Roto o consenso sobre o PXNL

A que semella imparable deriva do actual Goberno Galego lévao a rachar o consenso acadado en 2004, entre as forzas sociais e as tres forzas parlamentarias, arredor do PXNL. Facendo caso omiso das recomendacións do recente documento da Academia Galega (que reclamaba como un dos principios básicos da súa proposta de acordo social integrador: “a reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística”, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004), o presidente Feijóo e o seu desafiante conselleiro de Educación dan outro paso atrás que nos sitúa outra volta diante do precipio. Os globos sonda lanzados esta semana polo conselleiro, visualizando así (e para que non haxa dúbidas ningunhas) quen manda na política lingüística popular, tanto o referido á  posibilidade de segregar ao alumnado por lingua vehicular, a posta en marcha dunha consulta inmediata ás familias, como o desvencellamento do establecido  no PXNL, a pesar da súa dubidosa validez xurídica, agoiran que así non vai ser posible restaurar o consenso. Tres medidas moi regresivas, ás que se engade a intención da Dirección Xeral da Función Pública de implantar outra medida regresiva, esta vez na función pública, retirando o exame de galego das oposicións dos funcionarios. Todo despois da manifestación da Mesa e na primeira semana de traballo do novo Secretario Xeral de Política Lingüística.

Que consenso, ou que pacto lingüístico (esa é a denominación empregada polo novo secretario Xeral de Política Lingüística), pretenden propoñer os responsables do Goberno Galego?  Canto tempo tardarán en poñer en solfa os contidos da Lei de Normalización de 1983 (que esta semana Gloria Lago solicita con toda claridade que sexa derrogada)? É lexítimo pedir un novo consenso, ao tempo que se van desmontando os que tanto esforzo custou acadar? En apenas unha semana esquecéronse as boas intencións do nomeamento de Anxo Lorenzo?

Fermín Bouza (beizóns por esa serie de anotacións extraordinarias no seu blog) volve atinar cando propón unha estratexia total para a recuperación do consenso idiomático, onde xunto ao necesario traballo político tome protagonismo a militancia cívica, organizada en redes sociais.  Un vieiro imprescindible que cómpre artellar decontado.

5 comentarios
  1. folerpa
    folerpa Dice:

    E como eramos poucos, hoxe, chega o presidente da RAG e na súa entrevista no País destácase este titular:
    “O galego non sofre o dano que aparece no noso mapa sociolingüístico”
    Temos o inimigo na casa

  2. Carlos David González
    Carlos David González Dice:

    Querido Manuel, a cousa é como a describes, como a describen todas as persoas, intelectuais, políticos, profesionais cun mínimo de rigor e cariño pola lingua.

    Qué máis ten que pasar, logo, para que o pobo galego, esa abstracción cada vez más intanxible, reaccione??!! Non é abondo a mani do domingo, non. Debería haber unha revolta civil en defensa dunha lingua que , nin máis ni menos, ten máis de 5 séculos de vida e supón o noso, queriámolo ou non, ADN. Ou ninguén se decata de que se non se toman medidas reais e radicais o galego morrerá???!!! Ou ningúen se decata de que o galego esmorece??

    Ou a ninguén lle importa? Seica ista é a pregunta definitiva, e os que queren dar a puntilla sábeno. De aí os inquéritos.

  3. A.C
    A.C Dice:

    Acabo de ler k non vai ser obligatorio k os especialistas medicos sepan o galego para opositar.Pois k keredes k vos diga, eu cando vou a o medico, kero un bo medico asi sexa chines. Non vou buscando k fale ou non galego, en esos momentos poco importa, e falo por experiencia, imaxino como a de todos.

  4. pablo gonzalez
    pablo gonzalez Dice:

    amigo a.c., supoño que a túa urxencia inclúe que che entenda cando fales para explicar onde che doe, cómo é a dor e cada canto tempo. a non ser que sexa house e che cure con so mirar para ti, claro. o idioma non garantiza a calidade asistencial, pero axuda, sobre todo no rural.

    un saúdo.

Los comentarios están desactivados.