúltanse as 3/5 partes restantes, a gran masa de xeo que sostén todo o conxunto. Por baixo dun texto valioso discorre un poderoso río subterráneo, que é o que nos deixa pegada, aínda sen sermos conscientes dela.

Como lembra Agustín que non hai actividade máis importante que a das persoas mediadoras que promoven a revolución da lectura:

Eu sei que os cambios na sociedade sempre son procesos colectivos, mais non esquezo que estes son unha suma de actitudes individuais. No traballo escolar, moitas veces, non se ven os froitos. E hai ocasións en que parece que todo se esfarela. Sementamos, mais tampouco nos sabemos cando e como agromará esa semente.

Deixádeme que volo diga eu, desde a altura dunha biografía xa cumprida: o traballo de cada un, de cada unha de vós, é imprescindible. Ha agromar en persoas máis críticas e máis libres, e nunha sociedade máis xusta, e nun florear na cultura galega e na transmisión da lingua. Sodes sementadores de futuro, amigas e amigos. Aínda que ás veces pareza clandestina, nunca houbo actividade máis importante. E, como nos demostrou Rosa Parks, o que unha persoa fai pode cambiar o mundo. Vós, non o dubides, estades axudando a cambialo.

Azos do mestre Agustín que moito agradecemos os que cremos que a lectura literaria debe ser o corazón da educación e da actividade cultural. Nese empeño agustiniano continuamos.

Terrorismo machista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao terrorismo machista:

lafoto1_669303_0x0_izdaO asasinato de María José Mateo García “Sesé”, tras a explosión de gas butano provocada na súa casa de Chapela pola súa ex-parella Emilio Fernández Castro, é o máis recente atentado de terrorismo machista na área metropolitana de Vigo. Un crime executado a sangue frío, tras un plan concienzudamente preparado en todos os seus detalles, que amosa a ferocidade deste asasino que puxo todos os medios para impedir que a muller puidese escapar ou defenderse. “Sesé” foi outra vítima a engadir á lista de 17 mulleres (de todas as idades) asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas dende comezos de 2017, período considerado como o peor de violencia machista na última década. Un fenómeno terrorista que, a pesar dos esforzos de concienciación social, repunta no seu número de vítimas e, segundo fontes policiais e xudiciais, no seu nivel de violencia.

Sabemos que esta lacra de morte e moita dor (canto menos tres mulleres foron asasinadas en Galicia en 2016 e 45 desde 2007) non vai ser doada de erradicar. As cifras son moi teimudas e demostran que nos últimos anos non se mitiga o número de casos e de denuncias relacionadas coa violencia machista (arredor de 15 diarias en Galicia, das que 3 corresponden ao xulgado de Vigo) medrando o número de mulleres obrigadas a vivir baixo algunha medida de protección (máis de tres mil), das cales máis de mil teñen protección policial activa. Datos que son apenas orientativos, xa que os criterios de contabilización de vítimas do feminicidio varían en función do organismo público que os realice (Consello Xeral do Poder Xudicial, Ministerio de Sanidade, Ministerio do Interior ou a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia), cinguíndose aos casos contemplados na Lei 1/2004 de Medidas de Protección Integral de Violencia de Xénero, na Lei 8/2015 de protección da infancia e adolescencia e na Lei 11/2007 galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, ou dos utilizados polas organizacións feministas que contemplan todas as formas de violencia e agresión sobre as mulleres.

A violencia sobre as mulleres é unha ferida que se agranda e da que os asasinatos son apenas o iceberg desoutra perigosa doenza do machismo, cultura relacional inoculada de forma explícita ou implícita nos máis diversos eidos da vida social. Un machismo que lonxe de mitigarse continúa estando moi presente, xa dende o berce, na educación familiar que diferencia entre o universo azul dos nenos e o mundo rosa das nenas. Machismo falocéntrico consolidado nos modelos actuais de amor romántico adolescente, simbolizados polo cadeado e a sumisión feminina, cuxas formas de sometemento e exaltación do control están presentes nas letras dalgunhas cancións de moda e son aceleradas pola utilización de Whatsapp e outras redes sociais. A educación na igualdade dende o berce, tanto no eido familiar coma escolar, semella a longo prazo a única vacina eficaz para erradicar os comportamentos machistas que están na orixe desta violencia contra as mulleres.

