Onte 48. Aspas

Sobre a lameira do Fragoso, a electricidade subminístraa Iago Aspas. Na fría noitiña de onte houbo que agardar a súa entrada para conectar a un Celta que até entón carecía de alma. Aspas é imaxinación, creatividade, velocidade, vontade, intensidade, ilusión…  e gol, ese alustro que estoura da súa biqueira ou coa súa participación. A presenza de Iago achéganos saudades daquel xogo da serpe do Celta europeo, baseado na intelixencia combinativa expresada a toda velocidade. Porén, Aspas adoita non agochar no campo a súa maior febleza, a de meterese nalgunha lea particular con algún rival ou co propio árbitro, un comportamento moi perigoso para o equipo, que tamén pode pexar na súa traxectoria. Se supera esa inmadurez, pode ser un xogador cun futuro moi prometedor en Primeira División.

Onte 47: O problema vasco

As tertulias da noite dos luns na Radio Galega permítenme ir seguindo o fío dos argumentos e das actitudes dos sectores conservadores sobre a axenda política que Luís Ojea nos propón a debate. A pasada semana centráronse en minusvalorar a Conferencia Internacional de Paz, o seu comunicado e os seus participantes; esta foi a súa desconfianza sobre a fiabilidade do comunicado de ETA sobre o cese definitivo das súas actividades armadas.  Máis alá da validez destes argumentarios, influídos pola proximidade da convocatoria do 20-N, as posicións diversas dos que participamos neste debate radiofónico amosan que non vai ser doado chegar a un convecemento compartido sobre a idea de que a paz é posible en Euskadi e Navarra; requisito, primeiro e indispensable, do longo proceso de reconciliación civil, onde a vontade dos vascos e dos navararros, expresada en liberdade, xa sen coacción ningunha, será a principal protagonista. Teño o convecemento profundo que sen tender pontes e sen mediacións entre partes,  este proceso dificilmente pode acadar o seu obxectivo. Como tampouco será posible o seu éxito total sen contar cunha solución política para o tradicional “problema vasco”. Non vai ser doado, non.

Onte 46: Radio Clásica

Viaxei a Lavacolla entre o lusco e fusco, rachando a primeira borrasca do outono. Por ventura, na radio do coche quedara prendida a Radio Clásica, que me agasallou sen querelo nin bebelo coa Obertura de Tannhauser de Wagner (completa) e unha boa parte co concerto número 2 para piano de Liszt. Tratábase dunha retransmisión en directo, dende Bayreuth, do concerto da Orquestra-Proxecto da Escola de Música Liszt de Weimar, dirixida por Thieleman, con motivo da celebración do douscentos aniversario do nacemento de Franz Liszt. Estou certo que perderiamos marabillas coma esta, se privatizan as emisoras públicas, como ameazan os promotores da austeridade selectiva. Debemos defender as radios e televisións públicas moi teimudamente, non só para asegurar o pluralismo informativo e a utilización vehicular do galego, tamén para permitir eses momentos nos que podemos quedar sobrecollidos pola beleza. Escoitar a melodía wagneriana entre aquel formidable ballón foi memorable.

Onte 45: Galeguismo integrador

Non o puido dicir mellor Bieito Ledo nas súas breves palabras de benvida da cea na que se deu a coñecer o ditame dos Premios da Crítica Galicia 2011: «durante tres décadas estes premios baseáronse no galeguismo integrador que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como fortiter in re suabiter in modo, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre». A de onte foi unha noite para a esperanza no entorno da desolación actual sobre a situación da industria cultural de noso: uns premios arriscados e sólidos, unha representación numerosísima e plural, ademais dun traballo dos organizadores en man común, tan discreto coma eficaz. Con estes vimbios e a vontade amosada, a continuidade dos Premios da Crítica Galicia está asegurada. Os meus parabéns para Bieito Ledo e Antón Pulido, capitáns dunha operación tan necesaria como exitosa para consolidar unha tradición contemporánea.

