Listado de la etiqueta: fundación_penzol

Don Paco

Posuía a capacidade de aglutinar vontades, de contaxiar alento para acometer tarefas colectivas, en «equipo», como sempre dicía. Practicábaa naquel tempo de entusiasmo, cando sendo secretario das Mocedades Galeguistas mobilizaba aos universitarios coa súa oratoria propia dun guieiro de pensamento federalista, netamente progresista, coma foi o seu compromiso político. Teceu proxectos imposibles nos tempos da ditadura, dende o primeiro suplemento de letras de La Noche, até a posta en marcha e funcionamento imparable da editorial Galaxia e da revista Grial dos que foi cerebro creador e corazón impulsor. Un home rede que en catro anos puxo en valor a Real Academia Galega, até a súa chegada, doente e anestesiada. Impenitente lector e bibliófilo, intuíu a necesidade de construír un sistema cultural galego moderno, que desvelase a literatura galega e desenvolvese unha industria do libro de seu. Velaí a súa creación singular da efeméride do 17 de maio e o seu traballo como ensaísta e divulgador en milleiros de artigos. Un home lente que entendeu o traballo do editor como unha conversa permanente coa creación e co seu tempo, ensaiando novos formatos e fórmulas de edición inéditas en galego. Metódico, organizado, cerebral, incansable, disciplinado, non esmoreceu no seu afán diario por continuar termando das responsabilidades que asumiu. Despois de cinco décadas, continuou de forma altruísta a fronte da Biblioteca Penzol, converténdoa nun centro de documentación e investigación modélico; publicando nos xornais, conferenciando, preparando novos libros, acuñando na conversa unha reflexión, tan lúcida como corrosiva, sobre un novo tempo en crise. Partidario da policromía da vida, explorou as paisaxes e os manxares enxebres, socio e seareiro do Celta soubo do sabor do mel e da fel. Encabezou como tal o partido galego da esperanza, o da xente entusiasta e liberal, melancólica e optimista que posúe como eixo do seu programa a loita contra o esquecemento. Obrigados, Don Paco.

Publicado en Nós diario 17/05/2023

Kruckenberg poeta viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre María do Carme Kruckenberg:

A exposición «María do Carme Kruckenberg. Vivir unha aventura irrepetible», proxecto da Fundación Penzol e da Deputación de Pontevedra, instalada na sala Rosalía da sede viguesa da institución provincial na rúa Chao, percorre a traxectoria dunha das intelectuais viguesas máis destacadas do século XX, poeta que nos difíciles anos de posguerra adscribiuse á resistencia cultural sementando coa súa concepción de Vigo e da ría como epicentro vital e literario e co seu activismo poético gromos do actual Vigo literario. Comisariada pola profesora Mercedes Queixas, tamén a biógrafa de referencia da autora viguesa, utilizando os recursos gráficos dunha ducia de paneis informativos, de oito mesas documentais e dun audiovisual,  a mostra presenta a peripecia biográfica e autoral de María do Carme Kruckenberg Sanjurjo (MCK), dende o seu nacemento o 3 de xuño de 1926, no primeiro piso da casa Müdler da rúa Montero Ríos, deseñada polo arquitecto Manuel Gómez Román en 1907, até o seu pasamento, tamén en Vigo, o 16 de maio de 2015.

Un percorrido que salienta a súa formación políglota autodidacta nos anos de entusiasmo da República, a súa educación para a liberdade e  a súa formación como lectora na ampla biblioteca familiar, as súas viaxes por diversos países europeos, con preferencia por Portugal, nas súas estadías estivais e como acubillo protector en 1936, a súa participación nas tertulias da taberna Alameda, onde coincidiu con pintores como Laxeiro e Carlos Maside ou poetas como Celso Emilio Ferreiro ou os irmáns Álvarez Blázquez. Non se esquece a súa estadía en Bos Aires entre 1949-1953, onde mantivo dúas conversas inesquecibles con Castelao, nin o seu decisivo regreso coa súa filla, tras a súa separación, elixindo o camiño das mulleres soas, para establecerse outra vez en Vigo no «edificio da Peineta» (1926), entre Lepanto e Urzaiz, deseñado por Jenaro de la Fuente, e recuperar as súas amizades literarias e artísticas do Café Derby, cando a presenza das mulleres nestes encontros era moi minoritaria se a comparamos coa que vivira en América.

De excelente presentación e espírito divulgador, a exposición presenta, ademais, o compromiso creativo e vital que mantivo ao longo de décadas coas diversas expresións das artes, como a pintura, a música e a interpretación. Con todo, o desenvolvemento da súa ampla obra poética (vinte libros de poemas en galego e dez en castelán) constitúe a cerna expositiva, deténdose en títulos esenciais deste catálogo. Cantigas do vento (1956), escrito con apenas 19 anos e publicado na colección Alba de Alberto González Alegre, sendo o seu primeiro en galego, o que cada vez sería máis frecuente até convertelo en idioma vehicular na década de 1980. A sombra ergueita (Edicións Castrelos, 1976), libro ilustrado polo seu amigo Laxeiro, aínda que o editor só empregou o debuxo que aparece na cuberta, non puido ser publicado até dar superada a censura, para Ferrín «o seu libro máis valente, mesmo ousado, rotundo e vivo», inscrito na longa tradición do lirismo radical.

