[Ramon Pernas no «Encontro Celso Emilio Ferreiro Poética e Ética», Celanova, 17 de xullo de 2012]
«O meu primeiro Celso Emilio», presentación en Teo
/en Música, Poesía, Presentacións, Xerais/por bretemasBBC London 2012 Olympic Games advert
/en Animación, Deporte, Recurso_didáctico, Vídeos/por bretemasOutra marabilla visual da BBC. Os xogos olímpicos organizados por Londres prometen.
Grazas a Ronseis.
Onte 313: Celso Emilio Ferreiro narrador
/en Autores, Eventos, Galeguismo, Narrativa, Onte, Poesía, Xerais/por bretemasParticipei nunha das mesas redondas do Encontro «Celso Emilio Ferreiro. Ética e Poética» organizado pola UIMP en Celanova. Todos os tres ponentes (acompañei a Alfredo Conde e Ramón Pernas) reivindicamos a Celso Emilio como narrador, unha dimensión, quizais inxustamente, ensombrecida polo seu carácter de poeta total. Ambos os tres defendimos o interese e actualidade dos seus libros de relatos, da súa biografía de Curros Enriquez como de «La jaula de los pájaros raros», a serie de artigos literarios publicada en Faro de Vigo de 1950 a 1953. Alfredo Conde definiu a Ferreiro como «un narrador contracorrente que publica uns relatos dende uns presupostos antropolóxicos e etnográficos que non entraban nos da narrativa galega do seu tempo, xa que a maioría dos títulos publicados eran contos para nenos, sobre a infancia ou sobre a vila natal do autor». Para Conde «a aconfensionalidade ética da prosa de Celso Emilio Ferreiro resiste a súa relectura no século XXI. É un autor cunha prosa que paga a pena ler hoxe». Ramón Pernas reivindicou a Celso Emilio como relatista e lembrou con emoción a entrevista de cinco páxinas que publicou en Triunfo á volta de Celso da emigración venezolana. Dende o público houbo diversas intervencións a salientar. Luciano Rodríguez foi rotundo na vindicación de Celso Emilio como narrador: «A fronteira infinda é un libro de literatura hispanoamericana escrito en galego». Vicente Araguas lembrou a súa gratitude a Ferreiro, xa que lle presentou en Sargadelos de Madrid, xunto a Manuel Rivas e Antonio de Santiago, Paisaxe de Glasgow, o seu primeiro libro de poemas. Carlos Reigosa gabou a xenerosidade sen límite de Celso Emilio con quen mantivo amizade no seu período madrileño. José María Paz Gago, director do Encontro, amosou a súa satisfacción pola achega das sesións a un «novo coñecemento de Celso Emilio». Á saída do debate, parolamos diante da pintada «ADIANTE SEMANARIO» testemuña daquel tempo de entusiasmo que partillaron Celso Emilio e Xosé Velo na súa mocidade.
Onte 312: Daniel Pennac e a literatura industrial
/en Autores, Ensaio, Entrevistas, Lectura, Libro, Onte, Traducións, Xerais/por bretemasGrazas a unha anotación de Txetxu Barandiarán cheguei a unha interesante entrevista en Clarín co meu admirado Daniel Pennac. Impactoume o titular, «O 99% da literatura industrial é lixo», máis pola clarificación que supón este sintagma novidoso («literatura industrial»), sen dúbida para referirse aos libros non literarios de lectura e venda rápida e masiva, ca pola súa valoración, que podería admitir matizacións e honrosas excepcións. Pareceume, tamén, valiosa a diferenciación que o autor de Mal de escola introduce entre os conceptos de «lector» e «ledor» («aquel que mantén unha relación intelectual co que le, que pode cuestionar»), así como a súa crenza na existencia da fisioloxía do lector («no acto de ler hai algo fisicamente delicioso») para explicar o tantas veces citado «pracer da lectura». Porén, entendo que a cerna do que está sucedendo co proceso imparable de frivolización e homoxeinización da edición internacional, denunciado por Pennac, non radica na perda do seu carácter artesanal –algo que ven sucedendo dende hai máis de tres década– nin sequera na evidente redución do espazo do literario no mundo do libro nin no tránsito cara o paradigma dixital. O fulcral reside en que o libro perdeu a súa condición de «ben cultural», sendo considerado agora coma outro produto de consumo máis das industrias do lecer. Un fenómeno que algúns editores expresamos como «o tránsito da industria editorial dos departamentos de Cultura e Educación ao de Lecer e Espectáculos». Unha mudanza decisiva.