Onte 44: TSQ

Coñecín a nova terminal e aparcamento do aeroporto de Santiago, outra mostra da moderna arquitectura aeroportuaria peninsular, ao xeito dunha versión galega da T4 ou da portuense do Sa Carneiro. Gustoume a amplitude dos espazos e lamentei a precariedade da información ou que os elevadores parlantes non falasen galego. Engulido no ventre da enorme balea compostelana, lembrei a nova  Terminal 2G do Charles de Gaulle que utilizara a pasada semana, de dimensións moito máis reducidas, mais con seiscentos sillonciños nunha única sala, concibida coa intención de facilitar a comodidade e a acollida dos viaxeiros durante o par de horas nos que poidan agardar alí. Non será esta TSQ outra mostra de economía farturenta? Non semella contraditorio que Fomento investise 230 millóns de euros na TSQ (unha cantidade impresionante), mentres privatizará os servizos de AENA de Barajas e o Prat? Se a nova TSQ está chamada a se converter no eixo do modelo aeroportuario galego, como é posible que estean en marcha as novas terminais de Peinador e Alvedro? Tras os efectos da CDC, agora chegarán os da TSQ? Pobre de nós!!!

Onte 43: Construír a paz

Cando coñecín a noticia veume a cabeza decontado o sorriso de Suso Jares, alguén para quen estas serían unhas horas de esperanza. O anuncio de ETA do cese definitivo da súa actividade armada abre unha oportunidade para construír a convivencia no País Vasco dende a cultura de paz. Eis o grande reto que deben saber xestionar con prudencia e afouteza o  goberno tras as eleccións do 20-N como todos os partidos vascos, xa sen excepcións de clase ningunha. Esta é a hora da cultura da paz, este é o momento do protagonismo do diálogo e da mediación como accións transversais capaces de chegar a todos os espazos da sociedade de Euskalherría, con especial incidencia aos educativos, institucionais e, sobre todo, aos políticos. No entanto sabemos que non vai ser doada nin a reparación da dor das vítimas nin o proceso político que leve á disolución da organización terrorista, cuestións que en Irlanda custaron máis dunha década de esforzos ser superadas. Nin tampouco o será a necesaria reconciliación, baseada na construción dun relato común sobre o acontecido nestas décadas, de xeito que atenda á memoria das vítimas e sexa capaz de erradicar tanto sufrimento encistado en moitas familias vascas. Como non será doado superar as interferencias provocadas pola intolerancia dos sectores (sabemos que minoritarios, mais influíntes) produtores de odio, incapaces de asumir as consecuencias da irreversibilidade deste proceso. Este é, como acuñou Suso Jares, o momento de construír a paz dende a cultura da paz.

Onte 42: O embigo do mundo

Coa presentación en Compostela de Extramunde, a novela de Xavier Queipo gañadora do Premio Xerais 2011, iniciamos a nosa tempada de Nadal. “O embigo do mundo” é un espectáculo artístico, unha presentación literaria de formato innovador, onde se mestura o teatro da man de Quico Cadaval e Anabel Lago, a danza contemporánea de Olga Cameselle e a música e a palabra do colectivo Río Lagares (Mister Choco e Xavier Queipo) para convidar e incitar aos lectores a participar do espazo e da aventura de Extramunde. Un acto, ademais, que pretende recoñecer a traxectoria dun dos escritores que posúen unha das obras (non só narrativa, tamén ensaística e poética) máis sólidas e orixinais das dúas últimas décadas. A metáfora do embigo do mundo acuñada por Queipo, como a dos círculos e dos ollos de grafiti de Ce Tomé, o autor da magnífica cuberta de Extramunde,  nos centos de fotografías proxectadas na derradeira parte do espectáculo, lonxe de calquera intención narcisista dos seus autores, ten que ver coa exaltación colectiva do valor da diversidade e da construción dun mundo creativo propio dende a identidade galega, alí onde residen as células nais da nosa lingua e dende onde se continúa a nosa cadea de transmisión cultural. “O embigo do mundo” é a afirmación da nosa centralidade creativa, fronte a calquera condición periférica que pretenda rebaixar o noso horizonte. O de Queipo é un espectáculo moi interesante que repetiremos o serán do venres no Museo do Mar de Vigo. Aconsello non perdelo.

Onte 41: 2,81

Con motivo da intervención que realicei no foro Conexões estimei, a partir dos estudos de Comercio Interior do Libro e da Panorámica da Edición,  que en 2010 se venderon en Galicia 7.696.102 libros (si, máis de sete millóns), o que supón que a cada habitante do país noso lle corresponde 2,81. Esta porcentaxe de libros vendidos por habitante é un dos indicadores que se utiliza decote para comparar o esforzo en lectura realizado por cada sociedade. Seguindo por ese fío e sabendo que no Brasil esa taxa foi en 2009 de 2,21, estimei que no caso galego a cifra baixa a 1,68, se non computamos os libros de texto (que supuxeron en 2010 o 40% do mercado) e no brasileiro o 1,21. Quizais esas dúas cifras (2,81 e 1,68) non digan moito, se non as comparamos con outras dos noso entorno. Así, a taxa en Cataluña de libros vendidos por habitante é de 4,14 e en Euskadi do 4,00. Aí nesa diferenza estatística, apenas máis dun libro por habitante (máis de tres millóns de exemplares), nese déficit de lectura, quizais radique a desavantaxe competitiva que vimos arrastrando con cataláns e vascos. Non o esquezamos, a lectura e a compra de libros son un factor de competitividade.

Nota: Brasil vende 450 millóns de libros anos; Cataluña: 30; Euskadi: 8,5 e Galicia 7,6.

Onte 40: Galicia queimada

As noitiñas dos luns estou afeito a debater coa serenidade posible na tertulia conservadora da Radio Galega. Onte fun o único participante que defendeu a necesidade de traballar pola construción da paz e da convivencia en Euskalerría ou por non asumir con resignación a política do teito de gasto que recurta as prestacións e a calidade dos servizos públicos básicos achegados pola Xunta de Galicia. No entanto, non puiden evitar amosar a indignación que me produce o conformismo irritante do Goberno Galego na cuestión dos incendios da provincia de Ourense, tras desmantelar o pasado mes de setembro a maior parte das brigadas de loita contra o lume. Dende comezos deste sufocante outubro, a lacra incendiaria arrasou 10.000 hectáreas do Macizo central ourensán, da serra de Avión ou dos parques naturais do Invernadoiro e do Xurés. Unha desfeita ecolóxica de importantes proporcións. Neste ano internacional dos bosques, Galicia perderá unha parte deste seu patrimonio natural, mentres envía ao paro aos que se ocupaban das tarefas de limpeza e vixilancia do monte en aras de contribuír ás políticas de austeridade. Recuperando aquela foto da mangueiriña dos incendios de 2006, verán no que se queimaron 77.000 hectáreas en todo o país, é inevitable preguntarse se non estaremos diante dunha austeridade temeraria que ameaza con deixarnos sen país?

Onte 39: Mala saúde de ferro

Ocupei boa parte da tarde en traballar os datos da edición en Galicia no ano 2010, a partir do informe do ISBN. Como amosei na anotación que preparei onte e naqueloutra da pasada semana sobre o Comercio Interior do Libro, a edición en galego, no difícil entorno das crises e dos tránsitos, goza dunha mala sáude de ferro. Non hai dúbida que constitúe un feito alarmante a perda de facturación, rendabilidade e emprego do sector o pasado ano, en boa medida por mor dos efectos durísimo do Decreto de Plurilingüismo que reduce o mercado do libro de texto en galego, un subsector vital para a nosa actividade. Mais tamén é certo, aí están os datos, que continuamos editando con pulo, mesmo máis títulos, e comezamos un tránsito decidido cara a edición dixital. Como continúa sendo moi esperanzador o apoio que reciben os libros en galego en eidos tan difíciles como a Narrativa para persoas adultas, a non ficción e os libros de divulgación, como o Gastronomía, sometidos a durísima competencia no mercado cos seus homólogos en castelán. E isto sen contar case sen axudas públicas ningunhas, fóra da adquisición de novidades para bibliotecas da Consellaría de Cultura e Turismo e as insuficientes axudas para a tradución, agora de carácter trienal. Sabemos que o noso futuro inmediato pasa por conter esa hemorraxia do libro de texto, aumentar o perímetro da nosa sociedade lectora e incorporar ao sector ao proceso sistemático de dixitalización de cada un dos seus fondos. Moita faena, si señor.