Onte 2104: «A parte queimada» de Manuel Veiga Taboada

Manuel Veiga é un dos escritores que mellor teñen explorado na literatura galega as marxes dos xéneros narrativos. Cada unha das súas entregas sorprende pola súa ollada temática ou pola súa estrutura orixinal na que adoita mesturar a súa experiencial vital coas súas múltiples lecturas literarias e políticas. Un procedemento que explorou nas súas entregas novelísticas máis recentes, Os xornalistas utópicos (Xerais 2013) e Todo ser humano é un río (Xerais 2016), no que dá outra volta de porca na súa entrega máis recente, A parte queimada. Stalin & Robespierre (Aira 2020), un texto a medio camiño entre a novela de intriga e o ensaio político no que explora o ADN do totalitarismo e do emprego da violencia como vía política revolucionaria.

Co pretexto de responder á pregunta de por que as revolucións francesa e rusa se converteron en traxedias nas que os seus protagonistas acabaron devorándose como fixo Saturno cos seus fillos, Veiga propón n’ A parte queimada unha viaxe polos textos literarios protagonizados polos seus líderes (Marat, Robespierre, Stalin…). Novelas como O noventa e tres de Víctor Hugo, O home revoltado de Camus, O cero e o infinito de Arthur Koestler, entre outras moitas, permítenlle a Veiga realizar cadanseu retrato e sobre todo actualizar o debate fulcral entre fanatismo e escepticismo político, especular se houbo diferenzas entre o terror de Robespierre ou o do Stalin (autor dun ensaio sobre lingüística), entre a estratexia de xacobinos e bolxeviques, como entre as obras literarias que as representan: «O Terror do 93 está ben representado en novelas románticas como a de Victor Hugo, mentres que as obras que describen a represión soviética, como a de Arthur Koestler, poderían enmarcarse en algo próximo ao xénero policíaco».

Manuel Veiga constrúe así unha orixinalísima novela política de non ficción sobre as revolucións contemporáneas e sobre os seus dilemas morais: «Por máis que resulte inquietante, deberiamos quizais recoñecer que todos nós, liberais, socialistas, marxistas, somos fillos do Terror, pois todas as teorías políticas non deixan de ser nidias herdeiras da Revolución francesa. As propias liberdades que hoxe nos definen foron logradas, en non escasa medida, a través do recurso a violencia».

A parte queimada, texto literario brillante, por inusual, transgresor e arriscado, merece toda a atención. Recomendo vivamente.

Onte 2103: «Unha mente que voa» de Xurxo Mariño

Un dos avances colectivos da edición en galego recente é o do inicio dun catálogo de ciencia e divulgación científica, unha carencia endémica do sector.  Aos títulos daquelas impresionantes coleccións de Kalandraka (2012) de inventarios ilustrados e animais extraordinarios, edicións pioneiras e preciosas como todas as da editora pontevedresa, engadíronse en 2016 a apertura da colección Básicos Ciencia de Xerais dirixida por Miguel Vázquez Freire e a publicación por parte de Alvarellos do libro de Jorge Mira A que altura está o ceo? Tres editoras privadas en lingua galega abrían un espazo de edición impresa con espírito de alta divulgación científica coincidindo coa discriminación que o decreto de plurilingüismo (2010) establecía coa ensinanza das matemáticas e doutras disciplinas científicas e tecnolóxicas en galego. Un compromiso e sensibilidade co futuro do idioma, ao que tampouco foron alleos os científicos e divulgadores participantes nos diversos proxectos. Esforzos editoriais (heroicos) nun sector hexemonizado pola oferta literaria e á asociada ás disciplinas das ciencias sociais recoñecidos nos propios premios anuais do sector que dende 2018 estableceron unha categoría específica de «Divulgación», na que até agora foron galardonados dous títulos científicos: Terra (Xerais 2017) de Xurxo Mariño e A que cheiran as cores? (Galaxia 2019) de Juan Casto Rivadulla Fernández.

Dentro deste espazo de edición científica encádrase Unha mente que voa (Xerais 2020), libro no que Xurxo Mariño aborda a evolución da linguaxe nos humanos modernos. Unha viaxe de dous millóns de anos sobre a relación entre a autoconsciencia, o pensamento simbólico e a linguaxe, un reto no que se trata de comprender a propia natureza humana, tamén un dos maiores problemas da ciencia actual. Lonxe dos perigos académicos dun manual de lingüística ou dun estudo de paleontoloxía, dúas das disciplinas moi presentes neste cento de páxinas, Mariño aposta por ofrecer un relato sobre a evolución dos homínidos ao fío do desenvolvemento do encéfalo e das súas capacidades simbólicas, o que xera unha mente autoconsciente e precisa da interacción social dunha comunidade.

Particular interese ten para Mariño abordar cando xurdiu a linguaxe, unha destreza exclusiva do ser humano, e como se desenvolve na infancia sen necesidade de estímulos educativos dirixidos para iso, cuestión esencial na neuroeducación actual. Como apaixonante é o relato do proceso de invención das 6.000 linguas da humanidade ao longo de 60.000 anos, como o da relación entre o xeito de pensar e imaxinar o mundo e a lingua que se fala. Espectaculares son as páxinas dedicadas á relación entre o manexo de máis dunha lingua e as capacidades cognitivas, para Mariño, un magnífico elixir para a mente. Así, as actuais técnicas de imaxe que permiten estudar o que ocorre no interior do cerebro dun ser humano que manexa dúas ou máis linguas amosan que ten maior densidade de substancia gris ca unha persoa monolingüe en rexións cerebrais relacionadas coa habilidade verbal, o control articulatorio e fonolóxico. Como existen indicios de que o uso de diversas linguas pode atrasar catro ou cinco anos a aparición de enfermidades neurodexenerativas.

Acerta Xurxo Mariño cando concibe o libro como a narración dunha aventura de misterio na que van aparecendo pegadas, non sempre concluíntes. A súa habilidade narrativa, despregada no fascinante Terra, facilita ao lector seguir o fío dun nobelo do que aínda queda moito fío, como traxecto lle queda a viaxe da Voyager evocada nun emocionante epílogo no que salienta a capacidade do pensamento simbólico como ferramenta sen límites para o ser humano. Unha mente que voa enriquece e amplía o catálogo de divulgación científica na nosa lingua. Un libro indispensable para lingüistas e, en xeral, para todo o profesorado, non debe faltar nas bibliotecas escolares e didácticas. Un libro para o lectorado curioso que asume a dúbida como alicerce do método científico e da aprendizaxe. Parabéns moitos para Xurxo, a quen sempre considerei outra das nosas persoas sabias.

Onte 2102: «Fábulas contadas» de Gonzalo Navaza

Gonzalo Navaza, o noso sabio das palabras, consegue que cada un dos seus libros sexa un tesouro, unha arca única e moi valiosa. Fíxoo cando coordinou o equipo do Pequeno Dicionario Xerais da Lingua (Xerais 1988), o libro máis vendido da historia en galego. Fíxoo con A torre da derrotA (Xerais 1992), poemario en versos palíndromos. Fíxoo con Erros e Tánatos (Xerais 1996), o seu libro de relatos, xa un clásico da literatura galega de fin de século (alá van vinte e cinco edicións). Conseguiuno co seu Elucidario (Xerais 1999), un dicionario paródico que antes aparecera por entregas nas páxinas daquel soño que foi o Diario de Galicia (1988-89). Fíxoo coas súas traducións da colección Xabarín, como A chamada da selva (Xerais 1982) ou O can dos Baskerville (Xerais 1986). Faino agora, despois dun longo silencio editorial de case dúas décadas, con Fábulas contadas (Xerais 2020), reinvención en versos rimados de dez fábulas clásicas, ilustradas por Orelí Pello.

