A outra xente
Suzanne Simard descubriu que as árbores dun bosque comunícanse entre si, sobre todo, entre unha árbore madura e os seus fillos. A ecóloga forestal canadense identificou as «árbores nais», aquelas que actúan como núcleos dunha rede de micorrizas por cuxos micelios vai e ven información (sinais bioquímicas e eléctricas) entre exemplares de diferentes especies. Deste xeito as árbores poden saudarse, avisarse e cooperar entre especies, intercambiando nutrientes e carbono. Coñezo esta para min novidosa teoría das árbores nai (2018) nas páxinas d´A outra xente (Luzes, 2022), o abraiante libro do ornitólogo e comunicador ambiental coruñés Antonio Sandoval Rey. Un deses poucos libros arca, polo tanto marabilloso e perdurable, sobre a vida e os costumes de persoas non humanas que habitan na terra nosa, dende vagalumes e lavercas a toxos e andoriñas, dende baleas e falcóns a gaivotas patiamarelas e polbos, dende bidueiros e cirrios a paporroibos e vacalouras… Páxinas de beleza desbordada, escritas con extraordinario talento narrativo, con descricións moi detalladas, froito de horas pacientes de observación e de lecturas contextualizadas na literatura clásica que permiten perfilar o retrato desoutra xente que fala ao seu xeito e padece os efectos da emerxencia climática. Un libro literario de non ficción, que amosa a necesidade de superar as fronteiras de xénero na actual oferta editorial, xa que sendo un dos mellores títulos publicados en galego o pasado ano, pode ser considerado entre os mellores de narrativa, mais tamén entre os mellores de ensaio ou investigación. Unha obra, ademais, de carácter político, que achega argumentos e, sobre todo, azos para loitar contra esa pantasma que percorre a nosa época: «a pantasma do curto prazo», recuperando, como tamén fai o sabio Sandoval, a primeira liña de The History Manifesto (2014) de Jo Guldi e David Armitage. Recomendo moi vivamente A outra xente, unha ollada fonda, sosegada, fermosa, necesaria contra a des-extinción.
Publicado en Nós diario: 09/08/2023