Onte 319: A editora de Lumen

O pasamento de Esther Tusquets, a editora de Lumen durante corenta anos, provocoume un chisco de melancolía. Membro dunha extraordinaria xeración barcelonesa de editores representa a concepción cultural e artesanal da edición, ese oficio que, segundo as súas palabras, «se vive todas as horas do día e no que se soña con libros a maior parte das noites». Unha editora que asumía a necesidade de manter unha relación persoal con cada un dos títulos que publicaba, dende a lectura do orixinal ou a concepción do proxecto até que atopaba sobre a súa mesa os primeiros exemplares de control de calidade da edición. Unha editora que asumía como outra das súas responsabilidades elixir títulos e descubrir novos autores e autoras para intentar poñelos en valor, unha tarefa moi arriscada e traballosa. Esther Tusquets apostou pola edición de coleccións, como «Moby Dick» e «A favor de las niñas» de Adela Turín, que moito influíron sobre a emerxente literatura infantil e xuvenil en España. Ademais, publicou a serie «Mafalda» de Quino, que ela recoñeceu como ese golpe de sorte que necesita cada editor para consolidar o seu proxecto. Tivo a intución que convertiu El nombre de la rosa de Umberto Eco nun dos primeiros best-sellers de calidade da edición española. Foi a editora dunha impresionantes nómina de autores e autoras literarias –Ana María Matute, Cela, Delibes, Vargas Llosa ou Carmiña Martín Gaite, entre outros– cos que mantivo unha conversa permanente sobre libros e literatura, as súas dúas grandes paixóns. Temo que a concepción cultural da edición na que acreditaba Esther Tusquets é a que está desaparecendo polo tsunami da edición industrial.

Onte 318: Aborto, retroceso brutal

Ao goberno de Mariano Rajoy non lle abonda con liquidar a lei de prazos, tamén pretende que as malformacións no feto non sexan consideradas un suposto de aborto legal. Un disparate que supoñería de facto a penalización e prohibición do aborto. Incapaz de dar pé con bóla no terreo económico, Rajoy busca con esta reforma contentar aos sectores ultraconservadores, mesmo adiantándose á sentenza do Tribunal Constitucional do recurso presentado polo seu partido á lei de de Interrupción Voluntaria do Embarazo de 2010. Un retroceso brutal dos dereitos das mulleres promovido por Alberto Ruiz Gallardón, ese temible conservador que algunha vez tivo fama de progre nas páxinas de El País. Detrás da reforma está, sen dúbida, o criterio da Igrexa Católica e do seu lobbie da caverna imposto como referente de comportamento público a toda a cidadanía. Un xeito de fundamentalismo relixioso dunha institución que, porén, mantén silencio cando o goberno de Rajoy limita a lei de dependencia ou o número de ecografías das embarazadas na sanidade pública. Noxo. Temo que que como sucedía cando estaba prohibido volvan os abortos clandestinos, as mortes de mulleres, a inseguridade xurídica e as viaxes ao estranxeiro (esa temible Europa que nos rescata) para aquelas con máis posibles. Unha vergonza. Como sigan así, Rajoy e Gallardón, ilegalizan até o divorcio! Que xente, mi madriña!!!

Ás portas das Autonómicas

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre as dificultades da oposición para artellar unha alternativa real capaz de gañar as eleccións a Feijoo.

Tras o colapso da prima de risco por riba dos 600 puntos e a solicitude de intervención da Comunidade Valenciana e a posible doutras comunidades autónomas como Murcia, non é descartable que o “rescate completo” ao Reino de España se produza nos próximos días, semanas ou meses. Ademais de provocar unha crise da Zona Euro de consecuencias descoñecidas, supoñería enxergar un horizonte horrible de máis recortes sociais, quizais desta volta afectarían ao futuro das pensións, aumentando a indignación dunha cidadanía sometida a un esforzo brutal de deflacción e empobrecemento que non axuda a saír da recesión nin a crear emprego. Mais un posible rescate completo supoñería tamén un punto de inflexión que acentuaría a crise política do actual sistema de representación e poñería en cuestión a viabilidade do modelo do “estado as autonomías”, ao que xa se culpa de forma máis ou menos explícita da incapacidade para reducir o déficit.

