Cidade granito

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Granito de Álex Alonso, novela viguesa gañadora ex aequo do Premio Torrente Ballester 2019

Vigo é unha cidade granito. O porto de Vigo é o terceiro do mundo en tráfico de pedra, tanto polo seu volume de exportación de granito en bruto como polas importacións para súa elaboración por parte das empresas transformadoras instaladas na súa maior parte no Porriño. Unha actividade extractiva e industrial iniciada hai case un século pola familia Ramilo, que na actualidade factura máis de 300 millóns de euros sendo un dos sectores económicos máis consolidados da área metropolitana viguesa tanto pola importancia do seu emprego como polo feito de que o prestixioso granito rosa do Porriño constitúe unha referencia internacional para a nosa área metropolitana. Vigo é unha cidade pétrea, ademais, pola importancia da súa arquitectura do granito, deseñada dende hai máis dun século nos ensanches da súa cidade portuaria por arquitectos como Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Manuel Gómez Román, Antonio Palacios, Antonio Cominges, Francisco Castro Represas, Pedro Alonso, entre outros, que legaron un patrimonio construtivo extraordinario que hoxe forma parte da identidade e do orgullo da propia cidade.

Defendido de forma teimosa polo arquitecto Jaime Garrido e por outros estudosos do Instituto de Estudios Vigueses, este carácter granítico de Vigo contaxiou a narrativa nosa que comezou a localizar as súas ficcións neste espazos icónicos para a memoria viguesa. Velaí as achegas pioneiras de «novelas viguesas» de Cid Cabido (Panificadora, 1994) e Manuel Forcadela (Fóra de xogo, 1993), ás que na última década se engadiron as de Pedro Feijoo, Domingo Villar, Fran P. Lorenzo, Ledicia Costas, Manuel Esteban, Francisco Castro, Beto Luaces, Elena Gallego Abad, Alicia Borrás… Unha relación aberta á que se engade agora Álex Alonso, o narrador de San Miguel de Oia, autor da extraordinaria Granito (Xerais 2020), premio Torrente Ballester 2019, ex aequo con O paraíso dos inocentes (Galaxia 2020) de Antón Riveiro Coello. Coñecido polos seus libros de relatos Xénero imperfecto (2016) e Tempos de bébidas isotónicas e fast-food (Xerais 2016), con esta novela de lectura aditiva e longo alento (568 páxinas), ao fío daquel terrible crime de Nigrán do 1 de febreiro de 1994, Álex Alonso reconstrúe a memoria social, cultural e política do Vigo de hai case tres décadas, cando en plena crise económica se iniciaban as profundas mudanza urbanas do Vigo de fin de século.

Álex Alonso segue o ronsel iniciado polo mestre Cid Cabido con Unha historia que non vou contar (Xerais 2009), na que cuestionando os moldes da propia ficción afondara no mítico crime do industrial conserveiro Antonio Alfageme de 20 de abril de 1974. Alargando os recursos literarios da novela de non ficción, Álex reconstrúe en Granito o cuádruplo crime de Priegue do que foran vítimas o industrial do granito David Fernández, a súa dona Pilar Sanromán, a filla de ambos os dous, Marta e a traballadora doméstica Ana Isabel Costas; crimes dos que foron autores os policías nacionais Manuel Lorenzo Vázquez e Jesús Vela Martínez, que serían condenados a 212 anos de cárcere. Utilizando personaxes literarios de ficción, cuxos nomes apenas comparten a inicial cos reais, Alonso ofrece con detalles de espírito evidencialista o que puideron ser na realidade as historias de vida de vítimas e asasinos durante o mes que precedeu á matanza. Un procedemento narrativo semellante ao que Truman Capote utilizara en A sangue frío para radiografar aquel cuádruplo asasinato da familia Clutter, outro crime sen motivo aparente. Un intelixente procedemento literario de novela xornalística que propón ao lectorado atravesar as certezas pola peneira da ficción para que cadaquén faga a súa interpretación.

Se isto xa non abondase, Granito ofrece moito máis que as razóns documentadas que levaron a dous policías fracasados a acabar con toda unha familia. Granito reconstrúe o Vigo de comezos de 1994, os locais e establecementos, cando era alcalde Carlos G. Príncipe, reitor Luis Espada Recarey e adestrador do Celta Víctor Fernández. Unha crónica xornalística, na ficción o narrador é un periodista en prácticas de Faro de Vigo, que retrata un Vigo en mudanza no que grandes actuacións urbanísticas se presentan como o Vigo futuro (centro comercial das Travesas, praza Elíptica ou «Abrir Vigo ao mar»). Un xornalista que reclama a conservación do patrimonio da Alameda, lembra o carácter metropolitano do tranvía ou denuncia a precaria situación das persoas sen teito que sobreviven no km 0 da cidade, na planta baixa dun abandonado edificio Simeón. Vigo rebelde, no que triunfa sen paliativos a folga xeral do 28 de xaneiro contra a reforma laboral de Felipe González… Recomendo vivamente Granito, moi valiosa novela viguesa, que recupera a nosa memoria máis recente.

A Salvo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación do libro A Salvo de Tomás Alonso, biografía deportiva de Joaquín Salvo Pastor

Fun a correr a Librouro en canto souben da publicación d’ A Salvo (La Fábrica de Libros 2020), a biografía deportiva de Joaquín Salvo Pastor (Vigo 1958-2016), escrita polo xornalista Tomás Alonso. Imaxinaba que se trataría de materia moi sensible para min e abofé que non me decepcionou xa que prendín neste relato emocionante, que reconstrúe a traxectoria deportiva e vital do mellor xogador da historia do baloncesto vigués e un dos deportistas mais destacados da nosa cidade. Un texto biográfico alicerzado sobre os piares das voces testemuñais das amizades e das declaracións de admiración unánime dos seus colegas de canastra.

