Onte 1275: Crego

Crego_25-03-2015

Todos os membros do cadro de Xerais celebramos onte a xubilación de Xosé Manuel García Crego, o noso director de edición. Foi un xantar feliz nun día luminoso, mais tamén inevitablemente saudoso, no que expresamos a nosa gratitude, admiración e agarimo para quen é o noso referente profesional e humano na profesión da edición. Crego pecha o seu currículum profesional tras 11.442 días en Xerais, máis de tres décadas, tras ter sido o responsable da edición e fabricación de case 3.500 títulos en lingua galega. Unha proeza que forma parte xa da historia da edición galega. En todos e cada un deles, dunha ou doutra maneira, Crego deixou a pegada do seu rigor na composición do libro, na elección dos materais e no seu acabamento. En cada un deles respectou as características e singularidades de cada texto que pretendeu facer un libro único.

Ocupouse Crego da edición e fabricación de todo tipo de obras, dende os complexos libros de texto ás coleccións infantís, pasando polas primeiros libros ilustrados de Xerais como a marabillosa triloxía de Ferrín da década de 1980, até os discos da aventura musical de Xerais Media ás revistas como Golfiño ou Bravú, no que dirixiu a fabricación do primeiro pasaporte galego. Dirixiu a edición de obras extraordinarias para a nosa lingua, como o Dicionario dos seres míticos galegos, ilustrado polo seu amigo Lázaro Enríquez, ou as dúas edicións do Gran Dicionario Xerais e do resto da liña de dicionarios da que foi responsable. Mimou a edición de facsímiles de gran valor como La primera luz de Murguía, a primeira edición de Longa noite de pedra e da Noite estrelecida, ou Galicia de Murguía, hoxe consideradas valiosas edicións de bibliófilo. Imposible resumir nunhas liñas un labor editorial extraordinario. Nos últimos anos, mimou a produción das gravacións musicais dos nosos métodos de Educación Infantil coa paciencia teimosa e o amor a lingua galega que desenvolveu tamén nesoutra fantasía colectiva que é Cantares do Brión.

Crego é un enxeñeiro do libro galego, un dos grandes editores galegos contemporáneos, unha das trabes de ouro da nosa edición nestas tres décadas. Con todos os abrazos para a súa mestría e amizade. Sempre, sempre.

Cadro_de_Xerais_25-03-2015jpg

Onte 1274: «Apego»

falalle_galegoÉ un gran noticia para o idioma que doce concellos (entre eles Vigo, Ferrol, Santiago, Ourense, Redondela, Narón e Carballo), gobernados por diversos partidos, acordasen poñer en marcha o programa «Apego» coa intención de mellorar a socialización en galego de forma temperá. Un proxecto colaborativo ilusionante, desenvolvido dende os servizos de normalización lingüística de cada concello, coa intención de anosar o sentimento de apego para o galego, mais tamén como sintagma de afecto e simpatía na familia, como alicerce do desenvolvemento social e emocional dos menores de seis anos no seu entorno. Como sucedera hai trinta anos con aquela inesquecible campaña de «Fálalle galego», «Apego» é unha iniciativa chamada tamén a deixar pegada e emoción, a abrir un camiño novo nun momento decisivo para a lingua, para a recuperación de falantes no entorno familiar e para desfacer tantos prexuízos existentes no ámbito do público. Beizóns para as profesionais que a promoveron.

O soño de Chano Piñeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Chano Piñeiro con motivo dos vinte anos do seu pasamento.

chano_piñeiroO pasado 21 de marzo fixéronse vinte anos do pasamento de Chano Piñeiro, o admirado boticario de Torrecedeira, director de cine e colaborador de Faro de Vigo. Vinte e cinco anos despois da estrea e fulgor de Sempre Xonxa, a súa primeira longametraxe, e trinta da de Mamasunción, a mediametraxe de 35 mm coa que iniciou a súa traxectoria internacional e coa que a TVG, poucos meses despois iniciou a súa programación o 25 de xullo de 1985. Piñeiro foi un contador de historias natural e un apaixonado autodidacta do cine, membro dunha xeración de pioneiros que durante as décadas de 1970 e 1980 perseguiu a fantasía de facer cine en lingua galega.

