Xela Arias en «Faro de Vigo»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á presenza da poeta viguesa nas páxinas de FV:

A escritora Xela Arias, homenaxeada este 17 de maio, mantivo unha presenza destacada nas páxinas de «Faro de Vigo» durante tres décadas. Iniciouna o 19 de maio de 1973 cando foi entrevistada por Julia Hortigüela e fotografada por Magar con motivo do seu premio no VIº concurso de contos infantís «O Facho» por «A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia». Daquela Xela Arias, alumna de 5º de EXB do Colexio Nacional de Sárdoma-Moledo, confesaba con once anos que escribía contos en galego de forma natural e que tiña a ilusión de ser mestra de párvulos. Aquel conto de infancia, no que anunciaba o seu interese pola iconografía animal e pola creación e transgresión léxica, sería publicado dous meses despois no boletín da Asociación Cultural de Vigo, sendo considerado como o seu primeiro texto literario édito. Xela Arias tardaría apenas un par de anos para volver a aparecer nas páxinas de «Faro de Vigo», desta volta en agosto de 1975, como experta lectora gañadora do concurso literario convocado polo decano que solicitaba identificar as primeiras frases e autoría de seis obras da literatura galega.

Como poeta, Xela Arias debutou en «Faro de Vigo» cunha páxina completa o venres 4 de xuño de 1983, na que baixo o epígrafe de «Creación» e o título «Un feixe de versos novos», se publicaron catro dos seus poemas (“Vai furia nos cabalos dos cometas”, “Chovía”, “O mel mar meirande morea” e “gardenias coloradas para o morto”), xunto a unha ilustración e un extraordinario retrato do pintor e deseñador Xosé Guillermo, a quen coñecera como editora en Edicións Xerais de Galicia. Páxina que se completaba cun despece memorable de Carlos Oroza que baixo o título de «Toda gran poesía es clandestina» recibe entusiasmado os poemas de Arias: «Tu palabra en el verso se entreabre y sonríe en el quiebro y nos da su remoto placer convirtiendo la rosa en vocablos nocturnos. La fusión del aire en el verso y el mar en catarsis. Te saludo –soy feliz– celebro estar en el acontecimiento de tu poesía.» Un comentario decisivo do poeta vigués peripatético, con quen compartirá recitais e a quen Xela Arias traduciría meses despois o seu libro Caballum, iniciando así a súa traxectoria como tradutora, outro dos eidos da súa actividade literaria.

Páxinas de «Faro de Vigo» ás que regresa Xela Arias o 17 de maio de 1984 por partida dobre, co poema “por saberen do fin fuxía”, compartindo espazo con dous poemas de «Mohicania» de Manuel Rivas, ademais de dar comezo da súa colaboración coa páxina «Mulleres» que dirixía a xornalista Pilar Comesaña. Xunto aos poemas inéditos “sube” e “…é que nunca sei”, ilustrados por un retrato de Cameselle, Xela Arias publica a que tamén será a súa primeira autopoética, «Pregúntanme: ¿a poesía?, na que considera que «toda poesía é un trato coa vida poderosamente iluminada; unha consecuencia da vida mesma; só é poesía aquela que non busca vitorias, só será poesía aquela que non afogue nas derrotas…». Páxina de «Mulleres» na que recuncará o 5 de xullo cos poemas “devala a lúa” e “Querida luminaria” e o 16 de agosto cun poema manuscrito por ela mesma, “Xa de volta: as pedras non teñen nome», ilustrado por Sardiña, e o 10 de xaneiro de 1985 co poema “O delirio é un deus”. Colaboración poética de Xela Arias ampliada o 13 de xaneiro de 1985 con outra páxina completa e ilustrada na que anuncia catro dos poemas que incluirá en Denuncia do equilibrio (Xerais 1986), “Búsqueda, situación límite”, “Viaxe ó extrarradio”, “Obxectivo indiscreto” e “Oitenta e catro”. Colaboracións literarias que remata o sábado 8 de marzo de 1986 con dúas narracións en «Pharo de Bego», o inesquecible suplemento bisemanal de «Faro de Vigo», preparado por Pilar Comesaña, Fernando Franco e Francisco Novo, “Por anticipado recaída dun mal que impide o voo” e “Cartas de negación”, ilustradas por Ánxel Huete.

As páxinas de «Faro de Vigo» recolleron, ademais das crónicas das súas intervencións (como a súa presenza habitual no Festival de Poesía do Condado), tamén varias das máis importantes entrevistas coa poeta viguesa. Xosé Antonio Perozo publicou a que consideramos a súa primeira entrevista como poeta o 21 de xuño de 1987, «Xela Arias, con tiempo para la lírica», ilustrada con foto de Cameselle (unha das máis icónicas do amplo repertorio fotográfico da autora). Como son moi interesantes as de Francisco J. Gil e Juan Carlos Álvarez (na sección «Gallegas»), ambas as dúas en 1994. Como é moi valioso o seguimento que o xornalista Fernando Franco continúa facendo de todo o referido a ela. Sen esquecer, tampouco, a participación de Xela Arias no Club Faro de Vigo, sobre todo naquel recital poético inesquecible de seis poetas vigueses do 17 de decembro de 1992, prologado e conducido por Chano Piñeiro, que pechaba o primeiro trimestre de actividade do club dirixido entón por Marisa Real.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *