Onte 307: Devaluación interna

Como editor quedei aliviado, xa que só subiu o tipo de IVE do libro electrónico descargable. Como cidadán desolado diante doutro machadazo ao papel do estado como compensador de desigualdades. Outra fase nese proceso de devaluación interna de salarios e rendas (así como de perda de soberanía popular e de centralización do estado), iniciado no mes de maio de 2010 cando Zapatero tirou a toalla presionado polos mercados de débeda. Unha decisión que lle custou a carreira política ao presidente leonés e colocou ao partido socialista nos brazos dun conformismo que dende entón pode conducilo a súa irrelevancia. Onte, Mariano Rajoy, obrigado polas condicións impostas polo memorando de axuda á banca española, consumiu as poucas promesas que lle quedaban por traizoar: subiu os tipos superiores de IVE, prexudicando as rendas medias e baixas; arruinou aínda máis aos funcionarios, aos que escolleu como os seus primeiros reféns; empobreceu máis aos parados, deixándoos ao pairo da caridade, xa sen esperanza ningunha… Por moito que se esforcen en agochalo os medios conservadores, por moi entusiastas que fosen os aplausos (irresponsables) dos membros do seu grupo parlamentario, este machadazo vaille custar caro a Rajoy e ao seu partido, como lle sucedeu a todos os gobernos que avalaron medidas deste tipo. Como tamén pagará Rubalcaba o seu vergonzoso conformismo destilado nunha intervención decepcionante nun momento tan decisivo. Paradoxicamente, unha situación tan dramática abre posibilidades nas marxes de ambos os dous partidos conformistas. UPyD (que medo!) podería aproveitar o desencanto máis conservador e xacobino. Esquerda Unida e os nacionalistas galegos poderían ter nesta coxuntura unha oportunidade de ouro para recuperar credibilidade e apoios. Magoadamente, a situación imítase cada vez máis á grega, no que atinxe ao acentuado empobrecemento da sociedade e ao aumento da desigualdade entre os seus membros; imítase na profundización da recesión da actividade económica; no incremento das taxas de paro, xa moi por riba do 25%, todos os tres efectos deste procesos de devaluación interna presentado por Rajoy co eufemismo do «programa de reformas». Imítase, tamén, a inevitable recomposición dun escenario político cada vez máis líquido, onde se poden producir combinacións, até agora, case inimaxinables. Se a todo isto engadimos, a conflitividade social, cada vez máis dificilmente controlable, Feijoo ten moi complicado decidir cando lle convén convocar as autonómicas.

Onte 306: A subida do IVE e o libro

Na primeira reunión da nova directiva da Asociación Galega de Editores, na que aprobamos o programa de actividades para segundo semestre do ano, agoiramos as maiores dificultades para o mercado do libro galego diante da inevitable subida do actual IVE superreducido do 4%, que o venres aprobará o Consello de Ministros. Tanto sexa un 8% para o libro impreso (o que semella máis probable), como un 18% ou 21% para o electrónico, este incremento arrefriará aínda máis a compra de libros, un mercado que vive en Galicia o momento máis crítico das últimas dúas décadas. Non deixa de ser un sarcasmo que a reivindicación dos editores europeos na última década fose a de acadar un IVE cero, por tratarse o libro dun ben cultural; como tamén o foi, mentres isto non se acadase, loitar pola rebaixa do que grava o libro dixital descargable (tal como aprobou en Francia e Luxemburgo) até deixalo no mesmo tipo ca o analóxico. Agora, nun país como Galicia cuns baixos índices de lectura, esta subida do IVE, ao inicio da campaña escolar, pode supoñer a catástrofe definitiva para o sector editorial e a manifestación do maior desprezo pola cultura. Como tuiteou onte o mestre Xabier Docampo «sen libros, sen cultura, non se sae da crise».

Galician Language: Pride and Survival

«Galician Language: Pride and Survival», presentado tamén coa lenda ou subtítulo de «A film about the Galician Language», son dez minutos de película, dirixida por Molly Carr, narrados en inglés e con intervencións de varias persoas galegas que se subiu hai tres semanas (15/06/2012 ) na canle mollydiana en youtube.

Grazas a Miro Villar.

[Alberto Manguel, «El sueño del Rey Rojo. lecturas y relecturas sobre las palabras y el mundo». Alianza Editorial 2012]

A lectura é o que nos define como especie e a “palabra impresa” o que dá “coherencia ao mundo”.

