A cruzada de Galicia Bilingüe

Temos que agradecer a Bernal Rúa a completa crónica, que publica hoxe en Vieiros, sobre a conferencia de Galicia Bilingüe (GB) no Centro Cultural Caixanova de Vigo que congregou a medio milleiro de “galegófobos” ou “hispanófilos” –entre os que se atopaba a candidata ao Senado Corina Porro e outros militantes do PP de Vigo– chamados por esta asociación que pretende derogar a actual Lei de Normalización Lingüística.
A crónica de Bernal (recomendo vivamente a súa lectura) é moi clarificadora sobre as posicións políticas e os argumentos utilizados polos responsables desta asociación de profesores, situados na ultradereita de aboengo franquista, invocando unha “cruzada lingüística por todos los rincones de Galicia” para “atallar a “discriminación do castelán” en Galicia. Entre as máis variopintas falsidades, utilizadas polos oradores para atacar a legalidade lingüística instituída por consenso no ano 1983, non podo obviar a referencia que nos dedicaron: ” [Gloria Lago] Atacou duramente os contidos da materia de Lingua Galega, en especial o libro de texto de Xerais que acusa de ‘escoller imágenes violentas y poemas que hablan de la República Galega y otras barbaridades’ [sic]”.
Falsidades semellantes non merecen sequera intentar ser rebatidas, nin tampouco obsesionarse co axenda de actos e iniciativas excéntricas dunha asociación nacida para intentar rachar o consenso social xerado a partir da aprobación da Lei Normalización Lingüística. Non son as falsidades que utilizan os responsables desta asociación o máis grave da súa provocadora actuación (na que, na miña opinión, non se debería entrar, xa que só se lle proporciona publicidade gratuíta). No entanto, a gravidade do fenómeno de GB reside no apoio cada vez máis explícito que lle proporciona o Partido Popular de Galicia ao seu funcionamento e ás súas falsidades. Algún responsable autorizado deste partido debería chamar a sensatez aos seus militantes e simpatizantes, xa que, non o esquezamos, o PPG foi corresponsable do consensuado Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, peza da que sae tal cal o decreto de utilización do galego como lingua vehicular do 50% das materias do ensino non universitario, que agora tanto incomoda a GB e á candidata Corina Porro e os seus seguidores. Mágoa que voces dignas co galego e co país (como as expresadas nunha recente entrevista radiofónica por Xesús Pablo González Moreiras) sexan no actual PPG moi infrecuentes, o que supón un serio problema político para Galicia. Posicións como as de GB e o PPG agoiran un futuro moi negro para o galego e para a nosa convivencia democrática. E ben que o sentimos no día internacional da lingua materna.

Se eu fora presidente: tres primeiras medidas

Un xornalista de Faro de Vigo, preparando unha reportaxe para o primeiro día de campaña, pregúntame por teléfono sobre cáles serían as tres primeiras medidas que eu tomaría se fose presidente do Goberno (non quero nin imaxinalo!). Sen pensalo moito contestei o que segue:

  1. Declarar 2009 como Ano da Lectura.
  2. Presentar no Congreso do deputados un anteproxecto dunha lei de prazos do aborto.
  3. Solicitar a derogación da Lei de partidos coa finalidade de abrir un espazo de diálogo e consenso entre todas as forzas políticas vascas e, ao mesmo tempo, requerir ao Congreso do Deputados a formación dunha ponencia que elabore unha proposta de reforma constitucional de carácter federal.

Agora, pensándoo mellor, ocórresenme outras cantas (algunhas máis atinadas, seguro). Agardamos a mañá a publicación doutras propostas da cidadanía.
Pode ser un xogo interesante para emular na rede. Quen se atreve a continuar a cadea enunciando as súas tres primeiras medidas como presidente do goberno?