En Fábulas contadas re-constrúe Navaza cun galego miniado en ouro e prata unha ducia desas pezas inventadas na noite dos tempos para avivar a esperanza da humanidade. Dedicados a súa nai e ás súas seis irmás mestras, Navaza re-crea textos fabulísticos procedentes da tradición greco-romana e protagonizados na súa maior parte por animais, como «A galiña dos ovos de ouro», «O galo e a raposa», «A raposa e as uvas», coa intención inequívoca de que puideran ser memorizados e co convencemento expreso de que puidesen continuar interesando en calquera tempo e lugar. Unha decena de fábulas de intencionalidade didáctica que, como sinala Antonio Reigosa no seu fermoso limiar, «A república das fábulas», «exaltan a natureza, combaten a prepotencia, o medo estéril e a forza bruta, eloxian a intelixencia e a vida […], constituíndo un instrumento divertido e axeitado e moi eficaz contra os abusos dos poderosos e para amainar, xa que non erradicar, a estupidez humana».

Se me deran escoller nesta noiteboa da pandemia quedaría coa fábula «O rato de cidade e o rato de campo», un relato sobre os perigos da fartura inmensa e os beneficios da vida austera como mellor xeito de evitar os perigos da incerteza. Reflexión para afrontar un dilema actual, cuxos versos finais advirten que «o pracer adobiado con medo perde gusto», aconsellando que «máis vale fraco no mato antes ca gordo no papo do gato». E se xa non abondase, os textos de Navaza son abrillantados pola relectura visual de Orelí Pello que ofrece unhas ilustracións preciosas, un despregue extraordinario de metáforas visuais, de requintados detalles humorísticos, así como do emprego acertado doutros recursos gráficos, como a mudanza de puntos de vista ou a estilización das figuras como se pasasen diante do espello da calella do gato. Textos e ilustracións que conforman un libro extraordinario, un tesouro imperecedoiro con vontade de clásico da nosa lix. Beizóns a Gonzalo e Orelí por semellante marabilla!

 

Onte 2101: «O souto dos catro ventos» de María Oruña

Como editor defendín durante décadas o criterio de que só en casos excepcionais se debían traducir para o galego obras literarias publicadas orixinalmente en castelán. Sen dúbida este é o caso singularísimo d’ O souto dos catro ventos (Aira, 2020), a novela galega da viguesa María Oruña arredor da lenda dos nove aneis dos bispos de Santo Estevo de Ribas de Sil. Outro acerto de Aira editora editando esta magnífica versión galega da propia autora, froito dun extraordinario traballo de investigación documental e dunha rigorosa localización xeográfica e histórica, que enriquece o catálogo narrativo en galego e proporciona unha nova dimensión á historia relatada por medio dun «Coma se fixo», apéndice que contextualiza o relato na historia política do século XIX e no conxunto do patrimonio cultural galego.

A partir da idea poderosa de que son os obxectos os portadores da memoria, María Oruña constrúe unha novela de intriga con tintes policiais na que mesturando dúas historias de amor sobre o fondo do paradoiro deste nove aneis de poderes curativos ofrece un retrato (tamén unha homenaxe) dese souto onde conflúen os catro ventos, espazo de privilexio dunha cativadora Galicia silente. Unha ficción coidada tanto no desenvolvemento das tramas como na construción das atmosferas e dos personaxes que, tras o recente achado casual de catro dos aneis nunha das arcas da igrexa de Santo Estevo, foi capaz por riba de descubrir a realidade, o que lle engade un extraordinario valor. Velaí a literatura como vía para a recuperación da memoria e da protección dun patrimonio milenario.

