Onte 1845: Xerais Básicos Ciencia

Basicos_Ciencia_14-03-2017

Quedamos moi satisfeitos da roda de prensa na que onte presentamos en Compostela a colección Xerais Básicos Ciencia. Tras dous anos de traballo con Miguel Vázquez Freire, director da colección, publicamos os tres primeiros títulos nos que expresamos a nosa intención de contribuír ao desenvolvmento dun catálogo de divulgación científica en galego, ampliando os límites temáticos do noso espazo editorial e dos seus públicos. Unha colección de ciencia, concibida como sinalou Xurxo Mariño, autor de Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, como unha competencia necesaria para sermos cidadáns, para comprender e actuar criticamente na nosa sociedade. Sabemos que a comunicación científica non é un divertimento, é unha contido comunicacional imprescindible. Como tamén que a ciencia forma parte da cultura e a comunidade científica é un compoñente esencial do noso tecido cultural. Unha colección, como salientou Miguel Vázquez Freire, que pretende refutar o prexuízo tan instalado de que o galego non é unha lingua idónea para transmitir os contidos científicos, superando así a asimetría existente na cultura galega entre a cultura humanística e a científica. Superar ese déficit é unha reto para os responsables da colección e tamén para a propia comunidade científica galega a que convidamos a participar no noso proxecto. Na presentación da colección Daniel Soutullo, autor do primeiro título, Historia do ADN. 40 anos de revolución biotecnolóxica, insistiu na necesidade de contar con libros impresos de divulgación científica, mesmo a pesar da facilidade de acceder a eses contidos en internet, asumindo o reto de expresalos con amenidade sen empobrecer a información. Idea que reiterou Antom Labranha, autor de Universo matemático. Das ideas e das técnicas, que subliñou a influencia das matemáticas na vida cotián, escrita toda ela nesa linguaxe, tanto nas cuestións tanxibles como nas filosóficas.

Vigo e a cultura contemporánea

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á desparición do Festival ALT de artes escénicas no marco da actual política cultural en Vigo:

antes_metralla_matarile_alt_vigo

A pasada fin de semana celebrouse a derradeira edición de ALT, o festival alternativo das artes escénicas de Vigo, que dende 2002 desenvolveuse na nosa cidade. Reducido nesta edición a seis actuacións, este ALT 2017, bautizado como “FinALT”, ofreceu no Marco os catro espectáculos integrados no “ALT procrea en feminino”, programa de apoio ás creadoras galegas da AGADIC, onde se presentou “bailarina”, o traballo da catalá Sonia Gómez, reinterpretado pola galega Begoña Cuquejo na súa peza “bailarina hipnótica”, ademais das performances “sujeto visible – sujeto invisible” de Masu Fajardo e “Wakefield Poole” de Celeste González. Un programa escénico que se completou no auditorio do concello co espectáculo de Matarile Teatro “antes de la metralla” e no Instituto Camoens co espazo gastronómico “La cuina furtiva, chegado dende Valencia.

Organizado pola asociación Noescafé Teatro e nacido cando en Vigo non existía nin o Teatro Ensalle (2003) da rúa Chile nin fora creada a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD, 2005), o festival ALT apostou cada ano por traer as propostas máis innovadoras da danza e teatro contemporáneos. Máis de duascentas compañías e medio milleiro de artistas participaron nestes dezaseis anos nunha programación que se desenvolveu en instalacións culturais como o Marco ou o Auditorio Municipal, mais tamén nos espazos públicos transformados en escena, dende escaparates de comercios, rúas e prazas até hoteis, a lonxa ou os propios vitrasas. Sempre coa intención, segundo palabras de Lola Correa, a súa directora, de ofrecer “un festival de corte alternativo en pleno século XXI, onde cómpre seguir experimentando, exhibindo, invadindo os terreos desolados dos escenarios polos menos contestatarios para enchelos de irreverencia, que é a fin de contas o lugar onde deben estar os/as artistas”.