Actualización (22-02-2008): Maís medidas de choque:

Etiquetas:

Outro cambio é posible

O éxito evidente da manifestación de onte debería obrigar a reflexionar aos partidos do actual Goberno Galego (e aos sindicatos maioritarios) sobre cal é a súa deriva no que respecta á política medioambiental, industrial, forestal e de ordenación do territorio que defenden para o país. A presenza na manifestación de numerosas bandeiras galegas (sen a estrela, tamén as había que a levaban), xa non é a primeira ocasión, é algo, que non semella casual. Esta manifestación amosa que existe unha cidadanía de esquerda e nacionalista en Galicia que cre que outro cambio é posible (as presenzas de Camilo e Beiras son significativas), sen que isto supoña estragar o territorio e acomodarse aos intereses dos poderes económicos. BNG e PSdeG-PSOE deberían tomar nota (e moito máis en plena campaña electoral).


Actualización (19-02-2008): Sobre esta mobilización é moi interesante a análise d’ A contrafío (parabéns pola volta).

Etiquetas:

Dominio público

Recomendo a lectura do artigo da filósofa María ToledanoEspacio público y democracia de mercado“, recuperado oportunamente por Pablo Eifonso (moi obrigados). A diferenciación entre o público e o colectivo seméllame moi lúcida nestes tempos de confusión do capitalismo impaciente. Recupero un fragmento significativo deste interesante artigo:

“La confusión semántica avanza. Llaman “público” a los servicios generales, la intendencia básica de la comunidad: sanidad, educación y transporte. El término “colectivo” ha desaparecido del vocabulario. Cada vez que el complejo tecnológico-militar acelera el ciclo del turbocapitalismo (la expresión es de Luttwak), la socialdemocracia apela a la conservación del dominio público como si se tratara de proteger una reserva natural: flora y fauna. Pese a la apariencia de libertad, el modelo económico de intercambio entre empresas y naciones diseñado por el capitalismo financiero –al principio fue el verbo, Bretton Woods, 1944– constituye la única realidad posible. Afirmar que la democracia es incompatible con el capitalismo –como se demuestra en infinidad de países– les parece una excentricidad radical. En este territorio de progresía, aeropuertos internacionales, aristocracia obrera, segundas residencias y EPS encuentra la socialdemocracia su tradicional bolsa de votos. Los conservadores, más proclives al modelo liberal puro, apelan al autoritarismo, el orden, los valores de la familia, la religión y la eficacia.”

Etiquetas:

Que pasou no PP?

Paréceme verosímil esta explicación de Escolar sobre o que pasou onte no PP. Unha batalla que chegou, tamén, a Galicia. Non lle vexo moi boas trazas ao futuro de Mariano e do propio Alberto Núñez Feijoo (até o agoira Fraga e X.L. Barreiro) sometidos de pés e mans ao aznarismo cotroso de Esperanza e os seus. Con esta decisión, Zapatero pode respirar tranquilo (Jesús Cacho dixit) xa que pode aspirar a rebañar algún voto da dereita moderada dos que Gallardón podería impulsar fóra de Madrid.
Etiquetas:

Abolición da pena de morte

No artigo da semana amplío e profundizo a anotación que fixera hai dez días sobre a abolición da pena de morte.

Etiquetas:

Vivenda digna

No artigo da semana analizo as “medidas 40” da Consellaría de Vivenda que dirixe Teresa Táboas. O traballo desta conselleira do BNG e do seu equipo paréceme modélico e, na miña opinión, como na expresada por outros, merece ser destacado e recoñecido.
Etiquetas:

Non á pena de morte

A aprobación por parte da Asemblea Xeral da ONU dunha resolución (desgrazadamente non “vinculante”) que pide a aplicación dunha moratoria ás execucións dos sentenciados a pena do morte, como primeiro paso para unha abolición por parte de todos os estados, é unha das noticias máis esperanzadoras deste ano a piques de finalizar. A pesar da crise das Nacións Unidas este debería ser o primeiro paso no proceso inevtiable de abolición da pena capital, como xa sucedeu no estado de New Jersey, o primeiro dos estadounidenses en derrogala. Con todo, non debemos esquecer que actualmente entre 19.000 e 25.000 persoas están condenadas a morte en todo o mundo, e neste ano foron executadas máis de 1.500 persoas, un auténtico escándalo para a humanidade, un xenocidio tan legal como silencioso. Apoiamos, pois, a campaña de Amnistía Internacional para conseguir un mundo libre de execucións.

Etiquetas: