Onte 768: Xerfas de Antón Sobral

Nas anotacións que teño lido sobre a entrega dos Premios da Crítica Galicia apenas foi mencionada a serigrafía do pintor Antón Sobral que recibiron todos os participantes no xantar. Unha mariña na que o mestre da vida lenta volve sobre os motivos que lle son propios, os das xerfas de intensidade branca na que visualmente sentimos o recendo euforizante da maruxía, unha mestura proteica de salitre e pedramol. Nesta serigrafía do noso vixía do mar percibimos a precisión da súa ollada sobre o horizonte mariño, apenas unha liña entre as gamas dos azuis. Como sinalou Bieito Ledo, o presidente da Fundación, nas súas palabras de benvida, na mariña sobraliana intuimos a presenza dunha pequena traíña no mar de Vigo para remarmos xuntos. Encadrarémola para tela presente no noso estudio. Grazas, Antón, amigo noso do mar.

Onte 767: Premios da Crítica Galicia 2013

Non defraudaron os Premios da Crítica Galicia 2013. A asistencia ao xantar superou as nosas mellores expectativas e as escollas dos xurados, tanto as candidaturas finalistas coma as gañadoras, amosaron a excelencia da nosa creación e o dinamismo das nosas industrias culturais. Especial emoción producíronme os recoñementos que recibiron Transmuta, o poemario de Xabier Cordal, e Culturgal, unha iniciativa que comparte o espírito transversal, inclusivo, antiseitario e corresponsable da fundación organizadora destes premios, coa que teño a fortuna de colaborar. Pagaron moito a pena os esforzos e os afáns destes últimos días, si señor!

Onte 766: Cara de cospedal

Diante da excelente foto de Carlos Barajas na que aparece Dolores de Cospedal seguindo no xulgado as declaracións no plasma de Luís Bárcenas, que a acusaba de recibir dous sobres de 7.500 euros entregados por el mesmo nos despachos do partido e do Senado, os lexicógrafos acuñarán a frase «cara de cospedal» para as actualizacións futuras dos seus dicionarios. A nova frase será unha excelente exemplo didáctico para expresar a suficiencia e o poderío de quen se sabe moi por riba de acusacións e das penalidades que sofren os cidadáns do común: «Non, non recibín sobre ningún, díxolle ao maxistrado con cara de cospedal». A foto é tamén un excelente recurso didáctico para utilizar na nova materia de «Valores éticos e civicos», que o partido de Cospedal incluíu na LOMCE para o alumnado que non curse Relixión.

Onte 765: Ser un de Nós

Soprendeume a noticia da creación do Colectivo Nós, unha nova peña celtista que «pretende aglutinar as seareiras e seareiros con entidade galeguista».Mais o que me deixou abraiado foi que esta peña de mozos e mozas (para min absolutamente descoñecidos) presentase a súa idea apoiándose no meu artigo «Gramática do fútbol celeste», apenas unha declaración emotiva do meu celtismo. Non nego a miña emoción por este feito que amosa a consolidación dun modelo de novo celtismo, fachendoso da identidade do equipo noso, mais tamén consciente da lingua de noso e da identidade galega. Ser un de Nós.

Onte 764: Na Biblos de Betanzos

Acompañamos a Antonio Seijas na presentación de Cartas de inverno. Novela gráfica na Libraría Biblos de Betanzos. Foi un serán magnífico no que compartimos falares e pesares con Tucho Calvo e Carmela González, os promotores desa fantasía cultural que é Biblos. Coa apertura da libraría, o ate agora club do libro e editorial completa o seu modelo de creación, distribución e promoción do libro e do produto cultural galego. Gustei moito do modelo de libraría escollido, no que unha clara especialización no libro e disco galego se combina cunha escolla coidada de fondos literarios en castelán. Gustei do arranxo espacial e do deseño dun mobiliario multifuncional capaz de transformar nuns minutos a libraría nunha auténtica aula de cultura ou sala de exposicións. O programa de actividades completísimo (presentacións, obradoiros, cursos…) expresa a vontade dos libreiros de facer da libraría un referente cultural dinamizador. A pouco que progrese a recuperación urbana do casco vello de Betanzos (o emprazamento da libraría é extraordinario), e a pesar dos malos agoiros e incertezas dun sector en tránsito, aventuro un futuro prometedor para unha das novas librarías máis esperanzadoras do país. Se sempre é recomendable ruar e petiscar pola vila dos cabaleiros, agora tamén o é para visitar a libraría e espazo cultural Biblos. Parabéns e maior fortuna para o emprendemento de Tucho e Carmela!

