Cultura do derbi
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a cultura do derbi futboleiro galego.
O segundo libro de Vigo por Magar ábrese cunha fotografía da viguesa “Peña Xaburú” en Riazor. Datada o 9 de setembro de 1960, un grupo moi numeroso de celtistas, entre os que aparece o propio Magar, amosa a súa ledicia e elegancia (todos levan lazo ou garabata) baixo unha pancarta na que se le o seguinte texto en galego: “Vigo. Peña Xaburú ¡Aquí estamos, non o merecedes…, pero os animamos!” . Toda unha declaración de lealtade celeste dunha afección que, xa daquela, sabía estar ás duras e ás maduras. Segundo relata Fernando Gallego na súa historia do Celta, publicada por “Faro” con motivo do 75º aniversario do club, tras o descenso a segunda o ano anterior, a afección celeste estaba un chisco queimada co seu equipo, o que explicaría o de “non o merecedes”, unha chanza que resultou ser un revulsivo eficaz, xa que os seareiros regresaron felices a Vigo grazas ao solitario gol de Gómez co que o Celta gañou aquel derbi. Resultado que sería máis abultado no derbi de primavera en Balaídos, no que marcaron Igoa, Zamorita e, outra vez, Gómez, o noso dianteiro centro.
Hai cincuenta anos os derbis do Celta co Deportivo eran moi frecuentes. No verán, formando parte da pretempada, celebrábase o “Trofeo Amistad”, a dobre partido, un en cada cidade. Os seareiros viaxaban por milleiros para non deixar sós aos seus. En 1965 foron 8.000 os celtistas que acudiron a Riazor, un número superior ao de socios, algo asombroso. A ledicia daquela festa, que os celtistas iniciaban ao mediodía nos viños dos Olmos, “quecíase” polo anuncio das primas ofrecidas polos presidentes para motivar ao seus xogadores en partidos “transcendentais” –que podían chegar as dúas mil pesetas por barba– ou polos comentarios irónicos dalgúns xornalistas que criticaban nos medios coruñeses a tradicional “ferocidade olívica” ou que denominaban a Vigo como “cidade dos tranvías”, o que non sei se interpretar como un velado piropo. Unha rivalidade futbolística comezada en 1908 cando o Deportivo da Sala Calvet visitou o campo vigués do Fortuna C.F. e que continuou o ano seguinte cando o 15 de maio de 1909 se inaugurou o campo de Riazor co primeiro derbi, tamén co noso primeiro “team” vigués.
Magoadamente, dende hai vinte e cinco anos, coincidindo coa volta do Deportivo e do Celta a primeira e cos anos máis gloriosos deportivamente de ambos os dous clubes, perdeuse aquela cultura do derbi e do seu “fair play”, concibido como festa de encontro das afeccións, sendo substituída por unha confrontación pailaroca que emula a cultura hooligan e ao odio tribal. Quizais foi o derbi en Riazor do 7 de xuño de 1987, gañado polo Celta, con ambos os dous clubes xogándose a cara de can o ascenso a primeira, o que abriu a cultura das pelexas e da confrontación entre algunhas peñas de ambos os dous equipos. Un modelo de confrontación que non foi evitado polos presidentes dos clubes e que foi aproveitado de forma irresponsable por algúns políticos populistas, como testemuñan as fotos inesquecibles dos cornos de Francisco Vázquez na grada ou as actuacións de Antonio Nieto Figueroa “Leri” nos derbis de Balaídos. Os apedramentos dos autobuses da afección celeste no derbi da pasada semana, minimizados polo presidente Lendoiro, amosan que esa cultura da violencia asúmese como inevitable nos derbis. Outrosí sucede cos cánticos das afeccións, afirmándose por oposición ao rival (“Vigo, no”, “Coruña, non” ou outros sintagmas que non debemos reproducir), amosando unha carencia de autoestima e de confianza nas posibilidades do equipo ao que apupan.
Transformar rivalidades futbolísticas en confrontacións violentas entre Vigo e Coruña, dúas cidades irmáns, que sabemos compiten entre si nos mercados financeiros, nos fletes portuarios ou na chegada do tren de alta velocidade, resulta inadmisible e moi perigoso para a existencia dun proxecto de convivencia chamado Galicia. O entendemento entre Vigo e A Coruña, os dous motores industriais e financeiros cos que contamos, é esencial para o futuro do país.
Estou convencido que é posible a existencia dunha rivalidade goleira galega, moi intensa e emocionante, sen que isto impida o recoñecemento do rival, como o noso irmán e como o noso cómplice. O intenso derbi vasco, demostra que é posible un modelo de rivalidade deportiva que non estea baseado en negar ao contrario e atacalo de forma tribal. Ambos os dous clubes, tanto as súas directivas como os seus cadros de xogadores, os alcaldes, os partidos políticos e os medios de comunicación deben traballar arreo por recuperar aquela cultura do “fair play” doutrora. Non debemos renunciar a que algún día sexa posible tomar un viño nos Olmos coa camiseta de Iago Aspas ou unhas ostras na Pedra vestindo a de Valerón antes de celebrar un dos derbis galegos de primeira. Queda case todo por facer.