Onte 28: Usar, solicitar e escoller

Magnífico o discurso de Carlos Callón na presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos en Compostela. Con sutileza e firmeza rebatiu unha das afirmacións que con anterioridade fixera Francisco Rodríguez: «non é certo que teñamos que ser xubilados ou funcionarios para exercer os nosos dereitos lingüísticos». USAR, SOLICITAR e ESCOLLER son tres dos  verbos chaves do novo activismo lingüístico que propón Callón, baseado na corresponsabilidade individual e na confianza de que é posible superar os prexuízos e as falacias tecidas arredor do idioma. Unha inxección de entusiasmo que non significa de maneira ningunha abandonar a cobertura política das estratexias normalizadoras, mais que supón unha valiosísima actualización do discurso hexemónico nacionalista sobre a normalización do idioma. O centenar de persoas que ateigaron o Dezaseis comprobaron como neste eido, afortunadamente, estase producindo unha importante renovación, non só xeracional, que tamén.

Onte 27: Benvida, Olivia!

Hai apenas vinte horas que naceu. Aparvados, acariñamos a súa pelciña encarnada, agardando un seu aceno, que nos demostre que xa está aquí para petar forte. Cando me colle o furabolos coa súa man diminuta de dedos afiados, sinto a vida da súa alma, esa emoción intensa da primeira apreta, dese pulo innato que posuímos todos os seres humanos para encadearnos uns con outros. Eis a presenza da cadea familiar dos afectos. Esas primeiras apretas coa vida de Olivia, lembráronme o que Eduardo Galeano escribiu no Libro de los abrazos, un deses textos fundamentais, que recupera para a literatura a capacidade de recrear o mundo. Conta Galeano que o médico Fernando Silva percorría as salas de Pediatría do sanatorio de Managua, cando sentiu que uns pasos o seguían. Uns pasos de la. Volveuse e descubriu que un dos picariños andaba tras súa. Entre a penumbra, recoñeceuno. Era un neno que estaba só. Fernando fitou eses ollos que pedían desculpas. Achegóuselle e o neno acariñouno coa man:

–Dille a… –borboriñou o neno–. Dille a alguén, que estou aquí.

Olivia está aquí, no colo de Susana. Non fala, pero se afirma cos seus primeiros choros, para facerse un lugar entre a pequena sociedade familiar que a agarima entusiasmada. Saio do Pirulí e comprobo que neste outono sufocante a cidade mantén o seu ritmo desordenado, allea a estas emocións importantes que tan poucas veces temos oportunidade de gozar como se merecen. Benvida, Olivia!

Onte 26: «Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces»

Zaira Rodríguez Pérez, membro da xunta de goberno da Deputación Provincial da Coruña, non fala galego. Cabeza do seu partido no concello de Cee confesa nunha entrevista en La Voz de Galicia que «desde que tengo uso de razón soy del PP», partido co que se sinte moi identificada. Presidenta da Comisión Informativa de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística da entidade provincial, a pesar desta responsabilidade, non lle parece «chocante» non utilizar o galego: «Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces. En mi casa lo hablan, pero cada uno es libre de elegir la lengua en la que se siente más cómodo». Como moi ben sinala Xabier Docampo estamos diante doutro caso claro de catequista atea, xa que unha persoa que asuma a tarefa de promover políticas de promoción e fomento do uso público da lingua galega non pode fachendear de non empregala decote. A falacia da «imposición del gallego» e da liberdade lingüística abrazada polo PPdeG comeza a ofrecer estes autorretratos [cómicos, se o conto non fose triste] de persoas que carecen da altura moral imprescindible para representar a toda a cidadanía galega [tanto aos seus votantes como aos que non o fixeron]. Como propón Prolingua o presidente da Deputación da Coruña debería cesar decontado a esta deputada de todas as súas responsabilidades. Tras semellante respostas, que argumentos pode utilizar para defendela, sen denigrar á lingua galega e sen poñer en perigo as súas políticas de igualdade e benestar?