Onte 763: «Vento e chuvia»

Manuel Gago desvelou na noitiña de onte Vento e chuvia, un proxecto editorial de edición estendida sobre a mitoloxía da antiga Gallaecia. Ilustrado por Manel Cráneo introduce ao lector e lectora na Idade de Ferro, reemerxendo dende a investigación arqueolóxica con vida anovada dez deuses galaicos daquel tempo. Un proxecto que aventuro supoñerá un fito cultural, tanto polo seu contido sorprendente coma por asumir sen complexos a hibridación coma fórmula para a súa distribución. A presentación espectacular multimedia na igrexa da Universidade de Compostela, prevista o 30 de outubro ás 20:00 horas, coa participación dun importante elenco de actores e actrices, desvelará a totalidade dun proxecto editorial mimado en todos os seus detalles polo meu compañeiro de Xerais Ramón Domínguez. Con certeza, tempo haberá para falar devagariño de Vento e chuvia.

Onte 762: O valego

Chegaron do prelo os primeiros exemplares da monografía de Xosé-Henrique Costas González O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres – Estremadura). Unha obra de referencia sobre o que Francisco Fernández Rei, prologuista do libro, considera o bacelo galego que prendeu na Serra de Gata no século XIII. O valverdeiro, o lagarteiro e o mañego, as tres falas do Val do Ellas, Os Tres Lugaris para os seus habitantes. constitúen un mesmo dialecto, o valego, glotónimo afortunado co que Costas bautizou a estas falas (esencialmente) galegas de Cáceres. Tras dúas décadas de investigación concienciuda sobre o terreo, Quique Costas ofrece unha monografía que chanta os alicerces para a posta en valor desta variante extramura do galego e para o desenvolvemento dunha lexislación lingüística que garanta os dereitos lingüísticos dos seus falantes estremeños. Ademais da completísima aproximación lingüística, o investigador de Castrelos ofrece unhas setenta primeiras (e extraordinarias) páxinas sobre o contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España, con especial atención á «Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias». Un libro escrito, ademais, cunha lingua de festa. Un ensaio fermoso e equilibrado, tan entusiasta coma rigoroso. Recoméndoo vivamente.

Iniciativa Paz Andrade

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo os contidos da Iniciativa Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Unha ponencia da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia traballa sobre a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz-Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Apoiada por máis de 17.000 asinaturas, esta iniciativa foi presentada a consideración do pleno polo empresario vigués Xosé Carlos Morell González o pasado 14 de maio, sendo aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos, coa participación na votación de todos os membros da cámara, o que constituíu un consenso inédito nas dúas últimas lexislaturas.

Redactada en apenas tres breves artigos, a proposición de lei pretende  poñer en valor o que Valentín Paz-Andrade denominaba no seu ensaio “Galicia como tarea” (1959) potencial global “dunha lingua coa que os galegos e galegas podemos entendérmonos con millóns e millóns de persoas, aínda que a falen con distinto acento ou escriban de forma diferente certo número de palabras”. A da lingua portuguesa é unha comunidade formada por 254 millóns de persoas, un 3,6 % da poboación mundial, que alén da súa diversidade cultural, representa un considerable potencial económico. Segundo un estudo recente da oficina de estudos do Banco Espirito Santo  supón o 4,6 % do PIB mundial e o 2 % do comercio internacional planetario. Se activamos esas potencialidades de comunicación lingüística que posuímos os galegos e galegas, poderemos con facilidade ser os cidadáns europeos máis capacitados para acadar o maior progreso no menor tempo nunha lingua internacional de referencia, hoxe a quinta máis falada no mundo, máis tamén a terceira máis utilizada nas redes sociais e a primeira máis falada no hemisferio sur do planeta. Unha oportunidade competitiva, sobre todo no eido económico, que non deberiamos estragar no contexto da crise económica, xa que algúns dos países desta comunidade lusófona presentan elevadísimas taxas de crecemento anual como Angola (17 %); mais sobre todo polas oportunidades de negocio e traballo ofrecidas por Brasil, un dos cinco países “brics”, chamados a revolucionar a xeoeconomía do século XXI. Sen esquececer a diáspora portuguesa polo mundo (cinco millóns de persoas) ou as pequenas comunidades como Macao, onde o portugués é lingua oficial xunto ao chinés, na que se están realizando grandes investimentos no eido da educación universitaria, sendo unha porta de acceso á China continental.

O primeiro artigo da iniciativa incorpora a aprendizaxe da lingua portuguesa en todos os niveis do ensino regrado. Ábrese así a posibilidade de aumentar de forma significativa o número de alumnos e alumnas galegas con competencia elevada en comunicación e expresión oral e escrita en portugués. Un obxectivo acadado xa por Estremadura, comunidade que (para a vergonza galega) posúe a sede do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, na que estudan portugués como segunda lingua máis de dez mil estudantes de Secundaria. Unha incorporación do portugués ao currículum que debería facerse coincidir coa implantación máis que probable dos novos currículums LOMCE no vindeiro curso 2014-15. O segundo dos artigos propón que será un obxectivo estratéxico do Goberno galego a relación a todos o niveis (económico, cultural, deportivo, ambiental…) cos países de lingua portuguesa. Este achegamento institucional suporía unha ollada galega cara o sur, primeiro con Portugal, con quen, como tantas veces sinalou o noso amigo o editor Nelson de Matos, “sempre vivimos tan preto, mais tan virados de costas”. Ollada que cómpre prolongar alén mar, cara os países africanos de lingua portuguesa e cara Brasil, país de oportunidades e horizontes abertos, onde Galicia é recibida con menos prexuízos ca en Lisboa. Por último, o terceiro artigo, propón lograr a recepción aberta en territorio galego das emisións de radio e televisión portuguesas. Unha medida (aparentemente) técnica que abriría por fin a derradeira fronteira con Portugal, a informativa, cultural e deportiva, esoutra barreira invisible que tras dúas décadas cos pasos fronteirizos abertos en Tui, Pontebarxas, no Xerés ou en Feces aínda non foi posible derrubar.

A máis que probable aprobación por parte do Parlamento Galego desta lei para o aproveitamento da lingua portuguesa debería supoñer o inicio dun proceso de achegamento efectivo, inclusivo e recíproco de Galicia con Portugal, Brasil e o resto dos países da lusofonía. Será o momento de recuperar con coraxe iniciativas políticas, económicas e culturais como as do Eixo Atlántico (hoxe moi diminuído na súa actividade) ou a decisiva presenza de Galicia como Observador Asociado da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP). Unha magnífica oportunidade para Galicia.

Onte 761: A lectura xuvenil como pasarela

Sigo dende hai tempo o excelente blog no que a profesora Gemma Lluch dedica atención ás narrativas dirixidas aos adolescentes e ás prácticas na web de promción da lectura. A raíz da publicación hai un mes dunha anotación que respondía á pregunta «a lectura xuvenil é unha pasarela para a educación literaria», xerouse un debate moi interesante ao que os editores educativos e de coleccións e titulos da denominada «literatura xuvenil» non podemos quedar alleos. Neste debate é sempre útil diferenciar entre lectura e lectura literaria, como tamén entre relatos de características paraliterarias e textos literarios, nos que se encadrarían aqueles da tradición literaria, dende as obras clásicas aos textos fundacionais das nosas culturas. Comparto a análise de Gemma Llluch de que nalgúns contextos educativos a lectura xuvenil pode ser unha pasarela para acceder a unha educación literaria; mais tamén poderiamos afirmar que hai razóns para todo o contrario. Seguindo este debate, semella esencial a secuencia e as características do traballo de aula preparado polo profesor ou profesora de lingua e literatura. A clave, en definitiva, estaría en como se traballan as competencias de comunicación e expresión oral e escrita, nas que a lectura ten un peso decisivo, como na abordaxe da literatura como a súa gozosa expresión artística. Recomendo as anotacións e o blog de Gemme Lluch, guieiros nun debate que non está moito menos pechado.

Onte 760: Benvida Galiza ano cero

O inicio da emisión de Galiza ano cero merece as nosas maiores beizóns. Poñer en marcha unha canle de televisión en internet, autofinanciada e xestionada de forma comunitaria, emitida en código aberto baixo licenzas libres, é un proxecto importante, unha proba da madurez da internet en lingua galega. A entrevista con Emmanuel Rodríguez é unha peza moi valiosa sobre as razóns do fracaso actual da esquerda, desas que cómpre conservar para revisitar. Recomendo vivamente o proxecto.