MCK fixo de Vigo o seu lugar no mundo, o espazo onde sempre desexou tornar lizgaira, o que expresou cun verso memorable, ben presente na mostra: «A onde fun, tornei a Vigo». Un compromiso coa cidade que salientou nun histórico recital de poesía promovido e coordinado por ela, o 18 de marzo de 1988 no Centro Cultural da Caixa de Aforros de Vigo, convocado baixo o título «Os poetas de Vigo cantan en homenaxe a súa cidade». Un serán literario concibido como un recital de masas no que María Xosé Queizán e Maximino Keyzán, acompañados da música e guitarra de Xesús Elías Quiroga, recitaron aos poetas históricos, Blanca Lorenzo e Miguel Anxo Murado puxeron a nota musical, para rematar coas intervencións do que Chuchi, como a chamaban as amizades, cualificou como o conxunto poético máis brillante da historia da cidade de Vigo formado por Ferrín, Pepe Cáccamo, Luz Pozo, Xabier R. Baixeras, Manuel Vilanova, Ramiro Fonte, Forcadela, Alonso Fontán, Xela Arias, Román Raña, Luis González Tosar, Paulino Vázquez, Reixa e a propia Kruckenberg.

Para aquela homenaxe ao Vigo poético, que se anticipaba tres décadas ao actual Vigo literario (mellor ca Vigo noir), Kruckenberg apelaba a que «os vigueses teñen a obrigación de coñecer aos seus traballadores da beleza, aos seus soñeiros de imposibles, aos seus malabaristas da palabra, aos que dalgún xeito tratan de conservar a flor dorida do espírito desta terra». Unha fermosa alegación a prol da poesía como a voz máis pura dunha cidade fundada polos autores das súas primeiras cantigas. Unha mostra máis do seu carácter transgresor e dunha personalidade forte que soubo facerlle fronte á independencia que quixo como norte da súa vida. Recomendo a visita a esta mostra que recupera o seu legado.

Xela Arias, editora pioneira

Agradezo a Manuel Xestoso o convite a participar cun texto sobre Xela Arias editora no excelente monográfico de Sermos Galiza:

No segundo parágrafo de Non te amola! (Galaxia 2021), texto no que dende a voz dunha rapaza de nove anos rememora os días de infancia, Xela Arias lembra que «na [súa] casa os estantes rozan os teitos do cuarto, e non teñen máis ca libros». Referencia que páxinas máis adiante repite como a súa responsabilidade de «meter libros e libros en caixas» no primeiro dos traslados de domicilio da súa familia. Confesións de quen sabe pertence a unha estirpe lectora dende o berce viviu entre libros, moitos deles libros en galego, nos que leu dende os catro anos e entre os que agromou o seu celme literario.

Foi Xela Arias unha rara avis da nosa xeración de galeguistas neofalantes dende a adolescencia, xa que ela mamou o galego como lingua familiar en Ortoá, na granxa escola de Barreiros, herdanza idiomática dos Castaño de Mouzós e dos Arias da Vilerma; sendo con toda naturalidade a súa lingua primeira, que aos seis anos xa dominaba, tamén como a castelá, por escrito. Historia lingüística da que con toda a fachenda deu conta o seu pai Valentín no artigo «Xeliña fala galego» publicado no libro das festas de San Xoán de Sarria de 1968. Unha valiosa declaración a prol da educación plurilingüe en pleno tardofranquismo que non perdeu actualidade tanto pola afirmación da «lingua como o meirande logro colectivo dun pobo» como pola utilidade dunha educación lingüística onde o galego como lingua primeira facilita tanto adquirir outras linguas como poder entenderse [daquela] con «máis de cen millóns de portugueses e brasileiros», xa que, salienta Valentín, «entre portugueses e galegos non hai cuestión por mor da lingua».

Competencia galegofalante que Xela Arias non perdeu nin agochou a súa chegada aos sete anos a aquel Vigo de fronteira que comezaba a despregarse de forma desordenada sobre o Val do Fragoso. Unha cidade da que Xela xa se manifestaba orgullosa nun texto manuscrito en galego de carácter escolar, «O meu pobo», cando aos nove era alumna da Escola Graduada de Sárdoma onde cursou a vella Primaria e a segunda etapa da EXB. Lectura e escrita en galego que xa nunca abandonaría, tanto polo acceso na biblioteca familiar aos primeiros libros infantís en galego, dos publicados por Galaxia, como A galiña azul (1968) de Carlos Casares, que cita en Non te amola!, ou dos publicados polo poeta Manuel María, bo amigo da familia, como Os soños na gaiola (1968, Cartonaxes Anni), que ela e o seu irmán Xoán ilustran para o autor, tamén un dos seus libros de poemas preferidos, ou Barriga Verde (1968, Castrelos) que o de Outeiro de Rei dedicará aos Arias Castaño.

Actividade preliteraria de Xela Arias que a levará a asinar o conto «A pobreza e a negrura da aldea» (1 de decembro de 1972), que permanece inédito, e a presentar o conto titulado «A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia» ao VI Concurso O Facho, resultando gañador o 17 de maio de 1973, texto que no mes de xullo acompañado dunha entrevista con ela será publicado no Boletín da Asociación Cultural de Vigo. Primeira publicación e recoñecemento literario que lle abrirá ás páxinas de Faro de Vigo, onde entrevistada por J. Hortigüela expresa con apenas once anos unha conciencia lingüística precoz e un compromiso xa inquebrantable coa escrita en lingua galega.