Nese contexto de incerteza institucional e aumento da conflitividade social deberá convocar eleccións Feijoo no vindeiro outono ou inverno. Un presidente que non tivo outros méritos de goberno dos que non fosen os recortes das políticas públicas, os anuncios dalgúns posibles contratos e o de carecer dunha oposición que se presentase como alternativa verosímil.  Durante a lexislatura o PSdeG-PSOE e o BNG perderon a oportunidade de renovar os seus proxectos e liderados políticos. Agora, ás portas das Autonómicas, non existe aínda candidatura socialista, mentres que os nacionalistas, tras o fracaso da Asemblea Nacional do BNG de xaneiro, esgazaron en varias forzas. Coa excepción do deputado Francisco Jorquera, candidato elixido polo BNG, descoñécense os outros rivais que terá Feijoo para optar á presidencia da Xunta. Sen dúbida, este escenario de división e fraxilidade da oposición é o soñado polo actual presidente para afrontar a valoración cidadá da que sabe foi a máis ruín lexislatura da Autonomía, tanto para o desenvolvemento do autogoberno como para a calidade de vida da cidadanía.

Pachi Vázquez, o actual secretario xeral e voceiro parlamentario do PSdeG-PSOE, desputará en setembro as primarias, probablemente, fronte ao exministro de Fomento José Blanco –sempre que este consiga a resolución da súa situación como imputado no caso Campión– ou fronte a José Ramón Gómez Besteiro, o actual presidente da deputación de Lugo. Unhas primarias con resultado incerto que amosarán a profunda división do socialismo galego, organizado en califatos provinciais e locais (que en casos como o vigués e o lucense procuran dos seus referentes en Ferraz, poñendo en evidencia a organización galega do partido), e carente dun liderado forte e dun inequívoco proxecto nacional para Galicia. Superar ese localismo doente e desenvolver unha proposta sólida de autogoberno para Galicia son prioridades para o socialismo galego, se non quere caer na irrelevancia.

A división do nacionalismo galego en varias forzas (BNG, ANOVA, Compromiso por Galicia, ademais das minorías independentistas) no mesmo ano das autonómicas é unha estratexia case suicida, mais aínda cando non vai ser doado que todas as tres poidan acadar o difícil teito do 5% que para entrar no Hórreo impón a lei electoral, aprobada a comezos dos noventa pola maioría de Fraga e que daquela forzou o proceso de unidade nacionalista arredor do BNG. Non dubido que esta división do nacionalismo –visualizada nas convocatorias do 25 de xullo– é entendible tanto pola rixidez dogmática marcada na dirección do BNG polo seu partido hexemónico como pola vitalidade que a diversidade ideolóxica achega a un proxecto nacionalista necesitado dun novo pulo programático e organizativo e de liderados atractivos para a sociedade galega do século XXI. Porén, na actual situación de emerxencia para o autogoberno galego e diante da inequívoca oportunidade da febleza do PP crebado pola súa política de recortes e pola traizón ao seu electorado, a comparecencia das diversas forzas do nacionalismo galego nunha única coalición electoral é a solución máis intelixente, eficaz e útil para os intereses de Galicia e para o futuro do proxecto nacionalista. Unha solución excepcional para darlle resposta á necesidade dun momento histórico, unha ampla coalición contra o conformismo que pola xenerosidade e afouteza expresada con este xesto por todos os nacionalistas concitaría simpatía e apoio en sectores moi amplos da sociedade galega.

Sen esquecer que no actual contexto é probable o incremento dos votos a Esquerda Unida, forza que podería ser outra das chaves dunha alternativa de esquerda, cuxo resultado pode depender moito de cómo se presenten os nacionalistas.

Eis as pezas dun difícil crebacabezas para artellar unha alternativa a Feijoo.