Segundo os seus responsables, o festival ALT vese obrigado a despedirse pola falta de apoio económico do seu principal patrocinador, o concello de Vigo, cuxa achega diminuíu de forma traumática nas últimas edicións, dende os 60.000 euros dispoñibles en 2012 aos 10.000 da última edición, cantidade á que se sumaban no orzamento as achegas aínda moito máis cativas da Xunta de Galicia, da Universidade de Vigo e da propia asociación organizadora, ademais dos ingresos por taquilla daqueles espectáculos de pagamento. Unha redución que provoca finalmente o colapso económico do festival e obriga aos organizadores, a pesar do seu voluntarismo entusiasta e de contar cun público incondicional, a abandonar a organización do festival ou a procurarlle unha sede alternativa. Redución orzamentaria que non é allea, tampouco, ao contexto de recortes do sector das artes escénicas que de 2009 a 2015 diminuíu en Galicia os seus orzamentos nun 70 % inviabilizando a actividade dun sector xa de por si moi precarizado, onde apenas o 6 % dos seus integrantes pode vivir do seu traballo.

O ALT engádese a esa longa lista de festivais e eventos culturais vigueses desaparecidos nos últimos anos, dende a inesquecible Fotobienal ao Vigo a Escena, dende o Festiclown ao Vigo Transforma. Como esoutra lista de festivais en perigo de desaparición como o Sinsal de novas músicas, o Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea ou o Imaxina Sons de jazz, que cada ano emiten o seu desesperado s.o.s. Citas todas elas de referencia, nacidas dende a cerna da creación cultural, xestionadas con poucos cartos e cos criterios de calidade e independencia como sinais de identidade. Eventos que proxectan a Vigo no panorama internacional como referente das diversas expresións das artes contemporáneas, afastados dos modelos de espectacularización da industria cultural e do lecer, que sabemos tan efémeros como anodinos.

Cómpre atallar este devalo cultural tan desacougante. Vigo precisa definir de vez o seu modelo cultural estratéxico no marco metropolitano, que oriente a medio e longo prazo as programacións de eventos e o funcionamento das súas redes de bibliotecas, museos e centros culturais. Un modelo onde as expresións da cultura contemporánea, como o ALT ou a Fotobienal, teñan recoñecido o seu peso e a súa viabilidade. Como é imprescindible que as persoas, empresas e institutcións vencelladas á creación, difusión e xestión cultural expresen con liberdade e independencia a súa opinión e orienten nun Consello Municipal de Cultura un proxecto asumido de forma corresponsable polas diversas administracións con competencias na cultura viguesa (Concello, Universidade, Deputación, Xunta e Goberno de España). De non facelo con urxencia e con esa altura de miras, Vigo corre o risco de caer na irrelevancia cultural.

Campo do Fragoso CXCV

Rossi_12-03-2017EN TERRA DE NINGUÉN

Tras a derrota de onte diante dun triste Vilarreal, o Celta queda na táboa clasificatoria da Liga en terra de ninguén, case sen outro obxectivo que o de asegurar matematicamente a permanencia e desputar un bo derbi en Riazor o vindeiro domingo. O Celta pagou moi caro o esforzo da competición europea do xoves, onde por ventura quedou a eliminatoria aberta para o decisivo partido de Krasnodar desta semana, amosando as carencias dun cadro de futbolistas moi reducido para xogar ao máximo nivel en tres competicións. Desta volta a versión B do Celta de Berizzo demostrou un nivel de competitividade moi inferior ao agardado, sendo moi chamativas tanto a actitude diletante de Rossi, propia dun participante nun campionato millonario de extremo oriente, como a inocencia do debutante Andrew Hjulsager, unha rapaciño inxel ao quen moito lle queda por aprender da canteira da Madroa. Dúas fichaxes cuxo comportamento onte na lameira de Balaídos non admite comparación ningunha coa dos xogadores aos que substituíron, nada máis e nada menos que Nolito, Orellana ou ese misterioso Naranjo, traspasado sen que chegase a ter nunca a súa oportunidade.