Un relato enriquecido coas pingas de humor e entusiasmo dos días felices nos que o protagonista compartía a ledicia de vivir con xenerosidade desbordada. Páxinas que, sen embargo, non agochan nin as dificultades dalgúns excesos nin a dor das duras xornadas de melancolía nin dos meses da doenza mortal de Quino cando regresou a Vigo, a súa cidade amada, despois dun longo periplo de tres décadas pola península como xogador e adestrador, como un romántico do vello baloncesto aprendido nas canchas de piche e cemento dos salesianos da Ronda.

A Salvo é ademais un referente sentimental para toda aquela rapazada que nos educamos no Colexio Salesianos entre a metade das décadas do sesenta e dos setenta, anos aínda de franquismo e nacional catolicismo nos que o deporte, o cine e o escultismo, as actividades extraescolares preferentes, mitigaban os rigores da férrea disciplina académica e relixiosa da cultura do máximo esforzo que impoñía nas aulas «el consejero» e o resto do profesorado salesiano. Lendo nestas páxinas sobre Salvo, chamabámonos polo primeiro apelido, quedei enchoupado cos recordos e saudades do colexio de Taboada Leal, cuxas novas instalacións inauguramos en 1966. Quedei rendido da fidelidade do narrado cando nun dos primeiros capítulos se conta como o protagonista viña ao centro co seu balón Mikasa botando, fintando, e facendo cambios de mans polas beirarrúas ou entre os coches dende Pizarro á Ronda de don Bosco.

Anécdota que activou a memoria de interminables partidas de frontón e pachangas de minibasket sobre unha única canastra, na mesma cancha onde se formou aquel equipo emblemático de baloncesto, onde o mellor era sempre aquel Salvo incansable, no que tamén xogaban o seu irmán José, Julio Bernárdez e Augusto de la Concepción, dende entón inseparables de Quino, hoxe comprometidos animadores ambos os dous da asociación Memorial Quino Salvo. Adestrado polo avogado Juan Aires de Palacio e promovido polo entusiasmo teimoso do salesiano Amador Lama Tombo, formaban parte daquel equipo das clases dos nacidos no 58 e no 59, entre outros, Jaime Molares (mestre de milleiros de xogadores e xogadoras), Pachi Reigosa (actual reitor da universidade), Berto, Tabo, Gilino, Pazó, José Manuel Dios, Antonio Docampo…

O relato de Tomás Alonso acompaña a Quino ao longo das súas quince tempadas como xogador de elite, dende as dúas primeiras no Obradoiro (1975-1976), onde coincidiu con Tonecho Lorenzo, para el «o mellor xogador do mundo», pasando polas do Helios de Zaragoza e as cinco no Fórum Filatélico de Valladolid en ACB, onde probablemente ofreceu as súas mellores campañas nunha cidade onde deixou un recordo extraordinario, até a súa retirada con trinta e cinco anos en Donostia no Askatuak (1992-1993) de LEB ouro. Traxectoria continuada como adestrador durante case dúas décadas, iniciada en Ciudad de Huelva e Torrelavega, onde ascendeu a Cantabria Lobos de EBA a LEB e despois a ACB (unha das súas xestas), pasando por León e Los Barrios, até o seu regreso a Vigo (2006-2007) para dirixir a fantasía do Gestibérica, que intentaron Julio Bernárdez e Pepe Conde, e rematada en Marín no Peixe Galego (2012), cando lle asexaba o abismo da depresión.

Xaora, a cerna deste relato vital moi emotivo está en cada páxina onde é posible recoñecer a xenerosidade do seu protagonista e o seu amor incondicional a un deporte que fixo razón da súa vida. Un baloncesto romántico que este xigante concibía como un xogo de asociación e cooperación baseado na entrega incansable fose como defensor tenaz (Quino foi o único xogador capaz de anular a Epi) ou fose como asistente desinteresado ou tirador preciso. Valores humanos e deportivos recoñecidos aquela noite memorable do 20 de febreiro de 2016 no Coliseum da Coruña onde o vigués nunca distinguido foi ovacionado durante tres minutos por milleiros de afeccionados que recoñecían así a un home que fixo da súa vida BALONCESTO. Por ventura, libros como este de Tomás Alonso e actividades como as organizadas cada ano pola asociación Memorial Quino Salvo contribúen a continuar en Vigo esa loita incesante da memoria contra o esquecemento. Grande Salvo!

