Onte 966: Luis Enrique

1399314969_655523_1399362762_noticia_fotograma

Non hai ledicia que moito dure no Campo do Fragoso. Tras unha excelente tempada na que o Celta recuperou da man da canteira e dun grupiño de xogadores internacionais de calidade pingas do espírito do xogo da serpe de fin de século, Luis Enrique acode ao chamado de Zubizarreta coa intención de culminar a súa carreira como adestrador e garantir o modelo de xogo acuñado por Guardiola. Péchase así unha etapa (breve) de quen en Vigo estivo preparando a súa candidatura para optar o banco do Camp Nou. A pesar das súas excentricidades e dalgúns caprichos e vacilacións iniciais, o balance de LE no Celta é magnífico, tanto no que atinxe ao xogo como, durante unha grande segunda volta, aos resultados. Merece, pois, o noso respecto e gratitude. Xaora, cómpre agardar que o seu posto sexa ocupado por un celtista de corazón (Berizzo non semella unha mala opción), que asuma a continuidade do proxecto a medio prazo, o que precisamos para consolidarnos na categoría.

A forza das lectoras

No artigo da semana en Faro de Vigo comento os datos do informe «A muller e a Cultura Galega» do Observatorio da Cultura Galega:

lectorasO recente informe “A muller e a Cultura Galega (1)” do Observatorio da Cultura Galega amosa o que hai tempo supoñiamos, a primacía en Galicia das mulleres no terreo da lectura e do uso das redes sociais. Segundo este informe, no que se recollen os principais datos estatísticos relacionados coa situación actual das mulleres en Galicia no referente a súa relación coa cultura e o uso das TIC, as mulleres galegas len máis ca os homes, unha media de 16 minutos diarios elas fronte a 13 eles, mentres ca noutras actividades de lecer, como ver a televisión e DVDs ou escoitar a radio, están por debaixo do tempo dedicado polos homes. Tanto uns coma outros asisten pouco a espectáculos culturais (máis da metade da poboación galega non vai nunca o cine e apenas unha da cada catro persoas acode a unha función de teatro), aínda que entre as que o fan son maioría as mulleres.

No entanto, con datos referidos a 2010, ver a televisión e DVDs é en Galicia con moita diferenza a actividade de lecer preferida tanto polos homes (84,1 %) coma polas mulleres (78,9 %), dedicando eles cada día a isto dúas horas e elas unha hora e 47 minutos. Xaora, a lectura é en Galicia a segunda actividade cultural diaria dominante para o 21,8 % dos homes e o 26,3 % das mulleres, sendo unha hora o tempo de lectura máis habitual, sen existir neste caso diferenzas significativas entre uns e outras. Unha afección pola lectura que, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, se incrementou durante a última década no caso das mulleres e descendeu no dos homes que, pola contra, aumentaron o seu consumo de televisión e produción audiovisual. En definitiva, semella que en Galicia se consolidou unha tendencia na que as mulleres apostan máis decididamente pola lectura ca os homes.

O Observatorio da Cultura Galega estima como público lector en Galicia a 1.079.25 persoas, aquelas que leron algún libro, apenas un 41 % das maiores de 7 anos. Ou o que é o mesmo, máis da metade dos galegos non len nunca un libro, unha cifra moi baixa, preocupante, que sitúa a Galicia á cola dos índices de lectura dos países e comunidades do noso entorno. Deste millón de persoas lectoras en Galicia o 58,3 % (máis de 600.000) son mulleres, entre as que o 42,2 % (265.612) len máis de seis libros ao ano, lectoras habituais. Outrosí sucede coas persoas usuarias das bibliotecas públicas en Galicia, nas que tamén son maioría as mulleres, un 35 % das lectoras (220.119), sendo unha boa parte usuarias frecuentes destes servizos públicos de lectura. Cifras nas que volvemos identificar a forza das lectoras en Galicia representada por ese case cuarto de millón de mulleres galegas que integraron a lectura como a súa primeira actividade de lecer e cultura. Un colectivo de lectoras moi amplo e diverso, probablemente maior no país noso co número de socios de clubes de fútbol profesional, aínda que pouco representado na axenda pública utilizada polas administracións e medios de comunicación.

