Onte 285: Antón Sobral

Gustoume moito acompañar a Antón Sobral no serán no que recibiu o «Premio de Pontevedreses do ano 2011» no eido da cultura outorgado por Diario de Pontevedra. Antón, felizmente xubilado, tras máis de tres décadas como profesor de arte, é un mestre na difícil arte da vida lenta, do exercicio peripatético que nos fai cidadáns. Sobral é un activista galeguista insubornable, paciente e comprometido con todas as causas da humanidade. Antón é unha persoa positiva, xenerosa, agarimeira, capaz de contaxiar a ilusión necesaria para enfrontarse as maiores dificultades, quizais porque leva o mar nos seus ollos. Viaxeiro curioso, artista multisoporte, pintor vocacional, fotógrafo, poeta, vídeocreador, melómano, rokeriño, lector apaixonado, ningunha actividade creativa resúltalle allea. Se todo isto non abondase, desenvolve dende mozo unha actividade no asociacionismo cultural e cívico intensa, en todos os elos da cadea, dende o da creación, pasando pola promoción, até o da difusión. Un auténtico home cultura, encrucillada de arte e coñecemento. Aconsello moi vivamente visitar a súa exposición, Da Maruxía, aberta no Museo do Mar de Vigo, no que comparte espazo co Detfler Kappeler. As xerfas de intensidade branca das súas mariñas conservan o arrecendo euforizante da maruxía, esa mestura proteica de salitre e pedramol. Beizón, grande Antón!

Onte 281: Serán poético en Viveiro

Levounos case tres horas percorrer entre a babuxa o camiño entre Vigo e Viveiro. Foi un fermoso e moi concorrido serán poético no que presentamos, cunto a Marica Campo, Un niño no xardín, o quinto libro de poemas para nenos de Xoán Neira.  Foi emocionante a intervención do autor que confesou ser moi rilkiano xa que «quedei abrazado a infancia para sempre e marcado pola natureza». Neira definiu o seu poemario como «un libro ecolóxico» e recomendou a súa lectura que permite «deterse nas pequenas cousas que a vida diaria non deixa tempo a ollar». A escritora Marica Campo comezou anunciando que «a poesía non debe faltar na equipaxe da vida. É tan necesaria coma o pan de cada día. É un pracer. Contrarresta a violencia e ensínanos a sentir cos outros». Logo defendeu a importancia educativa da poesía xa que «achega claves para entender a realidade, sendo necesaria para a comprensión do mundo e de nós mesmos, sen esquecer que contribúe a aprender a soñar, o obxectivo principal da educación». Marica dedicou a última parte do seu parlamento a glosar Un niño no xardín, unha mostra da mellor poesía infantil arredor dos reinos da natureza. Definiu o libro como «puro ecoloxismo» e abeizoou ao autor polo resultado emocional que provocan os seus poemas.

Onte 279: Paíño, o pichichi rebelde

Gustoume moito que as páxinas deportivas de Faro (sempre excelentes) sinalasen no pasamento de Manuel Fernández «Paíño» a súa condición de futbolista lector e rebelde. Efectivamente, o goleiro de San Paio de Navia, de quen nos falaba con saudades meu pai, pichichi que foi en primeira división co Celta (no 48) e co Madrid (no 52), sempre tivo que navegar a contracorrente pola súa condición de fillo de republicáns. A pesar de ser unha figura indiscutible, un home gol nato dunha afouteza temeraria, capaz de pelexar con aquelas defensas temibles, só puido participar na selección española en tres ocasións, xa que naqueles anos do medo foi identificado como o «futbolista rojo». Non foi convocado para participar no mundial de 1950, quizais por que non contaba coa certificación de «cojones  y españolía» reclamadas polos responsables deportivos do réxime. Mesmo Arriba  criticouno por ser lector dos novelistas rusos: «Que se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski», preguntábase retoricamente o xornal de Falanxe. Paíño, un alcuño que facía referencia a máis cativa ave mariñeira, confesou nunha das súas últimas entrevistas, que como lector amaba a Ramón Cabanillas e Ernest Hemingwy, o que demostra as moi vellas relacións entre o mellor fútbol e a literatura. Upa, Paíño, grande!!!