TVG3, a canle do Xabarín

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa lexislativa popular e solicita a creación dunha terceira canle da TVG e unha app dedicada a contidos dirixidos ao público infantil e xuvenil:

No nadal de 1982, Xerais publicaba A chamada da selva, a noveliña de aventuras de Jack London traducida para o galego por un Gonzalo Navaza moi novo. Abríase así a colección «Xabarín», a primeira da edición galega destinada ao público infantil e xuvenil na que o editor Xulián Maure pretendía traducir boa parte dos títulos clásicos para crianzas de autores como Oscar Wilde, Herman Melville, Jules Verne, Lewis Carroll ou E.A. Poe, entre outros. Dende entón os inconfundibles volumes azuis de Xabarín, con cubertas deseñadas e ilustradas por M. Fragoso, comezaron a entrar en moitas casas, sendo para moitos mozos e mozas da década dos oitenta a súa primeira lectura en lingua galega. Títulos identificables, tamén, pola presenza na contra capa da icona da serie, unha cacheira frontal do xabaril cos cadanseus cairos ben afiados, unha imaxe moi divertida que hoxe identificamos cunha emoji que expresa ledicia

Unha oferta pioneira en galego, que superaría os sesenta títulos, mais que por ventura sería ampliada anos despois coa aparición das primeiras coleccións infantís de lecturas graduadas de creación propia como O barco de vapor (SM, 1985), Merlín (Xerais, 1988) e Árbore (Galaxia, 1989), nas que se formaría o lectorado galego de entre séculos. A semente daquela icona do primeiro xabaril, redeseñada en 1987 por Xosé Díaz de Revisión como un xabaril de toda unha peza, cando a colección era dirixida polo editor Luís Mariño e polo escritor X.L. Méndez Ferrín, agromou na primavera de 1994 na TVG da man do xornalista vigués Suso Iglesias coa creación do Xabarín Club, o espazo máis emblemático da historia da televisión pública galega, tamén a orgullosa insignia sentimental da actual xeración millennial.

Deseñada como banda de continuidade da programación infantil vespertina, Iglesias encargou ao ilustrador Miguelanxo Prado a creación gráfica dun personaxe que fose o fío condutor dos contidos diarios dirixidos a crianzas de 3 a 14 anos, asociados á diversión e ao lecer. Por vez primeira na súa historia, a lingua galega contaba cun espazo e un discurso dirixido á infancia para consumir na casa coa familia e coas amizades, onde se mesturaban os debuxos de Shin Chan, Son Goku e Dragon Ball coas cancións de espírito rebelde e de exaltación do compañeirismo dos grupos galegos do momento, como Yellow Pixoliñas, Os Diplomáticos, Aerolíneas, Rastreros… Xaora, amais dun espazo televisivo, Iglesias concibiu o Xabarín, en tempos sen acceso a internet nin redes sociais, como un club catódico que chegou a contar con 142.000 afiliados, que sentían o orgullo de formar parte dunha comunidade que o día do seu aniversario lle concedía o privilexio de publicar en pantalla a súa fotografía durante sete segundos. Un feito tan emocionante como memorable.

Transcorridos vinte e cinco anos daquela proeza colectiva, manifestación de orgullo polo propio, de modernidade e de interese polo idioma do país, apenas o 5 % da programación infantil e xuvenil que se emite nas canles accesibles en Galicia se ofrece en galego e a programada na TVG perdeu o pulo e entusiasmo por aquela festa rachada que marcou á xeración Xabarín. Unha situación á que non foi allea a fragmentación tecnolóxica provocada pola disrupción dixital e pola aparición de novos formatos de distribución dos contidos audiovisuais, mais tamén durante a última década polo escaso interese da propia TVG por axeitar a súa programación infantil ás circunstancias e necesidades dunha lingua, cada vez máis allea á nosa infancia. Unha oferta en galego que queda hoxe moi por baixo da ofrecida nas televisións públicas catalá e vasca en Super3 e ETB3, as súas terceiras canles destinadas especificamente aos menores de catorce anos.

Coa intención de que a TVG abrise unha terceira canle infantil que ofrecese contidos infantís en galego vinte e catro horas diarias naceu a iniciativa lexislativa popular «Xabarín Club» promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística á que decontado se sumaron a maior parte das asociacións profesionais da industria cultural, de sindicatos do ensino, movementos de renovación pedagóxica como ANPAS galegas e artistas de referencia para os máis novos. Unha iniciativa que pretende reunir as sinaturas necesarias para que o Parlamento de Galicia debata a creación desta nova canle e dunha app infantil da TVG, mais tamén para que TVE emita con opción dobrada ao galego os contidos de Clan, a súa canle infantil. Iniciativa que non o esquezamos se desenvolve cando o colectivo Defende a Galega de traballadores da TVG continúa cos seus venres negros denunciando o control político da CRTVG e reclamando a aplicación da Lei de Medios de 2011 na que se contempla a posta en marcha do Estatuto profesional e o Comité de Redacción, aínda inexistentes.

Pensar a Galiza pos-covid

Manuel Xestoso tivo a xenerosidade de facerme unha entrevista para Nós diario sobre as miñas reflexións sobre a Galiza pos-covid. Queda para o arquivo do blog.

Combate nulo

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a polémica da Área metropolitana de Vigo

A sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo sobre a constitución da Área Metropolitana de Vigo (AMV), a pesar de que parece contentar ás partes litigantes, non vai modificar a paralización do ente supramunicipal vigués. Se ben o considera validamente constituído na asemblea do 1 de decembro de 2016, así como axustada a dereito a elección e toma de posesión como presidente do alcalde de Vigo, tamén declara inválidos os seus actos posteriores xa que para adoptalos se requeriría a integración efectiva do concello de Vigo no plan de transporte metropolitano. Unha sentenza salomónica que acepta de forma parcial as posicións de ambas as dúas partes, mais que non soluciona un conflito netamente político entre dúas estratexias de éxito, a do «Vigo primeiro» do alcalde Abel Caballero e a do «Vigo tamén» do presidente Alberto Núñez Feijoo.

