Tradutor e mestre Valentín Arias

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á lembranza da figura do noso admirado Valentín Arias.

Valentín Arias morreu de socate o venres na súa casa de Vilerma, na parroquia de Maside do concello de Sarria, onde nacera en 1934. Fillo de humilde casa de labregos aprendeu as catro regras nunha escola de ferrado. Como ten confesado “ía para labrego”, mais o 1 de febreiro de 1948 acontecería un feito decisivo para o seu futuro: o empresario Antonio Fernández López inaugurou a un quilómetro do seu fogar a Escola Agrícola da Granxa Barreiros para rapaces e rapazas de seis a catorce anos das parroquias da contorna, así como para as persoas adultas que se achegasen para recibir leccións. Alí acudiu Valentín como alumno e alí amigou de por vida co mestre galeguista que a dirixía, Avelino Pousa Antelo. Alí deu en ensinante e quedou contaxiado polo virus da escritura con enxebreza de don Avelino, ao tempo que pola obriga moral de traballar arreo a prol do país.

Dende aquela e ao longo de seis décadas, Arias dedicou a vida toda ao servizo do desenvolvemento de Galicia. Fíxoo como mestre, editor, tradutor, ensaísta, biógrafo, investigador, empresario agrícola, promotor do cooperativismo ou militante do nacionalismo galego na clandestinidade (foi membro do PSG). Actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi Valentin un home de país.

Como mestre, formouse co espírito activista e anovador da Escola de Barreiros, inequivocamente decroliana, da que tras os seus anos de formación sería tamén mestre responsable durante unha década (1955-1965). Labor docente creador que continuou en Vigo, desque ingresou en 1969 no Colexio Público de Sárdoma, onde se xubilou en 1994 deixando unha gratísima lembranza entre os seus milleiros de alumnos.

Iniciou as súas tarefas no mundo do libro galego en 1970 cando comezou a traballar na Fundación Penzol e, máis tarde, de 1975 a 1978 como xerente da editorial Galaxia, onde publicara, coincidindo coa súa chegada á cidade da oliveira, os seus primeiros libros “A lingua galega na escola” (1970), “Lecturas galegas” (1972), “A escola rural en Galicia” (1975). Máis será coa creación de Edicións Xerais de Galicia en 1979, cando comezará a desenvolver un labor extraordinario como revisor e tradutor de milleiros e milleiros de páxinas en galego. Ao seu criterio rigoroso debemos a revisión de boa parte dos cen primeiros títulos publicados por Xerais, a redacción dalgúns dos primeiros libros de texto para o ensino do Coñecemento do Medio en Educación Primaria e a tradución de moitos dos títulos das primeiras coleccións infantís da editorial, “Arroás”, “Xabarín” e “O rato Pérez”.

Foi quizais do seu labor como tradutor do que Valentín Arias se sentía máis fachendoso e responsable. En 1984 promoveu a creación da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente e animador incansable, coa inequívoca vontade de contribuír dende este eido a recuperación idiomática e a ofrecer a posibilidade de ler en galego calquera tipo de texto do corpus literario e científico universal. O seu esforzo como tradutor foi monumental. Deixa milleiros e milleiros de páxinas traducidas para o galego nas nosas bibliotecas. Traduciu a autores como Verne (“A volta ao mundo en 80 días”, “Viaxe ao centro da Terra”, “Da Terra á Lúa”), Rodari (“Contos ao teléfono”, “Contos a máquina”), Camus (“O estranxeiro”), Le Clézio (“Mondo e outras historias”), Saint-Exupéry (“Voo de noite”), Duras (“O xardín), Atxaga (“Memorias dunha vaca”), Ricardo Mella (“Lombroso e os anarquistas”) ou Diderot (“Sobriño de Ramuau”). Verqueu para o galego os cómics de Tintin, dirixiu o equipo de tradutores do Quixote galego, preparou as versións galegas de libros de investigación como “A guerrilla antifranquista en Galicia” de Heine, “Diego Xelmírez” de Biggs ou “Os galeóns de Rande” de Stenuit. Un labor polo que foi recoñecido por premios como o Ramón Cabanillas (1989), o Plácido Castro (2001) ou coa homenaxe que recibiu  en Vigo o 30 de setembro de 2008 con motivo do Día da Tradución, sendo declarado o “patriarca dos tradutores galegos”.

Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase “Tradutor e mestre Valentín Arias”. Con todos os nosos abrazos para Amparo Castaño, a súa inseparable compañeira, e para os seus fillos e netos.

Finalistas dos Premios AELG 2011

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.