Unha edición do editor César Lorenzo moi coidada e modélica dende o punto de vista editorial, tanto pola fluidez e beleza do texto galego como polos aspectos formais (tipografía, ortotipografía, deseño e ilustración de cuberta e interiores, escolla de materiais, encadernación cosida…), na que apenas podería ser discutible a escolla dun formato de libro de mesa, quizais un chisco grande para a lectura continuada. Unha edición, en definitiva, moi lograda que cremos contribúe a ampliar o perímetro dos públicos da edición literaria en galego. Parabéns á nosa admirada María Oruña por novela tan lograda e importante na súa traxectoria e aos editores de Aira por tan excelente traballo.

Onte 2099: «Un señor elegante», unha novela impresionante de Suso de Toro

Emocionoume e conmoveume a lectura d’ Un señor elegante, a impresionante novela de Suso de Toro, tanto pola peripecia heroica de Ramón Baltar, o protagonista indiscutible do relato, como pola engaiolante voz en segunda persoa dun narrador no que identifico a un escritor pletórico. Unha extraordinaria novela literaria de non ficción, á altura das mellores de Emmanuel Carrère, impresionante pola orixinalidade e polo rigor á hora de recuperar a memoria dunha familia burguesa, os Baltar, sobre o fondo da súa resistencia antifascista e galeguista. Reconstrución dunha historia verdadeira na que ao mesmo ritmo da súa detallada investigación oral e documental, o narrador (como o propio lector) vai descubrindo ao seu protagonista, o cirurxián humanista compostelán Ramón Baltar Domínguez (1902-1981), este señor elegante, unha eminencia, mais tamén, un disidente, un subversivo, un afouto demócrata, un compañeiro de viaxe, un xigante ético rigoroso, un centauro superlativo, un quirón.

Ao longo de máis cincocentas páxinas moi traballadas, o narrador non perde o fío dunha historia que quere ser sempre novela, mais non ficción, onde a imaxinación, a memoria persoal como a propia historia política vanse fundindo de forma prodixiosa. O milagre da literatura! O relato dunha historia familiar, tema presente en boa parte da obra taurina dende Calzados Lola (2007) a Sete palabras (2009), onde un narrador discreto afonda nos compromisos extraordinarios de tres xeracións da familia Baltar («os deberes dos Baltar»: a protección ás familias de Rosalía e Murguía, de Castelao ou Dieste;  a preservación dunha biblioteca centenaria completa…), mais sen agochar nin os dorosos conflitos e disputas entre irmáns nin o tradicional papel secundario das mulleres nunha familia de médicos moi patriarcal.

Unha achega moi valiosa, ademais, para a recuperación dunha memoria antifranquista, até hoxe agochada, capaz de reconstruír acontecementos claves, como Suso xa fixera en Home sen nome (2006), desta volta a caída en 1947 da Unión de Intelectuais Libres (UIL) e aqueles días lóbregos do cárcere da rúa do Príncipe; ou o desenvolvemento chamada «Operación Termópilas», un dos tantos capítulos memorables da novela; como a axuda médica recibida polos combatentes da guerrilla, aqueles «Juan Fernández» que entraban e saían de madrugada pola porta do sanatorio de Carreira do Conde.

Un señor elegante é unha novela metaliteraria, onde identificamos material  primixenio do ensaio Dentro da literatura (2019), recente premio ao mellor libro de ensaio do pasado ano, xa que o libro se presenta diante do lector como a crónica dun narrador que elabora unha historia familiar. Un artificio literario que facilita a reflexión sobre a construción do propio texto como da configuración dos propios personaxes, o que non impide que funcione como ficción, mesmo cunha resolución inesperada.

Un señor elegante, con certeza, pasará a formar parte desa media ducia de novelas imprescindibles de Suso de Toro, á altura de clásicos como os citados ou como Polaroid (1986), Tic-Tac (1993), A sombra cazadora (1994) ou Non volvas (2000). Tras o entusiasmo que xa nos provocou a publicación de Fóra de si (2018), na que o narrador reconstruía a súa propia historia, este gran relato protagonizado por Ramón Baltar confirma o regreso optimista do mestre Suso de Toro, unha gran noticia para o seu lectorado. Recomendabilísima. Parabéns ao noso benquerido Suso e á editora por novela tan lograda.