Outro combate nulo nunha rivalidade clásica entre dous políticos veteranos cunha traxectoria avalada por candansúas maiorías absolutas, a de Caballero esmagadora no concello de Vigo, a de Feijoo esmagadora (tamén) por cuarta ocasión consecutiva en Galicia. Estratexias electorais de éxito, actualizadas ambas as dúas para cada nova confrontación, que na máis recente, a das Galegas do pasado 12 de xullo, proporcionou no concello de Vigo un resultado aceptable para ambos os dous, xa que o partido de Feijoo foi o máis apoiado (44.064 votos) e o de Caballero (43.332) a lista socialista que mellor resistiu nas sete cidades á fortaleza conservadora e ao sorpaso nacionalista do BNG (31.628). Unha rivalidade Caballero-Feijoo que no caso da Área Metropolitana de Vigo enquistou unha situación que por fastío saíu da axenda política, mais que obxectivamente prexudica os intereses xerais dunha poboación de 600.000 persoas.

Ben sabemos que a complexa constitución do ente metropolitano vigués non é a única nin a principal manifestación desta rivalidade política cuxa cerna reside na dificultade obxectiva que dende o inicio do período autonómico tivo a cidade de Vigo para liderar o proxecto urbano galego. Ningún dos presidentes da Xunta de Galicia, dende Albor e Fraga, pasando polos socialistas Laxe e Touriño, a Feijoo, entenderon o espírito cosmopolita e revolcado dunha cidade portuaria, industrial e policéntrica. Unha incompresión histórica co liderado de Vigo na fachada urbana atlántica, á que tampouco foron alleos os presidentes do Goberno, dende Felipe González, Aznar, Zapatero ou Rajoy a Sánchez, que obrigou a que a cidade tivese que pelexar con unllas e dentes cada unha das infraestruturas de comunicación: a Autovía das Rías Baixas (A-52) dende Benavente, o AVE (que chegará e sairá por Santiago), o aeroporto de Peinador, o desenvolvemento portuario, o saneamento integral da ría… Como lembremos que a cidade viguesa tivo que pelexar coa Xunta pola construción dun gran hospital metropolitano público (recortado e de xestión privatizada polo primeiro goberno de Feijoo) e por unha rede digna doutros servizos básicos educativos e coidados de competencia autonómica.

Abel Caballero soubo identificar nesa tan molesta como obxectiva incomprensión institucional con Vigo unha débeda millonaria da Xunta de Feijoo coa cidade, que xustifica a súa teimosa estratexia do «Vigo primeiro» e a intención de constituír de Rande para acó aquel sitio distinto acuñado por Antón Reixa. Aí está a cerna do conflito interminable do transporte e da área metropolitana, mais tamén doutros como a declaración das Illas Cíes como patrimonio da humanidade, a ausencia de apoio da Xunta á reconstrución do vello Balaídos, a da falta de axudas para diversificar os destinos dende o aeroporto de Peinador, os conflitos sobre a reforma do Berbés e outras actuacións do Consorcio do Casco Vello, os ires e vires sobre a ubicación da Biblioteca do Estado, as polémicas sobre as competencias da Autoridade Portuaria en espazos públicos como as Avenidas ou paseos de Bouzas, a gratuidade do aparcadoiro do Cunqueiro, a ampliación do IFEVI, a taxa sobre o encoro municipal de Eirás, o conflito sobre escolas infantís e centros de día, o apoio ás orquestras clásicas viguesas…

A sentenza sobre a Área Metropolitana, que aparentemente mantén este statu quo, debería obrigar sen embargo a Caballero e a Feijoo a reconsiderar a súa estratexia de confrontación e intentar forxar un acordo interinstitucional sobre a posta en marcha do ente supramunicipal e sobre a incorporación de Vigo ao transporte metropolitano. Trataríase de asumir que só un grande e xeneroso acordo político, baseado na cooperación entre administracións e apoiado polos catro partidos da corporación viguesa, é a chave posible para desbloquear o interminable conflito metropolitano.

 

Custe cero no regreso á escola

No Luzes 84 publico un 7 estralos sobre o regreso ao escola Covid-19:

Tras a videoconferencia de presidentes do 7 de xuño, na que se estableceu a fórmula de reparto do fondo de 16.000 millóns de euros para ás CC.AA., dos que serían destinados a educación 2.000 millóns, Feijoo foi o único participante que solicitou liberdade para destinar o fondo educativo «ao que o Goberno Galego considerase». O presidente fixaba así a doutrina do seu gabinete: a pesar de poder contar con máis de 100 millóns procedentes do estado, o regreso ao ensino presencial faríase nos centros non universitarios galegos a custe cero adaptando os protocolos aprobados polo Ministerio de Educación. Nin máis recursos nin ideas propias nin negociación ningunha co sector educativo.

Tras o abandono dos sindicatos docentes da mesa sectorial en xullo, as condicións fixadas no «Protocolo de adaptación ao contexto do Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2011» (a partir de aquí, o protocolo), publicado o 22 de xullo e asinado polas consellarías de Sanidade e Educación, foron rexeitadas pola comunidade educativa, tanto polos sindicatos, plataformas de profesorado e movementos de renovación pedagóxica como pola confederación de ANPAS.

Un escenario de incerteza e ausencia de diálogo co sector escolar, coidadosamente abonado polo propio Feijoo, que se presentou, antes da xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación de 27 de agosto, como o promotor do uso obrigatorio da máscara nos centros educativos a partir dos 6 anos, reclamando fose incorporado a un «protocolo básico» para todo o estado, que, iso si, puidese ser «complementado» por cada comunidade.