Mais esa revolución educativa pola igualdade require de tempo e dun gran consenso social e institucional aínda por forxar capaz de sensibilizar ao conxunto da cidadanía que vivir en igualdade non só é posible, senón a única forma digna de facelo. Un proceso que pretende erradicar a violencia contra as mulleres que debe ser acelerado por un gran pacto galego contra a violencia machista. Acordo (por ventura) aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia hai un mes, a proposta de Ana Pontón, no que, entre outras, se contemplen as medidas de protección e asistencia das vítimas, o recoñecemento do concepto de feminicidio, a mellora dos medios e recursos xudiciais, a intensificación de medidas de prevención,  a colaboración cos concellos, a potenciación do funcionamento do Observatorio Galego de Violencia de Xénero e a implicación dos medios de comunicación social públicos e privados no combate á violencia machista evitando o morbo e o sensacionalismo no seu tratamento informativo. Un pacto galego cuxas achegas deben ser incorporadas a esoutro imprescindible Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Erradicar o terrorismo machista obriga á cidadanía a participar de forma activa promovendo comportamentos en igualdade, visibilizando a súa repulsa, denunciando aos agresores e arroupando con firmeza e agarimo ás vítimas. Unha obriga que para os poderes públicos e os medios debería ter a consideración de “cuestión de estado”. Por acción ou por omisión todos e todas podemos contribuír a parar este feminicidio, que é perfectamente evitable.

Onte 1836: Avante, merdeiros!

Merdeiros_2017

Os merdeiros de Vigo (a Asociación Etnográfica “A Merdeira”) queixábanse onte en Fb que no programa do Entroido de Vigo non aparecían nin no venres nin no martes. Apenas outro síntoma do devalo deste entroido vigués no que os responsables municipais, ademais de traer artistas de fóra que nada saben da nosa tradición, determinan o motivo do Meco e as razóns polas que debe ser queimado: outra vez, as voltas coa trapallada do dinoseto e “os enemigos de Vigo”. Que foi daqueles entroidos populares e reivindicativos de Santa Sotina ou das cancións de comparsas revolcadas como Os Tarteiras? Magoadamente aquel Vigo rabudo desapareceu sometido ao conformismo actual da cultura da dinosobe. Unha auténtica desgraza que está arruinando o asociacionismo veciñal e cultural da cidade. Por fortuna os merdeiros, a máscara tradicional viguesa recuperada dende hai once anos, non se someten os caprichos que chegan do Campo de Granada. Pese a quen pese eles seguirán saíndo. Avante, merdeiros de Vigo!

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1835: Rosalía para todos

rosalia_e_de_todos

Celebramos onte o Día de Rosalía, o 180 aniversario do seu nacemento, cunha grande mobilización galeguista. Unha efeméride que cada ano provoca maior interese, promovida pola AELG e a Fundación Rosalía de Castro, entre outras entidades culturais, que lonxe da parafernalia institucional doutras efemérides galeguistas e a pesar de non ser aínda recoñecida no calendario escolar da Consellaría de Educación, interesa a xentes de todas as idades e de todo o país. Rosalía celebrada como a nosa fundadora, como moderno símbolo da unidade de todos os galegos, como feminista pioneira e activa intelectual que pretendía mudar o mundo dende Galicia. Quizais atopemos aí as razóns polas que cada 24 de febreiro sexa unha xornada pola unión, pola esperanza e pola ledicia (máis aínda este ano que coincide co Entroido) de sermos galegos e galegas.

