[Agustín Fernández Paz, discurso de aceptación do Premio «Facer País», Láncara 27-10-2012]

Vivimos tempos difíciles. O desánimo é a única palabra que non pode ter cabida nas nosas vidas. Precisamos de todas as mans.

Onte 415: Con Agustín en Láncara

Intensa foi a xornada acompañando a Agustín Fernández Paz nas terras do Val de Láncara onde recibíu o Premio Ramón Piñeiro «Facer país» na súa décimo segunda edición. Comezaron os actos co recibimento na casa do concello na Pobra de San Xiao, para logo visitar a casa natal do pai de Fidel e Raúl Castro en Láncara. Un excelente almorzo forte na Casa Grande de Láncara axudou a coller forza a unha xornada que comezaramos moi cedo e na que percorremos a diagonal do país polas terras da Ulloa e do camiño de Santiago. Seguindo un horario moi flexible, os actos literarios comezaron na ponte de Carracedo sobre o río Neira. Alí interviron o concelleiro de Cultura de Láncara e Ana Rivera, en representación das asociacións culturais do Val do Láncara e comarca, outorgantes do premio. Este discurso emocionounos, xa que axiña detectamos na beleza da súa escrita e na trascendencia dos conceptos utilizados o froito da condensación dun traballo cultural urdido en clave de país. O de Ana Rivera foi unha sorpresa gratísima, un dos mellores momentos do día. Despois, xa diante da antiga casa do concello de Láncara, desenvolveuse o acto de entrega. Como presentadora Belén Regueira realizou intervencións magníficas, lembrando que o acto coincidía co Congreso Internacional de Observadores de Nubes que tiña lugar na Granxa Barreiros de Sarria, pola que nós pasaramos apenas dúas horas antes. A de Labañou salientou que «Agustín Fernández Paz era desas persoas que tiñan ambición por facer», insistindo no seu compromiso ético. Marica Campo chufou ben chufado a Agustín. A do Incio percorreu todas as dimensións do seu traballo, como educador e escritor, chegando a identificar o  rosebud agustiniano na colcha de farrapos da súa nenez, a que lle permitíu ensoñar as primeiras viaxes. Mini e Mero, os gañadores da anterior edición, foron os encargados de entregar o premio. Aproveitou Agustín as súas palabras para ofrecer unha lección de entursiasmo contaxioso. Entre as moitas afirmacións memorables do seu discurso, recollín no caderno estas tres: «Todas as persoas que traballan dignamente no seu traballo fan país»; «O galego está moi vivo, moito máis do que pensan os que queren darlle o golpe de graza»;«’Desánimo’ é a única palabra que non ten cabida nas nosas vidas». Tras un cumprido xantar popular, onde nin sequera faltou o queixo de San Simón da Costa nin a participación do cuarteto Xiarín do Incio (que tocan como dios), marchamos a correr para Vigo para chegar ao derbi. Unha xornada que non esquecerei.

Campo do Fragoso CXXIX

O NOSO DERBI IGUALADO

O noso derbi máis galego-portugués da historia –até nove xogadores galegos e cinco lusos saltaron á lameira do Fragoso durante o encontro– resultou tamén un dos máis igualados e emocionantes dos que lembramos. O empate non foi un mal resultado para un Celta que estivo moi por baixo das nosas expectativas; aínda que, probablemente, este resultado foi un chisco decepcionante para un Deportivo que xogou moito mellor do que o veu facendo dende o comezo da liga. Con todo, polo visto no terreo, o empate resultou xusto e acorde cos méritos e deméritos de ambos os dous equipos.