1-. Queda asegurada no protocolo da Xunta a etiqueta sanitaria das 3M (Metros, Máscara e Mans)?. A Organización Mundial da Saúde (OMS) traduciu a súa etiqueta sanitaria Covid-19 (distancia social entre 1,5 e 2 metros, uso de máscara e hixiene de mans) nunha receita específica que servise para o reinicio das actividades docentes presenciais en todos os sistemas educativos: un metro de distancia entre pupitres, toma de temperatura, desinfección diaria e ventilación das aulas… Medidas que a Xunta interpretou de forma moi restritiva no seu protocolo do mes de xullo (cuxa actualización quedou pendente para setembro) xa que utilizando a fórmula de manter «un metro entre o centro de cada unha das cadeiras» reducía a distancia social entre cada estudante á metade da recomendada tanto pola OMS como ao metro e medio como mínimo establecido con carácter xeral no acordo do 27 de agosto do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en coordinación coa Conferencia Sectorial de Educación (publicado no DOG ao día seguinte). Como aparente contrapartida a esta redución da distancia interpersoal de seguridade, a Xunta estableceu unha rutina de hixiene corporal frecuente e meticulosa do alumnado e de ventilación das aulas baixo responsabilidade dos docentes, así como o uso obrigatorio da máscara a partir dos 6 anos, mesmo nos chamados «grupos de convivencia estable», burbullas de até 25 alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria e a súa titora, nas que poderán socializarse dentro e fóra da aula sen necesidade de manter a distancia interpersoal estrita.

2-. A quen corresponde a responsabilidade de facer respectar o modelo? O protocolo delega no profesorado e na dirección do centro a responsabilidade para poñer en marcha as medidas de información e seguimento dos procedementos de prevención, tanto no que atinxe ás rutinas de hixiene nas aulas como o mantemento da etiqueta sanitaria no centro. Como responsable é o profesorado da «xestión dos abrochos», o que obriga a que cada centro constitúa o seu equipo Covid e elabore un «Plan de adaptación á situación Covid no curso 2020-2021» e un «Plan de continxencia» para enfrontar unha (probable) suspensión da actividade lectiva.

3-. Cos recursos dispoñibles nos centros, é posible respectar o protocolo? A pesar do esforzo que se lle solicita ao profesorado, todo o modelo está orientado a modificar o menos posible a organización dos espazos dos centros e manter o cadro de profesorado nos límites estritos de reposición administrativa. Non se contempla nin a posibilidade de redución do número de alumnado por aula nin incremento do cadro de profesorado nin modificacións no horario nin a dotación de persoal de enfermaría. En todo caso, a incorporación prometida en agosto pola conselleira de novos docentes non é tal, xa que este profesorado adianta en dous meses o inicio dos contratos-programa ARCO e Reforza-t, que xa formaban parte dende o curso pasado da iniciativa de diminución das taxas de repetición sufragada polo Fondo Social Europeo.

4-. Será toda a actividade presencial? Nun escenario condicionado polas mudanzas imprevisibles da situación sanitaria, o máis probable é que ao longo do curso, canto menos a partir da Educación Secundaria, as ensinanzas teñan carácter dual, tanto presencial como a distancia, utilizando os recursos das aulas virtuais e webs dos centros e os medios dixitais do alumnado e do profesorado. Como xa sucedeu no período de confinamento do curso anterior, a ampliación da «fenda dixital» de desigualdade para o alumnado máis vulnerable é un risco real. Cos recursos hoxe dispoñibles é imposible organizar con carácter xeral nos centros de Infantil e Primaria, se fose precisa unha corentena, un modelo educativo non presencial inclusivo e satisfactorio para todo o alumnado.

5-. O protocolo sostén un modelo didáctico? O protocolo está concibido para unha disposición espacial dunha aula de até 25 (na Infantil e Primaria) ou 30 (na Secundaria) alumnos e alumnas, aliñada e centrada sobre a figura do docente e do encerado ou pantalla dixital. Un modelo pedagóxico, que en moitas aulas fora superado, incompatible coas dinámicas innovadoras de ensino cooperativo baseadas na experimentación e manipulación en pequeno grupo. O perigo dunha involución didáctica está aí.

6-. Como afecta aos programas de conciliación? O protocolo modifica as condicións esixidas para o funcionamento dos programas de conciliación laboral e familiar que se se desenvolven nos centros xestionados polas ANPAS: aulas matinais, comedores escolares e actividades extraescolares. O incremento dos custes de prestación destes servizos achegados por estas entidades sen ánimo de lucro e a ausencia de recursos públicos para mitigalo ameaza coa súa suspensión e o conseguinte colapso da conciliación en milleiros de familias.

7- Nesta situación, que medidas son prioritarias? No escenario de risco sanitario motivado pola aparición de continuos gromos do Covid-19 e coñecendo xa as experiencias de incorporación á ensinanza presencial noutros sistemas educativos ou os acordos noutras comunidaades, como a valenciana, o primeiro requisito para o regreso ás aulas en Galicia continúa sendo garantir a seguridade sanitaria dos 412.065 alumnos e alumnas, 38.216 profesores e profesoras e varios milleiros de persoal non docente de administración e servizos, cociña e limpeza dos diversos niveis non universitarios. Como tamén é imprescindible crear espazos educativos hibridados (presenciais e a distancia, analóxicos e dixitais), inclusivos e seguros que permitan o desenvolvemento de aprendizaxes significativas en igualdade, con especial atención para o alumnado máis vulnerable socialmente ou con necesidades educativas especiais ou de apoio educativo. Sen menoscabo de que este regreso aos centros facilite a conciliación no seo das familias nun contexto de grave emerxencia social e laboral. Seguridade, igualdade e conciliación, tres retos que para ser afrontados con garantías requiren de máis recursos económicos como dun amplo acordo da administración educativa e sanitaria cos membros da comunidade educativa (docentes e familias) e cos concellos como responsables das competencias de limpeza e mantemento dos centros de Infantil e Primaria.

