Listado de la etiqueta: celso_emilio_ferreiro

Onte 196: Día Mundial da Poesía

Coa chegada da primavera, celebrouse o Día Mundial da Poesía. Este ano coincidiu en Galicia coa homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, promovida en Ourense polo PEN Clube Galicia, con motivo do centenario do nacemento do poeta que amou ao seu pobo. Hai menos dun mes celebramos o Día de Rosalía, dentro de apenas dúas semanas celebraremos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o 23 de abril o Día do Libro, toda unha xeira mensual de efemérides literarias concibidas para estimular, sobre todo nos medios de comunicación e nos centros educativos, a visibilidade do libro e fomentar o pracer da lectura literaria. É innegable o perigo de ritualización e banalización destas xornadas por frecuentes e rotineiras; porén, tamén poden transformarse en oportunidades para aumentar a presenza da lectura e da literatura na sociedade. No Día da Poesía vindicouse o valor artístico das palabras, onde reside o ADN de calquera texto literario. «Escribir un poema debe ser un dioivo que agoniza», un feito que supón «sufocar as palabras até o límite» advirte Alfredo Ferreiro nos seus Versos fatídicos (1994-2010), un libro de poemas que recomendo moi vivamente.

Onte 163: Celso Emilio Ferreiro

Estamos de cheo no ano de Celso Emilio Ferreiro. Pola mañá acompañei a Luís Ferreiro, o director da Fundación CEF, ao acto de presentación da programación institucional do ano Ferreiro, na que colaboran coa Fundación a Xunta, a RAG, o CCG e o concello de Celanova (mágoa que non o faga tamén o concello de Vigo, a cidade onde viviu tantos anos e onde viviu o poeta), así como outras entidades privadas como as editorais Xerais, Ouvirmos, Kalandraka e Tambre, asociacións como o Pen Clube Galicia, centros educativos, asociacións culturais de todo o país. Pola noite iniciei a lectura do orixinal da biografía de Ramón Nicolás no que comprobei decontado, xa nos capítulos dedicados á infancia e á mocidade do poeta en Celanova, que virá preñada de importantes novidades. Un relato diacrónico ben artellado, fiado transversalmente en cada unha das etapas polas dimensións persoal, política e literaria do biografado e do seu entorno; unha prosa literaria de festa e unha documentación completísima, que sostén cada unha das interpretacións e non dificulta unha lectura enguedellante, foron, tras catro horas de lectura, as miñas primeiras valoracións. Aventuro que tanto pola súa extensión (vinte e catro capítulos e numerosos apéndices, máis de 600 páxinas) como pola súa fasquía de biografía literaria, esta de Ramón Nicolás será a obra de referencia do centenario Ferreiro.

Onte 138: Con Celso Emilio no Club Faro

Celso Emilio Ferreiro continúa tendo moito tirón. O auditorio do Areal encheuse no acto de lembranza organizado polo Club Faro de Vigo con motivo do centenario do seu nacemento. Luís Ferreiro dedicou a súa intervención a deitar luz, moita luz, sobre o tan controvertido episodio da estancia do poeta de Celanova en Venezuela, do que naceu Viaxe ao país dos Ananos. Pola súa banda, Ramón Nicolás enfiou un fermoso discurso sobre a súa relación con Celso, desde o primeiro día que o viu de lonxe nunha presentación na Libraría Castelao dos Choróns até agora cando está a piques de rematar a súa monumental biografía do centenario. Con todo, o momento máis emocionante do serán foi cando Isabel Ferreiro leu e cantou tres poemas do seu pai, poñendo o dedo na chaga.

Sempre Celso

Tal día como hoxe, hai cen anos, nacía en Celanova Celso Emilio Ferreiro. Sumámonoso con esta lembranza a esta celebración que abre, tamén, o Ano Ferreiro. Hoxe por hoxe, a súa figura sobrepasa o peso da súa propia obra literaria para se converter nun emblema vivo e vital da cultura galega.

Este documento sonoro, publicado pola Mediateca do Consello da Cultura Galega, recupera unha hora e cuarta das conversas que Ferreiro mantivo con María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo. Emociona escoitar a voz grave do noso poeta rebelde relatando devagariño a súa vida, confensando as súas conviccións e compromisos políticos, reflexionando sobre a súa obra e a tradición da poesía galega na que se inscribe.

Ano Ferreiro

No artigo da semana en Faro de Vigo comento o inicio do ano dedicado ao centenario de Celso Emilio Ferreiro e o cincuentenario da publicación de Longa noite de pedra.

Este ano 2012, que agardamos sexa ventureiro e sereno, será o do poeta Celso Emilio Ferreiro. Celebraremos o centenario do seu nacemento, o 4 de xaneiro 1912 en Celanova, e o cincuentenario da publicación na colección Salnés da editorial Galaxia da primeira edición de Longa noite de pedra, o seu poemario esencial e libro insignia da memoria cívica e literaria de varias xeracións. O poeta que reclamou “voz e voto”, o grande poeta político e social da Galicia contemporánea, o poeta galego do século XX, probablemente, máis querido e popular volverá ser lembrado e apupado en Galicia e fóra dela.

O primeiro obxectivo da celebración de ambas as dúas efemérides debe ser ampliar a divulgación e o estudo da obra ferreiriana. Tras a reedición anotada de case todos os seus libros en lingua galega dentro da Biblioteca das Letras Galegas de Xerais, de varias antoloxías ilustradas dedicadas ao público infantil e das novas edicións en Xerais da súa obra poética e narrativa en galego completas, así como parte da xornalística, aquela que inclúe os artigos publicados na sección “La jaula de los pájaros raros”, recuperada no volume titulado Semblanzas, crónicas e artigos, ao longo deste 2012 publicaranse os seus textos literarios no xornal ABC e unha edición bilingüe galego e castelá de Longa noite de pedra por parte de Auga edicións. No entanto, será a agardada publicación da monumental biografía literaria do poeta, que está preparando Ramón Nicolás, tras unha minuciosa consulta dos arquivos familiares, a que probablemente desvele aspectos até agora privados do autor de O soño sulagado. A descuberta recente por parte de Nicolás de dous poemas inéditos en libro, “Mozo” (un texto que data nos anos 60) e “O atraco” (publicado na revista “Correo de Galicia” de Buenos Aires en 1969), adianta algunhas das novidades que coñeceremos dun autor insuficientemente estudado do que faltan aínda por descubrir cuestións relevantes na súa actividade política ou no seu traballo como editor e promotor cultural.

Unha ferramenta esencial para a popularización da figura de Ferreiro no centenario será a nova páxina web na que por vez primeira se presenta cos recursos hipertextuais (arquivo fotográfico e fonoteca incluídos) a súa traxectoria biográfica e cronoloxía literaria. Un recurso didáctico moi valioso para achegarse a unha figura sempre moi valorada no eido educativo, que contará, ademais, cunha exposición multimedia que percorrerá centros escolares e bibliotecas e coa fermosa iniciativa didáctica “Cen anos, cen poemas en Celanova”, apoiada pola asociación de comerciantes da súa vila natal. Os concertos que se están preparando axudarán a poñer en valor os textos dun autor presente en máis de trescentas cancións, traducidas a máis de vinte linguas e musicadas por autores das máis diversas procedencias e estéticas. Non se pode esquecer que Ferreiro –o letrista máis prolífico da música de noso– continúa presente na conciencia da sociedade actual por medio dos ritmos rap de Dios ke te crew, como noutrora o fixera da man de Voces Ceibes, Benedicto, Bibiano, Fuxan os Ventos, Pucho Boedo, Luís Emilio Batallán, Amacio Prada, Jei Noguerol, Xocaloma, Aquenlla, Astarot, Pilocha ou Suso Vaamonde, entre outros.

Coa maior parte da obra traducida ao castelán, a celebración do centenario debería contribuír a proxección internacional de Celso Emilio. O goberno da municipalidade de Caracas aprobou colocar unha placa co texto “El poeta que sintió a súa pueblo” na Cuarta transversal, a rúa onde Ferreiro viviu os sete anos da súa estancia en Venezuela. A publicación da edición en inglés de Longa noite de pedra, traducida por Jonathan Dunne, coincidindo no mes de agosto cos actos de celebracion en Vigo do cincuentenario da publicación deste poemario, suporá outro pequeño milagre nesa difícil estratexia de visibilizar a literatura galega no mundo.

Con todo, presinto que o máis importante deste centenario será volver a comprobar a actualidade dos poemas de Celso Emilio Ferreiro. Mergullada nas incertezas tremendas desta crise do capitalismo financeiro, sometida a retallazos dolorosos que amplían inxustamente as desigualdades, a cidadanía galega do século XXI precisa enxergar luces. Aí reside unha das funcións desa poesía necesaria, a que alenta na loita contra a inxustiza, o paro, a emigración, a guerra, a destrución da natureza ou a defender o tesouro da lingua de todos, temas fulcrais na obra deste noso poeta clásico, indignado e rebelde. Coma a de Rosalía, coma a de Curros ou a de Pondal, a de Ferreiro é a voz perenne do escritor nacional. Sei que neste seu centenario, a súa voz afouta continuará poñendo o dedo na chaga, investigando no coñecemento da verdade do seu tempo, do noso tempo.

Bo ano Ferreiro!

Bo ano Celso Emilio Ferreiro!

Saúde, traballo e lectura galega para todas!

Agardo que o ano novo sexa sereno e ventureiro.

Con todos os abrazos e beizóns.

[Todos os anos adoito este noite de fin de ano facer unha homenaxe aos meus admirados Oasis. O pasado ano fixen unha excepción con Lois Pereiro, que repetirei este ano por mor do centenario de Celso Emilio Ferreiro.]

Onte 34: O valor da memoria

Aproveitei as horas de viaxe a Frankfurt, no servizo de Air France, para avanzar na lectura dun relato autobiográfico moi interesante, do que debo gardar discreción. Engaioloume tanto a lectura do orixinal e tomei tantas notas, que nin sequera me anoxei cando agardarmos durante case dúas horas dentro do avión a saída da conexión que fixemos en Charles de Gaulle. Cada vez interésanme máis este tipo de obras, tanto como lector como editor, onde o valor da memoria encárnase nun relato de vida concreto. Creo que son lecturas de madurez, que axudan a reflexionar sobre a experiencia do vivido, onde o relato explora os límites imprecisos existentes entre o ensaio e a narración. O estenso catálogo do libro galego non conta con moitos títulos de memorias, como sucede, tamén, co xénero da biografía literaria, menos frecuentado do que sería desexable. A inminente publicación en Xerais Crónica das memorias de Fernando Pérez Barreiro Nolla, Amada liberdade, en colaboración coa súa compañeira Teresa Barro, así como as biografías de Luís Soto, preparada por Xurxo Martínez, e a de Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás, coincidindo co centenario do nacemento do poeta de Celanova e co ano a el dedicado, pretenden ampliar este catálogo destinado a salientar o valor da memoria.

Celso Emilio Ferreiro, 30 aniversario

No artigo da semana homenaxeo a Celso Emilio Ferreiro con motivo do 30 aniversario do seu pasamento (31 de agosto de 1979).

Xornal de Galicia faise moi oportunamente eco da homenaxe que onte en Celanova a asociación Arraianos tributou ao poeta.