Onte 2010: Entrevista de Jaureguizar

Jaureguizar publicou onte en El Progreso e Diario de Pontevedra esta entrevista comigo. Agradézolle o agarimo de tirarme da lingua e facerme contar algunhas divertidas. Como agradezo tamén o retrato de Rafa Fariña e o café que compartimos no Raviso. Un texto que queda para o arquivo persoal.

Onte 2009: «Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo»

Lin onte dunha sentada a biografía que Héctor Cajaraville preparou de Antonio Fraguas, a figura homenaxeada nas Letras Galegas 2019, que publica Xerais en Merlín. Un retrato biográfico concibido para que os estudantes descubran a figura poliédrica deste galeguista (mestre, historiador, xeógrafo, antropólogo…), primeiro director do Museo do Pobo Galego. Rigorosa na documentación e amena na construción do relato, sobre todo grazas aos textos intercalados en primeira persoa, que achegan a proximidade da voz agarimosa de don Antonio. Acerta de cheo Cajaraville, un mestre da escrita clara e exacta, salientando o caracter de activista de don Antonio, comprometido con todas as causas da lingua e cultura nosas. Máis aínda cando se trata dunha figura que a pesar de contar con trescentas referencias bibliográficas, non ten obra de ficción, o que podería constituír unha dificultade.

Esta é unha biografía referencial que moito axudará ao coñecemento nas escolas e institutos deste bo mestre, mestre bo (un título moi acaído). Recoméndoa moi vivamente e parabenizo ao meu admirado Héctor Cajaraville.

Onte 2008: Fervenzas Literarias 2018

Coñecimos onte os resultados dos mellores libros do 2018 de Fervenzas literarias, a primeira revista dixital literaria e galego. Ábrese así, como ven sucedendo de forma ininterrumpida dende 2007, a xeira de recoñecementos literarios a obra editada no ano anterior, que continuará até a primavera, consolidando unha tradición que moito nos aprace. Unha colleita anual, tanto de libros editados nos diversos xéneros e modalidades como de recoñecemento ás diversas instancias de mediación do noso sistema editorial, creada a partir das votacións de máis de medio millar de persoas, que convirte aos «Fervenzas» en referentes de popularidade, ao tempo que abre unha tendencia de influencia (inevitable) nas escollas posteriores.

Como editor que fun de Xerais non podo estar máis satisfeito e orgulloso pola colleita excepcional de Xerais en 2018, que obtén 7  dos «mellores libros do ano» (de 11 posibles), ademais de moitos outros finalistas, ademais da distinción como «a mellor editorial», o resultado máis destacado na historia destes premios, expresión tamén da excelencia e do rigor do traballo do cadro de profesionais que dirixe Fran Alonso. Como tamén é sempre para min unha honra que «Culturgal» fose considerado «o mellor acontecido de 2018», como sucedeu xa noutras ocasións anteriores, outra proba máis da consolidación desta feira das industrias culturais coa que continúo, como no caso de Xerais, tan afectivamente unido.

Esta colleita dos Fervenzas amosa que 2018, por ventura, foi o ano das escritoras, que ocupan boa parte das posicións máis destacadas, na maioría das modalidades, sendo moi significativo o premio acadado polo colectivo A Sega como «mellor espazo na rede». Xaora estes Fervenzas tamén expresan a diversificación do sector editorial galego no que se consolidan proxectos xeralistas como os de Urco e proxectos de edición especializada como Apiario, Hugin e Munin ou Chan da pólvora.

En todo caso, todas as persoas e entidades premiadas, como todas as finalistas, merecen os nosos parabéns, xa que todas elas están construíndo espazos de excelencia para unha edición en galega que, outro ano máis continúa á intemperie, sostida apenas polo esforzo das profesionais do sector do libro e da lectura e polo apoio dos seus públicos. A fantasía do libro galego continúa. Beizóns!