Onte 2098: Premios da Crítica de Galicia 2020

Comunicamos onte os Premios da Crítica de Galicia 2020 nunha rolda de prensa emitida por You Tube. Remataba así unha semana de xuntanzas virtuais dos oito xurados (máis de 14 horas en Google Meet), na que neste ano de pandemia moito aprendín sobre as dificultades existentes aínda na utilización das ferramentas da comunicación dixital como tamén das facilidades que proporcionan. Máis alá do formato das deliberacións e da comunicación do ditame, aínda queda pendente a entrega das estatuíñas de Martín Códax, pareceume outra excelente colleita da nosa creación e promoción cultural, probablemente, expresión do momento extraordinario nalgúns eidos como a poesía e o cinema e audiovisual ou da necesidade de recoñecemento dalgunhas traxectorias de décadas ou da excelencia de proxectos e iniciativas máis recentes.

Velaí o premio para Feliz Idade (Kalandraka 2019) de Olga Novo e O que arde de Óliver Laxe, premios de Creación Literaria e Cine, respectivamente, obras memorables pola súa calidade e enraizamento da nosa identidade na cultura universal. Velaí as traxectorias de Margarita Viso, a decana das compositoras galegas, premio de Música; de Alfonso Costa, destacado pintor da xeración esquecida, premio de Artes Plásticas; dos Monicreques de Kukas, compañía creadora xenuína deste xénero en Galicia, premio de Artes Escénicas ou da Festa do Marisco do Grove, unha das festas gastronómicas máis antigas e enraizadas na cultura popular, premio de Cultura Gastronómica. Como moi relevante é o libro do historiador Bieito Alonso, Anarquistas galegos en América (Galaxia 2019), premio de Investigación, como tamén o é o extraordinario labor que na rede desenvolve o equipo de GCiencia, premio de Iniciativas Culturais e Científicas.

Tras corenta e tres edicións, sen faltar ano ningún, os Premios da Crítica de Galicia, unha iniciativa privada, plural, interxeracional e independente, continúan tomándolle o pulso ao estado da nosa creación e industria culturais, inseridas na tradición e memoria galegas. Unha iniciativa na que esta edición participaron activamente e de forma altruísta sesenta e cinco persoas durante os tres últimos meses, xenerosidade e dedicación que merecen a nosa maior gratitude. Con todo, como organismo en diálogo coa nosa industria cultural, que vive outro dos seus momentos críticos, os Premios da Crítica de Galicia precisan introducir melloras para acompañar as mudanzas e retos do propio sector. Aí continuaremos.

Onte 2097: Brava, Lady Bubble!

Hai apenas dous meses que Ledicia Costas sorprendeu as súas seguidoras cunha nova volta de porca ao Outromundo coa publicación da primeira entrega dos Minimortos. Agora volve facelo noutro dos seus mundos de ficción, o da inventora Lady Bubble, que creara co ilustrador Andrés Meixide, A señorita Bubble Baixo cero, (Xerais 2020) probablemente, a súa novela infantil máis atrevida e rabuda das publicadas até hoxe. Desta volta, Lady Bubble comeza unha nova vida en Rovaniemi, a capital da Laponia finesa onde ten a súa residencia oficial Papá Noel, onde acollerá na súa casa a unha ampla comunidade de pinguíns, os animais favoritos do seu inseparable Vicent, o neno do corazón mecánico. Xaora, fóra do seu medio natural a vida dos pingüíns non é doada, mais aínda cando sufren os efectos dos vertidos tóxicos ao mar da fábrica de xoguetes de Noel, na que traballan milleiros de elfos en condicións deplorables e con salarios de miseria.

