Onte 1071: Outono literario

outono_literarioEmulando a famosa «Rentrée literaire» francesa, anunciamos onte as primeiras novidades do outono literario de Xerais. Recuperamos así as rotinas da promoción e a ilusión pola aparición nas librarías de novos proxectos, algúns tras moito tempo de de traballo autoral e de edición do noso equipo, como o Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato, coordinado por Xosé Cid Cabido, a novidosa serie «Formig4s» de Pere Tobaruela e Andrés Meixide ou o libro sobre Los Suaves que preparou Javier Domínguez para a serie Extramuros. Anunciamos tamén a prometedora colleita dos Xerais 2014 de Ledicia Costas, María Reimóndez e Eduardo Santiago; o regreso aos andeis das narracións de Suso de Toro, Jorge Llorca, Xabier Quiroga, Carlos Reigosa; así como as novas entregas das series xuvenís de Jaureguizar e Anxo Fariña. E no mes de novembro aparecerán novos títulos de Diego Ameixeiras, Manuel Portas, Carlos Callón, Marilar Aleixandre, Xosé Ramón Pena, Xosé Tomás… As nosa angueiras continúan sendo procurar a excelencia nun catálogo dirixido a públicos diversos e visibilizar as nosas publicacións na libraría e nos diversos espazos de comunicación cultural. Comeza, pois, para nós, a campaña de outono.

Onte 1070: Na época da mentira

TC00238901O filósofo Carlos París morreu o pasado mes de xaneiro. Deixou sobre a mesa do seu estudio as probas de En la época de la mentira no que recolleu as súas conferencias de apertura do curso como presidente que foi do Ateneo de Madrid. Tras a revisión realizada por Lidia Falcón, a súa compañeira, a editorial Tecnos pechou unha obra que supón unha síntese da lucidez do pensamento crítico de quen fora catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago en 1951, con apenas vinte e seis anos.

A mentira converteuse para o autor de Ética radical na estrutura que vertebra a nosa sociedade, un fluído capaz de disfrazar a arbitrariedade e vontade do poder baixo o manto dunha retórica ilustrada, a arma máis poderosa coa que contan os gobernos actuais para enganar aos seus pobos. Estamos afeitos a que os nosos gobernantes, fachendeando de realismo, xustifiquen que non son realizables outros mundos mellores, mais non teñen reparo en converter a miseria e a catástrofe no óptimo do factible. A mentirá é así o procedemento que avala as políticas económicas do FMI e Banco Mundial, as institucións que impoñen os ditados dun capitalismo cada vez menos produtivo e máis especulativo e financeiro, que provoca un aumento de vertixe das diferenzas de clase. A mentira xustifica tamén as actuais guerras económicas, violando a xustiza e a legalidade internacional, ao tempo que arrebata o coñecemento da historia recente e da súa verdade.

Como fixera Calvino coas súas seis leccións americanas, Carlos París artellou as súas seis leccións ateneístas coa intención de repasar os grandes temas filosóficos da civilización de entre séculos, dende o estado do dilema ético entre egoísmo e altruísmo, pasando polo papel dos intelectuais, até o valor da ciencia e da tecnoloxía no entorno dese estado vixía que amedrenta a súa cidadanía coa intención de fixar a súa conformidade. Especial atención dedica a analizar o papel da cultura neste contexto, integrando algunhas análises de Sennet e Bauman. Cultura que define con tres palabras: inestabilidade (sexa nas relacións humanas como institucionais), uniformidade (xa que as diferenzas se borran pola transformación do cidadán en consumidor) e infantilización (substituíndo a ficción polo escapismo do entretemento). Libro fecundo e moi útil para chantar novas raíces do pensamento crítico. Merece novas lecturas máis demoradas e reflexivas,

Onte 1069: Violencia machista

violencia_machistaAnóxame a violencia, mais indígname moito máis a violencia machista, ese terrorismo doméstico de aparente baixa intensidade, xerado nos espazos do privado, que este verán se intensificou de forma brutal en Galicia. Fronte a casos como o asasinato de Monica Lorenzo en Barro ou o tiroteo sofrido por Sonia F.D. en Chantada, requírese unha resposta moito máis enérxica ca que esta ofrecendo a sociedade galega. Xaora, combater a violencia machista require de medios e compromiso das administracións públicas para protexer de forma efectiva ás vítimas e sensibilizar a mulleres e homes de todas as idades que este é un comportamento absolutamente reprobable. Porén, non esquezamos que os colectivos feministas denuncian que os recortes están afectando ás políticas para combatela, así como tamén os efectos que, tras a retirada de competencias aos concellos, provocou o desmantelamento da rede de axuda de primeira instancia e a baixada do número de denuncias. Como tamén son moi preocupantes a influencia que sobre a mocidade actual teñen eses modelos nefastos do amor romántico que ao fin e o cabo fomentan esta violencia e maltrato. Erradicalas aínda é un reto.