Fútbol e poesía

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da despedida de Josep Guardiola do banco do Barcelona, reflexiono sobre a relación entre a poesía e o fútbol, a literatura e o deporte.

Afeitos á presenza no circo mediático das vaidades de famosiños efémeros, chama a atención a traxectoria do señor Josep Guardiola. Tras cinco intensas tempadas como adestrador do F.C.Barcelona, a primeira co equipo filial de terceira división, nas que conseguiu un extraordinario palmarés acuñando a procura da beleza como estilo de xogo e a rotación do cadro de xogadores como elemento de cohesión do equipo, Guardiola sae sen rebumbio das primeiras páxinas coa intención de tomar un ano sabático coa súa familia en Nova York. Sen dúbida será un retiro transitorio e dourado para quen, se quixese, podería ocupar o banco de calquera dos clubes ingleses millonarios ou de seleccións con ansias de títulos mundiais.

Probablemente, os éxitos como adestrador do «noi de Santpedor», un rapaz de familia moi humilde que ingresou na factoría azulgrana da Masía aos trece anos, alicerzáronse na experiencia acumulada como medio centro do Barcelona, o número 4 dos equipos de Cruyff, Robson e Louis van Gaal. Un período decisivo no que forxou a súa convicción de que «o fútbol é o xogo máis simple do mundo, canto máis doado e máis sinxelo sexa, mellor, abonda que o teu pé obedeza a túa cabeza».

Traballador concienciudo, autoesixente até a obsesión, Pep Guardiola inculcou aos seus xogadores este compromiso de racionalidade no desenvolvemento do xogo e de confianza nas propias posibilidades para realizar un traballo ben feito, enfrontándoos a un exercicio máximo de corresponsabilidade no que os defensas tamén deberían atacar e os dianteiros tamén defender. Con esa actitude o seu Barcelona asombrou, ofreceu un espectáculo marabilloso, un fútbol de salón e claqué, un exercicio só aparentemente sinxelo, onde os xogadores gozaban tecendo  devagariño e cooperativamente até que aparecesen os alustros de xenialidade desiquilibrante de Messi, Xavi, Iniesta, Fábregas, Pedro, Villa…

Mais Guardiola tamén, coma sucede adoito na vida, debeu xestionar importantes fracasos, sobre todo esta última tempada, na que perdeu a Liga fronte ao seu eterno rival e quedou fóra (inxustamente) da final de Champions, os seus dous principais obxectivos. A súa dignidade, asumindo a responsabilidade das derrotas e abrindo o camiño para que o sucedese o seu primeiro colaborador, constitúe un modelo de comportamento moral escasamente frecuente na actual sociedade conformista.

Tanto como xogador como adestrador, Pep Guardiola mantivo o seu compromiso como cidadán dun tempo e dun país. A súa estreita amizade con Miquel Martí i Pol é un dos episodios máis interesantes das relacións entre a literatura e o fútbol. Da man do cantor Lluis Llach coñeceu ao popular poeta catalán, cando estaba afectado dunha esclerose múltiple e tiña importantes dificultades para falar. Guardiola participou en presentacións dos seus poemarios, como a do Llibre de les solituds (1997), que o autor de Roda de Ter lle dedicou a el e a súa dona Cristina Serra, e mesmo chegou a substituír a voz do escritor en roldas de lecturas en centros escolares. Tras o pasamento do poeta, sendo xa adestrador, participou nun libro cedé de homenaxe a Martí i Pol, (Tribut de sorra i fulles) recitando un fragmento do poema «L’hoste insòlit» musicalizado polo grupo Mokodude. Este compromiso coa lectura e coa literatura catalana foi recoñecido polo Gremio de Editores de Catalunya co premio Atlántida 2010, que recibía por vez primeira un futbolista.