Sen abandonar o espírito steampunk nin perder unha miga do interese pola temática científica e tecnolóxica da primeira entrega, en Baixo cero Ledicia Costas bota man dos recursos da utilización do diálogo como estratexia narrativa e do conto de Nadal dickensiano e do humor atolado de estirpe roaldahliana para relatar a revolta sindical de pingüíns e elfos e cuestionar así a crueldade e arbitrariedade machista de Noel, transformando a procura da igualdade e da dignidade nos valores máis xenuínos do Nadal. Unha revolta alternativa, tamén nas formas e na distribución dos agasallos, na que non faltan nin as panxoliñas reivindicativas nin as referencias aos magos e outros personaxes. Baixo cero abre así novas perspectivas temáticas para unha serie protagonizada pola Señorita Bubble que se consolida como outro dos universos creativos singulares de Costas, ao que tampouco é alleo o extraordinario traballo de ilustración dun Meixide en estado de graza, que entende o espírito steampunk e transgresor da autora viguesa, sobre todo no deseño arquitectónico e na creación dunha atmosfera propia dos contos de inverno.

Fermosísimo este conto de Nadal de Costas e Meixide, que supón a consolidación dunha serie, convertida xa en colección pola editora, que promete engaiolar e formar a milleiros de novos lectores e lectoras autónomos. Recomendo vivamente.

Onte 2096: «A lavandeira de San Simón», comezo de Pequena Memoria

A publicación d’ A lavandeira de San Simón, texto de Eva Mejuto, ilustrado por Bea Gregores, que abre a colección Pequena Memoria de Xerais, supón un fito tanto para a historia da edición galega como na causa da memoria, a da recuperación das voces silenciadas, ocultas, exiliadas e castigadas da historia. Seguindo o fío temático que Eva Mejuto iniciara na novela Memoria do silencio (Xerais, 2019) e de precedentes como Mexique. El nombre del barco (Libros del Zorro Rojo 2017), Mejuto e Gregores artellan un relato dende a voz e a ollada de Teresa, unha rapaza filla dun desaparecido e dunha lavandeira que viaxa cada mércores á Illa de San Simón a levar a roupa limpa e unha empanada a algún dos alí encarcerados. Unha historia que empregando os recursos visuais da linguaxe do álbum ilustrado dá voz ás crianzas como vítimas invisibilizadas daqueles días de horror.

Un relato dirixido ao público infantil que homenaxea á rede de solidariedade tecida por unhas mulleres anónimas e afoutas, as lavandeiras ou madriñas, que se arriscaron a axudar aos presos da Illa de San Simón ou do buque Upo Mendi, fondeado na ría e utilizado tamén como cárcere, persoas que elas na súa maior parte descoñecían (procedentes en boa parte de Asturias) e que non cometeran máis delito ca defender a República e os seus valores.

Historia das lavandeiras, rescatada por investigadores e escritores redondeláns como Gonzalo Amoedo, Carlos Antuña Souto e J. Ángel Xesteira, e pola asociación de mulleres A Xanela de Redondela, na que Mejuto e Gregores apostan por dotar dunha forte pegada visual, combinando o primeiro plano coas imaxes panorámicas cenitais ou de grande angular, coa intención de crear a atmosfera de terror dunha historia entrañable narrada en clave íntima. Texto e imaxes complementadas pola documentación fotográfica das gardas e por un coidado texto informativo publicado como epílogo, estendido no espazo web creado por Mejuto, que permiten ao lectorado novo coñecer o que foi un dos episodios máis heroicos da guerra civil en Redondela.

Recomendo vivamente esta primeira e tan prometedora entrega da colección Pequena Memoria, un proxecto editorial que pola súa calidade temática, formal e editorial constitúe unha das achegas máis destacadas da lix galega dos últimos anos. Parabéns ás autoras e á editora.

Onte 2095: Librarías da memoria e da vida

Celebrouse onte do día das librarías, unha data de reivindicación do valor destas imprescindibles institucións culturais e comerciais de proximidade. Data na que se actualiza, agora nas xanelas das redes sociais, o dinamismo daquelas librarías que mellor se veñen adaptando ao proceso de hibridación dixital, á mudanza dos hábitos do consumo cultural e, sobre todo, a competencia con Amazon, o xigante monopolístico da distribución cultural e do consumo de produtos de lecer en tempos de pandemia.

Xaora, sería inxusto nesta data esquecer a memoria das librarías desaparecidas, sobre todo as máis afoutas e heroicas, as especializadas en libro galego, hoxe colocado nun inxusto segundo plano, mesmo nas librarías que hoxe contan nos medios e nas redes de máis visibilidade. Librarías cuxas pegadas quedaron impresas mentres viva no meu itinerario de lector e editor en lingua galega. Lembro a Andel de Xaime e Concha Nogueira, o facho que durante dúas décadas iluminou en Vigo o libro e disco galego, a que tanta debemos as editoras en lingua galega. Lembro a Libraría Mañán de Nacho, especializada en Vigo dende comezos de 1980 no libro educativo e infantil e xuvenil, para min a institución primeira onde me formei como mestre galeguista. Lembro a Libraría Ir Indo das galerías de Príncipe, onde coñecín a Roberto Pérez Pardo, Bieito Ledo e Benjamín, que cando era un mociño universitario tiveron a xenerosidade de abrirme conta. Lembro a Libraría A Esmorga da rúa Gamboa, creada por Pepe Ulloa, onde merquei algúns dos meus primeiros libros en galego. Lembro a Libraría Castelao dos Choróns, a do inesquecible Fernando Pereira, onde acudín a primeira presentación dun libro. Lembro a Curros Enriquez de Cánovas del Castillo, onde Xerais presentou os seus primeiros libros. Lembro a Libraría Bertrand de Príncipe, toda unha ilusión efémera, onde presentei por vez primeira un libro como editor….

Como sería inxusto non lembrar nesta data ás miñas librarías viguesas de referencia, Librouro e Cartabón, onde acudo a encher os meus depósitos de esperanza. Na Librouro do vello Patiño e de Munda merquei de contrabando o meu exemplar de peto de Sempre Galiza (1977), a libraría de Xurxo Patiño onde despois de catro décadas continúo entrando co entusiasmo inquedo do primeiro día. Na Cartabón de Gonzalo e Maribel vivín algúns dos momentos máis felices e, tamén, máis tristes do meu oficio como editor, amparado polo agarimo dunha parella de libreiros que fixeron da súa profesión unha forma digna de vivir e dende alí intentar transformar o mundo.

Como tampouco podo esquecer tantas pequenas librarías independentes da xeografía nosa que me acolleron durante décadas cos brazos abertos como editor: a Couceiro de Compostela de Suso e Pablo, a libraría onde quizais presentei máis veces; a Pedreira de Santiago de Antón e Chus, onde presentei o meu último libro como editor; a Lila de Lilith de Santiago de Patricia Portopaderne, que mantén un compromiso heroico co catálogo feminista; as Sargadelos de Santiago e Ferrol, que o espírito do gran Isaac converteu en auténticos ateneos;  a Trama de Lugo de Jorge Coira, unida sempre na miña memoria á dramática presentación da última novela de Xabier DoCampo; a Nós de Sanxenxo de Xaime Corral, sempre un porto seguro de afecto e entusiasmo; a Paz de Pontevedra de Cano, un océano cultural onde sei sempre vou atopar algo interesante;  a Lume da Coruña de Lola, onde vivín algúns dos días máis felices como editor; a Torga de Ourense de Xavier Paz, desaparecida desgrazadamente tras a primeira crise destes anos dez; a Biblos de Betanzos de Tucho e Carme, unha fantasía extraordinaria e elegante; a Miranda de Bueu de Fernando; a Wells de Cangas de Carlos; a Maraxe de Cangas de Lito; o Pontillón de Moaña do finado Benxamín …