Onte 25: Paralízase a CDC

Roberto Varela recoñece que é necesario adiar sine die a finalización da Cidade da Cultura. De forma moi sensata o conselleiro asume que a prioridade do seu departamento é o mantemento das industrias culturais galegas (identificado coa conservacións dos seus empregos) e non rematar o faraónico proxecto iniciado polos gobernos de Fraga. Roberto Varela paraliza a construción dos edificios do teatro e o destinado a novas tecnoloxías. Unha decisión que se puido ter tomado hai seis anos cando o goberno de coalición argumentaba que era imposible polos compromisos contraídos e sería tan caro parar as obras como continualas. Agora semella que era posible facelo. Un queda parvo.

Onte 24: A Derrota de Galicia

Á mañá recibín un novo limiar para o que será A Derrota de Galicia, o libro de ensaio político, que publicaremos a comezos da vindeira primavera, no que Antón Baamonde reflexiona sobre a inexistencia na Galicia actual dun proxecto propio de modernización. Lin decontado o texto lúcido e duro de Baamonde, despois de ter revisado algúns dos comentarios que denuncian o expolio que supón valorar nun 6,87% a participación que a caixa terá no banco que ela mesmo creou. Non deixa de ser desacougante que para algúns medios e «comentaristas de referencia» a noticia non merecese mención. Outra proba desta desfeita enorme. Si, efectivamente, perder un instrumento financeiro propio, en clave de país, é outra derrota do proxecto de construción de Galicia como nación; un fracaso deste anémico goberno de Feijóo, mais tamén da oposición incapaz de ofrecer o entusiasmo dun programa alternativo. Á noite, abrindo a caixa de correo atopo razóns para a esperanza enviadas polo benquerido Agustín. Arnaldur Indridanson, o escritor islandés que lerá o discurso inaugural da Feira de Frankfurt 2012, na que o seu país será o convidado de honra, lembra que «a riqueza dunha nación non está na Bolsa. senón nos seus libros». Quen pode dicir, entón, que Galicia está derrotada?

Onte 23: Merenda en Madarro

Cando viaxo a Lugo para presentar no serán algunha das nosas novidades procuro chegar con media hora de antelación para tomar un café con leite, acompañado dalgunha lambetada, na Confitaría Madarro. Adquirín este costume da merenda lucense tras acompañar en varias ocasións ao profesor Alonso Montero para quen a visita ao salón de té da rúa da Raíña asegura afrontar con éxito o desenvolvemento do seu parladoiro. Gosto da centenaria pastelaría lucense («Proveedora de la Real Casa» dende 1904) polos seus humildes bolos de leite, nos que atopo saudades do sabor daqueles que traía a avoa Filo da Confitaría Buen Gusto da rúa Elduayen, ou quizais pola sobriedade do seu mobiliario branco, dende as vitrinas, pasando polas cadeiras de vimbio, paredes, e teitos, até as mesas de mármore, como aqueloutras das Tres Luces de Urzaiz ou da Confitaría Ramos do meu barrio vigués. Unha impresionante colección de botellas de coñac, que probablemente levan nos andeis catro ou cinco décadas sen que ninguén chame por elas, testemuña a pegada do tempo. Cando saín, reparei nas larpeiradas do escaparate. Unha marabilla!: torta de améndoa, torta dinamarquesa, tellas e varias porcións de marmelo (a 12 euros!). É o tempo dos marmelos, chegou de novo o San Froilán.