Blog Literario

1. Ferradura en tránsito, de Xosé Manuel Eyré.

2. O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.

3. Trafegando ronseis, de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso.

Ensaio

1. A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro.

2. Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao.

3. O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.

Literatura Infantil e xuvenil ( coa colaboración da Gálix)

1. Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto.

2. O pintor do sombreiro de malvas (Xerais), de Marcos Calveiro.

3. O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro.

4. Suso Espada. “Nota Roja”, de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)

1. Anxo Tarrío.

2. Daniel Salgado.

3. Fran P. Lorenzo.

4. Iago Martínez.

5. Ramón Nicolás.

Narrativa

1. O coitelo en novembro (Xerais) de Marilar Aleixandre.

2. Obediencia, de Antón Lopo.

3. Periferia (Xerais) de Iolanda Zúñiga.

4. Settecento (Xerais) de Marcos Calveiro.

5. Todo é silencio (Xerais) de Manuel Rivas.

6. Xuvia-Neda (Xerais) de Vicente Araguas.

Poesía

1. Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval.

2. Estremas, de Ana Romaní.

3. Retro(visor) (Xerais) de Antía Otero.

Teatro

1. Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo.

2. Cínicas, de Teresa Moure.

3. Flores de Dunsiname (Xerais) de Manuel Lourenzo.

Tradución

1. Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe) (Xerais), na versión de Isaac Xubín.

2. Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto.

3. Randea do alento (Herta Müller) (Xerais), de Marga do Val.

O perigo dunha historia única

Foi María Reimóndez quen primeiro me falou hai ben tempo de Chimamanda Adichie, a narradora nixeriana autora de Purple Hibiscus. Agora grazas a un enlace de Susana Piñeiro e Filipe Diez en Twitter descubro a anotación de Ramón Lobo na que recolle a intervención de Adichie no foro TED da CNN («Ideas que paga a pena espallar»). A verdade é que os dezaoito minutos do seu discurso de gabanza da diversidade e de superación dos prexuízos son memorables. Recomendo, sobre todo, os catro derradeiros minutos, que constitúen unha lección exemplar sobre o valor da literatura para cada unha das sociedades.

Transcribo unha parte destas palabras finais que veñen como anel para reflexionar sobre o caso galego:

Xunto co meu editor de Nixeria creamos unha ONG, Farafina Trust, co que soñamos en construír e renovar bibliotecas, fornecer libros ás escolas públicas que teñen as súas bibliotecas baleiras e organizar obradoiros de lectura e escrita para todas aquelas persoas que queren contar moitas historias. Sei que as historias importan. Moitas historias importan. As historias teñen sido empregadas para calumniar e expoliar, mais as historias poden ser usadas, tamén, para dar poder e humanizar. As historias poden destruír a dignidade dun pobo, mais as historias poden reparar esa dignidade perdida.

Cando rexeitamos unha única historia, cando sabemos que non hai nunca unha única historia sobre un lugar, reconquistamos un anaco do paraíso.

O discurso pode seguirse en you tube ou na súa versión plurilingüe, subtitulada en diversas lingua, entre outras o portugés e o castelán (premer sobe o texto en vermello). Grazas a Revén polo enlace.

Linguaxe e debate político

Dende a súa aparición a comezos deste ano 2010 sigo con moito interese cada un dos libros que publica 2.0 editora, un dos novos proxectos editoriais galegos mellor concibidos e máis innovadores. Das súas tres coleccións –Mundos, Folksonomías e Supertextos–,  é esta terceira dedicada a ensaio contemporáneo, a miña preferida. Confeso que papei os cinco títulos publicados até agora, incluído o recentísimo, Non penses nun elefante!, un libro clásico no pensamento demócrata e progresista estadounidense (publicado en 2004), no que George Lakoff aborda as relacións entre linguaxe e debate político. A pesar do tempo transcorrido dende a publicación do libro, escrito coa intención de apoiar aos progresistas no seu labor de oposición ao goberno de Bush, a análise de Lakoff conserva a súa actualidade, sobre todo pola súa insistencia sobre a importancia dos marcos e do traballo arredor dos valores do «pai protector», como ferramentas dos progresistas para combater a estratexia conservadora inserida no marco do «pai estrito [autoritario]». Como sinala no prólogo Fermín Bouza «a batalla polos enmarcados» é imprescindible na política de hoxe para que os progresistas recuperemos o discurso público.