Xunto a persoas como Carlos López Piñeiro, Miguel Gato, Antonio Simón, Enrique Rodríguez Baixeras, Miguel Castelo, Xavier Villaverde, Francisco Taxes, Víctor Ruppen, Juan Pinzás, Xosé Xoán Cabanas, Eloi Lozano, e tantas outras participantes nas Xornadas do Cine de Ourense e noutras iniciativas de produción de finais da década dos setenta, pioneiras todas do cinema galego, Chano pretendeu abrir unha fenda de modernización para a nosa cultura, a de entrar a formar parte da cultural cinematográfica e audiovisual. E abofé que o seu soño pagou a pena, a pesar de que a cultura galega aínda se alicerza de máis sobre a cultura literaria.

Comezou Piñeiro ensaiando cos formatos afeccionados, cunha cámara de Super 8 que lle agasallara Mariluz Montes Quireza, a súa compañeira. Con ela filmou a súa primeira película, Os paxaros morren no aire (1977), unha peza de trinta e cinco minutos, inspirada levemente en Sempre en Galiza, na que xa intervén Xosé Manuel Olveira “Pico”, un do seus actores favoritos. Localizada en Rubillón, aldea do concello de Avión, terra natal de Mariluz, supuxo un achegamento á cultura tradicional galega, que repetirá en Mamasunción (1984), a súa película máis celebrada, primeira na que conta cunha axuda para a produción da Dirección Xeral de Cultura, sendo director Luís Álvarez Pousa, o que lle permite mesturar os recursos da industria cinematográfica española (contou con Miguel Ángel Trujillo como director de fotografía) coas doses de voluntarismo entusiasta dun cazador de nubes. Localizada en Balaíste, tamén no concello de Avión, relata a vida de Asunción Rocamonde, a que Chano definiu como “a avoa de todos nós”, que leva catro décadas agardando a carta do seu fillo emigrado en México. Unha película, recoñecida con numerosos premios, entre eles o da Crítica Galicia (1985), que representa un mundo hoxe desaparecido, unha forma de vida da que “Mamasunción” queda como estremecedora testemuña etnográfica.

Por ventura, Chano Piñeiro gozou do éxito popular con Sempre Xonxa (1989), a primeira daquelas tres longametraxes estreadas no Cine Fraga do 23 ao 25 de novembro de 1989, xunto a Continental de Xavier Villaverde e Urxa de Carlos López Piñeiro, que mudaron a historia do cine galego. Historia de amor emigrante protagonizada pola actriz e directora Uxía Blanco e localizada en Santa Olaia de Valdeorras ao longo das catro estacións, aldea que para Chano é “metáfora de todas as Galicias posibles e soñadas”, Sempre Xonxa filmouse grazas a que recibiu unha axuda da Xunta de Galicia, sendo conselleiro de Cultura Alfredo Conde, outra máis pequena da Deputación de Pontevedra, sendo presidente Xosé Cuíña, e a TVG adquiriu os dereitos de emisión, abrindo así un modelo de produción industrial para o audiovisual galego, co que a comezos dos noventa chegaron a producirse trinta películas por ano, como repasou a recente exposición “Cinegalicia25”.

Chano Piñeiro mantivo unha relación apaixonada con Vigo, cidade á que chegou en 1984 para montar preto da praza Xoán XXIII a botica coa súa compañeira. En Vigo estreou Mamasunción o 28 de decembro de 1984 e Esperanza o 24 de xuño de 1986, película producida polo concello de Vigo, sendo alcalde Manuel Soto, e localizada no barrio de Teis, na que aborda o problema do alcoholismo. Agarimo pola nosa cidade da oliveira que expresou nos artigos publicados en Faro entre 1991 e 1992 baixo o epígrafe de “Conversas con vento”, auténticos lostregazos de tenrura, ficcións súbitas, entroncadas na tradición que Cunqueiro acuñara no decano. Textos emocionantes nos que nunha semana Chano conversaba cunha gaivota que toleara por que non podía voar e noutra censuraba ao concelleiro que mandara talar as árbores da rúa da Paz para aumentar as prazas da ORA.

Chano Piñeiro foi un creador de ficcións literarias e cinematográficas en galego. Ficcións que foron un espello de vida, que tiñan a imaxinación e a memoria como elementos desencadeantes e a palabra e a imaxe como constitutivos. Lembrámolo con saudades, conscientes que a súa obra cinematográfica pioneira para a nosa cultura merece ser posta en valor.