Mais este entusiasmo do 24 de febreiro non pode agochar o desacougo que provoca reparar nas cifras que sobre a situación do galego veñen aparecendo cada 21 de febreiro, data na que se celebra o Día Internacional da Lingua Materna. A falta de datos máis actualizados, a enquisa do IGI de 2013 sinala que apenas o 18,35 % dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos son falantes iniciais do galego, unha porcentaxe que tres anos despois, con certeza, é inferior. Unha hemorraxia do galego como lingua inicial á que contribúe a actual política lingüística educativa que leva a que apenas o 8,5 % dos centros de educación Infantil de 3 a 6 anos utilice maioritariamente a lingua galega (aproximadamente 1.700 alumnos e alumnas en toda Galicia, para cada treito de idade) e o 74, 0 % o faga maioritariamente ou exclusivamente en castelán. Datos do estudo recente feito pola Mesa pola Normalización Lingüística que, de non mudar decontado a deriva imposta pola política lingüística de Alberto Núñez Feijoo e Alfonso Rueda, camiña a súa inevitable desaparición como lingua inicial de Galicia.

Ben está que celebremos a proeza de Rosalía, que é tamén a icona da lingua e do país, e que o fagamos creando novas e fermosas tradicións como a do «Caldo de Groria» ou o da mobilización dixital do #RosaliaTe. Xaora non podemos agochar que vivimos nunha situación crítica pra o futuro dun idioma que comeza amosar síntomas de estar en perigo inevitable de extinción. Rosalía para  todos, tamén para os nosos picariños aos que lles negamos a herdanza da lingua. Transformar as efemérides do 21 e 24 de febreiro en referentes a prol da escolarización en galego é unha proposta a valorar.

Guardar

Onte 1834: Os versos republicanos de Xesús Alonso Montero

Versos_dun_fistor_23-02-2017_01

Coincidindo co serán de Rosalía, presentamos onte na librería Biblos de Lugo Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo, o libro onde Xesús Alonso Montero antologa a súa produción poética das últimas cinco décadas. Foi o profesor Claudio Rodríguez Fer quen glosou un libro que definiu como “un autorretrato de Xesús Alonso Montero dende unha perspectiva ética, estética, ideolóxica e mesmo profesional dende a perspectiva dun fistor popular, aínda que non todos os poemas teñan esta procedencia, xa que hai outros de procedencia culta, na tradición satírica da lírica galaico-portuguesa”. “Este é un libro onde se demostra a ideoloxía de Xesús Alonso Montero: antimonárquico e antiborbónico, anticlerical e exaltador dos gozos da vida, do divertimento, da música, da gastronomía e do humor”. “Este libro é a etopeia de Xesús Alonso Montero, un octosílabo perfecto”, rematou Rodríguez Fer.

XG00268801Centrou o seu discurso Xesús Alonso Montero na reivindicación da palabra fistor, “unha palabra viva no sur da provincia de Ourense que tardou en entrar nos dicionarios galegos, até que Franco Grande a define como poeta popular”. Lembrou o profesor que na parroquia da Groba había unha señora Virxilia que era unha fistora cun talento tremendo. Non sabía ler nin escribir pero era unha poeta das silveiras cunha capacidade para dicir versos extraordinaria, que creaba en calquera situación”. Referiuse despois ao papel dos fiadeiros, “onde se contaba e cantaba”, “naquelas coplas dos fiadeiros estivo a miña primeira universidade literaria, a esa tradición me debo, eu son un fistor”. Antes de comezar a lectura de media ducia de poemas, Alonso confesou o seu carácter de poeta serodio, “a miña primeira composición é de 1963, ditada por unha circunstancia de noxo, o asasinato de Julián Grimau”, así como o feito de que máis da metade dos poemas fosen asinados por heterónimos, a maior parte deles femininos, que dalgún xeito tiveron que ver coa miña biografía”.

Onte 1833: “Sementes”, o primeiro álbum de Sonia García

Sementes_Ribeira_22-02-2017 (2)

Foi unha moi feliz sorpresa todo o que aconteceu no serán de onte o Auditorio Lustres Rivas de Ribeira na presentación de Sementes, o álbum ilustrado co que debuta Sonia García. Un serán artístico en toda regra, onde gozamos dunha presentación literaria, un obradoiro de ilustración e unha sesión de educación musical na que se contou coa activa participación dun público moi numeroso. Todo conducido polo xenio de Sonia García que nos abraiou pola súa capacidade comunicativa e polo seu talento para explorar as artes da poesía, da ilustración e da música.