Aqueles anos como estudante, primeiro de EXB no Colexio Público de Moledo-Sárdoma, despois de BUP no Instituto mixto do Calvario, coincidirán co traballo do seu pai como xerente da editorial Galaxia (1975-1978), o que incrementará o seu coñecemento do mundo do libro galego e o coñecemento de figuras referenciais deste ámbito, singularmente a de don Paco Fernández del Riego, «un vello afable cabelo cano», a quen respectará ao longo de toda a súa vida, mesmo convidándoo a participar na presentación do seu derradeiro libro, Intempériome (2003), e dedicándolle o poema «Na retina, desde nena» (2002), e a de Xulián Maure, daquela responsable comercial de Grupo Anaya en Galicia, quen anos despois a convidaría a incorporarse ao primeiro cadro de traballo de Edicións Xerais de Galicia.

Anos de adolescencia nos que Xela Arias vivirá experiencias editoriais marcantes como a de axudar ao seu pai, xunto ao seu irmán Xoán, no traslado en 1976 dos libros da biblioteca persoal de Otero Pedrayo doados á Galaxia dende o piso de don Ramón na rúa da Paz de Ourense aos locais vigueses da Fundación Penzol. Como o foron tamén para ela a participación nas excursións organizadas pola Asociación Cultural de Vigo, citadas nas páxinas de Non te amola!, como a visita as ruínas de Caaveiro, recordadas tamén como inesquecibles experiencias construtoras do galeguismo por Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos seus membros, cando en 1987 saudaba a publicación de Denuncia do equilibrio (Xerais 1986), o seu primeiro libro de poemas.

Con semellante equipaxe de experiencias editoriais e galeguistas e tras decidir abandonar o instituto onde iniciara COU chegou Xela Arias ás dependencias viguesas de Edicións Xerais de Galicia no mes de outubro de 1980. Incorporouse como oficinista ao equipo que dirixía Xulián Maure e do que formaban parte Roberto Pérez Pardo, Manuel Méndez Batán e o deseñador e ilustrador Xosé Guillermo, co que axiña amigaría, como lembraría no poema «Epístola. Biografía», que en 1993 lle dedicaría ao mestre artenauta e creador da «Fundición Nautilus». Un reducido cadro de profesionais, ao que se incorporarían despois Carlos Blanco, Luís Mariño, Siro Iglesias, Xosé Manuel García Crego e Celia Torres, que asumía o proxecto de xestionar unha nova editora en lingua galega con criterios estritamente profesionais, superadores do voluntarismo que, coa honrosa excepción das Ediciós Castrelos de don Xosé María Álvarez Blázquez, caracterizaba entón ao sector. Unha editora, Xerais, que aberto o recoñecemento institucional do galego no proceso preautonómico pretendía dar resposta ás demandas de materiais didácticos para o ensino da lingua galega e para a súa utilización como lingua vehicular como tamén, en palabras do seu primeiro director, a ofrecer un catálogo onde «todo galego tivese a posibilidade de ser culto na súa propia lingua» e contribuíse a «colaborar para que a produción da cultura galega non estivese presidida nin polo narcisismo ilustrado, nin polos intereses partidarios».

Naquela primeira Xerais que en apenas dous anos de actividade cun catálogo de medio cento de títulos comezou a liderar a produción editorial en galego, tanto educativa como de fondo xeral, Xela Arias axiña pasou da recepción a ocuparse da edición de mesa (preparación e corrección ortográfica e ortotipográfica) dos textos literarios de coleccións como Ventobranco (poesía), Monte e Fontes (narrativa, viaxe e divulgación), Grandes Mestres, Extramuros e con especial interese da colección Xabarín, a primeira de traducións para o galego de clásicos da literatura xuvenil. Tarefas editoriais que Xela Arias compartía coa relación con autores e tradutores (nun entorno literario e editorial entón moi masculinizado), así como representando á editora nalgúns actos de presentación de novidades ou nos debates arredor de cuestións educativas e literarias que convocaba Xerais revolucionando a comunicación editorial.

Ao longo dunha década como editora (até setembro de 1990), que coincide tamén cos anos de entusiasmo da movida viguesa, xeralmente en horario nocturno, e do inicio do seu activismo literario e cultural, Xela Arias forxouse como editora de mesa de formación autodidacta, mantendo unha alta responsabilidade con respecto á calidade da lingua dos textos, sendo as súas interpretacións moi relevantes no proceso de fixación da norma ortográfica de 1983 cos criterios que existían no momento. Obsesionada pola mellora do coñecemento léxico e respectuosa cos criterios do Instituto da Lingua Galega, cando non existían tampouco dicionarios normativos, o Xerais é de 1986, Xela Arias procuraba na edición dos textos alleos idéntica fidelidade e rigor que imprimía cando retorcía e destilaba as frases das súas traducións ou dos seus poemas. Aquela rapaza que comezou metendo libros nas caixas convertérase nunha das pioneiras da edición galega, inventando en Galicia o noble oficio de editora do que fomos continuadores.

Fotos Arquivo de Xerais

(1984): Xela Arias con Xosé Guillermo e Siro Iglesias;

(1989): Xela Arias con Celia Torres e Xosé García Crego [instalacións de Xerais, foto Vilar Cardona].

(1989): Xela Arias [instalacións de Xerais, foto Vilar Cardona].