A saída electrizante de Iago Aspas aventuraba unha noite de gloria. Na segunda vez que contactou coa pelota xerou o gol celeste. Foi unha internada pola esquerda na que a nosa figuriña superou ao seu marcador e disparou axustado ao pao dereito, obrigando a Aranzubía a despexalo con moitas dificultades, de xeito que o balón quedou morto para que Mario Bermejo, oportunísimo, o envíase doadamente ás redes. Tras o gol, o Celta creceuse. Cabral puido marcar cinco minutos despois, mentres que Iago coa súa mobilidade toleaba á defensa visitante. Foron os seus mellores minutos de xogo. Co balón no seu poder sentíase seguro, chegaba con certa facilidade a área deportivista e intentaba recuperar a pelota moi arriba, grazas á intensidade de Bermejo, Iago e Krohn-Dehli. Porén, o Deportivo foise estricando amodiño e conseguiu o empate á media hora de xogo grazas a unha xenialidade de Valerón que deliñou un xenial pase interior para que Juan Domínguez batese a Varas. A partir dese momento comezou a deriva celeste, que baixou a intensidade da súa presión e foi cedendo ao Coruña o control do partido. Valerón gañáballe a Borja na súa particular competencia, mentres que a veteranía cutre de Marchena pretendía quecer un partido, até entón de luva branca, descentrando a Aspas que até entón intimidaba aos visitantes con cada unha das súas intervencións.

Na reanudación foi clave o erro gravísimo do central Cabral que recibíu senllas tarxetas amarelas nos cinco primeiros minutos de xogo. Amoestacións, quizais rigorosa a primeira, mais que deixaron aos celestes en clara inferioridade. Oltra viu aquí a súa oportunidade e adiantou ao seu equipo de xeito que non deu tregua aos vigueses até o remate. Un minuto despois da expulsión, Pizzi, o mellor dos dianteiros coruñeses, lanzou un falta lateral de forma maxistral, de xeito que Varas salvou o tremendo cacheirón in extremis, na súa mellor intervención. Aí salvou o Celta o partido. Os visitantes insistiron na súa posesión, mentres que aos nosos abondoulles con defenderse con orde e serenidade, tratando de aproveitar un par de contrataques, especialmente un moi ben levado polo lateral Hugo Mallo, outro dos máis destacados do serán, que Iago non foi capaz de definir por centímetros. O troco inxustificado da figura de Moaña polo coreano Park, explicable apenas por razóns extradeportivas ou publicitarias, amosou que Herrera xa se conformaba cun empatiño.

Este noso derbi, lonxe das urxencias dramáticas da pasada tempada, foi moito máis sensato, temperado e agarimoso ca noutras edicións, tanto dentro como fóra da lameira, coa excepción dalgúns excesos verbais rotineiros de parte da bancada celeste, que deberían ser superados de vez. O feito de que no Celta xogasen sete xogadores galegos encheunos de fachenda.

A foto destacada é de Jesús de Arcos (Faro de Vigo)

Onte 414: Palabras de auga

Tanto Agustín Fernández Paz como Marcos Calveiro, o autor de Palabras de auga, lembraron ao comezo da súas intervencións de presentación do Premio Merlín 2012 en Vigo, aos 70 náufragos de Alborán. Para Agustín esta traxedia é outra mostra máis da imaxe que temos de África como terra incógnita, un continente perdido do que descoñecemos case todo da súa realidade e da súa cultura, apenas coas excepcións de noticias puntuais coma as traxedias das pateiras, dunha seca e fame terribles, de guerras silenciosas ou dos desprazamentos masivos da poboación. Un continente que continúa sometido ao expolio dos seus recursos naturais, outro froito da pegada dun colonialismo europeo que nunca deixou de existir. Marcos tamén comezou as súas palabras referíndose aos «55 que tiveron a morte salgada fronte a eles, os quince que morreron (entre eles nove bebés) e os corenta que quedaron baixo a xurisdición marroquina». Despois leu un relato inédito protagonizado tamén por Amadou, o adolescente da tribo Kimba que enfía as páxinas d’ As palabras de auga. A da familia de Amadou é unha historia terrible, durísima, semellante á que viviron onte os inmigrantes que perderon a vida e a esperanza das súas familias no mar de Alborán. Palabras de auga.