Con todo, o partido quedou lastrado por un grave erro arbitral, xa que aos seis minutos Soldado debeu ser expulsado tras unha entrada violenta a Marcelo Díaz, que despois de recuperarse realizou un partido magnífico. Con boa parte das figuras celestes no banco ou na bancada, Fran Escribá propúxolle a Eduardo Berizzo unha confrontación táctica de mediocampistas. O submariño amarelo dispoñíase con dúas liñas de catro moi ríxidas, incrustando a Soldado e Bakambu entre Radoja e Díaz, o que dificultaba a saída ordenada do balón dos celestes. Problema ao que Marcelo Díaz, onte o mellor dos nosos, procurou solución enviando servizos longos sobre as bandas, procurando a velocidade de Bongonda, que entraba con facilidade na área, mais que marraba sempre no momento do pase ou do remate.

Durante a primeira parte o Celta conservou a iniciativa, aínda que apenas contou cunha clara oportunidade, pasados os dez minutos de xogo, cando Rossi conseguiu xutar na área pequena sobre o porteiro, tras recibir un excelente pase de Radoja e coarse entre os dous centrais amarelos. A mellor intervención do dianteiro italiano que non repetiría fortuna até unha hora despois, cando volveu xirarse preto da portaría de Andrés e o lateral Víctor Ruíz rexeitou o seu remate. O Vilarreal tardou media hora en achegarse á área celeste, preocupado por non perder nunca as liñas do seu debuxo e agardar pola chegada do carro da fortuna. E abofé que chegou, cando faltaba menos dun minuto para o descanso, en forma dunha falta moi lonxana na frontal que na área Mussacchio cabezou cara atrás de xeito que pegou ao chou sobre a cara de Soldado que enviou sen intención o balón dentro da portaría. Un auténtica carambola, un agasallo celeste a balón parado que sería decisivo para o devir do partido.

No segundo acto, o Vilarreal renunciou ao ataque e limitouse a defender con orde e enerxía a súa vantaxe, mentres que Berizzo foi introducindo no campo a tres das súas figuras atacantes, primeiro ao renacido Beauvue (a mellor noticia destes xornadas difíciles), despois a Aspas e máis tarde a Wass, até quedar con Roncaglia e Mallo como centrais. Porén, semellante esforzo pola heroica non deu o resultado doutras ocasións. Os amarelos souberon agochar o balón e embarullar cada unha das xogadas finais. Remataba así o partido, mentres o Celta esvaraba na impotencia, o que lle custou unha tarxeta amarela a Iago Aspas, e comprobaba como levaba os tres puntos un dos visitantes máis rácanos do que vai de tempada.

Onte 1844: James Rhodes en Compostela

rhodes_compostela_09-03-2016

«Boas noites, galegos», foron as primeiras palabras que James Rhodes pronunciou no seu concerto de onte no Pazo de Congresos de Compostela, ás que seguiron as súas desculpas polo Brexit e a súa declaración de animadversión a Donald Trump. Un adianto do que sería o ton dun concerto onde o londiniense trufou as súas interpretacións virtuosas de fragmentos de Bach (marabilloso o adagio do concerto número 3), Beethoven e Chopin coas súas intervencións orais nas que reivindicou o papel da música como salvadora das vidas e a posibilidade de que todas as persoas con vontade puidésemos ser pianistas, Antes da apoteose ritual das catro derradeiras pezas, foi a interpretación de «Chaconne», a peza de Bach, o momento máis intenso dun concerto cuxa escenografía e pulsión respondía máis ás convencións do pop cas da música clásica.