Onte 2131: Bibliografía de Xela Arias na Biblioteca Penzol

Recibo o número 24 do boletín de novas da Fundación Penzol dedicado de forma monográfica á bibliografía de e sobre Xela Arias dispoñible na Biblioteca Penzol e na Biblioteca Fernández del Riego. O traballo do escritor Silvestre Gómez Xurxo é completísimo, sendo fundamental tanto para achegarse a unha bibliografía integral de Xela Arias como para a súa utilizacion como recurso didáctico por parte do profesorado e persoal das bibliootecas escolares.

A bibliografía pode descargarse aquí en pdf (9 paxinas).

Arquivos da memoria viguesa

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á situación precaria dos arquivos en Vigo:

A pasada semana un grupo de vinte persoas vinculadas coa actividade cultural asinamos unha declaración pública na que solicitamos ao concello de Vigo unhas instalacións dignas e un funcionamento profesional para o Arquivo Municipal de Vigo, ubicado dende 1978 no segundo soto da propia Casa do concello, a carón do garaxe, en condicións hoxe moi precarias. No texto denunciamos “a falta de persoal e de dirección profesional” dun servizo que é de competencia municipal, así como as deficiencias no acceso e clasificación dos seus fondos. Denunciamos as condicións inaxeitadas para a conservación e custodia dos fondos documentais, a incomodidade do actual espazo de consulta presencial e a ausencia dunha sala de lectura axeitada, como tamén o estado de descoido dunha instalación ruidosa e pouco amable para as numerosas persoas usuarias, tanto cidadás curiosas, como investigadoras ou amadoras da historia local.

Expresamos, en definitiva, a nosa preocupación polo estado precario do que debería ser considerado como auténtico “sagrario da memoria municipal”, xa que alí se custodian milleiros de documentos (o máis antigo de 1455), entre manuscritos, libros, cartafoles, publicacións, documentación histórica e relixiosa, actas, censos, planos e expedientes urbanísticos que conforman unha parte esencial da historia escrita de Vigo. No documento reclamamos a instalación do Arquivo Municipal nunha novas dependencias de propiedade municipal que permitan dar cobertura ás necesidades técnicas de conservación dos fondos e do acceso en mellores condicións para as usuarias, así como a dirección profesional do servizo, o comezo da dixitalización dos seus fondos e a creación dunha web que permita a súa consulta en liña.

Xaora, esta situación do Arquivo Municipal non é a única precariedade que sofre a nosa memoria local. A inexistencia dunha Biblioteca de Estudos Locais, como a aberta polo concello da Coruña na rúa Durán Loriga, retarda o coñecemento e a difusión da historia da cidade entre a cidadanía e, sobre todo, entre a poboación escolar. Unha biblioteca especializada en historia de Vigo, tanto como espazo físico como virtual, que como xa temos proposto noutras ocasións, podería nacer moi doadamente dos magníficos fondos existentes na Biblioteca da Escola de Artes Oficios, na que se custodian algunhas das coleccións hemerográficas máis valiosas das localizadas en Vigo. Como tamén axudaría na creación deste centro activador de memoria a coordinación que puidese manter con algúns outros xa existentes, sobre todo os da Biblioteca da Fundación Penzol da Casa Galega da Cultura, e os do Instituto de Estudios Vigueses, entidade filantrópica especializada na memoria do Vigo metropolitano, merecedora de maior atención por parte das diversas administracións públicas das que até agora recibe. Sen menoscabo da súa posible colaboración co activo Arquivo do Porto de Vigo, en funcionamento dende 1881, esencial para entender cabalmente o ADN portuario e atlántico de Vigo, que conta con máis de 60.000 pezas documentais, algunhas extraordinarias, como as fotografías de Sarabia dos anos vinte.

Outrosí sucede coa posta en valor do patrimonio fotográfico recollido no Arquivo Pacheco, un auténtico tesouro para activar a memoria do Vigo da primeira parte do século XX, que nin de lonxe conta cos recursos necesarios para un funcionamento óptimo e para popularizar o acceso ás súas cento corenta mil pezas. Arquivo fotográfico da cidade, que debería ter o seu celme no até agora fantasmal Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI) da rúa Chao, cuxos fondos de propiedade municipal de Ksado e Vigo visións deberían ser ampliados cos do Arquivo Llanos, hoxe propiedade da Consellaría de Cultura, depositado no Museo Etnolóxico da Ribadavia, ao que se poderían engadir os doutros grandes fotógrafos de “Faro de Vigo”, Magar e Cameselle (claves para entender o período de entre séculos), como os de carácter social da fotógrafa internacional de estudio Mari Quintero ou os artísticos de fotógrafos amadores da relevancia de Ricardo Terré.

A situación dos arquivos vigueses expresa a carencia dunha estratexia municipal de memoria, a pesar de que constitúe un requisito para calquera cidade que pretenda proxectarse no futuro. Vigo non pode continuar sendo unha cidade desmemoriada e curtopracista, allea ao seu pasado. A crise case agónica da actual rede museística (co Marco na UCI), a precariedade dos arquivos e o desinterese endémico para crear a biblioteca do estado e desenvolver unha rede de bibliotecas municipais homologable á da cidade da Coruña sitúan a Cultura en Vigo nunha situación de emerxencia. Insistimos no que constitúe unha evidencia, non hai mellores luces que as da lectura e as da memoria.

Mapas e cartas de Vigo e de Galicia

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a exposición “Mapas e cartas de Vigo e de Galicia. Séculos XVII ao XX”, organizada pola Fundación Penzol na Casa Galega da Cultura de Vigo.