Mentres lía e subliñaba o libro, reparei moitas veces na utilidade desta estratexia para abordar o debate arredor do futuro da lingua galega na sociedade, para o que se precisa, antes que un nova proposta programática, un enmarcado nuns valores que poidan ser asumidos por unha ampla maioría da sociedade galega. No derradeiro capítulo deste libro moi recomendable, Lakoff non dubida en ofrecer unha guía aos progresistas para responder as preguntas máis frecuentes e facerlles fronte aos conservadores, que resume en catro pautas: «Sé respectuoso; responde redefinindo o marco; pensa e fala dende os valores; di aquilo no que cres». Insisto na utilidade do libro de Lakoff para axudarnos a recuperar a iniciativa na sociedade sobre a presenza social do galego. Procurar un novo enmarcado para o noso idioma en valores axiais como os do seu carácter patrimonial, o seu vínculo afectivo [agarimeiro] coa memoria familiar, o seu carácter integrador e acolledor para a convivencia, a súa utilidade internacional…

Parabéns a 2.0 editora por achegarnos ensaios tan valiosos coma o de Lakoff, en magníficas traducións coma esta de Ruth Layos Quiroga.

Frankfurt 2010/3

A de onte foi a xornada da presentación en Frankfurt da Anthology of Galician Literature de Jonathan Dunne, coeditada por Galaxia e Xerais. O acto resultou entrañable, sobre todo cando Dunne rematou a súa intervención en inglés lendo a súa magnífica tradución da «Letanía de Galicia» de Uxío Novoneyra. Porén, a propia fasquía do acto amosa o escaso peso da nosa edición e da nosa literatura a nivel internacional. Precisamos un grande acordo intersectorial sobre cal debe ser o posicionamento estratéxico da lingua, literatura e edicións galegas no mundo. Sen contar con este guieiro estratéxico, moi dificilmente poderemos continuar con algunha garantía de éxito o camiño de internacionalización iniciado polos editores de álbums infantis. Sigo crendo nas posibilidades que podería ofrecer a creación dunha Oficina da Lingua e Literatura Galega como entidade (pública privada) que xestionase e actualizase os recursos electrónicos dispoñibles e promovese a participación nas feiras do libro, misións comerciais ou congresos especializados de editores, autores, tradutores e axentes literarios galegos. Unha idea que non debería desbotarse para non perder outra lexislatura.

Aproveitamos a tarde para manter un encontro cos responsables da Oficina Danesa de Literatura (un modelo a emular, como o da oficina irlandesa, a xaponesa ou a taiguanesa) e de paso coñecer algunhas das novidades do pavillón 6. Camiño do encontro comprobamos a expectación que continúa creando no público alemán Gunter Grass, na conversa que mantiña no sofá azul da cadea 2DF. Outra mostra do interese dos medios de comunicación, sobre todo das emisoras de radio e televisión, por esta feira, vivida como un acontecemento gozoso polo público alemán, Unha envexa!

A importancia que os editores escandinavos conceden á visibilización dos seus autores e autoras continúa sendo un elemento diferenciador desta edición marcada polo seu afán de literariedade, non exento de interese comercial, eis o éxito de Siteg larsson ou dos fenómenos da novela criminal nórdica. Un camiño que os editores galegos poderiamos emular con facilidade.

Chamou tamén a miña atención a exposición fotográfica Book Faces 2009 que recolle fotografías con editores de todo o mundo que elixiron unha palabra para representar a situación actual. Moi interesante para detectar tendencias sobre cos camiños disrutivos da edición internacional.

Rematamos a xornada (xa moi derreadiños) cun encontro no espazo expositivo de Brasil, cada edición máis potente e visitado, amosando que aí é onde pode residir o noso maior potencial futuro. Óscar Yáñez, editor galego de Gourmand, deixounos información sobre os premios a publicacións gastronómicas e o anuncio da celebración do Paris Cookbook Faire do 3 ao 6 de marzo de 2011. Velaí outro vieiro para explorar, o das feiras especializadas.

Algo vai mal

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da publicación da tradución española do derradeiro ensaio de Tony Judt, Algo va mal, reflexiono sobre o malestar cidadán expresado pola ampla folga xeral do pasado 29S.

Rivas e Funke, novidades tras o verán



Adam Watts “RECKLESS” from Daniel Chesnut on Vimeo.

