As películas de Agustín

Un dos momentos máis bonitos da homenaxe de Agustín da pasada semana foi a proxección dunha peza, preparada por Martín Pawley e Eloi Domínguez, na que se recollían algunhas das «peliculas preferidas de Agustín». Agora podemos volver a gozala. Unha marabilla!

Onte 302: Xardín de inverno

Aproveito as primeiras horas do serán da fin de semana, tras unha intensa reunión da Fundación Premios da Crítica Galicia, para dedicalas á lectura de Xardín de inverno, o libro de poemas de Ledicia Costas ilustrado por DNL e editado por Everest na súa colección Punto de Encontro. Un volume fermoso, moi fermoso, tanto polos poemas de Ledicia, como polas fotografías e o deseño dos interiores preparado por Daniel Puente Bello (DNL), dous dos artistas mozos cuxo traballo máis me ten sorprendido e impactado nos últimos meses. Ledicia escribe dende a desolación que lle produce a morte da avoa («aquel día o ceo tinguiuse de espanto»), escrutando nos territorios da memoria da infancia («por iso decidín empezar a construír / e inventei o xardín de inverno: / para gardar a tristura en bolsas de chuvia / e manter á mala sorte ben afastada de nós»). Versos nus de retórica («daquela a vida doeu tanto, / que quixen aprender a camiñar cara atrás / para non perdela nunca de vista») que facilitan unha viaxe expiatoria («quedo bloqueada na expresión do seu rostro») e superadora da ausencia («a miña avoa morreu / levou con ela o corazón figueira / a súa sombra de estío»). Un texto emocionante, conmovedor, mesmo nalgúns versos terrible, mais que tamén ofrece gromos de esperanza. As fotografías coidadísimas de DNL –empregando as posibilidades dos macros e das transparencias, esculcando coa precisión dun cirurxíán os perfís das sombras de elementos naturais e arquitectónicos– son capaces de ofrecer un discurso paralelo, transformando o libro nunha obra máis sinestésicoa ca metafórica. Parabéns a Ledicia e Daniel e, tamén, a miña admirada Irene Penas Murias, unha editora extraordinaria capaz de xuntar a ambos os dous talentos. Beizóns para todos os tres!!!

O meu primeiro Celso Emilio

Este é o magnífico booktrailer de presentación do librodisco O meu primeiro Celso Emilio, preparado por Xiana e Xose Lastra, que estará nas librarías a vindeira semana. Un proxecto para celebrar o centenario de Celso Emilio no ámbito escolar do que falaremos devagariño nos próximos días.

Onte 301: Camilo Nogueira, o optimismo da vontade

Foi unha fachenda acompañar a Camilo Nogueira na presentación de Para unha crítica do españolismo. Camilo fixo unha intervención vibrante defendendo a necesidade de realizar dende Galicia unha critica do españolismo, xa que «en España hai unha diversidade nacional aínda non recoñecida». Como inequívo optimisma da vontade, rigoroso e documentado, puxo sobre a mesa exemplos da negación de Galicia que realiza a historiografia españolista. Insistiu en que Galicia foi independente durante sete séculos na Idade Media. «O suevo foi o primeiro reino independente no Imperio Romano, un reino nunca islamizado, onde non houbo tal Reconquista da que fala a historiografía españolista». Salientou que as posibilidades económicas de Galicia foran sempre negadas, a pesar que na actualidade estamos na media industrial española e contamos cuns niveis de renda á altura da media europea, «non somos un país pobre, como se nos quere facer crer, temos recursos abondos para autogobernarnos, se esa é a vontade da cidadanía galega». Insistiu no valor da lingua galega, que nos sitúa no terceiro espazo lingüístico do mundo, «outra das potencialidades que nega a ideoloxía españolista». Rematou o seu discurso apelando á autoestima cidadá e reiterando que «a posibilidade de que Galicia sexa un país autogobernado é unha posibilidade real na actual Unión Europea sen fronteiras. En 2014 Escocia, tras o seu referendo, pode demostrar que é posible». As próximas presentacións de Para unha crítica do españolismo celebraranse no Circo de Artesáns da Coruña, o 12 de xullo, e na tarde do 25 de xullo no Festigal. Alí estaremos con Camilo Nogueira.