A figura do «señor Josep Guardiola», asociada á poesía e ao mundo do libro, axuda a desmitificar tanto algúns dos tópicos asociados co deporte como os que arrastra a lectura, a literatura ou o cinema, actividades presentadas a veces como afastadas, cando non abertamente incompatibles co balonmpé. É innegable que son moitos os futbolistas que non teñen entre as súas afeccións as da lectura ou algunha inquedanza artística. Mesmo é moi coñecida a anécdota protagonizada polo goleiro Romario cando quedou tan pancho na televisión brasileira declarando que “non lía nunca porque lle daba dor de cabeza”. Porén, hai tamén futbolistas e futboleiros amantes da lectura nos máis diversos xéneros e soportes, como hai moitos escritores e xentes vencelladas ás industrias culturais amantes do fútbol sexa como practicantes, seareiros ou espectadores máis ou menos ocasionais.

Pep Guardiola é un modelo da alquimia posible entre o fútbol e a poesía, dúas actividades que perseguen a beleza até a súa gorida e son capaces de representar con linguaxes diversas os conflitos e as emocións da condición humana. Lémbrao Eduardo Galeano, quizais o escritor que mellor ten abordado esa relación:«A historia do fútbol é unha triste viaxe do pracer ao deber. Ao que o deporte se industrializou, foise desterrando a beleza que nace da ledicia de xogar porque si».

Celso Emilio Ferreiro, vídeo do centenario


Excelente vídeo didáctico sobre Ceso Emilio Ferreiro preparado polo Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP Celso Emilio Ferreiro de Vigo con motivo do centenario do poeta. Beizóns e que rule.

Onte 246: Estranxeiros na súa terra

Ten moita razón Xabier DoCampo cando di que non damos abandonada a situación aquela da Penélope do chairego Xosé Díaz Castro: «Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea ds teus soños non se move». O día no que o concello de Lugo aprobou por unanimidade unha magnífica ordenanza de uso do galego, soubemos pola denuncia do Diario da Liberdade que os nosos dicionarios nun dos centros de El Corte Inglés da Coruña ocupan o espazo das «Lenguas extranjeras». A ordenanza lucense é un importante paso adiante, tanto por artellar un amplo espazo de consenso social arredor do emprego do galego, como polo que supón de modelo, sobre todo no que atinxe ao compromiso de contar cun Gabinete de Normalización Lingüística. Porén, a ubicación inadecuada dos nosos dicionarios no centro comercial coruñés, é un doloroso paso atrás, máis aínda cando sabemos que noutros centros galegos de ECI o libro galego, incluídos os dicionarios, recibe un tratamento profesional e, mesmo agarimeiro, por parte dos responsables e dos profesionais do departamento de Libraría. Indígname e magóame comprobar que o libro e a lingua galega sexan tratados como «estranxeiros na súa terra». Agardo que os responsables de ECI coruñés retifiquen na «Semana das Letras Galegas».

Onte 245: A poesía Valentín

Chegaron os primeiros exemplares da Poesía completa de Valentín Paz Andrade, un groso volume (752 páxinas), preparado por Gregorio Ferreiro Fente, que triplica a obra poética publicada de Valentín. Sei que chegamos moi xustos á celebración do 17 de maio, mais tamén son consciente da importancia desta publicación que supón un auténtico renacemento para un poeta, ademais dunha das achegas e recuperacións máis significativas deste ano Paz Andrade, xa que até agora, mesmo para as persoas mellor informadas fora autor de tres poemarios e un pequeno monllo de composicións dispersas en xornais e revistas. A extraordinaria edición de Fente, unha proeza polo pouco tempo do que dispuxo, reconstrúe cronoloxicamente o itinerario poético de Paz Andrade dende o sue primeiro poemario do desterro (1937) até o Canto en catro ao Conde de Andrade (1985), de xeito que por vez primeira se publican os seus dez libros completos, ademais de dez poemas soltos, catro deles inéditos, ademais de dous libros fragmentarios como apéndice. Unha edición valiosa que permite descubrir a un poeta sólido que mantivo con empeño a súa escrita de forma ininterrompida ao longo de cinco décadas. Como sinala no limiar Gregorio “Valentín Paz Andrade non foi un avogado e home de negocios que pretendera pasar por poeta. Foi realmente un poeta que se fixera avogado e home de negocios”. O 17 celebramos merecidamente a un poeta.