Onte 22: CR

A intransixencia foi unha das peores doenzas da dereita española ao longo do pasado século. Lamentábao Azaña cando lembraba a facilidade coa que era insultado da forma máis groseira polos seus rivais políticos. Esa tradición do insulto a flor de pel é a que está detrás do comportamento prepotente, irrespectuoso e provocador ao que nos teñen aborrecido algúns medios madrileños. Esa tradición é a que emula con tan escasa imaxinación Gerardo Conde Roa. Até agora, o alcalde compostelán adquiriu a súa notoriedade extramuros polos seus comportamentos excéntricos e declaracións provocadoras. Con todo, estou convencido que non estamos diante dunhas saídas de pata de banco explicables por un carácter sanguíneo ou polo entusiasmo verbal provocado un día polo consumo de líquidos euforizantes. Non. O conto é triste como dicía Castelao. Acabar con «culturetas», «indignados» ou «vagos de botellón» é unha estratexia política, concibida coidadosamente para satisfacer aos sectores conservadores máis belixerantes. Pode quedar algunha dúbida así de quen manda agora en Compostela?

Onte 21: a taboíña de Amazon

A presentación do Kindle Fire, a taboíña con sistema operativo Android de Amazon, amosa, outra volta máis, que a actual batalla pola creación dun modelo sostible de libro electrónico dirímese en moi boa medida entre os tres xigantes estadounidenses da distribución dos contidos dixitais de cultura e lecer, Amazon, Google e Apple. Polas informacións que fomos coñecendo, semella que a estratexia do xigante da loxística cultural é apostar por liderar o negocio da distribución de libros e de aplicacións (creará un Amazon Apps Store), o que non lle impide presentar unha renovación completa da súa gamma de lectores de tinta electrónica (a uns prezos xa moi asequibles e cunhas prestacións atractivas), como a de intentar crear un espazo no das taboíñas, cun aparello de prezo asequible (arredor de 150 euros), moi inferior ao do IPAD, e de prestacións e deseño semellantes ao PlayBook de RIM. En todo caso, Amazon onte deu un paso importante apostando pola distribución dos contidos dende unha biblioteca dixital e por un modelo de negocio (Amazon premium) baseado na suscrición. Diante de tan interesantes propostas, supoñemos que Google non tardará en mover a súa ficha neste mercado de distribución de contidos dixitais textuais. Fronte ao dinamismo das multinacionais estadounidense, os modelos de libro electrónico que utilizamos os editores europeos (baseados na tinta electrónica e no emprego do antipático DRM de Adobe) quedan cada vez máis afastados das necesidades dos potenciais usuarios. A presentación deste novo Kindle de Amazon, que se comercializará a partir do 15 de novembro, suscita moi numerosas preguntas: Debemos rendirnos diante de Apple e Amazon, empresas que utilizan lectores propios con formatos de encriptación propietarios? Apple poderá continuar vendendo os seus teléfonos e taboíñas a prezo de ouro? Google continuará negociando cos editores europeos para ampliar a súa xigantesca biblioteca dixital?

Onte 20: Vigo, arquitectura perdida

Do fío do meu benquerido Ramón Nicolás cheguei a esta magnífica peza sobre a arquitectura do Vigo perdido, aquel que percorreron Couto arriba os nosos avós, que eran, por certo, irmáns da estirpe Beleira. As marabillas da tecnoloxía permiten recuperar a fasquía primixenia daquelas edificacións pétreas derrubadas ou deturpadas pola avarenta teima «desarrollista». Lonxe da nostalxia paralizante, precisamos recuperar a memoria dunha cidade desmemoriada en permanente reconstrución. Xa o teorizou Siniestro Total, trátase de saber de onde vimos, onde estamos, cara onde imos.

Onte 19: Vicente Paz

Na primeira das catro magníficas sesións da Conferencia Internacional do Libro, Vicente Paz, o responsable de Leya de Brasil, ditou unha completa lección sobre a situación do sector editorial no Brasil e as posibilidades que supón para o sector editorial galego. O noso editor emigrante, quizais, tamén, o noso editor máis internacional, apenas era coñecido polos seus colegas galegos. Onte abriunos unha esperanzadora xanela sobre a industrial editorial do país que representa o 80% da poboación lusófona do mundo. Deixounos a súa presentación, completísima en datos e reflexións, que axiña poderá ser descargada dende o espazo web do Clúster da edición, librarías e comercialización.