Artigos

Xaime Garrido, arquitecto

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento do meu admirado Xaime Garrido:

O pasamento do arquitecto Xaime Garrido Rodríguez deixa ao Vigo metropolitano sen un dos principais defensores do seu patrimonio e mellores coñecedores da súa historia. Ás portas da inminente chegada ás librarías doutro dos seus libros fulcrais, «O Vigo amurallado», que el concibía como «unha obra case definitiva sobre a historia patrimonial do Vigo vello», editado polo Instituto de Estudios Vigueses, entidade da que foi fundador (1991), Garrido deixa para a memoria da súa cidade amada máis dunha ducia de libros de investigación sobre a súa arquitectura e patrimonio. Obras esenciais para entender a nosa arquitectura histórica froito dun labor teimoso e altruísta de quen durante cinco séculos defendeu con planos na man o patrimonio histórico-arquitectónico e o medio ambiente como parte esencial da paisaxe e identidade galegas.

Nacido na parroquia de Bembrive en 1938, onde reatopaba o celme do Vigo popular das terras do Val do Fragoso, Xaime titulouse na Escuela de Arquitectura de Madrid en 1966, exerceu no Vigo metropolitano a súa actividade como profesional libre. Un traballo como arquitecto de máis de dous mil proxectos de edificación e urbanismo, que compartiu no seu tempo de lecer co seu compromiso insubornable e afouto coa causa da defensa da memoria de Vigo. Obras arquitectónicas entre as que destaca o complexo parroquial dos Capuchinos da rúa Vázquez Varela ou proxectos urbanísticos como o Plan Xeral de Baiona, redactado en colaboración con Alberto Baltar Tojo, Xosé Bar Boo e Jaime Riera, concello miñorano do que foi arquitecto municipal honorífico (1968-1973), o que permitiu a conservación do seu magnífico centro histórico e contorna paisaxística.

Amante da arqueoloxía –descubridor da estación paleolítica de Chan do Cereixo, na parroquia de Donas en Gondomar– e apaixonado fotógrafo amador, montou en 1980 a súa primeira exposición fotográfica, «Arquitectura Modernista. Vigo 1900-1920», titulada como o libro homónimo colectivo no que participou, editado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), do que Garrido foi presidente da súa comisión de Cultura, desde a que promoveu a formación do arquivo e a realización de exposicións, conferencias, informes e publicacións. Cadora, tería que agardar case unha década a que a Deputación de Pontevedra publicase os seus traballos de investigación premiados pola propia institución provincial: «Fortalezas de la antigua provincia de Tui» (1987, 2001) e «Vigo. La ciudad que se perdió. Arquitectura Desaparecida. Arquitectura no realizada» (1991), que se converteu no primeiro clásico da historia de Vigo do século XX, case un «long seller» dos libros sobre Vigo, reeditado xa en cinco ocasións. Un libro fermosísimo  e estremecedor, no que probablemente Garrido deixou a cerna de toda a súa obra posterior, na que catalogou a arquitectura viguesa destruída –dende o edificio Rubira ás murallas do Castro–, mais tamén  a arquitectura de papel, a debuxada e non edificada, a arquitectura que puidemos ter e a que non existe.

O Vigo actual e o Vigo futuro, que por ventura se enxerga xa peonil entre o paseo de Afonso, a porta do Sol e Policarpo Sanz, non sería posible sen o berro, algunhas veces case en solitario, do arquitecto Xaime Garrido, que reclamou nas páxinas de «Faro de Vigo» e noutros xornais vigueses, sempre con afán didáctico e cívico, a conservación do edificio da Estación do Ferrocarril, do Pazo de Xustiza da rúa do Príncipe, das vivendas da mazá de «El Pueblo Gallego» ou a conservación exenta da muralla do Castro, a quen dedicou outro dos seus libros, «El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo» (2011). Como a actual conciencia conservacionista do patrimonio arquitectónico, que impregna as actuacións urbanísticas do Vigo actual, ten moito que ver coa publicación de libros sobre o arquitecto Jenaro de la Fuente (2016) ou dos seus volumes «Vigo, arquitectura urbana» (2001) e da súa monografía excepcional sobre Manuel Gómez Román (1994), ambos os dous en colaboración co seu amigo e cómplice o historiador Xosé Ramón Iglesias Veiga.

Xaime Garrido loitou coma un heroe civil para que o Vigo do futuro se reconciliase coa súa memoria, para que se parase a desfeita irresponsable e incomprensible da súa arquitectura civil e industrial. Fíxoo coas únicas armas que posúen os sabios coma el, as da razón e as da investigación, como puxo de relevo cando hai apenas dous anos recibiu emocionado o Premio Laxeiro. Mágoa que nestes anos ningún grupo político tivese en cidade esquecedeira como Vigo a coraxe de propoñelo para que fose nomeado sequera como vigués distinguido, para quen merecería a medalla da cidade, un fracaso colectivo que a todos debería avergonzar.

Con todos os abrazos para os teus, grazas inmensas, mestre Garrido!

Arquitectura industrial en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar o libro de Francisco Pérez Fernández  Arquitectura industrial en Vigo (1898-1939), editado polo Instituto de Estudios Vigueses.

978848959961Nestas páxinas xenerosas de Faro de Vigo reiteramos o carácter industrial de Vigo, unha marca do ADN da nosa abella da ribeira. Dende a fundación en 1861 da primeira conserveira, “Hermanos Curbera”, e doutras de fomentadores cataláns como Massó e Barreras, instaláronse na ría de Vigo outras industrias relacionadas coa pesca, como as da maquinaria naval ou cordelaría, que serviron de motor para o desenvolvemento demográfico e do tecido urbano do que apenas era unha vila mariñeira dun porto corsario. A orixe do Vigo contemporáneo arraizou no sector pesqueiro, conserveiro e da construción naval.

Unha pegada daquela industrialización que quedou fixada no crecemento do porto cara a Guixar e do ensanche urbano fóra das murallas, sacrificando a praia do Areal e a Fonte do Galo, onde se estableceu a maior parte desta industria naval e conserveira. Un proceso de crecemento estudado polo xeógrafo Xosé Manuel Souto, polo arquitecto Xaime Garrido e polo historiador Xosé Ramón Iglesias Veiga, cuxas numerosas publicacións permiten hoxe reconstruír a memoria da arquitectura civil viguesa da primeira metade do século XX e defender a conservación e posta en valor deste patrimonio.

Xaora, faltaba un traballo sistemático sobre a arquitectura fabril en Vigo, anterior á instalación en 1958 de Citroën en Vigo, factoría que mudará a nosa fisionomía industrial cara ao dunha cidade do automóbil. Un proxecto asumido por Francisco Pérez Fernández que acaba de publicar no Instituto de Estudios Vigueses un magnífico libro titulado Arquitectura industrial en Vigo (1898-1939). Unha obra de investigación histórica na que apoiándose en abondoso material gráfico (planos, fotos e prensa) fai un completo inventario da arquitectura fabril en Vigo durante o seu primeiro período de esplendor industrial.

Francico Pérez Fernández recupera do fondo dos espellos as pezas da arquitectura fabril desaparecida e as describe no contexto artístico dunha época na que en Vigo se desenvolveron primeiro as correntes da arquitectura eclecticista e modernista e máis tarde emerxeron as do Rexionalismo e inicios do Racionalismo. Así aparece estudada no libro a fábrica de fariñas “La Molinera Gallega” (1898), un enorme edificio de catro alturas, situado en García Barbón, na liña das grandes fariñeiras do momento, onde se estableceu en 1916 o primeiro colexio dos xesuítas en Vigo e despois o colexio privado Mézquita, derrubado a finais dos anos setenta, cando aínda non existía nin conciencia cidadá nin normativa de protección de edificios históricos. Como tamén se describe a edificación que estaba no recanto de García Barbón coa rúa Porto, o taller e marmoraría de Juan Baliño (1901), durante moitos anos o edificio de arquitectura modernista máis antigo de Vigo, obra de Benito Gómez Román. Como tamén se describen as desaparecidas fábricas de conservas de Antonio Alonso, fundada en 1887 na Barxa, ampliada en 1902 por Jenaro de la Fuente utilizando tamén un espírito modernista, a de conservas de Barreras, ao pé da praia de Bouzas, e a de Cervexas de Santander (1925) da Barxa, onde se fabricaba a famosa cervexa Cruz Blanca.

A investigación de Pérez Fernández detense naquelas instalacións fabrís históricas que dunha ou doutra maneira permanecen como testemuñas da nosa arquitectura industrial. Son os casos da fábrica de envasado de follalata da Metalúrxica, a primeira empresa de litografía que funcionou en Galicia, da que apenas se conserva unha parte da fachada en García Barbón, e da Artística, empresa de fabricación de latas, magnífico edificio hoxe abandonado, situado preto da praza de Eugenio Fadrique, que recibiu o nome do que foi o seu xerente durante ben tempo. Como baleira está en Bouzas a fábrica de conservas de Alfageme (1925), unha das mellores pezas industriais de Manuel Gómez Román, cuxo destino é unha incógnita. Como incerto é o da Panificadora (1923), a auténtica catedral laica viguesa, que se vai arruinando devagariño ao pé da casa do concello, allea ás promesas de instalación da Biblioteca do Estado para a que xa non hai consignación orzamentaria.

Obras como as de Pérez Fernández son imprescindibles para que esperte esta cidade desmemoriada incapaz de poñer en valor ningunha das pezas do seu patrimonio fabril. A Artística, a Metalúrxica, a Panificadora, Alfageme non son só nomes evocadores para os milleiros de obreiros e obreiras que alí traballaron. Son tamén pezas dun patrimonio histórico que os poderes públicos están obrigados a protexer, conservar e divulgar. Non é esta unha reivindicación nin nostálxica nin saudosa para recrearse na Vigopedia ou nas páxinas de Facebook. Moi ao contrario. Asumir o recoñecemento deste patrimonio fabril é unha oportunidade que Vigo non pode desaproveitar. Grazas a este libro oportuno podemos volver poñelo sobre a mesa.