O pianista, autor de dous libros de éxito, o famoso Instrumental. Memorias de música, medicina e locura e o máis recente Toca el piano: interpreta a Bach en seis semanas, demostrou que na cultura contemporánea as expresións do creador son cada vez máis híbridas  e transversais. Un pianista clásico en vaqueiros e camiseta negra, reivindicando en Compostela a Chopin, interpretando a Bach e Beethoven, monologando en inglés diante dun milleiro de galegos, asinando despois centos (si centos) de exemplares da súa autobiografía publicada en castelán, onde dá conta dos abusos sufridos na infanciaa, deume moito que pensar na viaxe de regreso a Vigo.

Grazas a Ángeles Feijoo pola foto.

Onte 1843: A cabezada de Beauvue

Gol_de_Beauvue_09-03-2017

A cabezada de Beauvue no minuto 89 decidiu o excelente partido europeo do Celta. Un remate marabilloso, tanto na execución plástica e técnica como na concepción da xogada atacante nacida dun pase de trinta metros de Iago Aspas sobre Hugo Mallo, onte o mellor dos celestes, quen dende a banda dereita centra de forma prodixiosa creando unha parábola rota por un corpo celeste que aparecendo de forma imprevista muda a orientación do balón cara ao pao longo, moi lonxe do alcance do porteiro ruso.

Un gol inesquecible que, tras once meses lesionado por unha gravísima rotura do talón de Aquiles, devolve ao dianteiro guadalupeño a autoestima imprescindible para volver ser futbolista. Unha xogada decisiva que resume en apenas vinte e cinco segundos o carácter dun deporte no que, a pesar do lamentable tinglado económico de televisións, apostas e outros negocios, a creatividade, a intelixencia, a vontade e o afán de superación dos futbolistas e dos seus adestradores continúan sendo ingredientes nos que acreditar de forma inocente.

Eis a razón pola que todos, os futbolistas, o adestrador e os seu cadro técnico, como os seareiros, celebramos esta cabezada de forma tan entusiasta. Sabiamos que máis alá do seu valor na difícil eliminatoria (que quedou aberta) celebrabamos a recuperación dun ariete que despois dun ano de durísima loita en solitario volvía a selo. O fútbol, ese milagre nacido dun instante que sempre nos asombra.

Onte 1842: María Reimóndez, premio Xohana Torres de ensaio

Na gran mobilización feminista de onte en Vigo, (a maior dun 8 de marzo que recordo), tiven oportunidade de parabenizar a María Reimóndez polo premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual que viña de recoller en Compostela. Un recoñecemento da concellaría de Igualdade para o seu ensaio “Corpos exorbitantes, Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erin Moure”, inserido na súa liña de investigación sobre feminismo, tradución e postcolonialismo, temas abordados na súa tese de doutoramento pola que recibiu o pasado mes de xaneiro o premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Vigo. Incansable escritora, investigadora e activista, Reimóndez vai conformando dende diversos ámbitos unha das obras culturais e políticas máis estruturantes e decisivas da Galicia do noso tempo. Ás portas da publicación de dúas novas novelas, Corredora en Fóra de Xogo e a cuarta da serie “O ciclo dos elementos”, continúa incesante tecendo novos proxectos comprometidos co proxecto feminista e coa superación da discriminación de xénero como base de desenvolvemento perdurable.

O Vindel a Vigo

Volvo sobre a exposición do Pergamiño Vindel no artigo da seman en Faro de Vigo:

vindelO Pergamiño Vindel será exposto en Vigo. Grazas a un acordo entre a Universidade de Vigo (UDV) e a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia péchase, felizmente, a xestión iniciada pola viguesa Asociación Cultural Pertenza que solicitou á Pierpont Morgan Library Museum de Nova York a cesión temporal para a súa exposición en Vigo da que é unha das primeiras pezas do patrimonio galego e a icona literaria da cidade e da ría do poeta Martín Codax. Supérase así a paralización dun proxecto expositivo a celebrar no museo Marco, “Os tesouros da cidade”, anunciado hai uns meses pola universidade e o concello, que agora pasa a chamarse “Berce da nosa cultura” e que comisionado polo historiador Francisco Singul se desenvolverá no Museo do Mar de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia.