Onte 413: Na Casa dos Poetas

Dixo Celso Emilio Ferreiro que «Celanova ten a dimensión exacta para ser andada». No serán chuvoso de onte puidémolo comprobar, antes de participar na presentación do libro de Ramón Nicolás Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez. Antonio Piñeiro foi o agarimeiro anfitrión co que percorremos as salas todas dunha das casas museo máis xeitosas, dinámicas e visitadas do país. Ademais dos tesouros currosianos alí expostos, coroa poética incluída, a Casa dos Poetas garda no seu segundo andar, onde está instalada a biblioteca, outras pezas de enorme interese. Na galería está unha instalación espectacular que ningún visitante debe perder: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez. Nestes meses é tamén obrigada a visita ás saliñas de homenaxe ao celanovés César Moreiras («Spock» ou «Cesarito»), un dos fundadores do Frente Comixario e un dos pioneiros da banda deseñada galega. Falecido apenas aos vinte e nove anos, Moreiras foi un polifacético artistas urbanos dos oitenta, músico (membro de «Última adevertencia»), xornalista (correspondente en Celanova de La Región), fancineiro e comiqueiro. Gustáronme moito as súas planas axedrezadas e xeométricas, case sempre en branco en negro, como as da da súa particular homenaxe a Longa noite de pedra, o libro publicado por Celso Emilio no mesmo ano que naceu Moreiras. Eis as coincidencias da providencia laica. Esta humilde exposición de Moreiras merece ser divulgada e coñecida.

Imaxe destacada: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez

Onte 412: LIBROX

Continúan chegando as novidades de fin de ano. Onte anunciamos a comercialización de «LibroX», a nova colección que presentamos para «facilitar o acceso á lectura en tempos de crise». Deseñada e preparada na súa totalidade polo departamento de edición de Xerais, tanto os interiores como as magníficas cubertas do xenial Miguel Vigo, foi concibida coa intención de que ofrecer unha serie versátil, flexible, dinámica e de libros con prezos asequibles (entre os 7,50 € e os 12,50 €). En definitiva, libros con vocación de conectar cun lectorado amplo. Libros xeitosos de non ficción que pretenden abrir ocos, temas e enfoques atrevidos para divertir, para reflexionar, para consultar, para cociñar, para mellorar o emprego da lingua, para incitar á lectura… Ese é o espírito que acreditan os dous primeiros títulos. Do G ao Z de Manuel Veiga, un breve dicionario humorístico e indignado, un novo xeito de presentar o ensaio con vontade inequivocamente popular. Outrosí sucede con Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez de Carlos Callón, outro libro de vontade eminentemente práctica destinado a mellorar a nosa calidade lingüística e a superar algúns prexuízos sobre o emprego do galego. Agardamos con expectación as opinións e a acollida do público. Mentres preparamos dous novos títulos para final do inverno.

Onte 411: Chegaron as novelas gráficas

Chegaron os primeiros exemplares da novela gráfica de Toni Seijas baseada en Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz. Creo que Seijas fixo unha adaptación formidable, moi pegada ao espírito do texto de Agustín. Están conseguidísimas tanto a creación das atmosferas do medo e do terror, en base a un traballo soberbio da cor, como a fluidez engaiolante dun relato construído ao xeito das monecas rusas, cartas dentro de cartas. Unha novela gráfica que se engade a Marcopola. A illa remeira de Jacobo Fernández Serrano, o título co que iniciamos este mesm a serie “Merlín comic” dirixida aos primeiros lectores de banda deseñada. Quedamos moi satisfeitos co resultado de ambas as dúas entregas coas que recuperamos en Xerais a continuidade publicación de banda deseñada, un xénero que sempre crimos fulcral para a edición galega. Sabemos que, a pesar do tránsito cara a comunicación dixital, hoxe este é o xénero editorial impreso que máis lectores e lectoras gaña no mundo.

Onte 410: Libro cero

Foi onte día de análises e reflexións sobre o futuro que nos agarda. Ronseis publicou esta peza publicitaria da campaña chilena a prol do ive cero para os libros. Gustoume moito o guión argumental retranqueiro e a idea gráfica que lle imprime un ritmo trepidante para denunciar a situación de crise do sector cultural en Chile. Un recurso que paga a pena arquivar.