Onte 311: Elefante blanco
/en Cine, Onte, Sociedade, Vídeos/por bretemasElefante blanco, a película de Pablo Trapero, interesoume máis do que agardaba. Quedei pasmado co formidable plano secuencia en movemento de arrinque, filmando unha panorámica da Ciudad Oculta dende os ollos dos protagonistas situados no «Elefante branco», ese enorme esquelete de formigón, o auténtico protagonista da película, do que puido ser o maior hospital de América Latina. Como sucede na primeira tempada de The Wire, Trapero utiliza as convencións da ficción para achegarse ao real. Así, os labirintos da cidade marxinal e a chuvia pertinaz son o espazo escollido para presentar a pobreza, a violencia das mafias da droga e da policía incapaces de agochar a dignidade e afouteza dos seus habitantes, familias humildes que, a pesar daquela miseria, queren construír na «villa» as súas vidas. Entusiasmoume a música de Michel Nyman, a interpretación de Roberto Darín, un actor que sostén a narración cando aparece, e a presenza na pantalla de centos de persoas que por momentos achegan a peza á fasquía dun documental. Interesáronme moito menos a inevitable historia de amor e os conflitos de ambos os dous cregos sobre a culpa, a proximidade da morte, o proceso de beatificación do crego Carlos Múgica ou o seu papel e o da fé nun entorno socialmente adverso. Nunha carteleira tan sosa coma a viguesa do verán, agradécese esta rara avis de cine con intención realista.
Máis desigualdade, máis centralismo
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Economía, Goberno Rajoy, Política/por bretemasNo artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o carácter dos recortes do Goberno de Mariano Rajoy.
Mariano Rajoy acudiu o pasado mércores ao Congreso dos Deputados para anunciar o contrario do programa ao que se comprometeu coa cidadanía o pasado outono durante a campaña electoral e polo que obtivo unha ampla maioría para gobernar. Desta volta, obrigado polas 35 condicións impostas no memorando de axuda á banca española, en oito meses de lexislatura xa consumiu as poucas promesas que lle quedaban por traizoar. Subiu os tipos superiores de IVE, modificou o réxime dalgúns servizos e decretou unha (incrible) amnistía fiscal para os grandes defraudadores, prexudicando as rendas medias e baixas de traballadores, autónomos e pequenos empresarios. Arruinou máis aos funcionarios, quitándolles a paga de Nadal, aumentándolles a carga de traballo e tomándoos coma reféns para o escarnio público. Empobreceu máis aos parados, reducindo as súas prestacións, deixándoos sen esperanza ningunha, ao abeiro da inesgotable solidariedade familiar. Retallazos que se engaden aos realizados na primavera nos servizos públicos de educación e sanidade (incluído o aumento do copagamento farmacéutico) xustificados sempre polo mantra da “herdanza recibida” e pola “necesidade de saír da crise”.
Non fai falta ser Krugman para comprender que as medidas do Goberno de Rajoy, ante a súa imposibilidade de devaluar a moeda, supoñen a fase máis brutal do proceso de devaluación interna de salarios e rendas da economía española. Unha xeira “reformadora” iniciada no mes de maio de 2010, cando Zapatero tirou a toalla presionado polos mercados de débeda soberana, cando a prima de risco estaba preto dos 300 puntos. Proceso consolidado de forma irreversible en agosto de 2011, coa reforma exprés do artigo 135 da Constitución –“consensuada” por PSOE e PP e “solicitada” pola carta dos responsables do Banco Central Europeo ao presidente do Goberno, sen dúbida “inspirada” por Angela Merkel e Nicolas Sarkozy– que establece a prioridade da estabilidade presupostaria a calquera outro obxectivo das administracións públicas. A efectos prácticos, dende hai dous anos, o Reino de España está dunha ou doutra forma intervido, cedendo parte da súa soberanía ao que vaian dispoñendo as autoridades da famosa “troica” (UE, BCE, FMI) no marco da grave crise do euro e do proxecto de unión monetaria.
