Listado de la etiqueta: ceip_cedeira

Onte 2081: Ledicia Costas nos faladoiros virtuais dos colexios de Cedeira e Laredo

Acompañei onte a Ledicia Costas nos encontros virtuais que mantivo co alumnado do Colexio de Cedeira (5º de EP) e Laredo (3º e 4º de EP) onde traballo como orientador educativo. Dúas sesións moi proveitosas tanto polo que nelas se falou e compartiu sobre as lecturas, no primeiro sobre Escarlatina, a cociñeira defunta e noutro sobre A señorita Bubble, como pola experiencia para o alumnado deste formato virtual, respectando a netiqueta e utilizando de forma simultánea as utilidades da videoxuntanza, sobre todo, o chat paralelo que se desenvolvía na marxe da pantalla.

Xuntar na mesma actividade os valores de compartir coa autora as lecturas de varios meses na «Hora de ler» e utilizar un soporte de comunicación dixital simultáneo conforma un formato de actividade de fomento da lectura ensaiado neste período de confinamento que no futuro (agardemos que xa presencial) paga a pena explorar. E se isto non abondase, gustei moita  da elegancia de moitas das participantes, vestidos para a ocasión tan importante, expresión de autoestima e de respecto pola convidada literaria, unha actitude que consolida valores de positividade sobre a nosa lingua e sobre a propia creación literaria.

En ambos os dous faladoiros Ledicia Costas confesou algúns segredos sobre a súa obra, como que escribiu o seu primeiro libro ás trece anos e o texto perdeuse nunha mudanza. Adiantou tamén algunhas primicias, como a aparicion da serie dos Minimortos, historias dos nenos de ultratumba, para comezos do vindeiro curso e dirixidos ao primeiro lectorado e adiantou o título da segunda parte d’ A señorita Bubble, Bubble baixo cero, que estará ambientada en Laponia.

Falou Ledicia tamén de Vampira de biblioteca, a súa novela máis recente sobre o valor dos libros, das bibliotecas e da lectura. Recomendou varios do seus álbums favoritos: A árbore xenerosa (Kalandraka, 2015) de Shel Silverstein, Na cociña de noite (Kalandraka 2014) de Maurice Sendak e Que bonito é Panamá! (Kalandraka 2015) de Janosh. Comentou o proceso de creación literaria conxunta de Caramonia, con novos capítulos todas as semanas en Instagram… e moitas outras cousas.

A conversa co alumnado de Laredo, emitida en directo, quedou gravada na canle de Yoube do cole (44 minutos). Un formato de faladoiro virtual que repetiremos co alumnado de 5º e 6º de EP do CEIP de Laredo que conversará co noso admirado Óscar Sánchez «Martinpawley» sobre astronomía, ciencia e cine.

Sete + unha propostas de lecer en familia

Tras tres semanas de confinamento na casa traballando en actividades escolares, esta é unha semana de descanso na que podemos privilexiar as activades de lecer en familia.

Cremos que sería unha boa idea que cada familia reserve un momento de cada unha das xornadas para que todos os seus membros compartan unha actividade de lecer.

Entre as moitas posibilidades existentes propoñemos

1–. Concerto de rock en familia: «Rokeando na casa con Pakolas» .

A gozar a tope, chimpar, choutar e bailar… vaia planazo, Rock con Pakolas (Paco Cerdeira) e todas as súas cancións de animais con cola (ou sen ela ;-p!)

Duración: 38 minutos. Precísase conexión a internet e pantalla (tele, ordenador, tablet ou teléfono).

2–. Contacontos en familia: «Unha árbore misteriosa».

Espazo de contos para escoitar na casa durante a corentena aberto polo grupo Itinerantes do Vento.

«Dentro do edificio onde naceu a Árbore viven moitos personaxes, e se cadra aínda non os coñecemos todos. Cada un ten a súa propia maneira de ser, pero a curiosidade por saber da procedencia da semente é a mesma. Os que son máis curiosos queren saber que é o que hai alá arriba, no cumio da árbore. Así, os primeiros en gabear polo tronco son Matilde, Ton e Cósmico o gato, que viven a primeira das aventuras. A medida que o Vento vai contando historias, iremos descubrindo máis personaxes. Cantos serán?»

Duración de cada sesión: de 10 a 28 minutos. Precísase conexión a internet e pantalla (tele, ordenador, tablet ou teléfono).

3–. Teatro en familia: «Rubicundo», peza de teatro dos Ghazafellos.

Obra teatral do grupo Ghazafellos, adaptación do libro Rubicundo de María Canosa, editado por Xerais e finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2014. Forma parte das actividades de Afundación na Casa.

«Todas as noites Rubicundo sae na súa bicicleta enriba da árbore do seu xardín rumbo á noite pecha. Semella que ninguén repara neste personaxe con gabán e sombreiro de copa. Ninguén agás a curiosa e soñadora Erea, disposta a chegar ata o final daquel misterio.

Unha historia sobre a amizade, a constancia e a poesía que nos anima a perseguir os nosos soños sen límites nin distancias. Unha posta en escena chea de sorpresas que pasan pola música, os monicreques, a acrobacia e o claqué, entre outros».

Duración: 58 minutos. Precísase conexión a internet e pantalla (tele, ordenador, tablet ou teléfono).

4–. Ciencia en familia: «Experiencias e experimentos para para entreterse na casa».

Propóñense 50 xogos sensoriais a realizar na casa con materiais habituais nos fogares: masa de sal, plastilina caseira, mestura de cores, arcodavella de densidades, correntes de azucre, ensartas macarróns, rescate de obxectos, volcán…

Duración: 60 minutos. Materiais habituais nos fogares.

5–. Lectura en familia: «Eu quedo na casa».

Un contiño de Ramón D. Veiga, ilustrado por Iván R., sobre a situación que se vive nas casas onde hai nenos e nenas durante os días de confinamento. Para ler na pantalla (formato issuu).

Duración: 10 minutos (aproximadamente). Precísase conexión a internet e pantalla (tele, ordenador, tablet ou teléfono).

6–. Cociña familia: «Facemos un roscón de pascua» coa receita de Bolboretas no bandullo.

Na semana dos roscóns de pascua, preparamos a nosa en familia. Pode seguirse algunha das receitas tradicionais ou a que nos proponen os blogueiros de Bolboretas no bandullo de cociña con crianzas.

Duración: unha tarde. Precísase fariña, manteiga, azucre, ovos, leite, fermento, sal e froitas cristalizadas para decorar.

7–. Cine en familia: «Tarde de cine»

Complétase a semana de lecer cunha tarde de cine. É importante que a escolla do título sexa un acordo de familia. Non está de máis consultar os títulos disponibles na televisión ou nalgunhas das plataformas audiovisuais.

Duración: 120 minutos. Precísase conexión a internet e pantalla (tele, ordenador, tablet ou teléfono).

7 + 1–. CoronaHaking Laredo: «Atréveste a hacker o coronavirus con 1o retos STEAM?»

Atréveste a sacar a inventora que levas dentro? Actividades STEM para poder hackear os problemas do coronavirus na nosa vida diaria. Ciencia, tecnoloxía, matemáticas, enxeñería, imaxinación….todo vale…eres quen de hackear os nosos 10 retos o coronavirus?

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Procurar calma na corentena

O período de corentena que comparte cada familia na casa é unha oportunidade preciosa para facer actividades que decote non sen fan nas que participen todos os seus membros ou para que cada persoa dedique máis tempo a algunhas das súas actividades preferidas.

No en tanto, probablemente, nestes días non todo vai ser un camiño de rosas, xa que aparecerán momentos de tensión («estrés») froito dunha situación excepcional que sentimos como ameaza (o perigo do contaxio do coronavirus, o medo ao desabastecemento de produtos básicos, o afastamento dalgúns familiares e amizades…) ou simplemente provocados polos intereses de cada persoa da casa (sexan maiores ou crianzas) confrontados nun espazo reducido durante un tempo prolongado.

Xestionar eses momentos de tensión, procurando experimentar o alivio de librarnos do peso do que nos ameaza (ansiedade, medos, aborrecemento, cansazo…) e recuperando a serenidade e a calma durante o maior tempo posible, é unha das claves para soportar este confinamento obrigado.

Xestión emocional para as que contamos con orientacións como as proporcionadas polo grupo de emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia [vídeo cinco minutos], que insisten na necesidade de que cada familia organice o seu horario diario, que só traslade información que sirva para coidarse e previr o contaxio e que as persoas maiores respondan as preguntas das crianzas de forma clara e sen mentirlles, demostrando así que poden confiar nelas.

Nesa xestión familiar do tempo de confinamento é importante diferenciar as rutinas dos días de traballo (nos que a rapazada realiza tarefas escolares) dos da fin de semana, nos que se poderían realizar outro tipo de actividades. Por ventura cada familia pode escoller entre as propostas publicadas estes días: «70 ideas doadas para xogar en casa», «30 plans divertidos para facer esta corentena», «Ideas para pasar estos días en casa con niños».

Nesa liña de xestión creativa da calma insírense os CoronaRetos propostos diariamente pola Biblioteca do noso centro, que ofrecen un abano de recursos e actividades (literarias, musicais, cinematográficas…) coa intención de desenvolver a creatividade, a curiosidade e evitar a pasividade de todos os membros da familia durante este período de confinamento. Propostas, ademais, que despois son gravadas e compartidas na rede reforzando así, tanto no seus protagonistas como no resto do alumnado, o carácter de pertenza a unha comunidade educativa, o que é esencial non perder nunca durante este tempo de separación.

Como tamén axudan a encalmar na corentena as receitas que propoñen no blog Bolboretas no bandullo, para converter crianzas e maiores e converter a cociña en laboratorio de experimentación e creación e espazo para a lectura. Ou os momentos de calma proporcionados polas visitas virtuais en tempo real ou breves sesións de milndfulnes, entre outras posibilidades a explorar por cada familia.

Boa fin de semana!

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

A Corentena en pictogramas

Os pictogramas, «Sistemas Aumentativos e Alternativos de Comunicación (SAAC)», son formas de expresión distintas á linguaxe oral que teñen como obxectivo aumentar as posibilidades de comunicación e ou compensar as dificultades de linguaxe de persoas con parálise cerebral (PC) ou con algún Trastorno do Espectro Autista (TEA), entre outras con discapacidade.

A Comunicación Aumentativa e Alternativa (CAA) utiliza símbolos gráficos (fotografías, pictogramas, debuxos, palabras e letras) e xestuais (mímica, xestos ou signos manuais) adaptados ás necesidades de persoas con idades e habilidades dispares. A súa principal vantaxe é que permiten representar tanto algo concreto como algo abstracto, o que axuda a estas persoas a comprender conceptos, ideas, accións ou situacións da vida cotiá.

Entre os sistemas gráficos destacan os pictográficos, nomeados popularmente como pictogramas ou «pictos», pola seu carácter visual, universal e inmediato que facilita a accesibilidade cognitiva a todo tipo de persoas.

Por ventura os grupos de traballo de SAAC xa ofrecen magníficos textos pictográficos sobre a crise do coronavirus que poden axudar tanto ao alumnado TEA como ao resto das persoas a comprender a situación inédita e desconcertante de corentena que estamos vivindo. Recursos dispoñibles, recompilados no cartafol de recursos do Departamento de Orientación, que van dende a información básica sobre o coronavirus (dispoñible tamén en galego), pasando pola explicación das razóns para quedar na casa, até unha proposta de elaboración dun diario da corentena.

Para as persoas que teñan curiosidade por saber máis sobre o uso educativo dos pictogramas e dos SAAC recomendo visitar o espazo web do Centro Aragonés para la Comunicación Aumentativa y Alternativa (ARASAAC), fonte inesgotable destes recursos.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Na Corentena hai tempo para todo

Quedar na casa durante canto menos catorce días obriga a todas as familias a adoptar novas rutinas para facer fronte a unha situación excepcional e para evitar os prexuízos que este peche poida provocar no estado emocional e desenvolvemento académico dos nenos e nenas.

Por fortuna, as crianzas saben que este non é un período vacacional, razón pola que continúan coa actividade escolar dende a casa, establecida diariamente de forma telemática por candasúa titora. Con todo, é preciso que cada familia asuma esta situación como un reto, tanto pola dificultade de adoptar un novo modelo de conciliación e organización dos coidados e das actividades das crianzas e das persoas maiores (moitas delas teletraballando desde o fogar), como pola necesidade de organizar de forma consensuada os tempos e os espazos.

Nesa nova organización das rutinas é necesario que os nenos e as nenas realicen diverso tipo de actividades para evitar a pasividade ou a ansiedade que esta reclusión obrigada poida ocasionarlles.

Recomendamos manter os horarios habituais para erguerse e deitarse, así como para as horas do almorzo, xantar, merenda e cea.

Cremos que as horas da mañá deben estar ocupadas pola realización das actividades académicas titorizadas dende o centro, establecendo varios descansos e tempo de xogo libre, dependendo da súa idade.

Pola tarde sería o momento ideal do día para ter unha hora específica dedicada á lectura e a escritura, tanto dos textos propostos polo centro como doutros dispoñibles na biblioteca familiar.

Debe existir tamén outro tempo diario para as actividades artísticas e plásticas (manualidades, debuxo, pintura, mandalas, construcións…). Desde o centro proponse diariamente a realización dun Coronareto deste carácter, como tamén existen outras propostas deste tipo na rede: «15 días,15 debuxos», «O arco da vella. Todo vai ir ben»…

As rutinas deben contemplar un tempo para o movemento e a actividade física, o que sabemos pode ser difícil en moitos fogares ou mesmo imposible. Mais o que si o será en todos é que os nenos e nenas compartan as tarefas domésticas de limpeza e arranxo do cuarto, o que fomenta a súa responsabilidade, autonomía e a igualdade entre homes e mulleres.

Neste confinamento debe existir un tempo diario para a comunicación dixital ou telefónica coas amizades e cos familiares, así como outro para o xogo individual (videoxogos e outras actividades lúdicas) como tamén para o xogo en familia, tanto compartindo xogos de mesa como acometendo retos ou proxectos nos que participan maiores e crianzas.

Con certeza que haberá aínda tempo cada día para escoitar música, ver a televisión ou vídeos de You Tube ou visitar espazos seguros para os menores en Internet, preparados para esta corentena.

Con todo, dende o punto de vista formativo o máis importante desta reclusión, que non poderemos evitar que nalgún momento resulta molesta e aburrida, é que os nenos e as nenas comprendan a razón pola que se fai: contribuír a parar o contaxio dun virus perigoso para a saúde de todas as persoas.

Corresponde as persoas adultas compartir a información dispoñible e non ignorar os medos e dúbidas dos menores sobre a súa evolución. Tarefa na que o Departamento de Orientación do centro amosa toda a súa dispoñibilidade a colaborar.

Estas orientacións poden ser ampliadas nos recursos recomendados polo Departamento de Orientación na web do centro.

En próximas entregas comentaremos algúns destes recursos así como outros novos que iremos engadindo.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Árbore dos desexos (conto de nadal)

Neste día de noiteboa publico en Faro de Vigo un conto de nadal que dedico aos meus coles:

Ás comunidades das escolas de Laredo e Cedeira

No meu cole celebramos o pasado venres o cotillón de fin de ano. Ás doce en punto compartimos as doce badaladas na pantalla da aula de usos múltiples. Vestímonos todos de gala para recibir xuntos o aninovo con dez días de adianto. Eu puxen unha das garabatas do avó e un chapeu moi bonito que mamá comprou no chino. O orientador novo díxome que con esas trazas parecía un científico, un investigador en intelixencia artificial ou en nanotecnoloxía. Alba, a nosa titora, recomendounos que estivésemos atentos e que acompañásemos cada uva cun desexo para que así o novo ano fose máis propicio para cada un de nós e para as nosas familias. Eu fíxeno até que me perdín. A primeira uva foi para que mamá volvese ter traballo. A segunda para que a avoa Carme non quedase ingresada outra vez no Cunqueiro. A terceira para que os reis me boten unha tablet nova. E xa non puiden pedir máis que case me atragoo con tanto balbordo e tanta uva, a pesar que antes lle quitara as pebidas unha por unha.

Cando rematou a derradeira badalada todos comezaron a aplaudir e a abrazar a quen tiña o seu carón. Non me colleu por sorpresa, que xa mo advertira a profe Candela, sempre tan pendente do que me puidera pasar. Alba díxonos que o ano novo expresa o mito clásico do eterno retorno, dentro da crenza de que o cosmos está suxeito a un proceso de renovación periódica. E como se o cosmos se renovase cada ano e tras 365 días todo volvese ao seu punto de partida. O aninovo permite desfacernos da roupa vella e acuñar soños novos, dixo a miña profe, cando consultamos en internet onde se atopaba a estrela rosaliadecastro, a primeira no ceo que ten o nome dunha escritora galega. Esta semana Alba estaba moi contenta por esta escolla da Unión Astronómica Internacional. Gustoume moito o obradoiro de centros de mesa para Nadal que tivemos onte cunha florista e coas profes de inglés e plástica. Os meus avós non van crer que fixera eu unha cousa tan bonita para poñer na mesa desta noite. Alba que non perde ocasión, aconsellounos que estas días de vacacións fósemos á biblioteca e lésemos todo o que puidésemos, xa que para ela é a mellor forma de loitar contra a tristeza e contribuír a salvar o planeta que está en perigo.

No meu cole participamos na rede de escolas polo clima. Os de cuarto ocupámonos todos os días de recoller os colectores de reciclaxe para conseguir reducir a cero o uso de plásticos tanto nas aulas como no patio. Para mudar o mundo hai que comezar a mudar os nosos hábitos. Alba recomendounos ler un libro de Rosa Aneiros, Xelís, o guieiro das botellas de mar, o premio Merlín deste ano. Encantoume. Lino en catro horas e vinte e cinco minutos. Teño moitas preguntas para facerlle a autora e a Andrés Meixide, o ilustrador, cando veñan ao encontro previsto na biblioteca. É unha gran idea formar coas botellas que se guindan ao mar, con cadansúa mensaxe secreta, unha barreira que sirva para reducir esa grande illa de plásticos de todo o planeta que aboia no océano Pacífico. Alba descubriume a Greta Thunberg, unha rapaza coma min, que en Estocolmo comezou a loitar ela soa contra o cambio climático. Que ben fala Greta! Encántanme todos os seus vídeos, sempre tan seria. Greta falou na ONU e no cumio de Madrid, onde reclamou ao dirixentes mundiais que se puxeran de acordo para reducir as emisións provocadas polo consumo de combustibles fósiles. Na radio da escola houbo un debate sobre se Greta fai ben en viaxar polo mundo sen utilizar o avión, que considera un medio de transporte moi contaminante. Eu non participei no programa, pero a min paréceme que Greta é consecuente.

Ademais do cotillón, este nadal chantamos na entrada do meu cole unha árbore dos desexos. Convidamos así a todas as persoas a escribir un desexo nunha tarxeta verde e pendurala logo da árbore. Alba dixo que é unha idea que o equipo de mestras sacaron lendo un conto de nadal de Agustín Fernández Paz, un mestre e escritor galego que morreu hai tres anos e a quen segundo Alba todo o mundo quería. Eu non podo evitar pararme cada día para ler as tarxetas de tantos desexos anónimos. Algunhas son moi bonitas, outras un pouco tristes. «Que non haxa ninguén sen casa.» «Que me toque a lotaría.» «Desexo estar sempre coa miña familia.» «Desexo que ningún dos meus amigos se faga dano.» «Desexo para min que a miña familia sempre estea cerca.» «O meu desexo é que me regalen un unicornio.» «O meu desexo é que este ano teñamos moita saúde e que non haxa máis violencia e pelexas.» «Desexo dar unha volta ao mundo.» «Desexo cando sexa maior ter un traballo, que a pobreza non exista e que o Nadal dure sempre.» «Quero un gato para o meu aniversario.» «Desexo ter un can e un poni.» «Desexo estar coa miña nai.»…

Alba di que esta árbore dos desexos nosa deita moita máis luz que non sei cantos millóns de leds prendidos na nora e nas rúas de Vigo. A nosa árbore dos desexos feita de cartón e papeliños ilumina tanto porque posúe a enerxía e a forza das nosas palabras. As follas da nosa árbore son os nosos soños, o tronco e as polas as nosas emocións. Alba di que con esta árbore que fixemos todas as persoas da escola demos con esa maxia das palabras que aniña, durmida ás veces, no interior de todas as persoas. Levo moitos días pensando en deixar o meu texto. Hoxe atrevinme a escribir con letras maiúsculas, que así me queda mellor, o meu desexo: «QUE A ESTRELA DOS AFECTOS SEXA A QUE SEMPRE NOS GUÍE».

Onte 2030: Educación lenta en galego

Pechei onte o primeiro curso da miña segunda vida como mestre. Vivino cun puntiño de emoción e saudade por abandonar o claustro do CEIP Lope de Vega, que me acolleu de forma tan profesional como agarimosa. Foi un curso de reciclaxe onde sei que aprendín moito máis das miñas compañeiras  que das horas de formación como orientador nas que participei. Un curso no que, como agardaba quedei prendido emocionalmente do que sucede nas aulas e nos patios, onde –roubándolle a frase a María Victoria Moreno– renacín como mestre nesa dialéctica misteriosa, un puxilato entre, por unha parte, o pensamento infantil e a construción das aprendizaxes e, por outra, as esixencias e os logros prescritos no currículum.

Foi un curso no que como orientador comprobei as dificultades para acadar unha escola que poida ser cualificada de inclusiva, onde cada alumno ou alumna reciba a axuda que precisa. Para o tratamento da diversidade na Educación Primeira aínda fan falta máis mestres e mestras que acrediten neste enfoque, fan falta máis espazos nas aulas para realizar apoios e reforzos integrados, como fan falta máis horas para a colaboración dos equipos docentes nunha perspectiva integradora que afecta a todo o centro e que reporta beneficios a todas as participantes.

Tras este curso reafirmei a convicción polos principios da educación lenta, acuñados por o meu admirado Joan Domènech, moi tinguida para min dun forte contido emocional. Creo imprescindible desacelerar os ritmos educativos baseados na velocidade e banalidade dalgúns contidos curriculares para adaptalos aos ritmos de aprendizaxe do alumnado. Acredito na revolución da educación tranquila que ten moito que ver con recuperar a importancia da motivación, con darlles o peso que merecen aos dominios cognitivo e emocional ou coa valoración da madurez e autonomía persoal como prerrequisitos das aprendizaxes académicas. Fronte a aprendizaxes efémeras de avaliar e esquecer, na Educación Primaria acredito na consolidación dos procedementos de comprensión e expresión oral e escrita como sillares sobre os que construír as aprendizaxes básicas. Escoitar, reflexionar, argumentar, debater son estratexias fundamentais para construír aprendizaxes sólidas. Como creo que esta educación calma é capaz de focalizar a atención para realizar actividades concretas e outorgar maior importancia ao traballo e conciencia corporal nun entorno de ensino colaborativo, no que o alumnado traballa en grupo, interactuando, axudándose e favorecendo a comunicación nun entorno rico de aprendizaxe.

E o galego na escola? Esa é a pregunta que máis me teñen feito este curso as amizades galeguistas. Cuestión á que respondo co optimismo no que acredito: «moito mellor do que agardaba». Este curso nunha escola de Infantil e Primaria  do centro de Vigo deume moito para cismar nesta cuestión. No meu cole, un centro bautizado como plurilingüe, fálase moitísmo máis galego ca no conxunto da cidade, utilizándose o galego con absoluta normalidade como lingua vehicular. Dá moitos azos coñecer alumnas de orixe marroquina, chinesa ou colombiana que utilizan un galego oral de maior calidade e fluidez co das súas compañeiras procedentes do periurbano vigués ou de familias galeguistas do centro. E iso ten que ver coa utilidade e cos prexuízos sobre o seu uso que as crianzas identifican dende educación infantil, así somos de precoces.

Adianteino na intervención que fixen hai unhas semanas no CEIP Paraixal e escríboo agora: o dilema do estatus do galego na escola está hoxe entre escoller entre o monolingüismo en castelán e un plurilingüismo restitutivo de catro linguas (galego, castelán, portugués e inglés), onde o galego teña un emprego referencial. Este primeiro curso axudoume a reafirmar a idea de que un novo modelo normalizador para a nosa lingua ten que urdirse sobre a revolución lectora (textual e hipertextual) promovida por cada biblioteca escolar, a primeira aula do centro, o laboratorio de acceso á información, tamén albeiro da lectura e escritura literarias. Da asociación do uso do galego coas hipertextualidades dixitais, coa robótica, coa ciencia e coas diversas expresións creativas debería agromar unha nova oportunidade para a nosa lingua na escola.

Reitero a gratitude e expreso os meus afectos a toda a comunidade educativa do Lope de Vega, levareina sempre no meu corazón. A partir de setembro, continuarei como orientador nunha praza definitiva compartida  entre o CEIP Laredo de Chapela e o CEIP Cedeira de Redondela.