Listado de la etiqueta: buenos_aires

60 anos de Follas Novas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo, coincidindo co 25 de xullo, a lembrar a experiencia de Follas Novas, iniciativa que hai sesenta anos promoveron Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda:

O 15 de xullo de 1957, aniversario da morte de Rosalía de Castro, o matrimonio de escritores Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda inaugurou no seu propio fogar de Buenos Aires, na rúa Asunción 3035, o que bautizaron como Follas Novas, unha empresa editorial galega concibida para reunir todo o que se publicaba en galego e sobre Galicia en calquera lugar do mundo. Pepe e Anisia, daquela uns mozos recén casados, presentaron a iniciativa como “feira permanente do libro galego”, unha organización editorial e libreira continuadora do labor a prol do libro galego que viñan desenvolvendo sociedades e centros galegos e o activista e polifacético Luís Seoane que, contando coa colaboración de Arturo Cuadrado, impulsou edicións de libros galegos nas coleccións Hórreo e Dorna da arxentina Emecé Editores e máis tarde nos selos propios como Nova (1944), Botella al mar (1946) ou Citania (1957).

Un esforzo de resistencia da edición galega no exilio destinado tamén a facerse oír na propia Galicia interior, nos tempos difíciles do franquismo feroz onde os exemplares das edicións destes libros e revistas (como Galicia emigrante) chegaban de matute nos fondos das maletas emigrantes, sendo distribuídos despois de forma discreta nalgunhas librarías comprometidas, como a famosa anticuaria Monterrey de Pi e Margall 14, aberta dende 1948 por Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez.

Segundo confesou Xosé Neira Vilas no se discurso de ingreso na Academia Galega, «A cultura galega en Buenos Aires: 1950-1960», no seu primeiro ano de actividade Follas Novas comezou a distribuír as edicións de autor e os fondos de Emecé e Nova dispoñibles, aos que se engadiron os que chegaban de Galicia, os primeiros publicados por Galaxia, Bibliófilos Gallegos e a colección de poesía Benito Soto, que comezaban a reiniciar a actividade editorial galega no interior. Imprimiu catálogos, creou un sistema postal de novidades, que se distribuía entre asociacións de emigrantes, exiliados e universidades, ademais de instalar vitrinas en oito sociedades galegas da capital arxentina, onde se expoñían os libros galegos máis recentes.

Follas Novas organizou actos culturais, como a grande homenaxe a Otero Pedrayo, que chegara a Buenos Aires invitado polo Centro Galego para ditar conferencias e tomar parte nos actos do Día de Galicia de 1959. Entre o 22 de xullo e o 5 de agosto de 1960 preparou a primeira exposición de prensa galega na arxentina, ademais de tres exposicións do libro galego, a do Centro Lucense de Buenos Aires; a de Montevideo, inaugurada por Lois Tobío; e a de Caracas, que contou coa participación de Emilio González López e Pura Vázquez. Cada sábado celebraba unha xuntanzas de mozos galegos e arxentinos nas que se comentaban os libros que ían chegando e se lían poesías e narracións. Follas Novas vendía libros nos actos públicos da comunidade galega, para o que contaba coa axuda de mozos vencellados ás asociacións.

Follas Novas anunciaba as súas actividades nas revistas da comunidade e contaba cunha emisión radiofónica, «Mirador bibliográfico galego», unha iniciativa pioneira onde semanalmente Elsa Fernández, unha colaboradora principal do proxecto, comentaba un libro. Ademais de establecer filiais e núcleos de colaboradores en Caracas, Montevideo, Santiago de Chile e Nova Iork, e na Arxentina en Mar del Plata, Santa Fe e Rosario. Tamén pola súa iniciativa, o 10 de outubro de 1959, creouse en Follas Novas a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, que editaba a revista «Alén mar» e mantería por anos unha fecunda actividade relacionada coa cultura e a historia dos seus ancestros.

Follas Novas tivo tamén actividade editorial iniciada coa publicación de Itinerario galego (1958) de Víctor Luís Molinari, ao que seguiron Terra aluciada (1959) do porriñés Xosé Conde e Esta es Cuba, hermano (1960) de Anisia Miranda, ademais do primeiro poemario de Xosé Neira Vilas Dende Lonxe (1960) e da súa novela fulcral Memorias dun neno labrego (1961). O propio Pepe Neira confesoume que dentro do programa editorial de Follas Novas estaba previsto facer unha segunda edición de Sempre en Galiza (1944) de Castelao, que xestionaran co Rodolfo Prada e Virxinia Pereira, «na que estaba en proceso de análise a posibilidade de incorporar dous novos capítulos que o autor non incluira na primeira». Non foi posible. Como tampouco a publicación da revista «Letras galegas», que deseñaran. O devalar da vida e os seus accidentes, o que Neira Vilas definiu como «problemas técnicos», obrigou a pechar en 1961 a aventura patriótica de Follas Novas, coincidindo coa marcha de Anisia e Neira a Cuba. Un capítulo heroico da nosa edición no exilio que seis décadas despois merece non ser esquecido.

Seoane no Marco

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a importancia da figura de Luís Seoane, ao fío da exposición da súa obra grñáfica no Marco.

13_SeoaneTras a magnífica mostra de Francisco Mantecón, o Marco ofrece na súa planta baixa outra marabilla, “Luís Seoane. Retrato de esguello”, unha retrospectiva esencial sobre a obra visual do noso maior xenio do exilio, comisariada con grande rigor por David Barro, froito dunha colaboración modélica entre a Fundación Luís Seoane da Coruña e o Marco de Vigo. Trescentas pezas de diversos soportes e linguaxes utilizadas por Seoane ao longo de cincuenta anos de traxectoria creativa, a maior parte delas realizadas na Arxentina –dende portadas de libros das editoriais Botella al Mar, Citania, Poseidón ou Edicións Galicia; revistas como Galicia emigrante, ResolCorreo literario ou Cuco-Rei; carteis como as litografías publicitarias Cinzano ou o do polbo reclamando o apoio ao Estatuto do 36; centos de debuxos, gravados, pinturas, xilografías, serigrafías, álbums, tapices, deseños cerámicos para Sargadelos, retratos, paisaxes, bodegóns, até fotografías dos seus murais da Galería Larreta de Buenos Aires– ofrecen un abraiante relato visual polo conxunto da obra dun dos artistas galegos do século XX máis polifacéticos, tamén, probablemente, o auténtico Leonardo da nosa cultura.

Coa excepción do seu amigo Isaac Díaz Pardo, non houbo até agora na cultura galega, personalidade tan multifacética como Luís Seoane, que ademais de pintor, debuxante, caricaturista, deseñador, muralista, ceramista, portadista, diagramador editorial, fose tamén editor, xornalista, poeta, ensaísta e autor teatral. Un prodixio creador, ou como dixo Eduardo Blanco Amor, “un renacentista do noso século”; “un home que [en palabras de Xosé Neira Vilas] entregou toda a súa enerxía creadora a Galicia”. Como sinalou Xesús Alonso Montero, autor de “As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane” (Xerais, 1994), Seoane foi “un activista da causa galega onde fose necesario”, “a primeira figura da cultura galega que se propón conxugar socialismo e galeguismo”, un home comprometido co seu país, que sempre acreditou no seu horizonte de futuro: “Ollade a Galiza, érguese paseniñamente de todos os supricios”. De espírito cosmopolita, participante activo no debate internacional sobre o papel das artes e da cultura, Luís Seoane foi o primeiro que acreditou na necesidade de que Galicia contase cunha industria cultural propia, apostando pola súa presenza divulgadora e intencionalidade didáctica nos novos medios, no seu caso nas emisións de radio de “Galicia emigrante” e na revista homónima na que publicaría centos de artigos.

A mostra do Marco, a pesar de centrarse na súa obra visual, non agocha ese retrato renacentista e multifacético do autor de poemarios como Na brétema Santiago e Fardel do eisiliado, salientando o seu papel como editor fundamental do libro galego no exilio, que soubo suplir dende Buenos Aires o baleiro dos anos corenta e cincuenta nos que en Galicia non podía editarse en galego. Xunto a Arturo Cuadrado e Luis Baudizzone promoveu en 1940 as coleccións Hórreo e Dorna de Emecé editores, das que hai algunha peza na mostra do Marco. En 1948, tamén con Cuadrado, fundou Botella al Mar (1951-1967), destinada a publicar a autores novos, un catálogo que acadou os 150 títulos e onde comezou a impoñer un estilo gráfico propio, mesmo concibindo o libro como unha peza arquitectónica, que caracterizaría os seus proxectos editoriais posteriores e que influiría no conxunto da súa obra pictórica. En 1950 preparou o número extraordinario que A Nosa Terra dedicou á morte de Castelao. En 1959 publicou na editorial Citania a primeira edición de A esmorga e ilustrou a primeira edición de Memorias dun neno labrego (1962) na editorial Follas Novas de Montevideo. Sen esquecer que promoveu con Isaac Díaz Castro o selo de Ediciós do Castro e o proxecto industrial e cultural do Laboratorio de Formas que daría pé ao novo Sargadelos.

Xaora, na magnífica mostra do Marco, salienta o Seoane pintor e gravador, eidos onde expresa con maior liberdade o seu espírito de narrador visual e sintetiza a súa a procura do esencial, do elemental, sexa coa liña ou coas masas de cor planas. Eis a evolución das súas paisaxes, onde identificamos a dobre nostalxia, que lle atribuía Lorenzo Varela, a de pintor dunha Galicia celta e dunha Arxentina crioula. Como tamén nos seus bodegóns, tan influídos pola súa obra editorial, e retratos que transitan da figuración expresionista da “Campesiña pensativa” (1956) até a abstración do inquedante “Retrato dunha moza” (1966).

Paga moito a pena demorarse no Marco nesta exposición modélica na súa concepción didáctica na que podemos descubrir e valorar como se merece a un dos maiores xenios galegos da historia. Beizóns ao comisario e responsables do museo de Príncipe.