Presentados coa suavidade que permite o eufemismo de “reformas”, todos sabemos, incluídos o propio Rajoy e o conformista Rubalcaba (triste papel o do secretario xeral do PSOE ao longo da lexislatura), que estes recortes non contribuirán a saír da crise, nin a reducir as taxas brutais de paro nin a incentivar a actividade dos emprendedores e investigadores, pola contra supoñerán maior sufrimento para os sectores máis febles e desprotexidos da sociedade. O obxectivo destoutro retallazo é asegurar (non sabemos por canto tempo) a supervivencia dun sistema financeiro quebrado pola burbulla inmobiliaria e polo “capitalismo de amiguetes” practicado polos responsables dalgunhas caixas de aforros durante décadas.
Non comparto as análises dos que afirman que estas medidas devaluadoras son inevitables. Enténdoas como parte dunha estratexia conservadora ultraliberal dirixida a diminuír (quizais a eliminar) o papel do estado como compensador de desigualdades sociais (a clave da chamada “sociedade do benestar”) e a conseguir unha recentralización do estado, avalada pola necesidade de “enmagrecer” as administracións e facelas “máis eficaces”. Dúas aspiracións da dereita española, ao longo da restauración juancarlina. Só dende esa idea conservadora poden entenderse os aplausos entusiastas do grupo popular a Rajoy, tras anunciar no Congreso esta debacle social. Só con esa intencionalidade pode comprenderse a actitude prepotente do ministro Montoro identificando de forma indiscriminada ás Comunidades Autónomas coa “relaxación” orzamentaria ou a patética apelación da ministra Báñez da confrontación franquista entre a “maioría silenciosa de españois de boa vontade” con “algúns que se resisten ao cambio”.
O Goberno Rajoy abriu un negrísimo panorama. Coas súas medidas avanzamos cara un empobrecemento acentuado da sociedade e un aumento da desigualdade, feitos gravísimos para a convivencia. Mais tamén cara unha perigosa xeira recentralizadora, xa que se as Comunidades Autónomas non contan con recursos suficientes tampouco poderán ofrecer os servizos de Educación, Sanidade e Dependencia, que supoñen o 80% dos seus orzamentos. Sen resolver esta tensión, o modelo constitucional do estado das autonomías faríase inviable, abrindo paso á centralización e á posibilidade real de segregación dalgunha comunidade no marco da Europa sen fronteiras. Quizais nesa contradición radique a cerna da crise española actual.
Onte 310: «La librería ambulante» de Christopher Morley
/en Autores, Críticas, Librarías, Libro, Narrativa, Novidades, Onte, Traducións/por bretemasAgradezo a un amigo libreiro bilbaíno a recomendación de La librería ambulante de Christopher Morley, unha pioneira novela de estrada polos vieiros rurais dos Estados Unidos de hai un século, cando os primeiros automóbiles convivían cos vellos carromatos. Unha solteirona decide romper a súa rotina de ama de casa e inicia unha aventura na que descubrirá o amor da man da cultura dos libros. Unha novela optimista, unha afervoada (ás veces inxenua) reivindicación do valor do libro e da utilidade da lectura e da literatura. Ademais, ten particular interese e actualidade a homenaxe ao papel do libreiro, a quen se identifica con aquel profesional que predica «o evanxeo dos bos libros». O texto convida a subliñar algúns excelentes parágrafos sobre o compromiso do bo libreiro:
Cando vendes un libro a alguén non só lle estás vendendo doce onzas de papel, tinta e pegamento. Estaslle vendendo unha vida totalmente nova. Amor, amizade e humor e barcos qe navegan na noite. Nun libro cabe todo, o ceo e a terra, nun libro de verdade quero dicir.
Pensei que o se o meu propósito era vender libros tamén era necesario que me divertise facéndoo.
Ou estoutra de reivindicación do lector:
É mellor ler un bo libro ca escribir un malo e pobre.