Foto expo Penzol Mapas e CartasCoincidindo co vinte e cinco aniversario da presenza na Porta do Sol do Sireno de Leiro, a icona do Vigo de entre séculos, inaugurouse na planta baixa da Casa Galega da Cultura unha exposición de cartas náuticas e mapas de Vigo e Galicia que amosan a imaxe da cidade e da ría, así como de todo o noso país, dende o século XVII ao XX. Organizada pola Fundación Penzol e comisariada por Gonzalo Méndez Martínez, profesor da Universidade de Vigo e primeira autoridade na cartografía galega, a mostra propón ao visitante un relato visual iniciado coa “Descripcion del Reyno de Galizia” –o mapa de Galicia preparado polo dominicano Hernando de Ojea, o primeiro impreso cun trazado cartográfico realizado para Galicia e incluído en 1603 nunha das edicións do famoso atlas mundial de Abraham Ortelio publicado nos Países Baixos– e rematado coas cartas náuticas levantadas hai un século na ría de Vigo polos traballos cartográficos do buque hidrográfico da Armada “Urania”.

Unha mostra de cartografia galega, centrada de forma sutil na ría e no que hoxe cualificamos como espazo do Vigo metropolitano, que permite a posibilidade de visualizar a conformación da imaxe do país durante trescentos anos, tanto a xerada polos cartógrafos galegos como Hernando Ojea ou Domingo Fontán, como desde fóra por aqueloutros que percorreron as nosas costas, os nosos camiños ou tiveron noticia deles nos seus gabinetes. Unha exposición humilde nos medios utilizados, mais moi suxestiva para o visitante a quen se lle ofrece a posibilidade de identificar ou descubrir moitos detalles topográficos e toponímicos que hoxe resultan curiosos e significativos. Unha mostra valiosa pola súa posibilidade de aproveitamento didáctico por parte dos centros educativos mais tamén para o gozo por parte da cidadanía do patrimonio cartográficos atesourado na Biblioteca Penzol, que a pesar dos ses escasos medios, continúa funcionando como auténtica biblioteca nacional galega.

Como sinala o comisario da mostra a historia da cartografía é a do estudo dos avances nos coñecementos sobre o territorio (como sobre a propia Terra no seu conxunto) e o das ciencias e técnicas necesarias para o seu recoñecemento, medición, representación e reprodución. Mais sen esquecer que a historia da cartografía dun territorio concreto, como neste caso é o de Galicia e o da ría (ou baía) de Vigo (e, nalgún momento) das“illas de Baiona”, é froito dos feitos históricos, das decisións administrativas, dos procesos demográficos ou mesmo da súa proxección internacional (algo decisivo no caso vigués e na conformación do seu carácter portuario atlántico). En definitiva, a cartografía de cada momento (os mapas, planos e cartas náuticas) plasma de forma moi fidedigna a mudanza das divisións administrativas (neste caso das sete provincias do Reino de Galicia ás catro da división provincial vixente dende 1833), o desenvolvemento da rede de estradas e comunicacións, como o peso demográfico que vai adquirindo cada territorio (adiado en Vigo até o comezo do século XIX).

Probablemente o máis significativo da mostra sexan as distintas versións que do mapa pioneiro de Ojea foron publicadas ao longo do século XVII en varios grandes atlas europeos. Como tamén é moi chamativo o “Mapa Geographico del Reyno de Galicia”, publicado en 1784 por Tomás López, mostra da cartografía de gabinete, no que se representa Galicia na súa totalidade e os límites das súas sete provincias, utilizando unha escala 1:332.000. Con todo, a estrela da mostra, a pesar de ser apenas unha copia dixitalizada a tamaño real, é a “Carta geométrica de Galicia” (1834), o mapa de Domingo Fontán, a figura fulcral da cartografía histórica galega, á que o escritor vigués Marcos Calveiro dedicou unha extraordinaria novela (Galaxia, 2015). Semellante proeza do cartógrafo galeguista foi posible grazas a utilización dun teodolito de Gambey, construído en París en 1818, que lle permitiu crear unha base xeodésica, completada ao longo de dezasete anos, nos que percorreu de forma incansable todos os camiños de noso. Fontán levantou así o primeiro mapa moderno de Galicia, gravado en París en 1845, utilizando unha escala de 1:100.000, idéntica a utilizada noutros mapas oficias doutros países europeos. Unha peza cartográfica extraordinaria da que Otero Pedrayo dixo que era “o auténtico rostro de Galicia”.

Xaora, non entenderiamos o sentido desta exposición sen a presenza das cartas náuticas da construción do perfil da costa galega, como as incluída no atlas náutico “Le Neptune François”(1693), no “Atlas Marítimo de España” (1788) de Vicente Tofiño e, sobre todo, as levantadas hai un século polo “Urania”, buque cartográfico e escola flotante da Armada, semente da ETEA, que merecería un apartado de seu na historia viguesa.

Defensa de Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a defensa do liderado no proxecto de Galicia como suxeito político.

9b26a2e249b9baf921c91b79601aaa85

O pasado venres o deputado socialista Abel Losada publicaba nas páxinas de Faro de Vigo un artigo titulado «A imprescindible defensa de Vigo» no que citaba criticamente o que eu publicara nesta sección o mércores arredor das relacións de competencia e colaboración que eu entendo deberían existir entre Vigo e A Coruña. Sen ánimo de polemizar con que expresa posicións dunha candidatura, non podo máis que lamentar que alguén pretenda confundir a miña proposta de irmandade intergalaica con posicións que nunca foron as miñas.