Os vigueses e viguesas por fin poderemos gozar da experiencia de coñecer ao vivo unha das nosas alfaias máis valiosas, o orixinal do pergamiño do século XIII, que contén as sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Codax, acompañadas dos pentagramas musicais de seis delas. Un fito histórico para Vigo que se convertirá entre outubro de 2017 e marzo de 2018 en capital da cultura literaria lusófona, ademais de importante atracción do turismo cultural, especialmente, portugués. Un regreso do pergamiño ao seu berce que contribuirá a esculcar sobre a orixe da propia lingua e literatura galegas, no congreso que se celebrará con motivo dunha exposición que, ademais, ollará sobre a orixe  dunha cidade que Cunqueiro dicía fora creada por un poeta, Martín Codax, a quen o cronista Álvarez Blázquez consideraba o vigués máis universal de todos os tempos. En definitiva, a chegada do Vindel constituirá un gran acontecemento, quizais, o máis importante da historia cultural viguesa do que vai de século.

Porén, chama a atención que o concello de Vigo renunciase a participar nunha iniciativa tan salientable para a historia da cidade metropolitana e cuxa importancia foi recoñecida no seu día pola alcaldía. Unha ausencia que dificilmente pode ser xustificada polas dificultades do concello para achegar 400.000 euros, cantidade na que se valoraba o custe da exposición do Vindel no Marco, xa que podería reducirse utilizando outras instalacións públicas, como a Casa das Artes, recabando a axuda do mecenado privado e, sobre todo, o apoio doutras institucións como a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia ou o propio Ministerio de Cultura. O regreso do Vindel a Vigo ben merecía un gran acordo de colaboración interinstitucional.

Pola contra, intúo que a incomodidade municipal coa exposición do Vindel é explicable polas desavinzas existentes entre o concello e a universidade viguesa sobre o futuro do Campus do Mar nos terreos da ETEA en Teis. Un proxecto estratéxico liderado pola UDV e promovido polas tres universidades galegas, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO), chamado a transformar o que foron unha parte das instalacións da Armada en Teis nun espazo científico e de emprendemento tecnolóxico internacional. Un proxecto bloqueado hoxe polos desacordos políticos entre a alcaldía e a delegada do estado da Zona Franca, actual propietaria dos terreos, que podería obrigar á UDV, despois de agardar case unha década, a buscar unha sede alternativa fóra de Vigo. Outro conflito interinstitucional (sen aparente solución) entre o concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Zona Franca que, como sucede coa lea metropolitana, máis alá das razóns de cada unha das partes (que non corresponde aquí dirimir), prexudica á cidadanía, sexa paralizando a recuperación do barrio de Teis ou poñendo en perigo un proxecto universitario, imprescindible para que Vigo conserve o seu liderado no eido da investigación mariña.

Xaora, o trasacordo sobre o Vindel é outro síntoma da crise da política cultural municipal, tanto no que atinxe aos criterios da programación de eventos e festivais como ao futuro das súas instalacións museísticas. É indubidable que non axudou a que o concello participase no regreso do Vindel a incerteza sobre o futuro do Marco, tras o remate do período do actual director, nin tampouco a indefinición dos contidos expositivos da Casa das Palabras de Samil.

En todo caso, diante da importancia da chegada do Vindel, sabendo que o trasacordo é unha figura da nosa tradición cultural, agardo que se amplíe a tea dos acordos interinstitucionais de xeito que o concello de Vigo se incorpore tamén a ela, canto menos participando na difusión e no aproveitamento didáctico dun evento que debe constituír un punto de encontro e de orgullo de todos os vigueses e viguesas.