Onte 2088: A reedición de «Catro cartas» do mestre DoCampo

A reedición de Catro cartas (Xerais 2020) de Xabier P. DoCampo, ilustrada por Fino Lorenzo, lembroume a xestación de Sopa de Libros, a colección onde foi publicada a súa primeira edición por Anaya Infantil y Juvenil (2000). Un agasallo que Xabier fixera ao seu amigo o editor Antonio Ventura, entón responsable da colección, onde despois de obter o premio nacional (1994) publicara O pazo baleiro (1997), na edición orixinal en galego e na traducidas para o castelán e o catalán. Foi o de Sopa un proxecto editorial, bautizado de forma informal como «Amadís», no que os directores de tres das editoras con catálogo infantil do Grupo Anaya, Emilio Pascual (Anaya Infantil y Juvenil), Ramón Besora (Barcanova) e eu mesmo (Xerais) intentamos deseñar unha colección de lecturas graduadas de calidade na que se trasvasasen de forma normalizada textos e ilustracións procedentes das tres linguas (castelán, catalán e galego) a carón de textos traducidos europeos.

Aquel proxecto Amadís con espírito de clásico de cabalaría, finalmente, naceu como Sopa de Libros e  sen a presenza de Xerais durante os primeiros anos, noutra das periódicas reviravoltas da relación da editora viguesa coa súa propietaria. Tras aquel vello e decepcionante trasacordo, non podo agochar o meu entusiasmo polo feito de que aquelas Catro cartas de Docampo, testemuña imperecedoira e extraordinaria sobre o valor do libro, a lectura e a literatura, sexan publicadas vinte anos despois por Xerais, feito que sei moito hai que agradecer a María Xesús Bello Formoso e Daniel Puente Bello, as herdeiras de Xabier. Un libro breve, apenas corenta páxinas ilustradas por Fino Lorenzo, o mestre galego da colaxe e da ilustración povera, mais unha obra esencial para entender a concepción da literatura como unha emoción compartida, poética que Xabier defendeu ao longo de toda a sua obra.

Catro cartas, que son cinco, que o mestre cheirego escribe a súa amada («os libros foron un lugar de encontro ao que vamos procurándonos»), ao fillo («eu sei que a miña vida durará tanto como eu perdure no teu recordo»), a mai («a lectura é un traxe que lle senta ben á alma e faina máis fermosa..»), a R.L.S. («aprendín a ler, a convertir cada lectura nunha aprendizaxe») e ao lector ou lectora das cartas anteriores («ler e escribir son dúas iniciativas individuais que nos axudan a indagar en nós e, ao mesmo tempo, substanciarse no outro, por medio da entrega, da xenerosidade, do amor…»)

Transcorridos vinte anos daquela primeira edición, confeso que a lectura destas Catro cartas, libro de cabeceira ao que volvín en moitas ocasións, produciume aínda maior emoción xa que identifiquei nestas páxinas boa parte das hélices do ADN literario de Xabier. Identifiquei os argumentos das súas intervencións orais sobre o valor da lectura como a semente de textos de creación ou de crítica posteriores, xa que para Paco (así o chamaba o mestre Agustín) «toda escritura é sempre un treito da viaxe que nos conduce a nós mesmos». Como aquí aparece que a lectura é para cada lectora unha indagación sobre unha mesma, na procura do amor, da tranquilidade, do coñecemento, da salvación… Ideas e fíos que Docampo desenvolveu en libros fulcrais como O libro das viaxes imaxinarias (2008) ou A illa de todas as illas (2013). Como nestas páxinas está tamén a súa convición de que a lectura constitúe unha creación e recreación de cada lector nun exercicio que a todos converte en narradores, xenerosos doadores de palabras e de historias.

Benvida esta reedición de Catro cartas, agora en Merlín (a outra colección graduada de Xerais que conta xa con 300 títulos!), un texto ideal para volver a reflexionar sobre o valor da lectura literaria como vieiro mellor para vivir unha vida máis plena, unha das causas polas que entregou a vida e a palabra o mestre Xabier. Parabéns a herdeiros e editora por tan excelente iniciativa.

Día sen coches

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do Día europeo sen coches:

Se hoxe collen algunhas das liñas H de Vitrasa (H, H1, H2, H3), as que acaban no Hospital Álvaro Cunqueiro, as viaxes sairanlles gratis, xa que o concello de Vigo e a concesionaria do transporte público celebran así o Día Europeo Sen Coches, efeméride incluída na Semana Europea da Mobilidade promovida pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea. Baixo o lema «Mobilidade sen emisións para todos», esta semana pretende sensibilizar á cidadanía europea sobre o dano que á saúde e ao medio ambiente provoca o uso indiscriminado do coche dentro da cidade, ao tempo que salientar os beneficios achegados polos medios de mobilidade considerados máis sostibles como son a bicicleta, as viaxes a pé, os sistemas de coche compartidos ou o empregar os servizos de transporte público.

Unha iniciativa nacida en 1999 coa intención de atopar solucións aos problemas provocados pola saturación do tráfico urbano, dende o 2000 foi apoiada pola Comisión coa intención de promocionar accións de mobilidade sostible e fomentar o desenvolvemento de boas prácticas e medidas permanentes de mobilidade. Obxectivos que ao fío das políticas de loita contra o cambio climático se concretaron máis recentemente en acadar en 2050 un continente neutro en emisións.

