Artigos

Campo do Fragoso CCIII

AUTOBUSES SIMEONE

Lembraremos o partido de onte do Celta co Atlético polo feito de que 7.500 abonados de Río (“os que montan o lío” da canción de A Roda) tivemos que ver na televisión como Simeone colocaba no Campo do Fragoso o autobús e levaba tan pancho para Madrid os tres puntos no peto. E no futuro contaremos o sucedido aínda cun aceno de enfado e indignación, tanto pola incompetencia dos que se ocupan das obras de reforma do municipal, o que deixou tan eivada á afección celeste, como polo inxusto que foi onte a táboa de marcas para un Celta que mereceu moito máis, canto menos un empate. Unha situación, que agardamos non se cronifique, tanto no que respecta a evolución das obras da cuberta de Río (hoxe é un enigma saber cando poderemos volver os abonados ás bancadas), como ao que atinxe aos resultados do cadro de Unzué en Balaídos que a pesar dun xogo (onte) excelente acadou apenas unha vitoria de cinco partidos disputados.

Non é difícil resumir o encontro como un constante querer e non poder dos de Unzué que ao longo dos noventa e tres minutos de xogo mantiveron unha posesión superior ao 60 % e ensaiaron con escasa fortuna as máis diversas modalidades para saltar os dous valados que sobre a lameira dispuxo o adestrador arxentino. Unha exitosa estratexia defensiva, á que tampouco foron alleas nin a moita estopa que repartiron os defensas e centrocampistas visitantes nin as extraordinarias intervencións do seu gardarredes, o esloveno Jan Oblak, sen dúbida, o mellor xogador do seu equipo. E se as continuas faltas e paradóns dos madrileños non abondasen, algunha decisión arbitral foi decisiva, sobre todo o claro penalti perdonado ao comezo da segunda parte a Gabi, que de ser sinalado supoñería, ademais, o segundo cartón para o capitán atlético.

O partido todo foi un monólogo celeste xogado na maior parte do tempo no campo do Atlético, que colocou dúas liñas paralelas, a primeira defensiva de catro centrais e a segunda (defensiva tamén) de cinco mediocampistas, deixando apenas un pouco máis adiantado a Griezmann, procurando a súa velocidade desequilibrante. E así chegaría o único gol do partido no minuto vinte e sete, nacido nunha boa xogada do dianteiro francés que encarou a Sergio e obrigou ao de Catoira a enviar a corner. O saque posterior de Gabi foi rematado ás redes por Kevin Gameiro, aproveitando o único erro que onte tivo a cobertura celeste. Un gol que os de Simeone souberon defender con unllas e dentes durante máis dunha hora, sen apenas outra intención que manter o privilexio do resultado.

Na biqueira dun Tucu Hernández extraordinario, presente en todas as partes, naceron as melloras xogadas celestes e moitas oportunidades, case goles cantados, mais a maior parte deles desfeitos polas intervencións dun Oblak en estado de graza. A relación das paradas decisivas do esloveno é interminable: no minuto 17, Sergi Gómez cabezou un globo á escuadra, tras unha falta sacada por Pione; no 43, xutou con moito veleno Daniel Wass; no 51, fíxoo Aspas, con toda a intención; no 76, Maxi, non puido rematar na área pequena; no 88, co partido fervendo e co Celta asediando, a parada de Oblak baixo os paos desviando o xute de Mallo foi monumental; e xa no 92, no desconto, o taconazo de Guidetti quedou tamén na beiramar.

Ninguén lle pode discutir a Unzué que o intentou todo. Faltando vinte minutos as entradas no terreo de xogo de Emre Mor (velocísimo e cada vez máis desequilibrante) e Guidetti supuxeron un grao máis de intensidade no xogo. O noso adestrador moi afouto recompuxo a defensa con só tres centrais e abriu o campo dende as bandas de forma moi xenerosa. Nunca viramos en Balaídos a todos os tres dianteiros centros (Aspas, Guidetti e Maxi) xuntos. Como non víramos nesta tempada a un Celta tan insistente e voluntarioso. Non puido ser, mais gozamos dun Celta con vontade e intención de ser, que non é pouco.

Campo do Fragoso CL

BESTA NEGRA

Non tivo fortuna o Celta fronte ao equipo do Cholo Simeone, o adestrador arxentino que gañou todos os catro partidos xogados polo seu Atlético de Madrid contra o primeiro equipo galego. A pesar dun excelente primeiro acto, no que conservou a intensidade e o aroma de xogo de calidade, que o levaron a ser un dos mellores equipos da liga dos meses de xaneiro e febreiro, o Celta derrubouse coma un castelo de naipes no segundo, noqueado en apenas tres minutos por dúas pegadas brutais de David Villa, un dianteiro nato que na lameira do Fragoso reapareceu coma ave fénix reivindicándose coma o goleiro pícaro, arteiro e práctico que sempre foi. Un castigo tan contundente coma previsible que devolve aos de Luis Enrique ás penalidades e emocións de liga tan difícil coma a que disputan os dez equipos que pretenden evitar o descenso.

Comezou o Celta máis centrado ca en partidos anteriores en Balaídos. Foi capaz de controlar a posesión da pelota diante dun equipo moi rudo e incómodo coma o Atlético, capaz de desesperar ao rival con interrupcións de xogo e faltas continuas. Baixo a batuta dun incansable Krohn-Dehli, o Celta abriu xogo polas bandas procurando unhas veces as superioridades pola dereita de Orellana, que non tivo o seu mellor día, ou pola esquerda de Nolito, que a pesar dos meses transcorridos non conseguiu aínda o seu punto ideal de forma. Oubiña, que regresaba ao equipo, foi o primeiro que aos sete minutos atopou porta enganchando un saque de recanto, unha excelente xogada táctica a balón parado. Sería despois Álex López quen cun pexegazo a ras da lameira culminase unha xogada na que procurou a diagonal de Curtois, o extraordinario gardarredes belga. O Celta quería, aínda que notaba a ausencia da fantasía de Rafinha na creación de superioridades. Con este panorama, o Atlético non se sentía cómodo e tardou vinte e cinco minutos en avisar do seu perigo cun globo enviado por Raúl García dende trinta metros, que pillou un chisco adiantado a Yoel, que pouco despois chapou un perigoso remate do internacional Koke. Igualouse así decontado o partido, con alternativas en ambas as dúas áreas, as de dous equipos ben traballados tacticamente nos que mandaban as defensas sobre os ataques. Mágoa que a piques de rematar a primeira parte, cando quedou só na área pequena Charles non fose capaz de superar a Curtois ou Jonny non fose capaz de marcar, tras outra excelente xogada táctica xerada cun saque de recanto.

Co incio do segundo acto, o Atleti saíu moito máis decidido, consciente que non podía perder a oportunidade de recuperar o liderado. Abondoulle con subir aos seus laterais para que abrisen xogo sobre David Villa, que apenas participara no xogo até entón. O Celta deu un paso atrás. O partido mudou coma un carpín á hora de xogo, cando o dianteiro asturiano aproveitou un erro nun pase de Jonny sobre Fontás. Erro tremendo que se repetiría dous minutos despois e que tamén aproveitaría Villa, un goleiro a quen non se lle poden dar tantas facilidades. Faltando vinte e cinco minutos o partido quedaba pechado cun Celta incapaz de arrepoñerse xa que aos seus motores Krohn-Dehli e Álex López acabaron coa súa gasolina. No entanto, cómpre recoñecer que os de Luis Enrique non tiraron nunca a toalla, a pesar de que desta volta foron claramente inferiores. Unha derrota previsible, pois, que non debería crear alarma. Quedan xornadas suficientes para obter eses dez puntos, apenas tres vitorias e un par de empates, que aseguren a continuidade na categoría. Temos confianza.

Onte 769: Vello Balaídos

Chegamos a Balaídos mollados coma pitos, dispostos a gozar dunha noite de fútbol atlántico, de moita forza e pase longo. No interior do estadio tamén chovía a cachón. As cubertas de Tribuna, Gol e Marcador apenas amparaban das bategadas á metade do aforo; a da grada de Río, construída hai apenas trinta anos, furada coma o aspersor dunha regadeira, deixounos á intemperie e a auga corría en fervenza polas escaleiras. O vello Balaídos está arruinado. Por ventura, a lameira do Fragoso conservou o seu tapiz, a pesar de que o ballón non amainou nos noventa minutos. Temo que a ruína do vello Balaídos non che ten arranxo doado.

A foto é de Guillermo Cameselle, corresponde á construción da grada de Río con motivo do mundial 82.

Campo do Fragoso CXL

CELTA NOVO

Tras os tres primeiros partidos, o equipo de Luis Enrique superou as mellores expectativas tanto no que atinxe á puntuación acadada como á calidade do seu xogo. A pesar de que non conseguiu aínda unha vitoria como local, continúa invicto e cunha clasificación temperada (5 puntos de 9 posibles), un balance positivo e esperanzador. En Balaídos, tanto na lameira como nas bancadas, vívese a ledicia dun Celta novo, tras unha anovación tanto do cadro de xogadores, cunha media de idade por baixo dos vinte e tres anos, como da propia afección, onde colleu un peso decisivo a nova mocidade celtista que sabe ben como facerse notar. A aposta pola canteira nosa, reforzada por varias promesas foráneas e un par de veteranos solventes, constitúe a fórmula coa que o Celta pretende manter a categoría con menos agobios ca tempada anterior.

Destes tres partidos, o que máis me gustou foi o de onte fronte ao Granada. A sanción de Oubiña obrigou a Luis Enrique a amosar o xogo do fútbol vintage no que cre, un fútbol setenteiro. Velocidade, compromiso físico, saída ordenada do balón e unha forte disciplina táctica nun esquema xenuinamente atacante. Arriscou o asturiano, amosando que non se vai casar con ninguén, deixando no banco a Krohn e a Cabral. Mudou toda a medula de centrais e medios, facendo debutar a David Costas e a Jon Aurtenetxe, colocando a Fontás entre eles dous, como eixo. Apostou por concederlle a Rafinha unha hora de xogo como un 10 clásico (esa rara estirpe de Zidanes, Riquelemes ou Iniestas), ese tipo de xogador de fantasía único, ás veces intermitente, discontinuo mais capaz de decidir os encontros, levando ao equipo onde el quere e ao balón ao ritmo que el decide. Apostou tamén Luis Enrique por ofrecer maior liberdade e espazos para o outro interior, Álex López, onte o mellor xogador sobre a lameira, ferrolán tamén como o mítico Juan dos setenta, capaz de xutar, canear, recuperar, distribuír e participar nas axudas. Como arriscou o adestrador teimando na súa aposta pola reconversión de Toni nun lateral, case un extremo, o que lle dá unha gran profundidade a toda a banda esquerda. E polo visto na lameira, as apostas do adestrador foron certeiras e, a pesar da fraxilidade defensiva, teñen futuro de seu.

Fixo o Celta unha excelente primeira hora, na que puido (e mereceu) liquidar o partido cun marcador avultado. A superioridade foi nalgúns momentos asoballante. Rafinha marcou a media hora de xogo, tras unha boa acción de conxunto, froito dunha recuperación na área pequena sobre a banda dereita, dende alí un pase da morte de Augusto e un remate a porta baleira do interior brasilego. Catro minutos despois un pexegazo de Álex foi á base do pau, tras unha gran contra levada por Charles e xerada nunha anticipación de Rafinha. No primeiro cuarto de hora da reanudación, Charles dispuxo de até tres oportunidades, mais non era este un serán goleiro para o brasileiro. Tampouco tivo sorte Álex cando volveu intentalo dende a frontal enviando o seu cacheirón ao longueiro. Infelizmente, como é adoito nestes casos, o Granada empatou. Como sucedera na primeira xornada co Espanyol, os andaluces aproveitaron a febleza celeste pola banda esquerda e Piti rematou un grande centro do colombiano Ángulo. Con media hora por diante, o Celta procurou a vitoria, mais non soubo recompoñer o debuxo, perdera a fluidez e a facilidade asombrosa coa que os xogadores se atopaban nos primeiros minutos. Nin sequera a entrada de Krohn facilitou atopar algunha fenda na muralla que dispuxo Lucas Alcaraz. O empate resultou así escaso para os merecementos dunha hora de excelente fútbol. Onte faltou a fortuna que abondou fronte a Betis.

Campo do Fragoso CXXXIV

MILAGRES VELLOS

En tarde de alborada rosaliana, o Celta demostrou que no fútbol continúan existindo os “milagres vellos” dos que falaba a autora de “Cantares gallegos” á que se homenaxeou en Balaídos durante o descanso. Os celestes puxeron en evidencia que para gañar un partido non cómpre acreditar o mellor xogo nin sequera contar con máis oportunidades de gol co rival; abonda só con marcar un tanto máis ca el. Puro evidencialismo, un comportamento estritamente práctico, adobiado con pequenas doses de fortuna (que tamén contan), ao que probablemente o debutante Abel Resino deberá recorrer en máis ocasións nesta difícil angueira de conservar a primeira categoría.

Non é doado atribuír aínda a Abel todo o mérito desta importante vitoria, a primeira dende aqueloutra do día de Reis, que rompe coa xeira de derrotas que situaron ao Celta no abismo e levaron a destitución do entrañable Paco Herrera. De saída, o novo adestrador non mudou o once clásico desta liga, no que quedou fóra só Túñez, aínda tocado. Con todo, o toledano sen mudar nin o debuxo táctico nin o estilo de xogo, atreveuse a adiantar a súa defensa, o que lle permitiu xuntar un pouco máis as tres liñas e obrigou a Oubiña e Álex López a incrementar a súa participación no xogo de ataque. Porén, a agardada intensidade que semellaba podería activar o xenio de Resino apenas se notou nun equipo no que se continúan identificando síntomas de apatía e esgotamento, coa excepción, iso si, dos excelentes minutos finais, moito mellor xestionados polos nosos, tanto na lameira coma no banco, ca en partidos anteriores. Quizais foi aí e na xestión acertada dos trocos onde estiveron as claves da vitoria e do primeiro éxito do novo adestrador.

O Celta comezou o partido con moito pulo. Prometía. Nos sete primeiros minutos tivo tres boas ocasións. Primeiro, Orellana disparou frouxo dende a área pequena, tras un estupendo pase interior de Oubiña. Aos cinco minutos, Augusto debeu marcar, fose no cacheirón que enviou sobre Toño ou no remate de cabeza posterior aproveitando o rexeitamento do porteiro. Unha mágoa. Despois foi Iago quen se asociou con Orellana procurándolle as costas aos defensas granadinos. Mais os de Lucas Alcaraz amosaron decontado que non viñeron a Vigo a probar nécoras e axiña responderon, chegando polas bandas con grande facilidade cos seus laterais moi longos, especialmente Nyom. Porén, a pesar de que xa non contaba co control do balón, no minuto vinte e cinco, os ventos fóronlle favorables ao Celta. Álex López xutou forte dende a frontal da área. Aspas recuperou o rexeite preto da área pequena, case ao chou, e realizou despois un control incrible, un globiño co que superou aos defensas e o porteiro. Unha fantasía de auténtica figura que moito celebrou cos seareiros de fondo.

O Granada non se resignou e dous minutos despois marcou outro gol extraordinario, un fermoso remate de volea de Ighalo, tras un centro perfecto dende o recanto dereito de Nyom. Unha marabilla que deixou abraiados aos defensas celestes. Co marcador igualado, os visitantes comezaron a controlar a un Celta que amosaba síntomas de febleza e desorientación. Tras a reanudación o monólogo andaluz intensificouse e as continúas chegadas dende as bandas agoiraban o peor para os galegos. Porén, cando o Celta parecía máis perdidiño, faltando apenas dez minutos, nun ataque que semellaba inocente, Iago conseguiu servir de cabeza a Bermejo, que rematou en semifallo, mais conseguindo que a pelota entrase na portería. Incrible! Un deses milagres vellos do fútbol que nos permite continuar na pelexa. Os minutos finais foron moi ben defendidos polos nosos e mesmo Quique de Lucas nun contragolpe no desconto puido marcar o terceiro. Saímos felices cantando o himno celeste a capela.