Dende hai dezaseis anos, semana a semana, grazas á xenerosidade de Faro de Vigo, neste espazo de Campo de Granada (van case oitocentos artigos) levo defendendo contra vento e marea, con total independencia e respecto, por riba das querenzas dos diversos gobernos municipais e alcaldías das diferentes opcións (populares, socialistas e nacionalistas), a idea esencial de Vigo, do Gran Vigo ou da Área Metropolitana de Vigo (non vou discutir o nome) como motor e líder da Galicia do século XXI. Un liderado que a nosa cidade mantivo de forma indiscutible ao longo de todo o século pasado nos eidos económico, demográfico, urbanístico ou cultural, mais que por diversas razóns, ás que probablemente non foron alleas nin as actuacións das súas élites políticas nin a inhibición dos seus poderes económicos, foi perdendo pulo dende a pasada década. Vigo debe asumir o reto de recuperar ese liderado no proxecto de Galicia.

Como levo defendendo de forma teimosa a necesidade de acometer unha profunda reforma territorial de Galicia, na que se recoñezan as áreas metropolitanas como entidades de carácter político e administrativo e se supriman as deputacións provinciais. A creación da Área Metropolitana de Vigo aforraría moitos recursos na xestión dos servizos públicos e facilitaría a mobilidade e calidade de vida de máis de medio millón de cidadáns dos concellos metropolitanos. Vigo debe asumir o reto de liderar a creación da súa cidade metropolitana.

Como levo defendendo o carácter industrial e obreiro do Gran Vigo e o futuro dos seus sectores económicos principais: automoción, industria naval e pesca. Sectores nos que sabemos reside o celme vigués e as maiores cifras de emprego na industria e exportación, mais que de cara ás próximas dúas décadas e no marco da nova sociedade dixital e postindustrial cómpre refundar ou reorientar nuns casos, complementar noutros ou mesmo abandonar de forma ordenada, se fose preciso. Vigo debe asumir o reto de recuperar o planeamento estratéxico como ferramenta orientadora de políticas prospectivas e de implementación da formación e innovación.

Como tamén levo defendendo o liderado de Vigo no proxecto do Eixo Atlántico, pola súa valiosa equidistancia do Porto e da Coruña, as principais competidoras viguesas, como a inclusión de Vigo dentro da rede de cidades portuarias do Arco Atlántico, xunto a outras francesas, inglesas, irlandesas e do norte da península. Sen esoutra referencia non poderiamos entender a importancia do porto de Vigo, a da súa recén estreada autoestrada do mar, dos tráficos interocéanicos de contedores, das escalas de cruceiros turísticos ou do seu liderado como porto pesqueiro europeo de referencia ou da súa industria conserveira e alimentaria relacionada co mar.

edificio_rubiraComo tamén levo defendendo dende aquel primeiro artigo sobre «La Favorita de Príncipe» un Vigo memorioso, fachendoso daquel Vigo dos nosos avós e da síndrome Siboney provocada polos tranvías metropolitanos que nos roubou a alcaldía de Portanet, a mesma que autorizou o derrubamento do edificio Rubira e doutras alfaias da nosa arquitectura pétrea. Lonxe de saudades paralizantes que nunca compartín, entendo que este Vigo capaz de recordar o será tamén de acuñar unha posición orixinal, e polo tanto compartida por amplos sectores sociais, como cidade de xenerosa acollida, consciente de que todos fomos algunha vez emigrantes (o meu avó chegou a Vigo hai noventa anos, no ferrocarril coma outros labregos zamoranos), onde todos estamos orgullosos do seu dinamismo e laboriosidade coma abella da ribeira mais na que non renunciamos á cultura tradicional do periurbano estendido sobre o que noutrora foron vizosas parroquias do Val do Fragoso.

Ese foi o Vigo que identifiquei nas páxinas de A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo, ese monumento do viguismo galeguista construído por Xosé María Álvarez Blázquez hai cincuenta anos nas páxinas de Faro de Vigo, a quen a Fundación Penzol lembra cunha exposición con motivo do centenario do seu nacemento. Ese é o Vigo que pretendemos continuar defendendo, fachendoso do seu, firme e unido reclamando o que lle corresponde, consciente do seu papel decisivo na construción de Galicia como suxeito político.

Manuel Gómez Román

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a figura de Manuel Gomez Román, con motivo do cincuenta aniversario do seu pasamento:

31-19-9-13 pan 055Na Casa Galega da Cultura inaugúrase mañán a exposición “Manuel Gómez Román. Arquitecto e Galeguista” na que, coincidindo co cincuenta aniversario do seu pasamento, o 11 de novembro de 1964, se homenaxea a unha das figuras viguesas do século XX que deixaron maior pegada na cidade. Nacido en Vigo o 24 de xullo de 1875, fillo dun construtor e irmán do tamén arquitecto Benito, ao longo de cinco décadas desenvolveu como arquitecto máis de dúas mil obras (edificios, monumentos, chalés e instalacións industriais), a maior parte delas na cidade de Vigo e nos seus arredores. Unha actividade profesional que non lle impediu manter unha intensa acción política –chegou a ser concelleiro e aspirante á alcaldía pola Frente Popular– como membro do Partido Galeguista, do que foi o seu último secretario xeral na clandestinidade. Como non foi alleo Gómez Román ao activismo cultural fose como presidente da sociedade La Oliva en 1910, como integrante do Seminario de Estudos Galegos e da Real Academia Galega, ou como cofundador e vicepresidente da editorial Galaxia e da Fundación Penzol, xa nos últimos anos da súa vida.

