Listado de la etiqueta: maría_lado

O festival do Vigo riquiño

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Hematofesti 2025:

Tras cinco xornadas de actividades formativas e espectáculos, o Hematofesti, o festival de humor e literatura infantil de Vigo, consolidouse como un dos referentes culturais vigueses e galegos do ano. Dirixido pola escritora Ledicia Costas e o ilustrador Alberto Vázquez, concibido como homenaxe á figura do escritor coruñés Miguel López «Hematocrítico», patrocinado polo Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra, o Concello de Vigo e a Zona Franca de Vigo (o que merece os parabéns para todas as cinco administracións pola súa intelixencia colaborativa) e contando coa axuda de trinta empresas colaboradoras, recoñecido polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea como unha das mellores propostas culturais novas no estado do ano 2024, este festival vigués de atrevido formato híbrido, divertida comunicación, localización expandida (en dezasete espazos da cidade) e elegante espírito transgresor volveu facer barro coa súa programación de calidade (máis de sesenta actos) para públicos diversos, dende o infantil e mozo até o profesional da edición do libro e dos videoxogos, da comunicación e xestión cultural.

Exposición de ilustracións na sede da Deputación, presentacións de libros infantís nas librarías, sesións de contos e proxeccións de curtametraxes de animación nas escolas viguesas e metropolitanas, obradoiros de fanzines, talleres de xoguetes ópticos, de ilustración con tecido e fío, de debuxo chalado e un espazo gaming en Vialia foron algunhas das actividades deste segundo Hematofesti que non defraudou. Xaora, entre as novidades máis celebradas desta segunda edición, destacou o encontro «Cultura e economía», concibido como un binomio fantástico de creatividade e emprendemento, que contou coa participación de profesionais do audiovisual e empresarios do sector cultural. Dimensión profesional continuada na xornada do sábado co encontro «Queremos literatura infantil», coordinado por Eva Mejuto e Montse Pena Presas, centrado na edición do álbum ilustrado. Houbo presencia protagonista de espazos de humor, unha das almas do festival, dende a gravación en directo con público do programa Hora veintipico de Héctor de Miguel, á academia de comedia irreverente de Ignatius Farray, que fusiona o humor absurdo coa reflexión filosófica e política. Co seu monólogo provocador, até superar a ambigüidade das marxes, o humorista canario pechou a Hematogala, na que tamén participaron Los Hermanos Pódcast e as humoristas viguesas Sobria e Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín), velada conducida con moita retranca e xenio creativo por María Lado e Xosé Antonio Touriñán, onde non faltou a enerxía da música de Grande Amore, IGMIG e Silvia Superstar.

O concerto proxección d’ As aventuras do príncipe Achmed (1926), o film pioneiro de animación con siluetas de Lotte Reiniger, sobre historias das mil e unha noite, para o que o compositor Brais González do vigués grupo Caspervek fixera en 2014 banda sonora, foi outro dos momentos musicais máxicos e inesquecibles cando este Hematofesti iniciaba a súa andaina. Festival que deu unha puntada de ouro cando tributou homenaxe a actriz e cantante Teresa Rabal, recoñecéndoa co premio «Lenda do Recreo 2025» pola súa traxectoria de catro décadas como referente do entretemento musical da infancia. Creadora de cancións xogo míticas como «Veo veo» e «Me pongo de pie», protagonista da película Loca por el circo (1982), filmada no Val Miñor, Rabal marcou a educación televisiva de varias xeracións de crianzas, as maiores hoxe na fronteira da cincuentena; ademais de acompañar a mudanza da sociedade española, que tras a morte de Franco conquistou os dereitos negados pola ditadura, necesitaba dun soporte emocional e formativo alternativo para os nenos e as nenas no entorno familiar.

Deseñado coa intelixencia creadora de Ledicia Costas e Alberto Vázquez, dous ourives da creación contemporánea, contando cun excelente equipo de profesionais e persoas voluntarias, este segundo Hematofesti amosou que en Vigo tamén é posible gozar con eventos culturais nos que as artistas son respectadas como as únicas protagonistas no contacto cos seus públicos. Hematofesti en dúas edicións ofreceu en Vigo un espazo alternativo de excelencia para unha cultura infantil contemporánea, hibridada nos soportes e nos xéneros, orgullosa da súa orixinalidade creativa e riquiña na súa comunicación, como gustaba a Hematocrítico. Fronte a exaltación da hipérbole, do ditirambo, do alleo e do fuleiro, que a tantos vigueses nos leva o demo nos dous meses futuros, Hematofesti ofrece a alternativa do respecto, da retranca, do orgullo polo propio e da excelencia do orixinal. Longa vida para Hematofesti, o festival do Vigo riquiño.