Este informe do Consello da Cultura Galega detense ademais no impacto das TIC sobre a lectura en pantallas. Neste caso os datos achegados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia detectan que en 2011 as mulleres galegas usaban menos o ordenador, internet e o comercio electrónico ca os homes, aínda que até os treitos de idade inferiores aos trinta e cinco anos o uso das TIC era superior por parte das mulleres ca dos homes, detectándose unha aprezable fenda de xénero xeracional no actual proceso de alfabetización informacional. Non obstante, no que atinxe ao emprego de redes sociais, as mulleres galegas as usan máis e con máis frecuencias ca os homes. O feito de que o 77,5 % das mulleres utilicen diariamente unha rede social (Facebook é a preferida en Galicia) fronte o 68,7 % dos homes amosa desta primacía feminina. Como tamén é significativo o feito de que as mulleres sexan máis activas, sobre todo no que atinxe a publicación de textos (un 4,3 % dispoñen de blog), fotos e música, pero menos proclives a utilizar servizos de almacenamento e descaragar películas, aínda que vexan máis series e cine en liña ca os homes.

O protagonismo das mulleres como lectoras e participantes activas en internet, nas redes sociais, nos clubes de lectura de bibliotecas públicas, de asociacións culturais e centros educativos é un indicio esperanzador do pulo dun proceso de cambio social profundo. A existencia do que a escritora María Reimóndez chamou “sociedade de mulleres en lectura” debería contribuír e acelerar a construción dunha sociedade en igualdade real, superadora de prexuízos e condutas machistas. Esta silenciosa revolución lectora é unha das revolucións contemporáneas necesarias, posibles e irreversibles, moito máis se está protagonizada polas mulleres. Eis a forza das lectoras.

Onte 965: «A viaxe de Gagarin», primeira crítica

XG00201101Martin Pawley publicou onte a primeira crítica d’ A viaxe de Gagarin, a novela máis recente de Agustín Fernández Paz. Unha peza crítica magnífica dunha novela que Pawley considera «non só como a mellor e máis emocionante» das do autor senón tamén como «un claro final de etapa», aquela que dedicou a facer unha revisión crítica do pasado, o das súas novelas da memoria, Noite de voraces sombras (2002), Corredores de sombra (2006) e Non hai noite tan longa (2011). Cualificada como opera summa, A viaxe de Gagarin é un relato de iniciación, máis tamén «un apaixonante retrato da España franquista (e sobre todo da España antifranquista), nun arco temporal definido por dous fitos da carreira espacial, a saída ao espacio de Iuri Gagarin e a chegada de Aldrin e Amstrong á Lúa». Novela sobre a transmision da memoria, documentada con meticulosidade de cirurxián, de escrita esencial e depurada, propia dun mestre da narración. Cun epílogo memorable e brillante que, como Pawley salienta, é »un aloumiño esperanzador de redención».

Onte 964: A Gala das Letras 2014

2014050409034973880A Gala das Letras, na que se entregaron en Pontevedra os Premios AELG 2014, deixounos algúns momentos para conservar. O fermoso e firme discurso literario de Cesáreo Sánchez Iglesias, felizmente recuperado, foi a maior ledicia do serán. As palabras de Xabier DoCampo, cando recolleu o premio ao libro infantil e xuvenil, agradecendo o traballo e o compromiso coa lingua de todos os creadores. A defensa do xornalismo e do xornalismo en lingua galega feita por Carme Vidal, premiada como mellor traxectoria do xornalismo cultural. A reivindicación de maior atención para a edición de textos dramáticos, expresada por Roi Vidal e Avelino González, un chamamento a considerar polos editores. O discurso de Bernardo Atxaga (unha fachenda volver abrazalo) alertando sobre a importancia e fortaleza do pequeno, relatando con ironía a entrevista que lle fixo a Ferrín en Vigo durante unha noite, a súa admiración polos debuxos de Castelao, a súa gratitude a Celso Emilio Ferreiro e, sobre todo, a súa insistencia no valor da lingua, xa que «cando un perde a lingua queda nunha posición subordinada». Como o peche emocionante de Xabier Blanco, o noso admirado Gaiteiro de Moaña, xustamente recoñecido como mestre da memoria, que nos deixou un sabor dóce e un chisco saudoso. Parabéns aos responsables da organización da AELG, por tan magnífico e rigoroso traballo. Beizóns para Antía, Mercedes e Cesáreo.

Recomendo a excelente crónica a de Sermos Galiza.

Onte 963: Pedro Feijoo en Bueu

presentacion-fillos

Ben interesante resultou o acto organizado en Bueu pola Librería Miranda na que Pedro Feijoo conversou con Salvador Rodríguez arredor das súas dúas novelas, O fillos do mar e A memoria da choiva. Tras a lembranza da figura de Manuel de la Fuente, avó de Pedro Feijoo, e a súa sección «Postales de Vigo» en Faro de Vigo, Salvador preguntoulle se era posible reconstruír a rota d’ Os fillos do mar de Bueu, tal coma xa se fixera coa Vigo. Feijoo confesou que a súa estreita relación con Bueu non era allea ao Aturuxo onde tocara moitas veces  nin a un amor grande que tivera no Morrazo. Contou as súas visitas á illa (de Ons), como se documentara sobre o Burato do Inferno, «onde existe unha auténtica catedral», ou como o personaxe de Iago Ray, tan decisivo na resolución da novela, tiña relación coa vila morracense. Feijoo contestou a numerosas cuestións relacionadas cos figura de Rosalía de Castro e o proceso de documentación tan minucioso realizado para A memoria da choiva. Recoñeceu que para el deste traballo documental emerxe a trama, nun diálogo permanente, emprendendo un camiño en paralelo. Un acto literario magnífico.

«Penélope», a versión de Fuxan os Ventos

Fantástica a versión de Fuxan os Ventos da «Penélope» do poeta Xosé María Díaz Castro, a quen se pode escoitar recitar o poema. Paga moito a pena como recurso didáctico.

Onte 962: María Soliña, icona da crise

GCTendencias_30-04-2014
Foi un gran acerto que na presentación do novo GCTendencias (moitos parabéns e azos) no Abastos 2.0 se presentasen unha nova cervexa artesá das adegas Menduíña, María Soliña, e a última novela de Pemón Bouzas, A voz do vento, na que se afonda no personaxe histórico de María Soliño, un dos mitos galegos universalizado nun poema de Longa noite de pedra.

XG00224201Gustei dese diálogo entre a cultura gastronómica e a literaria, desta volta vencellada por un personaxe que representa a loita pola dignidade da muller, de todas as mulleres, nun tempo de fanatismo relixioso e profunda crise moral. Ese foi o marco da moi fermosa intervención na que Pemón Bouzas presentou a figura de María Soliño no marco histórico e social da crise que en Cangas, até entón a vila máis puxante da ría, provocou a invasión turca de 1617. «Aquela sociedade que comerciaba cos arrieiros de Castela e cuxo galeóns comunicaban decote con Porto, viu como a cobiza, os abusos de poder e o fanatismo arrasaban co seu espírito emprendedor». Non e moi difícil traer á actualidade aquela catástrofe e proceso de profunda mudanza social, relatada nas páxinas d’ A voz do vento, e relacionala coas corruptelas e outras barbaridades morais que se veñen producindo ao fío da crise de devaluación interna e dos seus abusos.

Quen lle ía dicir ao bo de Celso Emilio Ferreiro que aquela María Soliña que cantou hai cincuenta anos sería a icona de dignidade de persoas preferentistas, desafiuzadas e milleiros de desempregadas e empobrecidas por esta crise do século XXI?

Onte 961: Lectoras novas

amote_leo_a_30-04-2014

Nas dúas presentacións do serán de onte na Feira do Libro de Compostela, tanto na primeira de Penúltimas tendencias de Carlos Negro coma na da triloxía de Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, púxose en evidencia o papel fulcral das mediadoras na formación da lectora literaria e a esperanza representada pola xeración de lectoras novas.

Reitero en cada unha das miñas intervencións a nosa gratitude como editores polo labor de intermediación tan xeneroso realizado nas aulas, bibliotecas e redes por persoas como Montse Pena Presas e Gracia Sanctorum, integrantes destacadas desa xeración de profesoras promotoras dunha revolución silenciosa, a da lectura educativa en Galicia. O papel da mediadora como apoio, modelo, incitación, interlocución, provocación ou confrontación é esencial no proceso de integración da lectura, e da lectura literaria, nos hábitos da vida adulta.

No entanto, o protagonismo onte na feira foi para as lectoras. Recoñeceuno Carlos Negro lendo emocionado algúns comentarios (extraordinarios, engado eu) publicados en blogs de bibliotecas escolares sobre Penúltimas tendencias, amosando que «os termos poesía e adolescencia non son antagónicos, son complementarios», sempre que se «se proporcionen chanzos de acceso». Outro tanto aconteceu na presentación da triloxía de Aneiros, onde Denise Varela e Alba Moreira, integrantes do Clube Lectura pola Igualdade do IES de Silleda, opinaron sobre os dous volumes publicados e conversaron coa autora con sinceridade e profundidade sobre o texto literario. Rosa Aneiros confesou ao remate dunha conversa engaiolante para os asistentes, que «nos clubes de lectura as autoras enfrontámonos directamente ás novas xeracións». O de onte foi un serán de festa para a lectura, a Xeración da Esperanza tamén está nas lectoras novas. Saímos felices da feira.

[Grazas a Xesús Cociña pola magnífica galería de fotos da presentación de Ámote Leo A.]