Onte 305: A tranquilidade de Baltar

É unha fortuna contar con medios como a edición galega de El País nos que o domingo puidemos ler noticias como a que Cristina Huete avanzou sobre como a Fiscalía Anticorrupción puxo, por fin, o foco sobre os comportamentos de José Luís Baltar. Tras a sucesión familiar na presidencia da Deputación de Ourense, era previsible que nalgún momento se producise, mesmo desde espazos achegados ao Partido Popular, algún tipo de denuncia discreta sobre os evidentes excesos cometidos por Baltar ao longo de dúas décadas de auténtico reinado no pazo da rúa Progreso. Ben sabe el que nin o seu inequívoco galeguismo nin o agarimo dos «seus empregados» poderán eximilo de responsabilidade ningunha das graves irregularidades pola que foi denunciado. Porén, a proximidade da convocatoria electoral si que pode salvalo (polo momento), xa que sen o seu apoio dificilmente poderá Feijoo obter a maioría que precisa. Aí quizais resida a aparente tranquilidade coa que onte enfrontou a denuncia.

Onte 304: A devolución do Códice Calixtino

A cerimonia que montaron Rajoy e Feijoo para escenificar a devolución do Códice Calixtino á Igrexa lembroume os esperpentos do nacional-catolicismo. Policías uniformados nunha banda, a curia compostelá enfatada noutra e os políticos do goberno en primeira fila participaron nun acto que non tiña outra intención que darlle ao presidente a oportunidade de por fin «anunciar» nas televisións unha boa noticia. Rajoy nin sequera reparou na oportunidade que tiña para reclamarlle á Igrexa rigor na protección do patrimonio ao seu coidado e un compromiso por facilitar o seu acceso a toda a cidadanía, sen esquecer as medidas de seguridade que levan faltando na catedral e a xestión transparente dos recursos que recibe dos seus milleiros de visitantes. Esta escenificación, tan innecesaria coma gratuíta, dunha devolución que todos vimos se produciu o pasado xoves, afasta aínda máis á cidadanía duns políticos de foto, obsesionados por vender como propia, diante dos medios, cada unha das actuacións da administración pública. Mágoa que esa escenificación fose tan torpe, amosando, tanto o presidente coma o arcebispo, un descoñecemento do manexo da peza que tiñan entre mans, que deberían ter acariñado con luvas, como merece un tesouro bibliográfico do século XII. Sobre o que pode haber detrás do roubo do Calixino e sobre o que ven sucedendo na catedral recomendo a anotación de Fran Lorenzo, mellor e máis claro non se pode dicir.

A derrota de Galicia

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a presentara análise que Antón Baamonde realiza no seu ensaio A derrota de Galicia.

A pasada semana presentouse na Feira do Libro de Vigo “A derrota de Galicia” (Xerais 2012), o máis recente ensaio de Antón Baamonde, un dos pensadores máis orixinais e independentes do noso tempo. O acto pasou inadvertido para a axenda dos medios de comunicación, dos partidos políticos e “elites” viguesas, a pesar do grande interese das ideas de Baamonde para realizar un diagnóstico e unha prospectiva dun país, hoxe baixo mínimos, sometido aos efectos dunha crise económica e política que ameaza con liquidar o seu modelo de convivencia e gobernanza.

É innegable que Galicia sufriu unha transformación urbana nos últimos trinta anos, no que liquidou o seu sector primario –hoxe apenas representa o 7% da poboación activa–, e acometeu, ao abeiro do seu desenvolvemento autonómico e da integración europea, unha modernización das súas infraestruturas. Un proceso exitoso –Galicia reduciu de forma moi importante o seu diferencial de renda per cápita con respecto á media española e da propia unión–, mais que non estivo exento dalgúns erros e excesos, provocados na súa maior parte polas doenzas do clientelismo como forma de participación política, do localismo como modelo de organización territorial e do capitalismo dos lobbies vigués e coruñés como modelo de organización financeira. Aeroportos a menos de sesenta quilómetros; portos exteriores enfrontados no mesmo treito de costa; contedores culturais megalómanos –non só o caso extremo da Cidade da Cultura, tamén os promovidos pola competición de egos entre as caixas–; campus universitarios en todas as cidades, mais con políticas educativas, lingüísticas e culturais de baixa intensidade foron algúns froitos desta concepción modernizadora daqueles tempos dourados onde gobernaban en Galicia Fraga, Vázquez, Méndez e Gayoso.