Quédanos a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao concerto de Paco Ibáñez con motivo do centenario do poeta Carlos Oroza:

Con motivo da celebración do nacemento do poeta peripatético Carlos Oroza celebrouse no Auditorio Mar de Vigo un histórico recital do cantautor Paco Ibáñez. Organizado pola viguesa asociación cultural Évame Oroza, no inicio os poetas María Lado e Antonio García Teijeiro recitaron algúns dos versos orocianos máis emblemáticos, aos que seguiron na pantalla mostras do derradeiro traballo musical (inédito) de Luis Eduardo Aute sobre textos do autor de Évame. Introito que deu paso ao concerto no que Ibáñez (89 anos) antologou dezasete cancións do seu amplísimo catálogo, nas que homenaxeou a poesía de clásicos españois como Quevedo, Góngora e Arcipreste de Hita até voces do século XX como Antonio Machado, Rafael Alberti, Federico García Lorca ou José Agustín Goytisolo. Hora e media de poesía e música, seguida con emoción contida e respecto, apenas rota polo humor do divertido cantor e o seu litixio imprevisto cun vaso de auga, por case un milleiro de persoas, na súa maior parte, entradas en anos. Un serán de nostalxia, tamén de memoria e de encontros agarimosos, tamén de despedida e derrotas saudosas, no que o irredutible Ibáñez, acompañado e coidado polo guitarrista catalán Mario Mas, amosou o valor incombustible da palabra como a máis valiosa das resistencias.

Embora foi a homenaxe a diversidade lingüística o que máis emocionou no recital de Paco Ibáñez, dándolle presenza, como sempre adoita, as linguas e literaturas do estado español. Acompañado do acordeonista vasco Josan Goikoetxea interpretou dous temas en éuscaro, o primeiro, «Peio Josepe», no que lembrou a súa nai da que mamou esta lingua, o segundo, o emocionante canto a liberdade «Txoria Txori» do poeta Joxean Artze, ao que puxo música Mikel Laboa, a quen Ibáñez lembrou, como a Imanol e a Xabier Lete formando parte da tríade de cantores euskaldúns. Con todo foron as tres cancións en galego a cerna do recital do Mar de Vigo, coa presenza en escena do poeta Antonio García Teijeiro, que acompañou con enerxía e gratitude o fermoso xesto de Ibáñez de incluílas no repertorio e recoñecer así a poesía galega. Tras a interpretación de «Que ocorre na terra?» e «Pomba», poemas de Teijeiro, que forman parte do libro Un rato díxolle á lúa (Xerais 2013), estreou en Vigo «Chove», canción sobre un fragmento do poema «Inverno» de Celso Emilio Ferreiro, composta por Ibáñez, despois de telo feito con «María Soliña», como homenaxe a Moraima, mais que nunca fora incluído en gravación comercial. A presenza entre o público da filla e do neto do autor de Longa noite de pedra deulle a esta estrea viguesa un carácter elexíaco inesquecible, un momento máxico inesperado.

Esta homenaxe a poesía galega e euscalduna, como a súa teimosa defensa de non utilizar anglicismos na fala cotián, como unha causa que chamou a compartir, como o entusiasmo que continúan concitando temas históricos do período tardofranquista como «Palabras para Julia», «Me lo decía mi abuelito» ou «A galopar», cantados polo público como himnos, fan de Paco Ibáñez un referente cívico entrañable tanto para as xeracións de militantes antifranquistas como tamén para as posteriores do desencanto do período da Reforma Política. Unha voz que despois de máis seis décadas nos escenarios, un mito dende aquela gravación do recital no Olympia de Paris (2 de decembro de 1969), a pesar da inevitable perda de sonoridade, gañou capacidades expresivas novas e nunha quentura que, como sucedeu no serán da pasada sexta feira, chega directa ao corazón do público. Unha voz que, como salientou o nobel José Saramago, é capaz «de abrir camiños de fraternidade auténtica no espírito das persoas que a escoiten». Unha voz que, para Manuel Vázquez Montalbán, o cantor coloca «ao servizo do coñecemento da emancipación individual e social», consciente de que a liberdade, como os dereitos, son unha conquista nunha agra colectiva.

O emotivo e exitoso concerto de Paco Ibáñez, no que tamén vibrou no introito a voz de Carlos Oroza medrada coma trigo nas fronteiras, amosou que o Vigo literario, ademais de novela, conta con expresión poética. Unha actividade poética de manifestacións diversas, que van dende o fomento do interese pola poesía na infancia e mocidade, encabezada pola teimosía de Antonio García Teijeiro, recoñecida en 2017 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, pasando pola conservación da memoria e da obra do poeta Carlos Oroza, encabezada pola asociación Évame e a editorial Elvira de Javier Romero, ou do poeta Celso Emilio Ferreiro pola fundación que leva o seu nome e pola editorial Xerais, até o activismo en outono do Festival Kerouac de Poesía e Performance ou dos recitais e itinerarios poéticos do grupo Rompente e doutros colectivos poéticos vigueses. En Vigo, por ventura, quédanos a palabra.