Hoxe collimos vacacións na editorial deica o 23 de agosto. Porén o blog fervía anunciando o que serán dúas das nosas novidades despois do verán: Todo é silencio, a vindeira novela de Manuel Rivas, mais Reckless. Carne de pedra, a primeira entrega da nova triloxía de Cornelia Funke, un espectacular lanzamento mundial que se producirá o 14 de setembro e no que, por vez primeira, participará unha editorial galega. Esta edición galega de Funke, amorosamente traducida por Chus Bello (a quen tanto temos que agradecer) está descubríndonos moitos segredos e prácticas da edición internacional que descoñeciamos. Velaí as xiras de lecturas da autora, previstas por Alemaña (entradas de pago); os vídeos da lectura que a autora fai dun capítulo; as cartas da autora para os seus lectores e lectoras ou a canción do libro, que aquí enlazo de Adam Watts. A noticia da novela de Rivas, unha traballada primicia de Alberto Ramós en Xornal de Galicia, promete un trhiller engaiolante onde van ter moita importancia os personaxes, sobre todo ese omnipresente Mariscal. Dúas novelas literariamente valiosas que, non teño dúbidas,  poden interesar ao público que le en galego. Agora comeza o difícil traballo de facelas visibles na libraría, eis o noso reto.

Finou Sérgio Klein, autor da seire «Poderosa»

Soubemos hoxe do falecemento de Sérgio Klein, o autor brasileiro da serie «Poderosa», da que levamos editadas dúas entregas e da que preparamos a terceira, novelas traducidas todas as tres por Mercedes Pacheco. O personaxe de Joana Dalva, esa rapaza que tiña o mundo na man, que facía realidade todo o que escribía coa súa man esquerda nos eu diario, popularizou a Klein no Brasil, onde conta con milleiros e milleiros de lectores e lectoras. Durante a edición do primeiro volume mantivemos correspondencia electrónica con el, na que amosou a súa satisfacción por contar cunha edición en galego da súa serie. As nosas condolencias para os seus editores de Fundamento por tan prematura perda.

Amin Maalouf, Premio Príncipe de Asturias das Letras 2010

Quen me coñece sabe ben da miña admiración pola obra de Amin Maalouf, o escritor francófono, de orixe libanesa, que vive dende hai anos na Normandía francesa. Coñecímolo hai dez anos cando viu a Compostela a presentar a edición en galego da súa, até agora, última novela A viaxe de Baldassare, traducida por Xavier Queipo e Lolis Torres París. Dende aquela viaxe quedamos engaiolados tanto pola súa proximidade humana e elegancia como pola causa que defende a da esperanza, a de enxergar camiños de encontro entre civilización e culturas, sen menoscabo ningún para asumir a diversidade e a diferencia como esencial á condición humana. Para Maalouf «a universalidade dos valores esenciais e a diversidade das expresións culturais» son dous principios tan intanxibles como inseparables para poder volver a repensar o mundo dende a primacía da cultura e, sobre todo, dende a identidade cultural de cada comunidade.Velaí o interese con que recibimos o seu informe sobre a diversidade lingüística como un reto proveitoso para contribuír a consolidación de Europa. Velaí o entusiasmo co que editamos o pasado ano A deleiba do mundo, un ensaio fulcral na súa traxectoria, no que diagnóstica de xeito anticipatorio a profundísima crise do capitalismo da mundialización. O feito de que hoxe obtivese o Premio Príncipe de Asturias das Letras 2010 constitúe, pois,unha fachenda que non podemos agochar. O pasado ano, Amin Maalouf xa recibiu o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia do ano 2009 co que se valora as persoas ou institucións significativas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente. As nosas beizóns  para o bo de Maalouf que sempre ten a deferencia de recoñecer a Xerais como súa editora en lingua galega.

Publicados en galego os dous volumes d' «O segundo sexo» e un libro de Steiner

Poucas veces sentín maior alivio por ter culminado un proxecto de edición cando esta mañán chegaron da imprenta os exemplares de control de calidade do segundo volume d’ O segundo sexo. Tras unha década de traballo da tradutora, a teimosa e rigorosísima Marga Rodríguez Marcuño, por fin poden lerse na lingua de noso as máis de 1.200 páxinas da obra principal de Simone de Beauvoir. Para o primeiro volume contamos coa grande axuda proporcionada por África López Souto, que se ocupou da revisión filosófica e do limiar, e por Carme Adán, daquela Secretaria Xeral de Igualdade, que impulsou moi decididamente a edición. Para este segundo volume, tras os cambios da Xunta, cremos que contaremos só con algunha axuda á tradución das que solicitamos este ano.

Xunto ao volume de Beauvoir, chegaron tamén os exemplares do primeiro libro de Steiner en galego, George Steiner en The New Yorker, o que constitúe un xesto que como editores facemos para contribuír ao proceso de coñecemento da nosa cultura no mundo. Coa publicación destas dúas importantes obras, continuamos o noso proxecto de traducir para o galego algúns dos ensaios do canon cultural do noso tempo. Velaí un dos compromisos da nosa edición cultural.