Onte 2007: Adolfo Domínguez presentou «Juan Griego» no Club Faro de Vigo

Resultoume onte moi grato acompañar a Adolfo Domínguez na presentación no Club Faro de Vigo da súa novela Juan Griego (Defausta, 2018). Unha hora de conversa literaria sobre unha novela concibida como un poema épico de máis de setecentas páxinas, un auténtico everest literario para o goce e a reflexión dun lectorado esixente. Publicada hai décadas en castelán por Mondadori e en galego por Galaxia, tras unha reescrita e ampliación moi considerables, Domínguez ofrece agora unha novela formalmente aínda máis arriscada na que se mesturen xéneros e temáticas ben diversas, para afirmar con rotundidade a veracidade do relato científico como o propio do noso tempo. Creo que non esaxerou o poeta Luis García Montero cando a cualificou de «monumento literario» nin  Susana Pietro Mori, a editora de Defausta como a «oportunidade de ler un clásico antes que se convirta en clásico». Unha novela con vontade de pervivir. Interesante.

Onte 2006: Premios Xerais 2019

Co inicio do ano a puntual convocatoria dos Premios Xerais abre o ano literario galego. Premios que chegan á trixésimo sexta edición na súa modalidade de novela, á trixésimo cuarta na de literatura infantil e á  undécima na de literatura xuvenil. Non hai apenas modificacións nas bases con respecto a edicións anteriores dunha convocatoria que pecha a admisión dos orixinais o 5 de abril de 2019 e dará a coñecer o ditame das obras gañadoras o 7 de xuño.

Onte 2005: Calendario de familia

A gran sorpresa do Día de Reis de onte foi o Calendario de familia que nos preparou a miña sobriña Raquel García Bragado, un dos talentos da terceira xeración. Quedamos emocionados cun retrato xa inesquecible para todos e todas. Beizóns, Raquel!

Onte 2004: «Un día» de Son Trío, premio Celso Emilio Ferreiro


Coincidindo co 107 aniversario do nacemento do poeta Celso Emilio Ferreiro, a Fundación CEF anunciou o ditame da segunda edición do Premio CEF a poemas musicados. Resultou gañador o tema «Un día», poema do libro Viaxe ao País dos Ananos, do grupo vigués Son Trío formado por Katerina Linke (compositora e metalófono), Su Garrido Pombo (cantante) e Susanna Blanco (cello). Péchase así felizmente un dos certames bienais máis singulares da cultura galega onde a poesía de Celso Emilio mergúllase coas diversas expresións e estilos musicais.

O tema gañador entusiasmoume case tanto como o vídeo de presentación localizado no Vigo Vello, con especial querenza polo rezume a salitre e pedramol do Paseo de Afonso. Parabéns a Katerina, Su e Susanna por tan excelente traballo que merece ser compartido.

Onte 2003: Brétemas 14 anos

Hai catorce anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.963 anotacións das que 131 corresponden o último ano. A cifra mais baixa da xeira anual, á que non foi allea o desánimo sofrido tras o abandono da dirección de Xerais no mes de abril como tamén unha evidente fatiga dixital provocada polo ruído e a abafante banalidade cainita de Facebook, por desgraza hoxe o espazo central da conversa dixital da miña xeración. Consciente de que o blog tocara fondo, no verán pasado decidín mudar completamente a súa apariencia, utilizando un modelo de magazin coa intención de facer máis visible a diversidade dos seus contidos tanto nas súas seccións (Edición, Educación, Política, Cultura, Xerais, Artigos, Onte, Vigo…) como no acceso aos contidos do seu arquivo cronolóxico, temático e semántico.

Coincidindo co regreso as aulas no pasado mes de setembro, abrín unha nova etapa na que pretendo ir recuperando devagariño o espírito de hai unha década onde os blogueiros do blogomillo ensaiabamos as posibilidades de escritura de hipertextos en galego, como un xeito de construír espazos navegables utilizando palabras, imaxes e sons. Coa intención de continuar ensaiando a potencialidade comunicativa hipertextual e o seu aproveitamento didáctico, coincidindo co ano novo abrín a sección «Hipertextos», na que publicarei anotacións breves enriquecidas coas diversas utilidades hipertextuais.

Diante do retroceso que supuxo a escritura plana de Facebook e dos fíos de Twitter (sen enlaces nin accesos directos de busca), a hipertextualidade e multimodalidade reflexiva dos blogs permiten a identificación de sitios web, personaxes ou contidos relevantes na rede. Máis aínda cando se está configurando diante dos nosos ollos unha nova web macromedia, deseñada para ser consumida nas pantallas dos teléfonos e taboíñas, unha tendencia con presenza aínda cativa en galego, coas excepcións dalgúns contidos promovidos polo portal culturagalega.org, por Praza e sobre todo por esa marabilla recente que é Vinte, onde enxergamos un futuro que xa é presente.