Poema de hoxe 197: “casa atlántica, casa cabaret” de María Lado

están as cousas da casa todas mirando
como se enche a tarde de café

María Lado, casa atlántica, casa cabaret (Xerais, 2001)

Onte 1714: Días de feiras

Feira_do_Libro_de_Ribadeo_2016

Coincidindo co inicio do mes de xullo participamos nas Feiras do Libro de Vigo e de Ribadeo, dúas iniciativas para reconquistar o espazo público para os libros e a lectura. O venres acompañei a Ledicia Costas e a Pedro Feijoo nas súas presentacións en Ribadeo, onde Antonio Reigosa fixo un pregón memorable e onde María Lado e Lucía Aldao pecharon a xornada co seu recital «Sempre en Ibiza». As máis de tres horas de viaxe de Cíes á illa Pancha serviron para comprobar que «en Galicia todo é bonito», ademais de actualizar análises e compartir proxectos en marcha, o que un editor sempre moito agradece na conversa cos autores e autoras.

Feira_do_Libro_de_Vigo_Porta_do_Sol_01-07-2016

Unha xornada literaria moi intensa, coma a que sei se desenvolveu na Feira do Porta do Sol de Vigo, que abriu ao mediodía Antonio García Teijeiro co seu pregón e na que nun serán con moito publico participaron María Solar cunha longa sesión de alicientes e Ramón Nicolás coa presentación moi exitosa d’ O espello de mundo, a súa estrea como novelista. Unha feira viguesa que visitamos onte acompañando á asinatura de Pedro Feijoo e na que puidemos parolar devagariño cos libreiros vigueses esperanzados por esta mudanza de ubicación que devolve visibilidade á feira que hai máis de catro décadas creou na Alameda O vello Patiño.

Pedro_Feijoo_Vigo_02-07-2016

Tanto no caso da feira viguesa coma na mariñá, a primeira organizada cos criterios e coa dirección da Federación de Librarías e a segunda pola concellaría de Cultura de Ribadeo, comprobamos a importancia a implicación das iniciativas locais para deseñar, compartir e visibilizar o programa de actividades e procurar a implicación dos públicos. Un compromiso entre librarías, editoras e poderes locais imprescindible para refundar estas convocatorias que levan os libros as nosas rúas e prazas.

Onte 1263: Noite da Edición 2015

noite_da_edicion_2015

No Pazo da Cultura de Pontevedra celebrouse a Noite da Edición 2015 na que se entregaron os premios aos mellores libros do pasado ano, outorgados polos membros da Asociación Galega de Editores. Nesta edición homenaxeouse ao editor Telmo Eiriz, propietario de Galinova que celebra o vinte e cinco aniversario da súa actividade. Antes de comezar a cerimonia, Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra guiounos polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que na súa XVI edición dedica a súas actividades ao tránsito Da Ciencia á Ficción.

A cerimonia foi conducida polas poetas Lucia Aldao e María Lado con grande axilidade e humor, o que moito axudou a ganduxar as numerosas intervencións da noite. Comezou Laura Rodríguez, presidenta da nosa asociación, sinalando con claridade meridiana as importantes dificultades do sector editorial en Galicia e convidando a participar na campaña de promoción da lectura #eusiqueleo promovida pola AGE durante os meses da vindeira primavera dos libros. O noso admirado Alfonso García Sanmartín, ex-presidente da AGE, fixo a laudatio do labor editorial de Telmo Eiriz, quen nas súas palabras de resposta convidou a defender o libro impreso en papel.

Kalandraka, Alvarellos, Baía e Xerais levaron os galardóns nas diversas modalidades, correspondendo a María Reimóndez o premio Xosé María Álvarez Blázquez á mellor autora do ano. O seu discurso brillantísimo homenaxenado a Begoña Caamaño, que recibira o mesmo premio dous anos antes, e reclamando unha maior implicación do sector editorial na publicación de textos de mulleres e na igualdade real, foi un dos momentos máis relevantes. Como tamén o foron as palabras de Agustín Fernández Paz, cando agradeceu o Ánxel Casal ao mellor libro de ficción por A viaxe de Gagarin, denunciando os prexuízos que se volven verquer sobre a literatura e sobre a lingua galega. Foron tamén momentos moi bonitos para nós, as palabras de gratitude de Helena Pérez, en nome de Xerais, despois de recibir o premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil por Escarlatina, a cociñeira defunta, así como as da súa autora, Ledicia Costas cando colocou o seu aclamadísimo libro no territorio dos que procuran a igualdade de facto entre os mozos e as mozas, neste caso entre os grandes da cociña.

Particular relevancia para os editores galegos ten en cada Noite da Edición o premio Francisco Fernández del Riego co que a xunta directiva da nosa asociación recoñece unha iniciativa cultural ou editorial externa ao noso colectivo. O premio foi nesta edición para as Bibliotecas Escolares de Galicia polo seu labor continuado e compartido de fomento da lectura, promovido e alentado dende o equipo da Asesoría de Bibliotecas Escolares, formado por Cristina Novoa, Pilar Sampedro e Xosé Luís Barreiro. Un recoñecemento necesario, para un traballo de máis dun milleiro de profesores e profesoras que merece a maior gratitude dos editores.