Con todo, a maior descuberta foi comprobar que nesta novela, publicada en 1917, Bradbury atopou a fonte dunha das súas frases máis célebres en Fahrenheit 451. Escribe Morley:
Que é un bo libro? […] Un bo libro debe ser simple. E coma Eva, debe provir dalgún lugar entre a segunda e terceira costela: debe haber un corazón latendo no seu interior. Unha historia que é só cerebro non vale moito.
La librería ambulante é un dese tipo de libros, nas súas páxinas late o corazón dos libreiros que predican o evanxeo dos bos libros.
Onte 309: «El niño perdido» de Thomas Wolfe
/en Autores, Críticas, Editores, Narrativa, Novidades, Onte, Traducións/por bretemasNo último mes merquei dous libros da colección «Largo recorrido» da editorial Periférica: El niño perdido de Thomas Wolfe e La librería ambulante de Christopher Morley. Dúas novelas que me fascinaron de senllos autores norteamericanos (descoñecidos para min) da primeira metade do século XX. Dous libros aparecidos nos últimos meses, máis xa ambos os dous na terza edición, un éxito conseguido, probablemente, grazas á complicidade de libreiros curiosos, crítica e lectores xenerosos que utilizando a«técnica do rumor» («novelas que paga a pena ler») as foron compartindo e dacendo visibles. A miña experiencia de lectura da noveliña (apenas 96 páxinas de Wolfe) foi moi gratificante. El niño perdido está moi preto da perfección literaria (se é que iso existe). Wolfe relata a morte do seu irmán de doce anos dende catro puntos de vista. Constrúe así un prisma fascinante onde escintila a emoción polo agromar da vida nos territorios fráxiles da adolescencia (para Grover o protagonista, apenas a praza e as tendas do seu barrio), mais tamén unha reflexión moi intelixente sobre a complexa construción da memoria familiar e sobre a fugacidade do «estraño e amargo milagre do Tempo» (representado por Wolfe con maiúscula). O equilibrio entre emoción e razón, entre o narrativo e o poético, entre as catro voces diferenciadas do relato, mesmo entre a progresión dunha trama moi liviá e a fondura da introspección fan desta noveliña unha peza dunha beleza moi infrecuente. O remate da súa lectura quedamos suspendidos nunha fragrancia que convida a relela, algo semellante a ese «retrogusto» dos viños máis longos. Parabéns aos editores de Periférica. Demostran que tamén dende Cáceres é posible desenvolver, neste difícil tempo de tránsito, un proxecto literario orixinal e de calidade capaz de facerse viable polo apoio da sociedade lectora. Eis o camiño que están explorando selos da chamada «nova edición española» (Nórdica, Impedimenta, Periférica, Libros del Asteroide, entre os que eu máis frecuento). Recomendo vivamente a lectura de El niño perdido e visitar o catálogo de Periférica, onde hai outros textos que pagan moito a pena. De La librería ambulante haberá tempo de falar devagariño.
Onte 308: No Circo de Artesáns da Coruña
/en Asociacionismo, Cidades, Cultura, Galeguismo, Memoria, Onte/por bretemasPresentamos Para unha crítica do españolismo de Camilo Nogueira no Circo de Artesáns da Coruña, unha institución creada en 1847, memoria viva da cidade da Coruña. Xabier Docampo, ao inicio da súa magnífica presentación, sinalou que «hai que defender esta institución con uñas e dentes, xa que foi aquí onde se cantou por vez primeira o himno galego». Antes de iniciar un acto, no que participaron máis dun cento de persoas, o pai de Alfredo Ferreiro lembrou como participara alí en 1965 nun recital de poemas de Celso Emilio Ferreiro, o que constitúe outra valiosa faísca de memoria desta entidade centenaria que tanto ten contribuído á cultura galega e democrática nos tempos máis difíciles. A pesar das súas excelentes instalacións da rúa San Andrés, o Circo de Artesans da Coruña agoniza polas débedas e o seu futuro é dificil, algo que sabemos sucede tamén con outras entidades recreativas que forman parte do tecido civil das nosas cidades e vilas. Nestes momentos de crise, manter o funcionamento pluralista e a independencia con respecto aos poderes públicos destas entidades socioculturais é un reto no que paga a pena implicarse.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.