Onte 317: Outlet do Libro Galego

Participei no acto de inauguración do Outlet do Libro Galego de Pontevedra, organizado pola Asociación Galega de Editores e as librarías Paz e Seijas, coa colaboración do concello de Pontevedra e da AGPI. Como sinalou o escritor Manuel Lourenzo, magnífico pregoeiro do evento, do que se trata «é de proporcionar unha nova oportunidade a uns títulos [900 de 14 editoras], que xa completaron o seu circuíto comercial». Unha oportunidade para mercar ademais de libros para todos os públicos, obra gráfica de ilustradores recoñecidos, tanto de orixinais como de láminas dixitalizadas, tamén a prezos moi atractivos. Tras o éxito de Allariz, este segundo outlet constitúe un novo esforzo da AGE para procurar espazos de visibilidade para os fondos do libro galego. Convido a acudir ao Café Moderno de Pontevedra. Creo que paga a pena.

Aquí descarga o programa.

Onte 316: O premio Biblos 2012, deserto

Magoa que o serán tan fermoso e sereno como o que gozamos na Casa Grande do Bachao quedase un chisco ensombrecido polo deserto do Premio Biblos 2012. Unha sorpresa para o centenar de convidados xustificada pola escritora María Xosé Queizán, presidenta do xurado, pola baixísima participación neste certame de novela galega para menores de vinte e cinco anos. Tucho Calvo, creador e teimudo promotor de Biblos, recoñeceu que isto poñía en evidencia a existencia de importantes problemas de comunicación coa mocidade, mais que a existencia dunha anemia de creatividade ou unha falta de interese da mocidade pola literatura galega. O deserto deste Biblos, até agora un ventureira canteira para a narrativa de noso, é un síntoma preocupante dunha eiva na conexión do sector editorial coa mocidade literaria galega, como tamén da necesidade de actualizar as fórmulas de promoción da creación (premios, bolsas, edicións, soportes de publicacións…). Este deserto constitúe unha chamada de atención, que debemos ter moi en conta, mais tamén un aliciente para non deitarse nos brazos do conformismo.

Bauman en Bilbao

Fuente: Irekia – Gobierno Vasco

Onte 315: Unidade contra os recortes

A rúa Urzáiz das mellores xornadas, ateigada de milleiros de persoas de todas as idades, traballadoras e traballadores de diversos sectores, sindicatos e partidos, rexeitou a política de recortes do Goberno Rajoy. Unha voz cidadá que inundou tamén e da mesma forma outras cidades anunciando que a sociedade non se resigna nin baixa os brazos diante desta falsa saída para a crise. No serán de onte comprobouse que a cidadanía non entende outra gramática que non sexa a da unidade sindical e a unidade dos partidos de esquerda. Unha lección que as súas direccións non deben esquecer.

Onte 314: «A punta de pistola» de Fran Alonso, premio «La Voz de Galicia»

Aledoume moito acompañar a Fran Alonso na noite na que recolleu o premio «La Voz de Galicia de novela por entregas 2012». Tiven a fortuna de ler hai meses a obra gañadora, A punta de pistola, unha trepidante novela de estrada, axustada ás convencións requiridas polo certame (trinta e uns capítulos autoconclusivos e menos de catro mil caracteres), na que Fran coa súa habitual mestría e potencia narrativa retrata un episodio do tempo contemporáneo. Unha parella de mozos marxinais, O Varas e a Rica, rescatan a punta de pistola a Dixie e Pixie, os seus fillos de apenas oito anos internados polos servizos sociais nun centro de menores. A partir desa situación extrema, na que en palabras de Fran «a realidade pode ser máis inverosímil ca ficción», a familia emprenderá unha fuxida a velocidade de vertixe que a levará, primeiro, aos labirintos do centro comercial, e máis tarde polos vieiros da rexión metropolitana viguesa. Como é adoito nos textos narrativos de Fran Alonso, un feito real, neste caso denunciado por el nun artigo de opinón en 2006, constitúe o xérmolo dunha ficción na que se cruzan os camiños doutras historias, relatadas en ton máis acougado, como a protagonizada por unha camioneira blogueira de formación universitaria e por Celia Rivas, a primeira muller camioneira de Galicia. Unha novela de lectura enguedellante na que se aborda unha reflexión de profundo calado educativo, ao tempo que se deita unha olla desprexuizada sobre a infancia, a familia e desestruturación da sociedade en tempos de crise. Parabéns para o grande Fran, si señor!