Onte 1068: «O vivir en Vigo»

Tras uns días de viaxe, reiniciamos devagariño a actividade co entusiasmo da estrea dun vídeo de Pelepau, a agrupación musical viguesa que adapta temas tradicionais para voces e percursión. A pesar de que o mundo anda ben torto e ruín, diante destas imaxes ruando no Casco Vello cun ritmo cen por cen vigués, é difícil dubidar da grande fortuna de vivir na cidade de sal. O vivir en Vigo que bonito é. Si señor!

Onte 1067: A fada Oriana

fragaMentres engalamos atopo na revista do avión unha versión d’ A fada Oriana, un conto de fadas da Sophia de Mello Breyner. As fadas para a escritora portuguesa son seres da natureza nacidos da nosa capacidade para atribuir vida, vontade e intencións ao que é natural no mundo. A fada Oriana conta a historia dunha fada a quen a raíña das fadas puxo ao coidado da floresta e de todos os seus habitantes, humanos, animais e plantas. Oriana prometeulle que nunca os abanadonaría, dispoñendo a súa morada no tronco dun carballo. Ao ficar amiga dun peixe, que a convidou a contemplar a súa imaxe reflectida no río, Oriana quedou prendida e marabillada polo seu propio reflexo. A vaidade levouna a abandonar a floresta e aos que precisaban dos seus coidados. Como castigo, Oriana foi privada dos seus poderes, comezando un camiño de reparación daquel dano. Un conto de fadas, que alerta dos perigos da autocompracencia, na que con tanta facilidade caemos.

(Entre Porto e Amsterdam).

Onte 1066: Volver ás librarías

Screen-Shot-2014-0614444-12-at-6.17Mentres continúa «a guerra mundial da edición» entre Amazon e Hachette Book Group, cuxo episodio máis recente foi a carta de novecentos autores propoñendo á distribuidora de Bezzos que retirase o seu boicot ao editor, que consideran tamén «unha represalia selectiva» sobre os autores, aparecen nos Estados Unidos iniciativas de promoción das librarías como alternativa á hexemonía monopolista do xigante da distribución en internet. Até onte non reparara nun simpático artigo publicado no pasado mes de xuño pola revista Esquire (cultura, lecer e tendencias) no que propón ao seu lectorado que se atreva a deixar Amazon e volver frecuentar as librarías independentes. O xornalista, Stepen Marche, ao que non lle falta o humor, emprega un chisco de retranca, para propoñer con toda claridade: «se puideches deixar de fumar, podes deixar Amazon sempre que se sigan estes catro pasos». Un camiño que resumo moi libremente do seguinte teor. Primeiro: «colle o tempo preciso para acudir a unha libraría»; «pasar unha hora nunha libraría curioseando é un auténtico pracer». Segundo: «non leves un título na cabeza, aproveita a estancia na libraría para mercar algo que te chame alí a atención». Terceiro: «fala cos libreiros que son bos lectores e saberán recomendarche»: Cuarto: «déixate sorprender, á libraría cómpre ir abertos para nercar títulos e autores descoñecidos, deixarnos seducir por unha palabra ou por unha cuberta…» Consellos que por coñecidos nunca está de máis lembrar. No marco da crise do libro galego, que nun artigo en Sermos Galiza o editor Francisco Castro considera crítica, cómpre facer convites e chamamentos atractivos coma este de Esquire para volver ás librarías ou ás feiras do libro, como a que hoxe se inaugura en Viveiro.

Onte 1065: #Lovewithoutlocks

lovewithoutlocks

Preocupado polo peso dos cadeados sobre as barandas do Sena, o concello de París propón aos namorados substituír os cadeados por selfies que poden subir a un páxina de internet. O que máis me gusta da iniciativa é o hastag #lovewithoutlocks, un lema para rematar coa ilusión do amor eterno, das amantes encadeadas. O amor sen cadeados é unha proposta a promover e popularizar con intensidade entre o público xuvenil, como xa hai pouco comentabamos aquí. Sei que un concello, nin sequera o de París, cuxo turismo está alicerzado sobre o mito de «cidade do amor eterno«, pode rematar co mito do amor romántico, presente en toda a ficción e música actuais que establecen a súa poderosa e silenciosa ditadura sobre a nosa mocidade. No entanto, sexan benvidas todas as iniciativas que axuden a superalo, a substituílo por modelos de amor xuvenil alternativos, baseados na igualdade, liberdade e solidariedade entre as amantes. Por suposto, #lovewithoutlocks.

Onte 1064: Día da biblioteca en twitter

biblioteca_twitter

Seguín onte o Día da #biblioteca en twitter. Unha xornada na que os profesionais das bibliotecas insistiron no reto de defender o acceso á biblioteca pública como dereito da cidadanía fronte aos recortes brutais nas súas dotacións e persoal, así como fronte os efectos que sobre as bibliotecas municipais suporá o canón bibliotecario vixente dende hai apenas uns días. Retos aos que eu engadiría os de artellar un modelo de préstamo de libro dixital (un debate moi complexo, que se está dando a nivel internacional, aínda non resolto), como un sistema máis eficaz que permita adiantar sensiblemente a chegada de todo tipo de novidades editoriais en galego (tamén as de poesía, teatro e ensaio, que adoitan quedar fóra do actual sistema). No proceso actual de hibridación e crise de todo o sector do libro, a biblioteca pública debería transformarse en porto seguro, facilitadora dun modelo de lectura interxeracional e multisoporte, espazo de dinamización da cultural local, instrumento compensador de desigualdades e activadora de novos emprendementos. Nunca insistiremos abondo na necesidade de apostar polas bibliotecas e as políticas públicas de lectura.

Onte 1063: Taboleiro de lectura

Lectura _pinterest_11-08-2014

A lectura é unha actividade que singulariza ao ser humano. Na lectura está o ADN que nos define fronte a outros seres vivos. Hai tempo que esa singularidade tratou de ser recollida nas artes plásticas. Son milleiros e milleiros as composicións pictóricas ou fotográficas do lector ou da lectora enfrontándose en soidade ao libro, nos espazos máis diversoas, nas situacións máis orixinais, nas posturas máis complexas. Como tamén son moi numerosos os esforzos por definir esta actividade coa maior precisición e beleza ou promovela publicitariamente na sociedade por medio de carteis e outros reclamos como un hábito saudable para o conxunto da cidadanía. Eis as razóns que me levaron, emulando o gran traballo da pinterista Pilar Ponte,  a comezar a reunir algunhas destas pezas dispersas pola rede adiante. Un afán para o que os taboleiros de Pinterest son moi útiles pola súa facilidade para buscar tematicamente e para compartir con outros coleccionistas, sen esquecer a súa grande utilidade como recurso didáctico dixital. Onte foi unha boa amiga, tamén grande pinterista, a que me agasallou cunha desas imaxes marabillosas, o que me levou inevitablemente a aquelar un chisco máis o meu taboleiro de lectura. Unha angueira que continuaremos.

Onte 1062: Marisquiño

O Marisquiño convertiuse no acontecemento que convoca máis xente no verán vigués. Pouco importou este ano que o tempo non acompañase, mais era impresionante a cantidade de rapazada de aquí e tamén de acolá convocada durante a tarde e noite de onte a participar nestas actividades deportivas, musicais e de festa rachada. Ben sería que para a vindeira edición, canto menos durante as tardes e as noites, o concello pechase o tráfico en todas as avenidas e no entorno da praza de Compostela, como xa fixo o domingo pasado durante a procesión do Cristo. Sen tráfico o Marisquiño quedaría moito máis desafogado e vistoso.

Como ben sería que un acontecemento internacional no que se inviste unha importante cantidade de cartos públicos por parte de tres administracións, o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, fose máis respectuoso coa utilización do galego, lingua da que onte non vimos rastro ningún nin no espazo web nin na megafonía nin na sinalética dos diversos espazos de competición. Tras catorce edicións, o Marisquiño non lle pode dar as costas ao galego, lingua que bautizou o acontecemento e lle proporciona singularidade no contexto internacional. Imaxina alguén que o acontecmento se chamase «El Marisquito»? Tería algún sentido referencial, concitaría semellante simpatía? O galego debería ser a lingua de acollida primeira para todas as persoas que nos visitan, a marca da identidade local, ese valor engadido inesquecible e agarimoso que todos van conservar cando lembren a súa estancia en Galicia. Nese intanxible da utilización agarimosa da lingua está tamén o valor e a potencialidade deste tan simpático Marisquiño.