Razóns abondas hai para modificar o actual sistema de mobilidade urbana, baseado no abuso do emprego do coche particular. Provoca conxestión en horas punta co conseguinte tempo perdido en atascos e coas repercusións económicas que conlevan. Impide a integración dos diversos medios de transporte públicos e das súas conexións intermodais. Ocupa de forma desproporcionada até o 50 % dos espazos urbanos dedicados ás infraestruturas para a circulación e estacionamento dos vehículos. Deteriora a saúde da veciñanza polos hábitos de sedentarización que supón e polos inaceptables índices de sinistralidade en vías urbanas, como agrava a doenza do propio planeta, polo crecemento descontrolado das emisións dos Gases de Efecto Invernadoiro, polo deterioro da calidade do aire e o incremento do ruído nos espazos urbanos.

Coa intención de promover un modelo alternativo a Comisión Europea convida (certo é que de forma máis retórica ca efectiva) á cidadanía a que ao longo desta semana ensaie os beneficios que lle puidesen proporcionar as camiñadas e o pedaleo en bicicleta, os dous exercicios cardiovasculares máis populares, tanto se as consideramos actividades de lecer ou deportivas como se as utilizamos como formas de desprazamento ao traballo ou ao centro educativo. Convite a mudar os hábitos de mobilidade que as autoridades europeas estenden ás responsables das diversas administracións competentes, sobre todo as locais, para que durante o resto do ano impulsen políticas públicas que habiliten espazos urbanos seguros destinados aos peóns e aos ciclistas e faciliten a toda a cidadanía o uso de medios de transporte sen emisións.

Boas prácticas de mobilidade sostible, como as que leva desenvolvendo dende hai dúas décadas o concello de Pontevedra, amosan que é posible un modelo alternativo de mobilidade baseado nun plan integral de circulación que contemple tanto a limitación do tráfico rodado en determinados espazos, as rutas alternativas de mobilidade a motor e estacionamento, como a ampliación dos espazos destinados aos peóns. Superadas as inevitables reservas iniciais, Pontevedra foi capaz de reducir as emisións de CO2 no equivalente a 500 quilos por habitante e ano, mellorar a calidade do aire, contribuír ao sostemento do comercio e da hostalaría local como, o que semella máis importante, axudar a consolidar hábitos saudables na veciñanza, xa que camiña como mínimo entre os sete e os dez mil pasos diarios recomendados pola OMS. Mudanzas de calado, que xa non teñen volta atrás, asumidas polos grupos políticos e a cidadanía, xa que conseguiron enriquecer a esencia da propia cidade e mellorar a convivencia da veciñanza. Caso o da Boavila deseñado, ademais, atendendo ás necesidade da infancia e das persoas maiores, os sectores máis vulnerables aos excesos e perigos do tráfico a motor.

No polo contrario está o caso da escasa mudanza no modelo de mobilidade no Vigo metropolitano, un complexo tecido urbano e periurbano onde queda case todo por facer neste eido. Porén, o feito de que Vigo sexa unha cidade do automóbil, pertence ao cada vez máis reducido e selecto club internacional de cidades fabricantes de vehículos a motor, constitúe unha oportunidade para encabezar a mudanza cara a consolidación dun emprego alternativo e sostible dos vehículos híbridos e eléctricos. Comezar coa confección dun plan estratéxico de circulación metropolitana intermodal abriría a axenda dunha das cuestións máis decisivas para o Vigo futuro.

Onte 2087: Inventio Mundi e o imaxinario literario galego

Despois de seis meses sen saír de Vigo, onte viaxei á Coruña convidado polo Consello da Cultura Galega para participar xunto a Olivia Rodríguez, Marilar Aleixandre e Pemón Bouzas nun coloquio literario ao fío da inauguración da exposición Inventio Mundi na Fundación Barrié. Interesoume unha mostra de presentación clásica, paneis que conforman un libro, comisariada por Ofelia Rey Castelao e coordinada por Prudencio Viveiro Mogo, na que se realiza un percorrido polo papel de Galicia e dos esforzados navegantes galegos nas viaxes transoceánicas dos séculos XV-XVII. A presentación, tamén, dun país que xa abrira os seus camiños do mar antes da inventio xacobea, participante tamén na proeza da expedición Magalhães-Elcano (1519-1522) da que se está celebrando o seu cincocentos aniversario.

O coloquio xirou arredor dos ecos daquela viaxe no imaxinario literario galego contemporáneo. Pemón Bouzas recuperou a figura da almirante Isabel Barreto, pioneira que protagonizara a súa novela El informe Manila (2005), ao tempo que defendeu, entre outras reflexivas, o uso de «contacto» como termo que explica o «descubrimento». Pola súa banda, Marilar Aleixandre identificou ese imaxinario de navegación e literatura nalgunhas das súas obras xuvenís como Robinson contado polas alimarias (Oxford 2011) e a máis recente, A filla do Minotauro (Galaxia 2018), que identificou como a súa achega a unha Odisea. Falou do Mapa Continens paradisi de 1950 de Antonio de León Pinelo, que situaba o paraíso no Amazonas. Xaora, Marilar detívose na orixe d´A expedición do Pacífico (Xerais 1994), unha novela escrita antes que se usara internet, que tivo o seu gromo na tese de Ánxela Bugallo que lle falou dunha expedición ao Pacífico do investigador Marcos Jiménez de la Espada. «Quedeime co título, mudei a historia e puxei unha rapaza de protagonista.»