XG00259201Comezou Sonia García explicando o que ela entendía por álbum ilustrado, “un conxunto harmónico de texto e imaxe que se complementan un a outro”, lembrando despois aos seus referentes no xénero, dende Randolph Caldecott, autor no século XIX do primeiro álbum ilustrado, a Arthur Rackham, que utilizaba o mel nas súas ilustracións, e a J.L. Grandville, que personificou os animais. Referiuse, a seguir a Orwell e Aldous Huxley como referentes literarios no tema distópico que pretendía abordar en Sementes, “unha reflexión sobre o mundo no que vivimos”. “A protagonista do álbum é unha rapaza, Sera, cuxo nome non se menciona, non necesita presentarse, para min esa era a mellor maneira de entrar no seu diario”. “No grafismo quixen utilizar só elementos naturais que estivesen ao meu alcance: grafito, café, mel e nogalina. Obrigoume a facer un estudo das posibilidades de cor e a procurar solucións para as reservas onde poder traballar co grafito”.

Referiuse tamén a cuestións de composición: “Quería que o Reino das Pílulas tivese a forma dunha molécula, composta por átomos, un camiño e unha torre central, a expresión da metáfora do crecemento da planta e da protagonista”. Comentou Sonia as características de cada un dos personaxes: O individuo do Reino, un asno covarde, a sementadora. o mago visionario, o guardíán do reino… E rematou relatando o proceso artístico, dende a elaboración do guión, o estudo dos cadros de textos e a elaboración da banda sonora na que contou coa colaboración do músico de jazz Álvaro Buxeiro.

Non podo agochar o meu entusiasmo pola recepción que está recibindo Sementes, que defino como un álbum sobre a construción da esperanza, unha distopía que dialoga con Un feliz mundo novo de Huxley. Desa lectura nace o Reino das Pílulas, onde todo son prohibicións e uniformidade, gobernado por burros con garabata, onde todos os individuos se alimentan de pílulas, onde ninguén lembra como se sementan nin como saben e arrecenden os froitos e os legumes. Xaora, para Sonia García no Reino das Pílulas o espertar é posible, eis a esperanza. Aventuro que Sementes, un modelo de edición estendida (un libor impreso, unha banda sonora de case cinco minutos, un conto locutado e unha peza audiovisual en vídeo), será unha das sorpresas deste ano no eido da edición ilustrada galega. Recomendo a lectura das tres primeiras críticas publicadas estes días de Gracia Santorum, Romina Bal e Ramón Nicolás.

Xaime Garrido, premio Laxeiro

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á figura do arquitecto Xaime Garrido:

Xaime_Garrido_Premio_Laxeiro_17-02-2017O arquitecto vigués Xaime Garrido Rodríguez recibiu o Premio Laxeiro 2017 outorgado pola fundación que conserva e difunde a obra do pintor nacido o 23 de febreiro de 1908. Un recoñecemento merecidísimo para un profesional que tras desenvolver dous mil proxectos de arquitectura e urbanismo e publicar unha ducia de grandes libros de investigación, un labor teimoso de cinco décadas, continúa defendendo contra vento e marea o patrimonio histórico-arquitectónico como parte esencial da paisaxe e identidade galegas. Estudoso e divulgador nos ámbitos da arqueoloxía e da arquitectura histórica viguesas, Xaime Garrido comprometeu a súa vida profesional a afondar no coñecemento da historia do Vigo metropolitano e a loitar pola conservación e posta en valor do seu patrimonio urbano. Un teimoso defensor da memoria viguesa a quen, por fin, se lle recoñece como un dos nosos sabios.

Nacido en 1938 en Bembrive, Garrido titulouse en Arquitectura na Escola Técnica Superior de Madrid en 1966, exercendo dende entón en Vigo a súa actividade como profesional libre para particulares e entidades das administracións. Destaca entre as súas obras o complexo parroquial dos Capuchinos da rúa Vázquez Varela, así como a redacción, en colaboración con Alberto Baltar Tojo, Xosé Bar Boo e Jaime Riera, do Plan Xeral de Baiona, concello do que foi arquitecto municipal honorífico (1968-1973), que permitiu a conservación do seu centro histórico e contorna paisaxística. Xaora, dedicou boa parte do seu tempo de lecer á investigación da arquitectura histórica, especialmente á do actual Vigo metropolitano, e a defensa da protección do patrimonio arquitectónico e medio ambiente.