Onte 300: Cartas a un descoñecido

Souben da novelesca aparición do Códice Calixtino mentres preparaba a redacción do texto de cuarta de cuberta de Eu,pel, a primeira novela xuvenil de Teresa González Costa, que publicaremos no mes de setembro en Fóra de Xogo. Non é doada para min a escritura destas apenas quince liñas nas que presentamos diante dos potenciais lectores e lectoras as características de cada obra. Xunto á elección da imaxe de cuberta, tamén responsabilidade do editor, na redacción da cuarta xógase unha parte das posibilidades do libro diante do lectorado. Roberto Calasso escolmou en Cien cartas a un desconocido un cento dos máis de mil textos de contracuberta que escribiu en Adelphi. Para Calasso o texto de contra é o fío sutil que une ao editor co lectorado, un vínculo no que o editor acompaña cada libro, que debe considerar como único e singular, «o lugar no que deberían apararecer e revelarse diante do lector os motivos que levaron á elección do libro». As contracubertas son as cartas do editor a un lectorado descoñecido, pezas breves, moi sintéticas, que sinalan a liña do proxecto editorial, moito máis que parte dos fríos metadatos, hoxe viralizados na rede polas librarías virtuais. Teño a convicción que onte redactei a cuarta dunha das novelas xuvenís máis potentes e orixinais incluídas no catálogo de Xerais, a primeira novela grande dunha autora chamada a marcar un fito na literatura galega do noso tempo. Eis a grande responsabilidade do editor, non é doado comunicar ao lectorado semellante entusiasmo da forma máis convincente e atractiva.

Onte 299: O sector editorial retrocede

O avance do estudo de Comercio Interior do Libro 2011, preparado pola Federación de Gremios de Editores de España, amosa a crise da edición en España. O conxunto do sector retrocede na súa facturación un 4,1% con respecto ao ano anterior, situándose nas cifras de 2002. Diminución que en número de exemplares é do 12,5%, mesmo a pesar do aumento do 4,3% do número de títulos. En definitiva, edítanse máis títulos, con tiraxes máis baixas, para acadar unhas vendas inferiores a doutrora. Nin o editor máis optimista ou afortunado pode negar a profunda crise dun sector que nos últimos cinco anos perdeu o 20,3% das vendas dos seus exemplares; unha diminución que tampouco pode ser atribuída ao impacto do libro electrónico xa que, a pesar do considerable aumento da súa oferta, supón apenas o 3% da facturación total. Chama a atención o incremento das vendas do libro de peto (+4,8%), amosando que o seu prezo (7,20€) e a diversidade da súa oferta son variables a ter moi en conta en tempos de crise. Con respecto á edición en Galicia, só foron anunciados algúns datos parciais, como a diminución da edición en galego nun 10,2%, un fenómeno que hai tempo viñamos anunciando. Da faramallada de datos, quizais o máis positivo e esperanzador sexa o lixeiro incremento da facturación das librarías e cadeas librarías que concentran o 55,5% das vendas do sector. Quen teña curiosidade pode baixar o avance de datos aquí.

[Josep Pla, citado por Antón Baamonde na presentación de «A derrota de Galicia», 02-07-2012]

Unha persoa intelixente distingue o que é do que non é, e non entre o que é e o que deberia ser.

Onte 298: En vías de extinción

Na dobre sesión do primeiro serán da Feira do Libro de Vigo presentamos En vías de extinción, a máis recente novela de María Reimóndez. Un texto escrito cos fíos da vida, aínda que, como sinalou a autora, «non ten un carácter biográfico». Protagonizada por Gaia, unha profesional da tradución e interpretación cun sistema de valores desaxustado ás convencións vixentes, a novela constitúe unha procura da identidade, unha exaltación da singularidade e da diferenza. Sete especies de árbores (toxo, abeleira, uz, carballo, acivro, pradairo e castiñeiro), diferenciando en cada unha delas as vetas e a cerna (onde reside a memoria e a lingua da infancia e da familia), achegan esoutro conflito, o existente entre a sociedade urbana e un mundo que semella en vías ou perigo de extinción, o das formas de vida e cultura tradicional da montaña lucense, onde naceu a protagonista; un debate, en definitiva, sobre a biodiversidade e o futuro ecolóxico que nos agarda. Materiais textuais de diversa tipoloxía e procedencia, polifonia de linguas, variantes dialectais da lingua nosa, numerosas referencias literarias (especialmente aos Cantares gallegos de Rosalía) son elementos formais destacados dunha obra de prosa e estrutura moi coidadas. Na súa intervención, a autora definiu En vías de extinción como «un libro de raíz», o primeiro dun universo literario no que leva traballando e que terá continuidade: «Pretendín escribir unha obra sobre a diversidade cultural, sexual, lingüística e das formas de vida». María Reimóndez, leu tres fragmentos da novela, finalizando con aquel no que Gaia, a protagonista, confesa que «as persoas podemos ser tamén axentes ecolóxicos, temos formas sinxelas de erosionar, facendo a propia roupa ou cultivando o propio alimento, fuxindo deses lugares infernais de cemento, que axiña han ser ruinas sen nada que ofrecer». Unha novela interesantísima que recomendo moi vivamente.