Na miña intervención, despois de identificar os precedentes deste imaxinario en dúas novelas publicadas a comezos da década de 1980, O triángulo escrito na circunferencia de Víctor Freixanes e Nos pagos de Huinca Loo de Xavier Alcalá, fixen un reconto demorado de autores e libros que nas últimas tres décadas da edición galega poden compartir etiquetas como aventura, historia, viaxes, navegación, mar. Una relación na que me demorei nas achegas decisivas de Xavier Queipo, probablemente o autor que abordou esta temática con maior interese e constancia en títulos como Ártico e outros mares (Positivas 1991), O paso do noroeste (Sotelo Blanco 1996), Malaria sentimental (Sotelo Blanco 1999), Extramunde (Xerais 2011) e Os Kowa (Galaxia 2016).

Medio metro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao adiamento do reinicio do curso en Secundaria

O comezo do curso adíase en Galicia unha semana en ESO, Bacharelato e FP pola incapacidade da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade para regular en tempo e forma na organización da súa rede de institutos e colexios a etiqueta sanitaria dos 3 M (metros, máscara e mans) fixada en xuño pola OMS e polo Ministerio de Educación como requisito para volver as aulas tras o confinamento. Fixeron falta tres meses e dous equipos no cumio da Consellaría para entender que aquel metro e medio de distancia entre mesas obrigaba nesta etapa a reducir a ratio de alumnado por aula e polo tanto tamén a crear máis grupos, contar con novos espazos e incrementar o número de docentes. Unha evidencia que, porén, choca coa doutrina do presidente da Xunta de intentar reducir a custe cero o regreso á ensinanza presencial, mesmo a pesar de contar a maiores con máis de noventa millóns de euros procedentes dos fondos Covid do estado.

Meses de esforzos inútiles dos equipos directivos dos institutos obrigados a deseñar a organización dos grupos e dos espazos respectando a ratio de até 30 alumnos por aula e un metro de distancia entre o centro das cadeiras, unha arriscada interpretación espacial establecida pola Consellaría no seu primeiro protocolo de xullo. Medición que a comezos de setembro as autoridades educativas galegas se viron obrigadas a modificar, tras asumir por medio das instrucións do 31 de agosto a corrección do protocolo. Dende entón, utilizouse o metro e medio como distancia de seguridade, como xa sucedía no resto das comunidades, e abriuse a posibilidade de facer desdobres en última instancia. Medio metro decisivo que se amosou como determinante para provocar nos institutos o colapso do modelo escolar covid de Feijoo, defendido contra vento e marea pola conselleira Carmen Pomar e polo secretario xeral técnico Jesús Oitavén, o que non impedíu que fosen cesados polo presidente na remuda do seu goberno.

Crise do modelo Feijoo que aparentemente non afectou ao comezo do curso en Infantil e Primaria, grazas ao criterio de organización de «grupos de convivencia estable», burbullas de até 25 alumnos con máscara (na Primaria) durante toda a xornada lectiva, que permiten nestas etapas obviar a existencia dunha distancia social estrita entre postos escolares, substituída nas instrucións de 31 de agosto co eufemismo voluntarista de «a máxima que permita a aula», e manter estable o cadro docente dos colexios. Inicio de actividade que, porén, non pode considerarse completamente satisfactorio na medida que polo momento non funcionan de forma normalizada os servizos complementarios de conciliación familiar e laboral imprescindibles, como as aulas matinais e os comedores escolares, xestionados de forma alternativa polas propias ANPAs, como sucede nalgúns centros do Vigo metropolitano.

Coa volta á consellaría de Román Rodríguez, a quen os comentaristas identifican como un dos homes de Feijoo, abriuse un escenario no que máis alá de asumir con realismo a imposibilidade de abrir os institutos na data prevista non deseña polo momento un modelo alternativo. Máis aínda, todo parece indicar que volve a improvisación como amosa a proposta de utilización nas aulas de anteparos de metacrilato («mamparas») para evitar o metro e medio de distancia, outra ocorrencia coa que se regresa ao modelo do metro entre cabezas do pasado xullo. Como tampouco acaba de concretar este novo equipo un compromiso do incremento do profesorado, que permita a creación de novos grupos naqueles centros colapsados ou con alumnado máis vulnerable nin tampouco as condicións de equidade nas que se desenvolvería unhas posibles ensinanzas a distancia nos cursos superiores. Semella que a solución Rodríguez sería que ao abeiro da súa autonomía cada instituto na organización das aulas fose facendo o que mellor entendese, agardando o apoio posterior da Inspección Educativa, o que resulta a esta altura tan ineficaz como ben pouco alentador para os sufridísimos equipos directivos sobre os que se volve deitar toda a responsabilidade.

Para saír desta crise na que Feijoo meteu a educación en Galicia non existen máis receitas que as que se están utilizando noutras comunidade. A primeira, dotar aos centros de máis recursos humanos (profesorado, persoal coidador e de enfermaría). A segunda, asumir a procura da igualdade como eixo de todas as actuacións. E a terza, abrir un diálogo empático e permanente coa comunidade educativa (representación sindical do profesorado, representación das ANPAs e representación dos concellos). Sabendo que non existen solucións máxicas, a saída pasa por abandonar a doutrina do custe cero e asumir que a situación excepcional que a pandemia provocou no sistema educativo obriga a asumir tamén custes excepcionais.