Vitoria do partido conformista

Na edición dixital de Sermos Galiza publico a miña valoración dos resultados electorais:

Recoñezámolo. As cifras sonche ben teimudas e amosan que desta volta a vitoria de Feijoo e do Partido Popular foi inapelable. A diferenza da anterior convocatoria, a súa maioría absoluta alicérzase tamén nunha maioría de votos (654.000 fronte aos 639.000 das tres candidaturas alternativas). Vitoria, en todo caso, que non pode agochar que os conservadores galegos perderon un 17 % dos seus votos, máis de cen mil con respecto á anterior convocatoria. Outrosí sucedeulle ao PSdeG-PSOE que polo camiño perdeu o 44%, máis de douscentos mil votos, e ao BNG que obtivo cento vinte e cinco mil menos, o 46 % menos ca en 2009. Todos os tres partidos parlamentarios sufriron, pois, desercións considerables nos seus apoios, se ben foron moito maiores porcentualmente nas formacións opositoras, derrotadas sen paliativos.

 Os resultados amosan que a irrupción fulgurante da AGE (200.101 votos) fíxose en boa medida a costa da importante bolsa de votos que abandonaron o PSOE e o BNG (máis de 300.000). Desercións que, sen dúbida, se acubillaron tamén no número de votos nulos e en branco, que supuxeron un elevadísimo 5,24 %, e na abstención, xa que a pesar de que ao longo da noite electoral non se citara, a participación do voto en urna baixou un considerable 6,65 %, até quedar no 63,80 %. Datos que poñen en evidencia as dificultades da oposición parlamentaria de socialistas e nacionalistas para mobilizar ao que foi o seu electorado nesta convocatoria adiantada.

 Os resultados amosan que a fragmentación nacionalista non foi decisiva para o desenlace electoral, a pesar de que no escenario dunha hipotética participación de BNG, AGE e CxG nunha única candidatura o seu resultado superaría en máis de 66.000 votos ao PSdeG-PSOE e provocaría un cambio na distribución dos escanos, mais que non poñería en cuestión a maioría conservadora (PP 40, AGE/BNG/CxG 18, PSdeG-PSOE 17). No entanto, semella verosímil que a hipótese dunha Frente ampla nacionalista e da esquerda plural, como propuxo Xosé Manuel Beiras, puidese obter un resultado aínda máis reforzado. Como o estudo da relación de actas obtidas polas candidaturas nacionalistas evidencia unha lixeira diminución dos seus apoios (7 actas para o BNG e 4 para Anova), apenas unha menos que na pasada lexislatura.

 Datos que presentadados pola face ou polo envés non poden ocultar a rotunda vitoria en Galicia do partido conformista, presente non só nas filas do PP, como no fracaso da que foi até agora oposición parlamentaria incapaz de ofrecer unha opción atractiva que enlazase coa pulsión de cambio presente nos sectores sociais urbanos máis críticos coas políticas de recortes e de austeridade selectiva de Feijoo. Quizais aí radique a cerna do éxito da AGE capaz de situarse como primeira forza da oposición en Santiago e A Coruña, como tamén a resistencia amosada no resto das cidades, singularmente en Vigo, polo conxunto das forzas nacionalistas e progresistas que, a pesar do seu frouxo resultado, continúan sendo as maioritarias. Como é incuestionable que influíu no éxito da AGE as súa comunicación política coidadosamente “inxenua” como a participación activísima de Xosé Manuel Beiras, unha figura moral capaz de suscitar respecto e admiración nos seus adversarios e de contaxiar entusiasmo máis alá dos límites estreitos fixados pola cohesión do patriotismo de partido.

É innegable que o PSdeG-PSOE e BNG deberán facer fronte á crise interna que provoca un fracaso desta envergadura. Como tamén os membros da AGE deberán decidir se  queren continuar profundizando nos vimbios da súa alianza política de novo cuño ou se se conforman co éxito coxuntural acadado pola súa coalición. Ningún deles ten doado escoller o seu futuro. Procesos reconstituíntes que compartirán co traballo nunha lexislatura clave tanto para a defensa das conquistas da sociedade do benestar como do noso autogoberno.