Onte 1273: «Gran partido del Sur»

Susana-Diaz-comparece-exultant_54429172337_51351706917_600_226Entre as análises que lin onte das eleccións andaluzas quedo coa de Enric Juliana que atribúe a vitoria de Susana Díaz ao carácter do PSOE como «gran partido del Sur», capaz de resistir o desgaste de tres décadas ininterrumpidas de goberno e manterse inmune ás consecuencias de casos de corrupción tan graves como o dos eres. O PSOE funciona en Andalucía como auténtico partido identitario, capaz de presentarse diante do electorado como garante dos intereses xerais dos andaluces e andaluzas. O PSOE andaluz é o partido de casa, o de proximidade, o que representa o voto útil das persoas humildes, a pesar dos niveis brutais de desemprego e corrupción, ademais de ser garante de gobernabilidade (e, polo , tanto de estabilidade económica).

O PSOE de Andalucía ten un papel semellante o que en Galicia leva cumprindo ao longo da Autonomía o Partido Popular (sobre todo durante os gobernos de Manuel Fraga). Creo que o PP-G podería ser presentado como o «gran partido rexional do Noroeste», xa que é capaz de ofrecerse como garante de bo goberno, a pesar de ter colocado ao país ao borde do precipicio económico e da desfeita cultural e lingüística, reducindo o seu autogoberno ao da simpática «rexión Noroeste». Para non levar sorpresas, cómpre ter en conta esta rexionalización da política autonómica actual, como é imprescindible tamén para entender un taboleiro político dinámico que semella cada vez máis fragmentado e centralizado.

Onte 1272: Fragmentación moderada

tarta_ee5

Era previsible que nas autonómicas andaluzas de onte se producise unha fragmentación parlamentaria, consolidando o novo mapa politico aberto nas últimas Europeas. A importante irrupción de Podemos e Ciudadanos, a costa de Izquierda Unida e do Partido Popular, respectivamente, foi a principal novidade das eleccións adiantadas por Susana Díaz, a gañadora indiscutible da xornada. A desfeita do Partido Popular (perde 17 escanos e máis de medio millón de votos) explícase como un castigo ás políticas de recortes de Rajoy nunha comunidade que mantén unha das taxas de desemprego máis elevadas da Unión Europea. Como a capacidade de resistencia do PSOE (mantén o número de actas, áinda que perde 120.000 votos) enténdese polo seu carácter de «gran partido del sur», en afortunada expresión de Enric Juliana, para expresar o seu carácter de partido identitario andaluz. Como o pao recibido por Izquierda Unida debeuse, probablemente, á súa incapacidade para presentarse como alternativa a Podemos, que recolle a indignación cidadá de esquerda e os anceios de cambio político. Porén, esta fragmentación –que se producirá inevitablemente en todo o estado nas municipais do 24 de maio– foi máis moderada do agardado, xa que a pesar de que os partidos novos recollen o 24,12 % votos, os chamados «partidos tradicionais do bipartidismo» aínda representan no parlamento andaluz o 73 % dos escanos e 62,19 % dos votos. Xaora, a fragmentación das propostas á esquerda do PSOE axuda ao mantemento do eixo PP-PSOE. Un feito a ter en conta en vindeiras convocatorias.

Onte 1271: Mapa das e dos poetas de noso

Marabilla este mapa de Noelia Gómez, utilizando ThingLink, que recupero do blog de Carlos Callón, para festexar o día da poesía. A localización das gravacións realizadas para a videoteca da AELG conforma un impresionante mapa das e dos poetas de Galicia. Iniciativas coma esta ou coma o poemario electrónico de Fran Alonso poñen en valor esta efeméride para a poesía galega. Beizón!

Onte 1270: Eclipse multiplicada

a_eclpise_na_escumadeira_ana_miranda_20-03-2015Enguedellado na lectura dun dos orixinais que agardan valoración, nesta altura máis dunha ducia, non atendín moito onte á evolución da eclipse parcial de sol, un deses fenómenos naturais capaces de constituírse pasados os anos en referente na construción do noso autorrelato. Xaora, lendo no Faro o seguimento da eclipse nas Rías Baixas, reparei que perdera unha oportunidade magnífica de ir ao Vao e participar xunto con centos de persoas nun acontecemento científico transformado en espectáculo principal do primeiro bank holiday (non confundir coa festividade de San Xosé) co que nos agasallou o rigor de Feijóo «o austero». No entanto, non se me pasou desapercibido o espírito didáctico e a creatividade dalgunhas persoas como a nosa admirada Ana Miranda que durante a eclipse nos guiou dende o seu perfil de Fb no emprego da escumadeira como visor para gozar así dunha eclipse multiplicada. Tomarei nota e agardo gozar hoxe nos peirao das Avenidas da anunciada «marea xigante».