Onte 243: Reixa, ghicho distinto

Coñecín a Antón Reixa no mes de agosto de 1975. Ambos os dous eramos alumnos nos cursos de galego do ILG que naquelas calorosas tardes impartía Carme Panero nas instalacións do actual Instituto Politécnico de Vigo. Pareceume xa daquela un ghicho distinto, non só pola súa importante estatura e voz poderosa, nin sequera polas súas extraordinarias ocorrencias retranqueiras, mais e sobre todo pola seguridade afectiva que achegaba ao grupo no que participaba. Reixa acreditaba daquela xa as cualidades dun liderado natural de home tranquilo, que abofé continúa conservando. Artista inquedo, dende Rompente Grupo de Comunicación Poética, alí onde traballou, desenvolveu unha traxectoria de creador comprometido, explorou as marxes e arriscou no emprego das novas linguaxes, sobre todo no audiovisual, onde foi en Galicia un pioneiro. Resentidos, Nación ReixaSitio distinto, Mareas vivasO lapis do carpinteiro, ou a recente antolóxica de trinta anos de traballos videográficos do CGAC son excelentes mostras do traballo dese espírito de emprendedor creativo do vigués. A súa elección como presidente da SGAE é un motivo de fachenda para todos os membros das industrias culturais galegas. Desexámoslle éxito e acougo nun desempeño que sabemos será moi difícil neste tempo de tránsitos para as industrias culturais.

Onte 240: «transmuta» e «Iria»

Pechamos a participación de Xerais na Feira do Libro de Compostela cunha sesión continúa na que presentamos senllas obras extraordinarias, transmuta, o libro de poemas de poemas de Xabier Cordal e Iria a novela de Anxo Angueira. Un excelente serán, dúas intensas horas de grandes discursos literarios sobre dous libros definidos polos presentadores como «extraordinarios». Comezou a sesión Oriana Méndez cunha boísima intervención sobre transmuta, libro que para ela «escapa da duración», definíndo como «un acontecemento, verdadeira vida», «un bloque de palabras, resistencia», «unha porta azul que se abre, manifesto de palabras contra a morte», «o íntimo e o público sen fronteiras, asumindo o amor como unha posición política». Logo interveu Arturo Casas que, primeiro, repasou a traxectoria de poética de Xabier Cordal, para despois glosar transmuta: «un libro que remite a idea de cambio, de dinamismo, de dialéctica», »unha obra que pretende se runha reflexión sobre a historia, sobre os discursos da historia do noso tempo». Salientou Casas unha idea do libro que lle pareceu fulcral: «a memoria ten como misión fundamental entender, non tanto lembrar», «a historia debería ocuparse da continxencia, como momento copresencial; cada continxencia é unha encrucillada onde temos dereito a elixir sobre o futuro inmediato». Reclamou aos numerosos académicos presentes no acto que incorporasen ao dicionario da RAG a palabra «ferranchina» utilizada no barrio de Monte Alto do que proceden tanto el coma Cordal, «que nin sequera atopei no Gran Xerais e caracteriza moi ben este libro de Xabier». Rematou a primeira sesión coa intervención de Cordal, expresando a súa gratitude («O único sentido do poema é a vida»), e a lectura dunha escolma de textos de trasnmuta por parte da actriz Mónica Camaño.

A segunda sesión protagonizouna Iria, a obra coa que Anxo Angueira continuou o ronsel iniciado en 1999 por Pensa nao. Iniciou unha intervención excepcional, Méndez Ferrín parabenizando a autor por publicar esta novela, xa que «Pensa nao pedía a súa continuación noutro texto e Iria xa pide unha terceira, até entón non nos sentiremos plenamente satisfeitos». Debullou logo os temas principais dunha obra que considerou «o noso Don apacible»: «Aquí está o regadío, unha construción inútil, que representaba os proxectos de colonización do franquismo. Aquí está o galeón, as últimas embarcacións de cabotaxe nas Rías Baixas que atracaron cos seus fretes nas docas de Pontevedra e nos peiraos de Vigo. Aquí está incorporada a historia negada da UPG, o acontecemento que supuxo a colocación o 25 de xullo de 1968, aquí na Alameda de Compostela, dunha pancarta que rezaba ‘Galicia ceibe e socialista’». Ferrín gabou o carácter musical da novela, «unha auténtica suite, con repeticións, anáforas, cadencias, con personaxes que se esvaen nunha permanente variación musical. Anxo Angueira compón como faría Antonio Lobo Antunes, o mellor narrador portugués contemporáneo». Rematou Ferrín o discurso abordando a vivencia da paisaxe das Terras de Iria e o carácter da novela como «mosaico de textos» xa que «estamos diante dun autor sumamente culto, que coñece moi ben a literatura galega, sen do o mellor coñecedor de Rosalía de Castro, a figura principal de Iria».

Onte 239: Sempre Valentín

Formidable resultou o acto do Club Faro de Vigo arredor de Valentín Paz Andrade. Os tres oradores estiveron xeniais. Miguel Anxo Seixas debullou a biografía dun Valentín a quen comezou definindo como «un home que sumaba e axudaba a sumar, un home da Galicia que conta, tanto dende a súa perspectiva xornalística, poética, emprendedora e política». Seixas situou a Paz Andrade na liña dos ilustradores galegos, iniciada por Sarmiento e continuada por Peña Novo e outros galeguistas «impulsou a idea de que en Galicia non só había que preocuparse da lingua senón do mundo da economía, do financeiro, do da enerxía… e que o mar era todo un horizonte de potencialidade nunha Galicia sen fronteiras». Xose Luís Axeitos abordou de forma maxistral a dimensión xornalística de Paz Andrade, especialmente as innovacións que para o xornalismo galego supuxo o Galicia, fose pola súa renovación icónica (situando as viñetas de Castelao en portada e definindo un novo deseño para as súas seis planas); fose creando o primeiro consello de administración dun xornal, un feito insólito naquel tempo, para asegurar a independencia do medio; fose innovando na distribución publicitaria e distribución comercial; fose pola polos seus contidos, nos que apostou pola cultura e sobre todo pola economía como elemento identitario dun país, cuxa capital situaba en Vigo,unha cidade solidaria, a que colocou no mundo; fose polo seu enfoque oral ou pola exaltación das diversas localidades do país, onde o xornal tiña so seus correspondentes». Rematou as intervencións Ferrín definindo a Valentín Paz Andrade como figura «poliédrica, polimórfica, que contaba con vontade ferro, intelixencia privilexiada e unha sentimentalidade literaria radical». Para o presidente da Academia Galega «Paz Andrade foi un táctico, moi solidario, un auténtico home de equipo, de conferencias e tratos. Foi o réxime de Franco quen o situou nunha posición invidualista». Para Ferrín «Valentín foi un eixo de diamante que nunca crebou os principios democráticos, progresistas e nacionalistas, tivo sempre en conta o benestar e o horizonte dun país que pretendía fose o máis soberano posible». «Valentín foi poeta profundo, que soubo escoller os seus poetas. Foi home da literatura do seu tempo, a das vangardas e a do existencialismo», rematou Ferrín, antes de ler de forma moi emocionante «Cando ti volvas», o poema que en 1955 Paz Andrade dedicou a Castelao e foi incluído por Fernández del Riego na súa antoloxía de oesía contemporánea.