37336941Non se pode entender o Vigo do ensanche pétreo sen os edificios deseñados e construídos por Gómez Román. Antes de contar coa titulación, que obtería de forma serodia, xa era un consumado arquitecto de xínea modernista. Deseñou o edificio Mülder (1910), obra modernista con pegadas de art nouveau, a primeira das súas numerosas esquinas viguesas, entre Montero Ríos e Pablo Morillo; o edificio Simeón (1911), a actual alfaia arquitectónica da Porta do Sol; o monumento a Concepción Arenal (1912) do cemiterio de Pereiró, asinado polo seu amigo Antonio Palacios; a sede da Sociedade de Agricultores de Lavadores (1911) da rúa Ramón Nieto;e a Casa do Pobo (1913) da rúa García Barbón, derrubada despois da Guerra Civil.

Banco_Pastor,_VigoAo seu regreso de Madrid, onde completou en apenas tres anos a carreira, desenvolveu unha actividade arquitectónica frenética na que recuperou certo clasicismo evoluíndo cara o estilo rexionalista. Colaborou con Jacobo Esténs nos pavillóns do Hospital Municipal (1917) do Regueiro; na construción da sede do Banco de Vigo (1923), actual edificio do Banco Pastor, unha edificación clasicista que dialogaba de fite co edificio Rubira de Jenaro de la Fuente; o edificio de Correos (1928) na praza de Compostela; a sede da Caixa de Aforros de Vigo (1926) na Ronda; o edificio do Mercantil (1926) da rúa do Príncipe. Corresponden a ese mesmo período edificios de vivendas empoleirados nas costas viguesas fose en Urzaiz, Lepanto, Uruguai, Velázquez Moreno, Colón, Luís Taboada, Loriga, Ecuador, Doutor Cadaval, Marqués de Valladares… Sen esquecer que é autor do proxecto das Casas Baratas de San Roque (1932) e de tres das máis importantes pezas da nosa arquitectura industrial: a fábrica de cervexas da Barxa (1925), o edificio da Panificadora (1926) e o de Conservas Alfageme (1930). Ocupouse tamén da arquitectura funeraria, da que hai numerosas mostras no cemiterio de Pereiró, sendo tamén seu o proxecto do Monumento de Monteferro (1926) aos mariños e o da Capela da Guía (1952).

v10c11f5Dentro da súa obra non poden ser esquecidan nin a súa extraordinaria arquitectura de papel (merecente dunha gran exposición) nin as súas casas rurais e chalés, como o desaparecido Agarimo de Peniche, construcións de estilo rexionalista nas que recolleu mellor ca en ningunhas outras o seu proxecto de humanizar a arquitectura en diálogo coa cerna da paisaxe. Xaora, foi ese o tema do discurso de ingreso na Real Academia Galega (“Encol dunha arquitectura galega”), que pronunciou no Casino de Vigo o 30 de decembro de 1951, no que José Solís, daquela gobernador civil, prohibiu utilizar o galego. Unha prohibición de uso público da lingua galega, denunciada na UNESCO en 1954, que obrigou tamén a Otero Pedrayo a dicir en castelán unha resposta memorable escrita en galega na que definiu a Gómez Román como “mente saudosa e ao tempo matemática”, “arquitecto e escultor, ao tempo que mestre canteiro”, subliñando afoutamente que “a súa arte dialogaba coa de Castelao”.

Na soidade do seu ocaso, cando se sentía “viúvo da vida”, este “conspirador de novas Compostelas” apoiou a don Paco del Riego na creación do Día das Letras Galegas (1963) e nos afáns da Fundación Penzol, a institución organizadora desta exposición necesaria na súa lembranza. “Fillo amante que soubo en formas ledamente tradicionais abranguer o pneuma moderno de Vigo” para Ramón Otero Pedrayo; “testemuño de fe nun tempo de salvación en nome de Galicia” para Francisco Fernández del Riego ou “inventor da arquitectura galega actual” para Alejandro de la Sota, a figura xigante de Manuel Gómez Román (non só pola súa gran estatura) merece ser recuperada do esquecemento.

Por moitos libros, Penzol!

No artigo da semana en Faro de Vigo homenaxeo a Fermin Penzol e a Francisco Fernández del Riego con motivo do premio outorgado pola Asociación Galega de Editores á Fundación Penzol.

O venres, no seo da Noite da Edición 2013, celebrada no impresionante galeón de pedra que é o auditorio de Beiramar, os editores galegos entregamos o Premio Francisco Fernández del Riego á cooperación no labor editorial á Fundación Penzol. Recoñeciamos así a traxectoria de medio século da institución creada por Fermín Fernández Penzol-Labandera en Vigo o 7 de abril de 1963, que dende o seu inicio se constituíu no centro de estudos e documentación especializada en lingua e literatura galega de referencia. Sabiamos que con este premio homenaxeabamos tamén no ano do centenario do seu nacemento a don Paco del Riego, o incansable director da Biblioteca Penzol, dende aquel 5 de maio de 1963 no que se inauguraron as primeiras instalacións no número 24 de Policarpo Sanz, no edificio Bárcena, nuns locais da caixa de aforros, até xaneiro de 2010, poucos meses antes do seu pasamento.

Penzol e del Riego compartiron o seu amor polos libros, a súa paixón pola bibliografía galega, coma unha tarefa política ao servizo do seu país, que asumiron con grandes doses de sacrificio e discreción. Ambos os dous formaron parte das Mocidades Galeguistas e despois do Partido Galeguista, tanto durante a República como logo na clandestinidade. Como salientou Isaac Díaz Pardo, o seu traballo paciente de “recoller libros e documentos, anacos esparexidos da nosa historia esnaquizada, constituiría o material necesario para a reconstrución da nosa memoria”. Un labor patriótico esencial para a nación galega. Durante os difíciles anos das décadas de 1940 e 1950, ambos os dous compartiron o proxecto de constituír en Vigo, que carecía dunha “institución galega” de referencia (ou nas palabras de Méndez Ferrín, “Vigo, o centro simbólico da Galicia futura e ceibe”), unha gran biblioteca nacional galega, sobre o país e sobre a súa lingua.

Un proxecto iniciado  de moi novo polo “gran bibliotecario de Galicia” (Carballo Calero bautizou así a Penzol). O propio Fermín confesoulle a Salvador de Lorenzana (un dos alcuños de don Paco), na entrevista publicada en 1957 en Buenos Aires en “Galicia emigrante”, que os primeiros libros da súa colección (“Galicia antigua” de G. De la Riega, “Varones ilustres de Galicia de Pardiñas Villardefrancos e dous ou tres tomos da “Galería de gallegos ilustres” do vigués Vesteiro Torres) mercáraos en 1916, nun posto da rúa San Bernardo, cando estudaba Dereito na Universidade de Madrid. Así comezou unha colección de material bibliográfico que Penzol foi [nas súas palabras na citada entrevista] “axuntando para Galicia e a Galicia lla entrego por medio de Galaxia que é, antre as entidades culturais da nosa terra, a que, ó meu ver, reune as meirandes garantías de fidelidade e de eficiencia dinámica en orde á revitalización da nosa cultura”. Unha doazón a Galaxia que entregou simbolicamente en 1956, mais que se faría efectiva en 1963, cando se constituíu a Fundación Penzol, como institución xurídica responsable dos fondos.

Aquela colección inicial de Penzol, formada por 7.751 libros e 6.012 folletos, revistas, periódicos, manuscritos e documentos diversos, incrementouse notablemente ao longo destas cinco décadas. Hoxe conta cun catálogo extraordinario que abrangue dende o denominado “fondo histórico” (400 libros do século XVI ao XVIII), a cerca de 50.000 libros, oito coleccións completas de periódicos, milleiros de cartas, revistas, publicacións periódicas e folletos, 400 manuscritos, ademais dun importante arquivo sonoro, fotográfico e a máis diversa documentación sobre Galicia e a lingua galega. A este desenvolvemento non foi alleo, o apoio proporcionado polo concello de Vigo, que permitiu en 1985 (sendo alcalde Manuel Soto) o traslado das instalacións da Penzol á Casa Galega da Cultura, na praza da Princesa, contando ademais dende entón co soporte técnico de persoal bibliotecario especializado, onde foi esencial o traballo de María Ángeles Vidal Fraile. Apoio municipal consolidado cando Carlos González Príncipe presidiu o primeiro goberno municipal vigués coa participación dos partidos nacionalistas (1991-1995), que acometeu as obras de ampliación das instalacións da biblioteca e cedeu á Fundación Penzol á “planta baixa para instalar nela un Museo Permanente do Libro Galego, con especial atención á participación da Cidade de Vigo no mundo da edición”.

Hoxe a Biblioteca Penzol é a biblioteca principal da edición en lingua galega e, probablemente, tamén o primeiro centro bibliográfico sobre a historia da Galicia contemporánea. Un proxecto consolidado que, porén, debe facerlle fronte ao reto ineludible da completa dixitalización dos seus fondos e da súa integración na rede. A Penzol do século XXI. “Por moitos libros, Penzol!”, como don Paco abeizoaba ao seu amigo Fermín.

Onte 551: Fundación Penzol

O vindeiro venres no seo da Noite da Edición, que se celebrará no restaurante Mar de Vigo do Auditorio de Beiramar, a Fundación Penzol recibirá o Premio Francisco Fernández del Riego á cooperación no labor editorial. Con este galardón, outorgado polos membros da xunta directiva da Asociación Galega de Editores, pretende recoñecerse o labor de cincuenta anos dunha institución privada, creada en Vigo o 7 de abril de 1963, que dende o seu inicio se constituíu no centro de estudos e de documentación especializada en lingua e literatura galega de referencia. Hoxe a Biblioteca Penzol continúa sendo a biblioteca principal da edición en lingua galega e, probablemente, tamén o primeiro centro bibliográfico sobre a historia da Galicia contemporánea. Cataloga un fondo extraordinario que abrangue dende o denominado “fondo histórico” (400 libros do século XVI ao XVIII), a cerca de 50.000 libros, oito coleccións completas de periódicos, milleiros de cartas, revistas, publicacións periódicas e folletos, 400 manuscritos, ademais dun importante arquivo sonoro, fotográfico e a máis diversa documentación sobre Galicia. Don Paco del Riego foi director da Biblioteca Penzol durante corenta e sete anos, razón pola semella ben acaído que o premio creado polos editores galegos para lembralo cada ano sexa concedido, no seu centenario, á fundación promovida por Fermin Penzol-Lavandera. Parabéns a Zulueta, Domínguez e á editorial Galaxia, os seus actuais responsables.