Onte 1269: #eusiqueleo

10428659_854637574594886_7522807322905553059_n

A Asociación Galega de Editores promove #eusiqueleo, unha campaña nas redes sociais coa intención de visualizar a lectura na rede como fonte de pracer, coñecemento e aprendizaxe. A iniciativa chama a que antes do 21 de abril fagamos unha foto co libro que estamos lendo e a compartamos nas redes (Twitter, Fb, Instagram…) co hastag #eusiqueleo. Así poderemos participar no sorteo do lote dos sete libros premiados na Noite da Edición 2015. Quen non teña aínda perfil nalgunha destas redes, pode mandar a súa foto ao correo eusiqueleo@gmail.com e poderá vela publicada no perfil de Fb habilitado pera o concurso. Outra iniciativa para animar a primavera dos libros e as súas tres datas claves: o 2 de abril, día internacional do libro infantil e xuvienil; o 23 de abril, día internacional do libro e dos dereitos de autor; e o 17 de maio, día das letras galegas.

Onte 1268: «Xenaro e a negra sombra» de Mar Guerra

Moito_conto_18-03-2015

Na magnífica libraría Moito Conto da Coruña, especializada en literatura infantil e xuvenil, presentamos onte Xenaro e a negra sombra , a novela de Mar Guerra ilustrada por Fernando Llorente. Miguelanxo Prado foi o padriño deste terceira entrega da serie protagonizada por Xenaro Conese Maiúsculo, o protagonista de Xenaro e o misterio da mochila verde co que a autora coruñesa obtivera o premio Merlín de Literatura Infantil 2008.

XG00209101Comezou Miguelanxo lembrando que coñecera a Mar Guerra como membro do equipo de prensa de Viñetas desde o Atlántico e que para el fora unha moi grata sorpresa cando soubo que obtivera o premio Merlín. Xa metido na fariña da novela, cualificou o universo no que se move o protagonista de crible: «Mar consegue que ese grupo preadolescente sexa dende o primero momento fascinante e coherente, tanto pola variedade social existente (hai pijos, gafapastas…) coma polos seus conflitos, incluído o lingüístico. Lembroume un pouco ao xogo que facía Quino con Mafalda e cada un dos seus personaxes, aínda que coas súas características.» «Na serie de Xenaro hai todos os ingredientes da novela de calidade, hai aventura, intriga e mesmo un chisco de medo. Mais tamen outros que convidan á iniciación na lectura na contorna dos personaxes sen que o resultado sexa un afán didáctico. Mar Guerra sabe introducir estes elementos de xeito interesante.»

Ocupouse despois Prado de salientar a importancia da linguaxe na novela. «Xenaro é amante das palabras, dos sinónimos, do soletreo, utiliza a lingua con precisión, atento sempre ao seu significado. Non esquezamos que a lingua é seguramente o don máis preciado que a natureza nos dei aos seres humanos. É moi salientable que unha autora e un personaxe teñan esa consideración sobre a linguaxe e o valor das palabras.»

A seguir, ocupouse o autor de Ardelén do traballo de ilustración de Fernando Llorente. «Coñecín a Fernando no mundo da animación. Foi deses debuxantes cos que tiven o pálpito con só ver un par dos seus debuxos. Ten chispa, os seus debuxos nunca deixan indiferentes, pese a súa aparente sinxeleza, teñen un punto de vista especial, ese hálito de vida é un ben moi escaso. Ademais, é un debuxante elegante, que é algo a valorar.» Confesou Miguelanxo que «a estas alturas non concibo a literatura infantil e xuvenil sen ilustrar. Creo que é completamente indispensable para o lector. O libro é unha ferramenta incrible que une o lingüístico e a educación visual.»