Angueiras ás que non foron alleas nin o seu interese pola arqueoloxía (descubriu a estación paleolítica de Chan do Cereixo) nin a súa dedicación á fotografía nin o seu interese pola divulgación editorial e xornalística. Xa en 1980 montou “Arquitectura Modernista. Vigo 1900-1920”, exposición fotográfica pioneira, como o libro homónimo colectivo no que participou, editado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), do que foi presidente da súa comisión de Cultura, desde a que promoveu a formación do arquivo colexial e a realización de exposicións, conferencias, informes e publicacións. Xaora, como autor agardou a que a Deputación de Pontevedra publicase os seus traballos de investigación premiados pola institución provincial: “Fortalezas de la antigua provincia de Tui” (1987, 2001) e “Vigo. La ciudad que se perdió. Arquitectura Desaparecida. Arquitectura no realizada” (1991), un libro que se convertiu en clásico da historia de Vigo do século XX, reeditado en catro ocasións e hoxe agotado.

Labor editorial que Garrido continuou de forma teimosa en libros individuais magníficos como “Arquitectura de pedra en Vigo” (Construcciones Conde, 2000), “El puerto de Vigo. Síntesis histórica (Autoridad Portuaria de Vigo, 2001), “El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo” (Deputación de Pontevedra, 2011) e “Jenaro de la Fuente Domínguez” (Instituto de Estudios Vigueses, 2016) ou naqueloutros dous que compartiu co seu amigo Xosé Ramón Iglesias Veiga, “Manuel Gómez Román. Mestre da arquitectura galeguista” (Xerais 1995) e os dous volumes de “Vigo, arquitectura urbana” (Concello de Vigo 2001). Sen esquecer o que prepara sobre o Vigo vello, outra das súas teimas.

Xaora, a cerna da poética da obra editorial de Xaime Garrido está toda en “Vigo. La ciudad que se perdió”, un libro estremecedor no que catalogou a arquitectura viguesa destruída (dende o edificio Rubira ás murallas do Castro), mais tamén  a de papel, esa debuxada e non edificada, é dicir, a arquitectura que puidemos ter e a que non existe. Un libro apaixonado e apaixonante de afán didáctico no que hai vinte e cinco anos reclamaba a conservación da Estación do Ferrocarril de Vigo, do Pazo de Xustiza da rúa do Príncipe ou as vivendas da mazá de “El Pueblo Gallego”, ao tempo que denunciaba os derribamentos de edificios históricos e as reformas charramangueiras nas baixas plantas dunha cidade onde campaba “a petulante mediocridade, a incultura e a cobiza especulativa”. Mellor non se podía dicir.

Xaime Garrido berrou, tantas veces en solitario, para facer de Vigo unha cidade con memoria, para evitar continuar coa desfeita da nosa arquitectura civil e industrial. É un heroe civil. A súa achega de xigante é imprescindible para entender este Vigo en estrépito de entre séculos. Xaime Garrido Rodríguez merece ser nomeado Vigués distinguido canto antes. Moi poucos dos nosos veciños e veciñas teñen feito tanto e de forma tan xenerosa polo Vigo do futuro.

Campo do Fragoso CXCIV

JozabedCELTA REACTIVO

Diante do Osasuna o Celta de Eduardo Berizzo demostrou ser un equipo reactivo. Tras a inapelable eliminación de Copa diante do Deportivo Alavés, despois dos nefastos derradeiros minutos do domingo pasado no Vicente Calderón, á que se uniu a actuación decepcionante en Balaídos do xoves fronte os ucraínos do Shakhtar Donetks (tres derrotas consecutivas moi axustadas, polo tanto moi dolorosas), existía o perigo de que o Celta esvarase por vieiros tan perigosos como son os da melancolía e o desánimo. Por ventura non foi así. A versión B do equipo de Berizzo demostrou contar con enerxía, confianza, oficio e gol abondos para vencer con claridade a un cadro navarro que non soubo aproveitar as súas oportunidades.

