Onte 351: Colchón familiar
O goberno de Rajoy descubriu a utilidade do «colchón familiar» como o argumento para xustificar como quitarlle a axuda dos 400 euros (durante seis meses) a probablemente milleiros de parados (unha cifra sen cuantificar), escollidos como outros reféns das súas políticas de austericidade. Indignación provoca estoutra baixada encuberta dos salarios e das pensións (sen chamala polo seu nome) dos pais e avós destas persoas en dificultades, vendida co celofán demagóxico da «solidariedade» de familias con ingresos de 8.000 euros mensuais. Noxo produce ler as declaracións despois do Consello de Ministros de Fátima Báñez, propias dunha persoa con moita cara, carente de escrúpulos e corazón. Como ben sinala Jesús Maraña, este goberno establece máis condicións para cobrar estes 400 euros que as esixidas para esa vergonzosa amnistía fiscal que promoveu.