Xaime Garrido, arquitecto

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento do meu admirado Xaime Garrido:

O pasamento do arquitecto Xaime Garrido Rodríguez deixa ao Vigo metropolitano sen un dos principais defensores do seu patrimonio e mellores coñecedores da súa historia. Ás portas da inminente chegada ás librarías doutro dos seus libros fulcrais, «O Vigo amurallado», que el concibía como «unha obra case definitiva sobre a historia patrimonial do Vigo vello», editado polo Instituto de Estudios Vigueses, entidade da que foi fundador (1991), Garrido deixa para a memoria da súa cidade amada máis dunha ducia de libros de investigación sobre a súa arquitectura e patrimonio. Obras esenciais para entender a nosa arquitectura histórica froito dun labor teimoso e altruísta de quen durante cinco séculos defendeu con planos na man o patrimonio histórico-arquitectónico e o medio ambiente como parte esencial da paisaxe e identidade galegas.

Nacido na parroquia de Bembrive en 1938, onde reatopaba o celme do Vigo popular das terras do Val do Fragoso, Xaime titulouse na Escuela de Arquitectura de Madrid en 1966, exerceu no Vigo metropolitano a súa actividade como profesional libre. Un traballo como arquitecto de máis de dous mil proxectos de edificación e urbanismo, que compartiu no seu tempo de lecer co seu compromiso insubornable e afouto coa causa da defensa da memoria de Vigo. Obras arquitectónicas entre as que destaca o complexo parroquial dos Capuchinos da rúa Vázquez Varela ou proxectos urbanísticos como o Plan Xeral de Baiona, redactado en colaboración con Alberto Baltar Tojo, Xosé Bar Boo e Jaime Riera, concello miñorano do que foi arquitecto municipal honorífico (1968-1973), o que permitiu a conservación do seu magnífico centro histórico e contorna paisaxística.

Amante da arqueoloxía –descubridor da estación paleolítica de Chan do Cereixo, na parroquia de Donas en Gondomar– e apaixonado fotógrafo amador, montou en 1980 a súa primeira exposición fotográfica, «Arquitectura Modernista. Vigo 1900-1920», titulada como o libro homónimo colectivo no que participou, editado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), do que Garrido foi presidente da súa comisión de Cultura, desde a que promoveu a formación do arquivo e a realización de exposicións, conferencias, informes e publicacións. Cadora, tería que agardar case unha década a que a Deputación de Pontevedra publicase os seus traballos de investigación premiados pola propia institución provincial: «Fortalezas de la antigua provincia de Tui» (1987, 2001) e «Vigo. La ciudad que se perdió. Arquitectura Desaparecida. Arquitectura no realizada» (1991), que se converteu no primeiro clásico da historia de Vigo do século XX, case un «long seller» dos libros sobre Vigo, reeditado xa en cinco ocasións. Un libro fermosísimo  e estremecedor, no que probablemente Garrido deixou a cerna de toda a súa obra posterior, na que catalogou a arquitectura viguesa destruída –dende o edificio Rubira ás murallas do Castro–, mais tamén  a arquitectura de papel, a debuxada e non edificada, a arquitectura que puidemos ter e a que non existe.

O Vigo actual e o Vigo futuro, que por ventura se enxerga xa peonil entre o paseo de Afonso, a porta do Sol e Policarpo Sanz, non sería posible sen o berro, algunhas veces case en solitario, do arquitecto Xaime Garrido, que reclamou nas páxinas de «Faro de Vigo» e noutros xornais vigueses, sempre con afán didáctico e cívico, a conservación do edificio da Estación do Ferrocarril, do Pazo de Xustiza da rúa do Príncipe, das vivendas da mazá de «El Pueblo Gallego» ou a conservación exenta da muralla do Castro, a quen dedicou outro dos seus libros, «El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo» (2011). Como a actual conciencia conservacionista do patrimonio arquitectónico, que impregna as actuacións urbanísticas do Vigo actual, ten moito que ver coa publicación de libros sobre o arquitecto Jenaro de la Fuente (2016) ou dos seus volumes «Vigo, arquitectura urbana» (2001) e da súa monografía excepcional sobre Manuel Gómez Román (1994), ambos os dous en colaboración co seu amigo e cómplice o historiador Xosé Ramón Iglesias Veiga.

Xaime Garrido loitou coma un heroe civil para que o Vigo do futuro se reconciliase coa súa memoria, para que se parase a desfeita irresponsable e incomprensible da súa arquitectura civil e industrial. Fíxoo coas únicas armas que posúen os sabios coma el, as da razón e as da investigación, como puxo de relevo cando hai apenas dous anos recibiu emocionado o Premio Laxeiro. Mágoa que nestes anos ningún grupo político tivese en cidade esquecedeira como Vigo a coraxe de propoñelo para que fose nomeado sequera como vigués distinguido, para quen merecería a medalla da cidade, un fracaso colectivo que a todos debería avergonzar.

Con todos os abrazos para os teus, grazas inmensas, mestre Garrido!

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *