Listado de la etiqueta: biblioteca_juan_compañel

Museo de Vigo na Panificadora

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño a creación do Museo de Vigo na Panificadora:

Vigo precisa un museo de historia da cidade. Unha vella reclamación do Instituto de Estudios Vigueses e doutras entidades culturais que dende hai décadas reclaman a creación dun museo municipal que contribúa a conservación do patrimonio histórico e cultural vigués e a memoria dunha cidade portuaria bicentenaria. Un museo de Vigo para o que por ventura podería contarse cunha localización de privilexio dentro do proxecto de recuperación da Panificadora, catedral laica da cidade, situada no corazón do Vigo Vello, a carón do Campo de Granada e do paseo de Afonso, entre o Berbés e o monte do Castro, ambos os dous espazos de orixe da propia cidade. Unha oportunidade extraordinaria, probablemente única, que tras catro décadas de abandono podería transformar as arruinadas edificacións de panificación centenarias, deseñadas polo arquitecto Manuel Gómez Román e os enxeñeiros Otto Werner e Jorge Buchi, nun moderno centro de interpretación dirixido tanto ao desfrute da veciñanza viguesa, con atención preferente a súa utilización educativa por escolares e persoas maiores, como a procurar a atención das visitantes, tanto as que fan noite en Vigo como aqueloutras que fan escala durante unhas horas na Estación Marítima.

Sei que hai quen pensa que ese Museo de Vigo xa existe en Castrelos, desde que o 12 de decembro de 1924 o Marqués de Alcedo cedeu ao concello de Vigo o pazo e parque da súa propiedade para «transformalo en museo de arte rexional». Mais quen teña visitado o Pazo Quiñones de León, aberto en 1935 e xestionado durante catro décadas por Ángel Ilarri Gimeno, comprende axiña o estado precario da extraordinaria colección da sala de Arqueoloxía, inaugurada en 1959 e ampliada a partir das escavacións do Castro de 1970, que precisa de máis espazo e dos recursos da moderna museoloxía dixital para presentar os seus fondos de Prehistoria, Cultura Castrexa e Romanización. Unha sala de arqueoloxía, celme do Vigo castrexo e romano, na que pezas tan senlleiras como o cipo púnico de Toralla ou as estelas e aras romanas da necrópole do Areal descubertas en 1953 non reciben o tratamento que merecen estas iconas viguesas. Como é moi cativo o departamento de historia do Museo de Castrelos, que non ofrece un relato cronolóxico completo da historia viguesa, mesmo de episodios tan destacados como as guerras con Portugal, a batalla de Rande ou da Reconquista, a pesar de conservar pezas emblemáticas como o sabre do Mariscal Soult ou a bandeira das alarmas do Fragoso.

Vigo precisa un museo histórico potente que entre as súas finalidades figure a de recuperar o patrimonio vigués espallado polo mundo en diversos museos. Unha lista de pezas, outras tantas iconas viguesas, onde non pode faltar o tímpano de pedra da igrexa gótica de Santa María de Vigo, hoxe no Museo de Pontevedra; a imaxe de Cristo Salvador da igrexa románica de Santiago de Vigo, hoxe no Museo Arqueolóxico de Madrid; o estandarte e a aguia napoleónica da fragata Atlas, hoxe no Museo Naval de Madrid; o pergameo Vindel coas cantigas musicadas de Martin Codax, hoxe na The Morgan Library de Nova York; o arquivo fotográfico Llanos, hoxe en Ribadavia, entre outras. Museo de Vigo que reunise a decena de grandes arquivos fotográficos vigueses, dende Pacheco a Magar, como o catálogo esencial do monumental Vigo granítico e dos seus arquitectos do século XX, con interese especial ao Patrimonio Arquitectónico Industrial e ao Vigo de vontade metropolitana deseñado polo tranvía (1914-1968). Museo de Vigo que debería ser centro de interpretación do oppidum do Castro e do mito fundacional da Reconquista. Museo de Vigo que é tamén o do seu porto e das súas actividades pesqueiras e industriais, tamén das súas liñas transoceánicas e de visitantes destacados, dende Verne a Einstein, tamén o da súa actividade editorial e o seu asociacionismo empresarial, sindical e social.

A proposta da instalación do Museo de Vigo na renovada Panificadora non obedece só a cuestións de oportunidade, como tamén do deseño ao seu arredor dunha rede de institucións e entidades municipais próximas vinculadas coa investigación e conservación do patrimonio: o Arquivo municipal na Casa do Concello, a Biblioteca Penzol na Casa Galega da Cultura, a Biblioteca Juan Compañel no Casco Vello baixo, o Instituto de Estudios Vigueses no Berbés, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego no Casco Vello alto, o Marco en Príncipe, a Casa das Artes en Policarpo Sanz… Un Museo de Vigo concibido como estratexia de acción cultural compartida e preferente no horizonte de 2050, que liderada polo concello debería implicar ao resto das administracións (Unión Europea, Zona Franca, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia) e ao tecido asociativo e á industria cultural viguesa. Toca remar a todos polo Museo de Vigo.

Competimos no Centenario

Foi o do venres un serán celtista cento por cento, tanto na previa musical do Centenario coa participación no palco de Dakidarria e Keltoi, trobadores do celtismo contemporáneo, como despois co agre resultado no tapiz do Fragoso cun Madrid rochoso que por riba contou cos suplementos decisivos do equipo arbitral e da deusa Fortuna. Apenas outra páxina de ledicias celestes e padeceres celtistas combinados na semana na que as expectativas da celebración do histórico vinte e tres de agosto de mil novecentos vinte e tres quedaron case en augas de bacallau, reducidas apenas a instalación dunha pequena placa conmemorativa no interior da sala de lectura da Biblioteca Juan Compañel, con grallas ortotipográficas incluídas, contando só coa presenza da directiva e o secretario xeral de Cultura da Xunta, e a celebración posterior dun acto en Mos con escaso argumento. Celebracións institucionais nas que provoca vergonza allea o escaso peso outorgado polo club á participación da afección e a ausencia do alcalde de Vigo, que representa a toda a veciñanza celeste e a cidade razón de ser do equipo, ademais de xenerosa propietaria dun estadio en completa reconstrución. Outro despropósito institucional de Carlos Mouriño mitigado de xeito informal polo celtismo que no serán do vinte e tres quedou polas redes ás portas de Balaídos para celebrar con cánticos e bengalas a proeza centenaria da fusión do Fortuna e Sporting de Vigo como club dunha cidade e dun país.

Unha semana decepcionante tamén no eido deportivo, na que despois dun xiro de guión imprevisto rematou a telenovela do traspaso de Gabri Veiga finalmente á liga de Arabia Saudí. Unha oferta desas que din imposibles de rexeitar que fará millonario ao rapaz do Porriño ao tempo que anulará por unhas cantas temporadas o seu crecemento como xogador, o que podería ser considerado como un fracaso formativo da canteira da Madroa. Outro de tantos paradoxos dese maldito fútbol moderno, un camiño saudita, por outra banda escasamente novidoso, transitado xa polos odiosos Santi Mina e Luis Rubiales, que levou alí a Supercopa española por unha millonada. Un traspaso o de Veiga que dende hai tempo precisaba Carlos Mouriño para que Luis Campos parchease –certo que con tres ou catro semanas de atraso e co Celta nos postos de pechacancelas dunha liga comezada– o cadro de celestes debilitado en cada unha das catro liñas, carencias na que insiste o adestrador Rafael Benítez na súas comparecencias coa súa admirable claridade didáctica.

Neste contexto tan celtista, un espazo híbrido entre a ilusión e a decepción, máis de vinte mil voces celestes compartiron o himno de C. Tangana, provocando unha reacción emocional irresistible que contaxiou aos de Benítez dende o minuto inicial. Co empurrón de Mingueza pola banda o Celta conseguiu marcar en apenas tres minutos, grazas a un taco de Larsen que desviou un xute de Beltrán dende a frontal. Ledicia estrondosa da bancada viguesa interrompida polo árbitro tras a consulta coa pantalla VAR, que polo seu xesto interpretamos obedeceu a que noruegués tirou da camisola ao gardameta, sen considerar (abonda ver a repetición da xogada) que o visitante antes agarrara o celeste polo brazo para incomodarlle o remate. Un misterioso erro de apreciación arbitral que condicionou completamente o partido e, o que aínda foi máis lamentable, iniciou unha serie de decisións polémicas que prexudicaron ao Celta, sobre todo o penalti (inexistente para o ollo humano) sinalado na segunda parte nunha entrada a Rodrygo por parte de Iván Villar que o porteiro de Aldán pararía despois. Pouca cousa se lembramos que na visita anterior a Balaídos foron tres os penaltis a prol do Madrid noutra arbitraxe esperpento, na que ao Celta tamén lle anularon un gol.

A pesar deste condicionante, o Celta competiu moi ben, amosando que o traballo de Benítez, a pesar das carencias nalgunhas posicións, comeza a callar. Froito dun traballo defensivo admirable e dunha paciencia encomiable os nosos tiveron máis oportunidades de marcar cos visitantes. Mágoa que a Aspas, Larsen, Bamba, Beltrán ou Mingueza lle faltase esa puntería diferencial, esa pausa duns segundos que antecede ao gol. Como faltaron eses segundos de concentración a Aidoo para poder evitar a arteira cabezada de Bellingham (fanfurriñeiro como o primeiro Cristiano Ronaldo) que noqueou aos celestes faltando apenas dez minutos para chegar a porto. Así e todo, a bancada agradeceu un bo partido dos nosos e unha mellora apreciable da súa capacidade competitiva que debe consolidarse en vindeiras xornadas contando coas chegadas das fichaxes anunciadas.

Faro de Vigo: 27/08/2023

 

Día das bibliotecas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao día internacional da biblioteca e a situación da rede de bibliotecas municipais de Vigo

O pasado sábado celebrouse o Día Internacional da Biblioteca destacando o papel decisivo que xogan estas institucións culturais e educativas especializadas en lectura ofrecendo acceso libre á información, á cultura, ao coñecemento e ao lecer en calquera lugar e circunstancia. Unha efeméride conmemorada dende 1997, a proposta da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura e polas diversas CC.AA., en lembranza do incendio e posterior destrución da Biblioteca Nacional Bosnia de Saraievo en 1992, tras un ataque das milicias serbias con proxectís de fósforo destruíndo dous millóns de libros, incluídos máis de 700 manuscritos e incunables e 150.000 rarezas bibliográficas e tesouros da cultura bosníaca.

Celebrada en todo tipo de bibliotecas (públicas, escolares, privadas e especializadas), este día pretende salientar a importancia da biblioteca como espazo de encontro de lectores e lectoras de todas as idades coa cultura e coa información, sexa cos textos (libros, xornais ou revistas) publicados en soportes impresos ou accesos dixitais, fose con contidos musicais, audiovisuais ou xogos interactivos, ademais dun instrumento de mellora e formación da convivencia humana.

Día das bibliotecas nas que a pesar das restricións obrigadas pola etiqueta sanitaria do Covid-19 centos de bibliotecas escolares abriron en Galicia as súas portas, nunha emocionante mobilización lectora sen precedentes que na actual contorna da pandemia enche os depósitos de esperanza dos que cremos na lectura como panca de cidadanía.

Como tamén serviu a xornada, no actual contexto de hibridación da lectura, no que o libro impreso comeza a compartir o seu protagonismo cos accesos dixitais, para reabrir o debate sobre o futuro das bibliotecas públicas e súa necesidade de reinventarse nos cinco continentes como células culturais básicas que atraen milleiros de usuarias sexa pola súa arquitectura singular como por deseñarse como espazos de socialización interxeracional, accesibles e gratuítos para todos, dende os bebés ás persoas maiores, abertas en horarios alongados (algunhas as 24 horas), que contan con salas de lectura, escritura, impresión e formación, espazos especializados para crianzas e mocidade, ludotecas, mediatecas, salas de videoxogos ou cinema, salas de exposicións e até cafetaría, entre outros posibles servizos.

Mágoa que en Vigo, a pesar de ser a capital editorial de Galicia e unha das cidades do estado máis destacadas na edición de libros, a celebración do día das bibliotecas obrigue a lembrar as cifras que representan a anemia bibliotecaria que a cidade padece dende hai tres décadas. Vigo continúa sendo a cidade galega pechacancelas no que atinxe ao seu número de libros en bibliotecas públicas en relación ao seu censo de habitantes (apenas 0,7 exemplares de publicacións impresas por veciño, moi lonxe dos 2,54 da Coruña e 2,60 de Pontevedra); como conta só con dúas bibliotecas públicas (a Juan Compañel da Xunta de Galicia e a Xosé Neira Vilas de titularidade municipal), unha dotación moi insuficiente fronte á tupida rede dunha ducia de centros cos que conta a cidade da Coruña, dez deles sostidos polo concello herculino.

Vigo necesita máis libros e máis bibliotecas que faciliten o encontro da veciñanza e o acceso á información e á cultura nos diversos formatos. Vigo precisa tecer a súa inexistente rede bibliotecaria pública, unha demanda cidadá non atendida dende hai tres décadas polos diversos gobernos municipais e as administracións do estado e autonómica, corresponsables desta anemia bibliotecaria. Un proxecto que, en primeiro lugar, pasa por abandonar o disparatado modelo municipal actual das salas de lectura, «bibliotecas sen libros e sen persoal bibliotecario», como as abertas no edificio do auditorio Mar de Vigo, en Bouzas e Navia, adoptando con carácter xeral, xa dende a prevista para Teis, o modelo dinamizador da moi exitosa Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario, a mellor noticia para a cultura bibliotecaria viguesa da última década.

Mais pasa tamén por non estragar a posibilidade aberta para facer efectivo o compromiso do Goberno de España de construír a devecida Biblioteca do Estado nos terreos cedidos polo concello no Chouzo. Unha biblioteca de nova xeración de arquitectura singular, concibida como espazo comunitario de acceso á información e á lectura hibridada. Unha gran biblioteca, xestionada pola Consellaría de Cultura, que substituiría á actual Juan Compañel, que debería integrarse na rede bibliotecaria municipal para dar servizo á cidadanía do Vigo Vello e do centro. Agardemos que a posibilidade de recuperar o proxecto das bibliotecas públicas viguesas non quede en auga de castañas.

Onte 2056: A reinvención da biblioteca pública en Vigo

O mesmo día que Faro de Vigo publicaba que Vigo é a cidade galega menos dotada de libros, en relación ao seu número de habitantes (apenas 0,7 exemplares de publicacións impresas por veciño), lin unha reportaxe moi suxestiva na edición electrónica de La Presse (Québec) sobre como as bibliotecas públicas se reinventan en todo o mundo como ágoras que atraen cada vez un maior número de usuarios. Outro paradoxo deste Vigo puro milagre que necesita máis libros ca luces. Producida en tempos  de hibridación dixital e da ameaza de Amazon de monopolizar a distribución do libro (tanto impreso como dixital), esta reinvención do modelo de biblioteca pública pretende convertela nun espazo arquitectóinico singular que facilite o encontro cidadán e o acceso á información nos diversos formatos.

Novas bibliotecas, das que existen moitos modelos nos Estados Unidos e Canadá, mais tamén en Europa, concibidas como espazos de socialización interxeracional, accesibles e gratuítos para todos, dende os bebés ás persoas maiores, abertas en horarios alongados (algunhas até as 24 horas), que contan con salas de lectura, escritura, impresión e formación, espazos especializados para crianzas e para adolescentes, ludotecas, mediatecas, salas de videoxogos ou cinema, salas de exposicións e até cafetaría, entre outros servizos.

Vigo precisa reinventar a súa inexistente rede bibliotecaria pública, unha demanda cidadá non atendida dende hai tres décadas polos diversos gobernos municipais e as administracións do estado e autonómica, corresponsables da anemia bibliotecaria viguesa. Unha reinvención que pasa por abandonar o actual modelo municipal das salas de lectura,  “bibliotecas sen libros e sen bibliotecarias” (como a que abriu en Navia e como a que está previsto abrir en Teis), adoptando con carácter xeral o da exitosa Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario, a mellor noticia para a cultura bibliotecaria viguesa da última década.

Mais pasa tamén por non estragar a posibilidade que abre o novo goberno de Sánchez no Goberno de España e facer efectivo o seu compromiso de construír a Biblioteca do Estado nos terreos cedidos polo concello no Chouzo. Unha biblioteca de nova xeración, concibida como as canadianas como espazo comunitario de acceso á información e á lectura hibridada. Unha gran biblioteca, xestionada pola Consellaría de Cultura, que substituiría como central á actual Juan Compañel, que debería integrarse na rede bibliotecaria municipal para dar servizo á cidadanía do Vigo Vello e do centro da cidade. Agardemos que nesta lexislatura a imprescindible reinvención das bibliotecas públicas viguesas non quede en auga de castañas.