Tras case tres lustros gozando do privilexio de contar con persoas incondicionais, que len, comentan e comparten estas brétemas, continúo acreditando en que os blogs son os portos máis seguros dos actuais soportes dixitais, tanto polas posibilidades comunicativas e creativas que ofrecen as súas utilidades como polas facilidades de acceder ao seus contidos. A miña gratitude a todas elas. Seguimos.

Onte 2002: «Tiempo después»

Baixo a aparencia dunha comedia distópica, ambientada no ano 9177 e localizada entre unha torre monumental, onde hai unha representación de todo, e unha fraga, onde malvive o exército de parados, José Luís Cuerda ofrece en Tiempo después unha sátira melancólica e feroz do capitalismo actual. Atrevida na súa concepción surrealista e clásica no formato narrativo conversado, Cuerda aproveita os recursos desta dialéctica (outros dirán que a ironía que destila na súa conta de Twitter) para arrear duro a este tempo de conformismo abafante dunha monarquía do rei de bastos, dunha esquerda desarmada ideoloxicamente e dunha mocidade diletante a velas vir. Unha sátira que moito se agradece polo que ten de transgresora e de politicamente incorrecta, mais que Cuerda non consegue pechar de todo como relato. En todo caso, abonda coa atmosfera corrosiva creada polo admirado mestre e por algunhas interpretacións brillantes dos cómicos que o apoian neste bulir coral.


 

Onte 2001: «A chave das noces» de Xabier P. DoCampo

Despois de trinta anos onte relín A chave das noces, a novela negra de Xabier P. DoCampo, felizmente recuperada hai unhas semanas por Xerais para a  colección Fóra de Xogo. E abofé que a novela negra do mestre Xabier non perdeu nin unha miga da súa frescura nin sequera a actualidade dunha trama oitenteira localizada nunha cidade portuaria (non é difícil imaxinar que se trata da Coruña), na que os contrabandistas de medio pelo comezaban a mudar o tabaco de batea pola heroína e a trata de mulleres estranxeiras  nos clubes de alterne dos arrabaldes constituía unha forma de escravitude. Actualizado apenas á normativa ortográfica vixente (en decembro de 1987 fora editado por Vía Láctea na de «mínimos»), o trepidante relato protagonizado por Mauro, o mociño motorista que traballa para a axencia de detectives «Nacho», mesmo a pesar da súa esaxerada facilidade para resolver as diferenzas a labazadas, flúe nas mans do lector coma a auga para beber, anunciando na súa traballada facilidade o que sería unha das marcas do narrador chairego.

Sei da querenza que Xabier conservaba por esta novela valente, que acordaramos recuperar hai varios anos, na que afondaba nas convencións do xénero negro, desde a aparición dun cádaver no porto, que interrompe as investigacións rotineiras dun detective privado canalla, pasando pola súa disposición a repartir e recibir, se fose inevitable, uns cantos lapotes de máis, até a súa intención de denunciar a dor das vítimas de tantos abusos machistas e violencias varias. Unha novela pioneira na narrativa galega dos oitenta, cando esta intentaba ampliar os seus públicos frecuentando os xéneros da literatura popular e de intriga. Un proxecto de novela negra en galego iniciado por Xosé Fernández Ferreiro con Corrupción e morte de Brigitte Bardot (Xerais, 1981) e por  Carlos G. Reigosa con Crime en Compostela (1983), que DoCampo moderniza de forma moi consciente con A chave das noces, tentando abrir unha xanela no interese do público mozo, como pouco máis tarde farían tamén Ramiro Fonte, Manuel Forcadela, Román Raña, Bieito Iglesias ou Aníbal Malvar, autores destacados da novela negra galega de fin de século. Recomendo moi vivamente A chave das noces, novela que sei moito vai sorprender ás novas xeracións de lectores e lectoras do noso xénero policial pola súa axilidade e pola contundencia da súa denuncia social. Parabéns a Xerais por esta edición, que abre unha nova etapa na veteran colección Fóra de Xogo, que renova de forma mi atractiva deseño de cuberta e interiores.