Onte 1841: Contra a desmoralización

Onte, na concorridísima presentación na Casa do Libro de Vigo de Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo, a antoloxía de poemas de Xesús Alonso Montero, non me pasou desapercibido o discurso de Carlos Núñez le Vieux apelando de forma entusiasta a combater a desmoralización nas filas da esquerda. Para Núñez “neste momento, somerxidos nun inverno moi longo da democracia, é imprescindible manter a ilusión do combate, como fai Xesús Alonso Montero neste libro de poemas contra a desmoralización”. Para Nuñez o libro de Alonso Montero “fala de democracia e do bo vivir, dá gotas de calor, reforza os valores de compromiso daqueles homes e mulleres que combaten por mudar a historia, razón pola que debe formar parte das prendas de abrigo que utilicemos neste longo inverno no que vivimos”.

Onte 1840: Palmira in memoriam

PalmiraSoubemos da noticia do falecemento de Palmira González Boullosa o pasado 9 de febreiro e da preparación dun acto de lembranza para o vindeiro mes de maio. Mestra, escritora e lectora letraferida, Palmira foi unha das pioneiras esquecidas da Literatura Infantil e Xuvenil galega, tanto polo seu traballo como folclorista. moi atenta a recuperación da tradición oral, coma polas súas sorprendentes novelas de fantasía, na mellor tradición artúrica. Deuse a coñecer cos seus volumes de folclorista para os picariños, Adiviñas (1985), Mentiras (1986), Arrolos (1986) e ¿Quen panda? (1986), publicados por Galaxia na súa colección Tartaruga, que tanto e tanto utilizamos nas nosas clases de Preescolar de finais dos oitenta. Gañadora da segunda edición do premio Merlín pola novela A princesa Lua e o enigma de Kián (Xerais, 1988), á que seguiu Brandón, fillo de Ferreol (Xerais, 1993),traballaba devagariño en Brixit e Xenevra, co que remataría a triloxía, que bautizou de Cumiodouro.

Xaora, en Xerais lembraremos sempre a Palmira por Cando o rei por aquí pasou (1997), un libro fermosísimo (hoxe unha auténtica alfaia de bibliófilos), no que antologou os seus cadernos de folclore galego de toda unha vida e ilustrou con fermosas mariquiñas da que era coleccionista.  Sabemos que deixa un extraordinario romanceiro galego inédito, que non quixo publicar, desque algún crítico dubidou da existencia do xénero na nosa lingua. Poeta serodia, en 1992 obtivo o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Asoladamente, o teu nome. Comprometida sempre coa renovación pedagóxica, foi, xunto a Mari Luz Liste, fundadora do Colexio Andersen e profesora do centro até 1987, onde puxo en práctica boa parte das súas ideas educativas sobre a lectura. As súas guías de lecturas para o Nadal constituíron un modelo de colaboración do centro educativo e as familias no fomento da lectura. Mestra das pombas e das palabras, nunca esqueceremos as súas frecuentes preguntas reflexións nas nosas presentacións en Librouro ou na Casa do Libro. Lembrarémola con saudades. Con todos os abrazos para as súas fillas.

Onte 1839: Cidades acolledoras

Participamos onte na concentración que na praza da Princesa organizou o grupo de Vigo de Amnistía Internacional para reclamar o cumprimento do compromiso de setembro de 2015 do Goberno de España de acoller a 17.337 persoas refuxiadas e para celebrar que cada unha das nosas cidades fosen abertas e acolledoras. Transcorridos case dous anos foron acollidas 1.034 persoas, apenas o 6,0 % do prometido, o que debería avergonzar a todas as administracións e cidadáns.

Como denuncia Amnistía Internacional no seu informe anual 2016, vivimos nun mundo cada vez máis dividido, vivimos de costas ás atrocidades e violacións dos dereitos humanos que se producen en todo o planeta, tamén en España. Vivimos sometidos ao uso cínico dunha retórica do «nós contra eles» que alimenta un discurso da culpa, o medo e o odio.

«Basta de odiar!, queremos unha retórica do amor, un fogar para as vinte e un millóns de persoas refuxiadas. Xa non abonda con indignarse!», expresa, entre outras proclamas, esta peza audiovisual de AI, que propoño compartamos.