No obstante, como salienta con afouteza Antón Baamonde, intentando restituír unha versión real do país, nos últimos anos Galicia colleu unha derrota –entendida como “deriva” ou “rota”– moi incerta que a pode levar, no marco do proceso de recentralización en marcha, se non é quen de resistir semellante asedio, a desaparecer como entidade política. Galicia xógase hoxe o futuro do seu autogoberno. É certo que a Galicia de hoxe non obedece á imaxe dun país rural e atrasado, cando xa o 70% da súa poboación vive nas cidades, mais tamén nas palabras do ensaista vilabés “é posible constatar a inexistencia dun proxecto propio que non sexa pasivo, inerte, respecto da evolución xeral española”. Aí residiría a preocupante derrota actual.

Atallar a debacle demográfica, o primeiro problema do país; abordar a desintegración territorial entre as provincias da beiramar atlántica e do interior; artellar unha nova administración local –substituíndo ás deputacións, nas que, a pesar das políticas de austeridade selectiva, continúa empregándose o modelo clientelar– entre áreas metropolitanas, comarcas e un número máis reducido de concellos foron cuestións que a actual Xunta de Galicia presidida por Feijoo adiou ao longo da lexislatura, probablemente por intereses electorais e de cohesión do Partido Popular de Galicia.

Como non poden ser nin xustificadas nin entendidas polos rigores da austeridade das políticas de consolidación fiscal a incapacidade demostrada polo actual Goberno Galego para promover políticas activas de emprego, cando estamos diante das maiores taxas de paro da historia autonómica; para continuar coas políticas de I+D+I promovidas polo goberno de coalición do PSOE-BNG, achegando horizontes de esperanza para manter na propia terra á xeración mellor formada da nosa historia –máis alá de entregarlles cheques de dous mil e pico euros e agasallar maletas aos mellores expedientes universitarios–. Como tampouco se comprende a falta de vontade deste executivo, demostrada teimosamente dende o inicio desta lexislatura, de asumir unha cota de corresponsabilidade no futuro do idioma, da cultura galegas e dos medios de comunicación que estruturan a identidade e o espazo comunicacional propios.

Lendo nas páxinas do recomendabilísimo ensaio de Baamonde semella que non vai ser doado reorientar esta derrota. Para iso sería imprescindible que a identidade de Galicia fose “proactiva, de futuro, tecida sobre a base de novos consensos sociais e inscrita na sociedade-rede mundial”. Unha identidade transformada en norai, un punto de amarre capaz de evitar a disgregación social, unha referencia que permita enmarcar o territorio, a historia e a cultura no mundo dos fluxos e transformacións dun tempo de tránsito. Con todo, semella que a clave para o éxito deste proxecto de cambio de orientación está no dinamismo e na enerxía da sociedade civil galega. Evitar a derrota de Galicia depende da cidadanía galega.

Onte 303: Bauman e Goodman

A pesar da dor de moas, fun seguindo os tuiteos das intervencións de Zygmunt Bauman e Amy Goodman no encontro #2012ideas (Buscando ideas para mudar o mundo), organizado en Bilbao pola Fundación Euskadi 2012. De Bauman recollín algunhas frases que me parecen moi clarificadoras sobre a situación actual: «Afrontamos unha migración global masiva, o que chamo “diasporización” do globo»; «A solución debe ser local, son os gobernos locais os que teñen que solucionar os problemas globais»; «Estamos aumentando a desigualdade no mundo até límites descoñecidos, habería que remontarse ao século XIX»; «A incerteza é a única certeza que temos»; «Estamos consumindo cousas que precisarán os nosos netos e bisnetos, e poñemos en perigo a súa supervivencia»: De Goodman conservei estoutras, a verdade que non menos interesantes: «O movemento pacifista non é unha maioría silenciosa, é unha maioría silenciada, de aí a importancia dos medios»; «O noso traballo como xornalistas é ir onde hai silencio»; «Sexamos filósofos, estudantes, empresarios… temos que tomar unha decisión: ser espada ou escudo»; «Necesitamos medios independentes libres do corporativismo e da influencia dos gobernos»; «Teño esperanza nos medios dixitais e independentes para un acceso libre á información». As conversas poden verse aquí (a de Bauman é a terceira e a de Goodman a cuarta). Moi interesantes.