Foi o de onte un Celta reactivo que apostou por un fútbol máis directo do que adoita, procurando atopar con velocidade as costas dos tres centrais navarros. Unha versión do xogo pouco habitual interpretada por unha trepia atacante inédita, Bongonda, Rossi e Pione Sisto, tamén os protagonistas do gol temperán, no minuto 22, determinante do devir do partido. Unha xogada de tiraliñas, iniciada na esquerda pola velocidade do belga, que pasou ao italiano, situado no centro da área, para que este cun taconazo de fantasía filtrase de costas ao dinamarqués que tivo a serenidade de canear ao seu marcador e logo xutar ás redes sobre o pao dereito. Un gol magnífico de composición e de resolución que abriu uns bos minutos de xogo celeste. Pouco despois, recuncou na área Rossi nunha xogada pola banda esquerda finalizada tras varios caneos cun xute chapado polo porteiro Sirigu. E pouco máis se pode contar de fútbol atacante celeste nunha primeira parte de aborrecible centrocampismo, no que os visitantes nos minutos finais chegaron a pechar aos celestes diante da portaría de Rubén.

Comezou o segundo acto cun Osasuna moito máis determinado e afouto. Sergio León puido nivelar a táboa de marcas no minuto 50 cun gran xute respondido por Rubén coa mellor parada do serán. Oportunidade que repetirían pouco despois Sergio de las Cuevas cun disparo dende o punto de penalti e Oriol Riera cunha cabezada, tras un saque de recanto, que lambeu o pao dereito. Os navarros tiñan moita máis intención ca acerto. Xaora, o partido esvarou por uns minutos de incerteza, onde comezaron os ires e vires que tanto dano lle fan aos celestes. Desta volta Berizzo non dubidou en mover o banco decontado e deu entrada na lameira a Jozabed, que con media hora por diante deulle a volta ao carpín. Co sevillano o Celta recuperou acougo e chegada, que se incrementaría notablemente coa incorporación de Iago Aspas faltando apenas un cuarto de hora.

Cos dous artistas sobre a lameira chegaron os goles. No 86, Jozabed cabezou un saque de recanto do Chelo Díaz, que o porteiro navarro non puido evitar se coase preto do primeiro pao. Apenas dous minutos despois o mediocampista sevillano serviu de marabilla unha pelota longa en diagonal sobre Aspas para que correse con ela pola banda esquerda e superase ao porteiro na area cun globiño de precisión, auténtica marca da casa. Toda unha xenialidade do Merlín de Moaña que pechaba unha táboa de marcas, quizais un pouco avultada para o xogo que ofreceron uns e outros sobre a lameira.

Abofé que non foi este un partido gañado polo fútbol de salón que tanto presta en Balaídos. Pola contra, abondaron unha defensa moi sólida, dúas contras veloces e un saque de recanto para superar aos rochosos centrais navarros. Outra versión do xogo moi ben executada pola versión B do cadro de Berizzo. Unha demostración de versatilidade e confianza nas propias posibilidades que nos permiten enxergar con certo optimismo o dificilísimo partido do xoves en Ucraína.

Onte 1832: ILP de dereitos lingüísticos na actividade económica

ILP_Dereitos_Linguisticos_18-02-2017

Presentouse onte no Museo do Pobo Galego a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística pretende garantir na práctica os dereitos lingüísticos das consumidoras e usuarias, tanto na atención oral e escrita, como na información que reciban das empresas que venden os produtos ou prestan os servizos en Galicia. Trátase, en definitiva, de que as persoas que exercemos o dereito de empregar o galego sexamos correspondidas polas nosas interlocutoras nos ámbitos comerciais e de servizos. Desaparecerían así as situacións de discriminación lingüística, sexa sobre atención en galego ou respecto pola toponimia galega, tantas veces denunciadas e tan poucas resoltas satisfactoriamente. Xaora, a importancia dunha iniciativa como a presentada, que precisa recabar de 10.000 asinaturas nun prazo de catro meses para poder ser defendida no Parlamento de Galicia, reside na recuperación da actitude proactiva do movemento cívico galeguizador. Traballemos, pois, por dar a coñecer e compartir esta iniciativa tan esperanzosa.