Grazas, Xaime, Concha, Nacho, Roberto, Bieito, Benjamín, Xurxo, Amparo, Gonzalo, Maribel, Suso, Pablo, María, Antón, Chus, Patricia, Jorge, Xaime, Cano, Lola, Xavier, Tucho, Carme, Fernando, Carlos, Lito, Benxamín …, libreiros e libreiras da miña memoria e da miña vida, non sei como hei pagar a débeda que teño con vós.

Onte 2094: Presentación do libro «Escuela Digit@l», un informe sobre transformación dixital educativa


Participei onte na presentación de Escuela digit@l. Los materiales didácticos en la Red (Grao 2020), o libro coordinado por Manuel Area Moreira, catedrático de Tecnoloxía educativa da Universidad de la Laguna e investigador principal do Laboratorio de Educación e Novas Tecnoloxías (EDULLAB). Todo unha honra para min acompañar aos profesores Jesús Rodríguez Rodríguez (USC) e José Peirats Chacón (Universitat de Valencia), ás profesoras Tania Braga (Universidade do Paraná do Brasil) e Mariana Maggio (Universidade de Bos Aires), xunto ao editor Antoni Zabala, na presentación internacional dun libro-informe froito dunha ampla investigación universitaria sobre a situación da transformación dixital educativa en España. Unha obra que aparece nun momento decisivo, en plena pandemia covid 19, que precipitou a educación mixta, a que se desenvolve de forma presencial e a distancia (formalmente dixital).

Un libro que na miña opinión aborda de forma innovadora a escola dixital, xa que a identifica coa rede, e polo tanto coa utilización da hipertextualidade e as súas utilidades. Un alicerce sobre o que Manuel Area organiza os conceptos básicos desta transformación dixital e propón unha clasificación dos materiais dixitais educativos, chamada a convertirse en referencial. Este carácter hipertextual, xustificado polo feito de que hoxe a comunicacion en todos os ámbitos deixou de ser alfabética para transformarse en hipermedia e transmedia, obriga a unha alfabetización nas utilidades da lectura e escritura hipertextuais. Transformación, polo tanto de tecnoloxía educativa como do propio currículum.

O carácter e o ritmo desa hibridación dos materiais didácticos, así como a posibilidade do carácter disruptivo para o sector editorial privado da transformación dixital educativa en marcha é unha das cuestións mais controvertidas do informe. De seguiren así as cousas, terán algún papel as editoras comerciais? Os actuais materiais dixitais educativos, que supoñen apenas o 3% dun mercado de 800 millóns anuais do libro de texto (datos 2019), amosan tanto a insuficiencia e atractivo da oferta como a ausencia dun modelo de negocio alternativo, que entendo pasa por abandonar o modelo de libro de texto como secuencia curricular anual dunha materia para adaptarse ao modelo dos repositorios dixitais educativos institucionais e de suscricións por accesos.

Ademais de presentar por extenso sete experiencias de bos prácticas doutros tantos centros de Primaria e Secundaria, o libro ten un interesante carácter prospectivo achegando orientación para a elaboración de materiais educativos dixitais para editoras e produtoras, para o profesorado como para o alumnado e as súas familias. Entre estas orientacións é de salientar que a elaboración dos materiais dixitais debe ser considerada como unha actividade procesual, aberta, colaborativa, experimental e hipertextual, incorporando os avances da realidade virtual e aumentada, da big data como da Intelixencia Artificial.

En resume, un libro clave para entender o proceso de transformación educativa dixital, o que se está facendo nas escolas e institutos e o que debería acometerse no futuro. Parabéns a Manuel Area e ao seu amplo número de colaboradores.