Comezou Mar Guerra celebrando que «é fantástico que Miguelanxo Prado veña a falar do noso libro e non do seu» e confesando que pasara moito tempo entre a escritura e a publicación desta novela. «Despois do Merlín e do contacto cos rapaces nos coles, saía sempre a pregunta de se ía haber continuación. Daquela decidín facer un segundo e agora este terceiro, que penso debería pechar a saga. Pechei un curso escolar de sexto de Primaria. O primeiro trimestre aparece en Xenaro e o misterio da mochila verde; o segundo en Xenaro e a hucha do indiano; e o terceiro neste Xenaro e a negra sombra. É, pois, unha triloxía para o último curso da Primaria.»

«Esta terceira entrega é un Xenaro de exteriores, todo transcorre lonxe da casa, ao aire libre, no decurso dunha semana de fin des estudos no albergue de Porroutó. Ten unha nota realista, o personaxe do Carapucho, prestado dunha historia real.» «Pretendín que fose un texto onde nada é o que parece, onde ninguén é bo ou malo por natureza. Fixen acenos a Tarzán e a Mowgli, así como unha defensa do lobo, unha vítima da nosa avaricia e desprezo polo Planeta. E sobre todo, quixen facer un canto á amizade, á solidariedade e á empatía, ese sentimento que nos fai ser humanos, que fai que te mergulles na pel de quen está ao teu carón. O libro é un berro pola empatía, para que fose algo cotián.»

Onte 1267: «Galicia Encantada»

ateneo_pontevedra_17-03-2015

A presentación no Ateneo de Pontevedra de Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, libro colectivo editado por Antonio Reigosa, resultou ser unha auténtica polafía de expertos narradores na que se foron debullando contos, mitos e lendas, apareceron seres e lugares míticos e outras historias do noso patrimonio de tradición oral. Un libro que é arca e arquivo de contos da nosa tradición oral, tanto pola orixe do material textual coma dos diversos recopiladores que dende hai unha década publican en galiciaencantada.com, o espazo web creado e mantido por Antonio Reigosa en internet. Un libro que constitúe apenas unha escolma impresa deste amplísimo arquivo dixital.

XG00238501Comezou a súa intervención Antonio Reigosa dicindo que a publicación do libro celebraba os dez anos de galiciaencantada.com, que se cumpriron o pasdo 5 de marzo. «Trátase dun libro coautoral no que se recolleron cento e un relatos de cincuenta persoas diferentes. Dividíronse nas mesmas seccións do portal, mais de xeito moito máis reducido.» Enumerou despois algunhas delas, deténdose nalgunhas como as lendas urbanas, as curiosidades toponímicas, os relatos extraordinarios de autores e autoras contemporáneos ou aquelas historias vinculadas cos nubeiros e tronantes que forman parte do patrimonio da nosa tradición oral. Aínda que o libro ten un carácter representativo de todo o país, Reigosa comentou os relatos recollidos no suroeste galego, na rexión urbana de Pontevedra e Vigo: o da «Pinoucha», arquetipo do personaxe que quere roubar os nenos, recollido no Porriño; «A ponte das partidas”, recollido por Manrique Fernández; a lenda do zapatero de Cangas e a dos construtores suicidas, entre outras.

Convidou despois a varios dos coautores a comentar as circunstancias da recollida de cadanseu texto: a Rafael Quintía, «A cova do ermitán Juan Manuel»; a Poldo Cañizo Durán, «A correa» e a Marcos Seixo, «A verdadeira historia da capadoira de Cuntis». Aberta a quenda de participación do público foron moi diversas as cuestións propostas. Ao fío das historias nas que participa a donicela, Reigosa comentou que «se un animal, como a donicela, ten moitas denominacións significa que ten moita importancia no patrimonio simbólico desa comunidade.» No entanto, foi a cuestión do apalpador a que centrou as intervencións posteriores. «As primeiras noticias sobre o apalpador fixéronme dubidar. Logo apareceron cousiñas. como a referencia de Taboada Chivite sobre noite da apalpador, que me fixeron entender que tiña sentido. Logo apareceu a figura do pandigueiro con connotacións parecidas. Agora apareceu unha fonte no Bierzo que confirma que en todas as culturas europeas existían estas figuras. Outro debate diferente é que esta figura sexa significativa para a comunidade.» Seguindo ese fío, Rafael Quintía comentou que sobre o apalpador existen testemuñas e cantigas, «aínda que cómpre diferenciar a investigación dun fenómeno de empoderamento para construír  identidades.O debate hoxe está entre empoderamento e globalización.»