Onte 78: Crise

Nas conversas do Premio Fernández Latorre non se falou doutra cousa: “a crise”. O pesimismo, mesmo o fatalismo sobre a situación económica e social, é hoxe o único discurso da clase empresarial, financeira e política en Galicia. Coa excepción do premiado, Angel Carracedo, que solicitou apoio para a investigación como garantía de futuro, nin na intervención de Santiago Rey  (moi dura co goberno saínte e solicitando máis reformas) nin na do presidente da Xunta puidemos atopar tampouco algunha faísca de optimismo ou esperanza, coñecedores ambos os dous que os máis duros recurtes chegarán tras a investidura de Mariano Rajoy. As declaracións de Stiglitz, coincindo coa súa conferencia na Coruña, denunciando que esta política de austeridade é unha receita para o suicidio confirman os nosos peores agoiros.  Coma o salmón, loitamos contra a corrente. Ao remate do longo xantar, non me pasou desapercibido que saísen xuntos da sala, Antonio Fontenla, presidente da CEG, e Samuel Juárez, o conselleiro de Medio Rural e, segundo o que alí oín, ministro que será do primeiro goberno de Rajoy.

Onte 77: Vigo a 80 rpm

A memoria da movida viguesa dos 80, aquela axitación cultural que coincidiu coa reconversión naval, protagoniza dous dos nosos libros desta campaña de nadal. Un relato documental en voz dos protagonistas, preparado polo xornalista cultural Emilio Alonso, e unha grande reportaxe fotográfica de Víctor de las Heras. Dúas achegas que contribúen ao proceso colectivo de memoria dun fenómeno que foi moito máis ca un estoupido musical e puxo algúns dos alicerces sobre os que se desenvolveu a chamada “industria cultural” viguesa das dúas últimas décadas. Onte presentamos o documentadísimo libro de Emilio, o responsable daquel exemplar programa de radio local, “A trincheira”, onde se seguiu co maior detalle todo o que foi acontecendo. Algúns dos protagonistas daquel tempo revolcado de entusiasmo acompañaron ao autor no serán da estrea e no concerto posterior en La Iguana. A vindeira semana, o xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas no Auditorio do concello de Vigo presentaremos o segundo libro, Vigo a explosión dos oitenta.

Onte 76: Tobaruela, fomentador

Na presentación de Poñente díxoo Tito Fernández Prieto: “Pere Tobaruela é un fomentador, xa que descubre axiña as nosas posibilidades. É un holandés do mediodía”. Escritor catalán, afincando dende hai poucos anos en Galicia, narrador nato que escribe para todos os públicos, o compromiso de Pere coa lingua e coa literatura galega, co país de noso, máis aínda nestes tempos difíciles, merece beizón. Cunha recoñecible pegada autobiográfica, Tobaruela ofrece en Poñente unha novela histórica sobre aqueles fomentadores cataláns que entre finais do XVIII e comezos do XIX alicerzaron a actividade da salga de sardiña nas rías baixas. Agora, Tobaruela, ao xeito de fomentador literario, contribúe a recuperar a épica do inicio da industrialización dun dos nosos sectores de ribeira, ao tempo que continúa o diálogo entre Galicia e Catalunya. Roubándolle as palabras o mestre Llach, a luz de poñente que procura Tobaruela é a que descubre un mundo novo, unha luz descoñecida.

Onte 75: Libro do Nadal

No primeiro día da era Rajoy viaxei a Lugo, tras previo xantar cun equipo de autores no Barco de Valdeorras, para presentar Trece noites, trece lúas, o moi fermoso libro sobre os mitos, ritos e tradicións do nadal galego escrito por Antonio Reigosa e ilustrado por Noemí López. Non houbo queixa! Suso Regueiro, un mestre deste tipo de cerimonias, como non coñezo outro no país, iniciou e pechou coa súa delicada atención un acto literario brillante no que participaron case un cento de persoas, que ateigaron os dous andares da sala e agotaron os libros á venda. O de Reigosa é Noemí é un  libro concibido con agarimo para utilizar nas bibliotecas familiares e escolares, un auténtico galano no que non falta detalle, co que iniciamos a moi intensa campaña de presentacións deste nadal da crise. Agardo poder atender un calendario que nos levará por todo o país durante estas vindeiras catro semanas. Hoxe, na segunda etapa, estaremos na facultade de Xeografía e Historia de Compostela, acompañando a Pere Tobaruela para presentar a tradución ao galego da súa Llum de ponent.

Onte 74: «Mellorserá»

A vitoria esmagadora do Partido Popular, a pesar de que estaba cantada, entristeceunos. En Galicia foron moi raquíticas as ledicias para a esquerda: o mantemento dos escanos do BNG, mesmo a pesar da súa lixeira perda de apoios; e a notable subida de Esquerda Unida, que triplica o seu número de votos e que na provincia de Pontevedra supera a barreira do 5%. O fracaso do PSdeG-PSOE foi brutal, sen facer diferenzas entre Blancos, Pachis, Caballeros ou Camaños, unha desfeita que non se pode agochar. Con estes resultados diante, a posibilidade de reconstruír unha alternativa ao actual Goberno de Feijóo é hoxe inverosímil. Por riba, ver cara os resultados de Catalunya e Euskadi dá envexa, dúas nacións cuxo comportamento político enxerga horizontes de maior autogoberno. No entanto, non é posible abandonarse na desolación. Quizais agoirando o que viña enriba, antes de coñecer o resultado electoral, publiquei este tuit motivado polas recentes derrotas celestes: «Cómpre enxergar os novos tempos cun chisco de ironía. Mudar a «Mellorserá» é unha das propostas para o Celta e para o país.» O progresismo e o nacionalismo galego non poden conformarse con este lamentable resultado nun entorno conservador e recentralizador que dá moito medo.

Onte 73: Derrota

Tras a enésima derrota en Balaídos é doado comprobar o elevado umbral de resistencia do celtismo diante da adversidade. Un índice que sei medir, dende hai tempo, polo nivel de ruído provocado polas conversas dos serareiros no ouruga de Urzaiz ao regreso de Balaídos: canto máis balbordo, maior satisfacción pola goleira; canto máis silencio, maior desacougo. Onte foi un deses días de silencio espeso, onde nin sequera se podía botar man dun novo fracaso do Deportivo, un fierabrás que moito leva axudado a aliviar as derrotas de noso. Chama a atención que Paco Herrera, o adestrador do Celta, aínda non entenda a identidade do seu equipo e lamente que os seus non ganen os partidos, a pesar de xogar ben. Herrera ignora esa regra non escrita, que até o celtista máis noviño xa coñece: «cando o Celta arrecende a posibilidade real de gozar do mel nos beizos, prodúcese unha axitación interna de orixe descoñecida, que lle impide saborealo». Manuel Rivas diría que o camiñar celeste é o de Charlot, un paso adiante e outro atrás, como o verso emblemático de Díaz Castro que tan ben lle acae o primeiro equipo dun país curtido en mil derrotas. Herrera, aí está a orixe dos fracasos recentes.

Onte 72: Somos noroeste

No derradeiro día da campaña electoral Feijóo asegurou, nun acto celebrado en Luarca, que Rajoy fará do noroeste español unha prioridade. O presidente de Galicia, que iniciou a súa intervención cun entusiasta «Puxa Asturies» (sic), abandonou a estudada ambigüidade de Mariano Rajoy, para expresar con claridade a súa idea do que somos: apenas un espazo xeográfico do noroeste de España. Estamos, sen dúbida, diante dunha achega audaz á teoría de Galicia, que queda reducida polo seu propio presidente á pura xeografía, consolidando así o proceso de deconstrución identitario iniciado polo seu goberno hai dous anos e medio. Tras o 20N e en tempos de austeridade selectiva, a ninguén debe estrañar que se asumimos que somos noroeste, xa non existen razóns suficientes para xustificar o mantemento de tres «custosas administracións autonómicas» (Galicia, Asturias e Castela-León). Feijóo ben podería ser un bo presidente para esta Noroeste, unha comunidade de máis de seis millóns de habitantes, concibidida como unha confederación de deputacións. Eis o triángulo inscrito na circunferencia da agardada reforma territorial. Si señor, somos noroeste, unha achega innovadora de Feijóo para o día de reflexión.

Onte 71: Que facer?

O artigo de Slavoj Zizek sobre os indignados de Wall Street amosa que vivimos unha crise moi profunda do capitalismo. Lin con moito interesese o suxestivo artigo do filósofo esloveno a partir do que achego tres reflexións. Primeira: a esquerda occidental ten o deber de pensar alternativas para un sistema que non pode funcionar sen Wall Street. «Que facer?», a pregunta leninista da nosa mocidade, volve ser a clave para saír deste tempo de incertidume. Segunda: no momento actual, o «silencio activo» é a primeira resposta para evitar o perigoso abrazo do oso daqueles que finxen apoiar ao movemento indignado coa intención de diluír a súa proposta anticapitalista. Terceira: precísase tempo para encher o baleiro de contido creado polas actuais protestas, aínda que non hai dúbida que vivimos un tempo de apertura cara «o novo». Ás portas do 20N e coa prima de risco nos alturas, en Galicia precisamos recuperar o compromiso político da cidadanía.

Onte 70: «Nada» de Janne Teller

Tras a intervención dental, na que me colocaron tres implantes, aproveitei o serán e a noite para relaxar a tensión coa lectura de Nada de Janne Teller. Unha novela que levaba agardando na mesa das miñas novidades unhas cantas semanas. As máis de catro horas de lectura renderon de seu e fixeron que case esquecese as molestias, unha mostra do valor terapéutico da lectura como defendo nas miñas intervencións públicas. Esta novela de adolescentes, publicada en Dinamarca hai dez anos e capaz de provocar unha intensa polémica, edítase en castelán nunha colección literaria de persoas adultas, esgazando, outra vez máis, os límites editoriais utilizados en novelas que sabemos son para públicos diversos. Un acerto de Seix Barral. Tras un argumento en aparencia  sinxelo –os compañeiros de clase de Pierre Anthon, un rapaz nihilista de catorce anos, queren demostrarlle que na vida, a pesar das dificultades, hai cousas que importan– desenvólvese unha grande novela de ideas (non me atrevo a denominala fiolosófica). Construír un milladoiro de significados no alpendre do vello aserradoiro será a estratexia narrativa utilizada pola narradora para abordar algunhas das preguntas principais sobre o sentido da vida. Novela violenta, desapiadada, nalgunhas escenas durísima, Nada intenta responder a preguntas tan complexas como a da existencia ou non de límites para o fanatismo, ou os chanzos que se poden subir na escaleira da violencia e da dor que poden provocarse os seres humanos. O relato, presentado coa fasquía dun conto case de fadas, que flúe con facilidade asombrosa, artéllase sobre dous eixos temáticos de fondo, a procura do sentido (para cada individuo, mais tamén para cada grupo) e a denuncia de calquera tipo de conformismo nun mundo rexido polo mercado, onde os individuos compiten de forma salvaxe. Un libro con lecturas moi ricas, que pode dar moito xogo didáctico nas aulas e pode dinamizar os debates dos clubs de lectura. Unha lectura marcante, moi recomendable nestes tempos de «primas de risco».

Onte 69: NGB e a obra social

A noticia non está no titular, aparece agochadiña no antederradeiro parágrafo: “Novacaixagalicia compra accións de Nova Galicia Banco cos fondos destinados para a Obra Social”. Deste xeito cumpriríase o desexo de Feijóo de aumentar a raquítica participación de NCG no novo banco, mais a custa de detraer unha cantidade, non precisada na información, deses 96 millóns de euros anuais reservados por NCG para o funcionamento entre 2012-2014 da súa obra social e cultural. En definitiva, o que popularmente se coñece por espir un santo para vestir outro. Semella que en compensación (eis o derradeiro parágrafo), NGB -por certo, un nome comercial moi parecido ao de ING- comprométese a mercarlle á NCG a súa importante colección de pintura galega (5.500 pezas, algunhas moi valiosas, como o famoso bebedor do ourensán Antonio de  Puga), unha solución de última hora para que a caixa vaia tirando como ben poida da súa obra social. Unha medida dubidosa que suscita moitos interrogantes. Coñécese a valoración desta compra e os seus criterios de taxación? Esta asegurado que os cadros non van saír do país?  Non debería intervir coa maior urxencia a Consellaría de Cultura para fiscalizar a operación, ao tratarse de pezas do patrimonio galego? Non é descartable que esteamos diante doutra posible desfeita. Isto da caixa semella que non ten bo arranxo, vaia por deus!