Onte 1081: Gastrocultura galega

culturgal_2014Creo que este 2014 vai ser o ano da popularización da gastrocultura galega. O éxito dunha nova xeración de restauradores galegos que apostan pola innovación e pola excelencia, o pulo das cervexas artesanais e doutros produtos alimentarios de calidade, a incorporación da lingua galega á etiquetaxe dos nosos viños, o aumento espectacular de blogs gastronómicos e da produción de libros de gastronomía en galego (en tempos de crise editorial) son síntomas apenas de que algo se move na nosa gastrocultura. Como tamén o feito de que a Fundación Premios da Crítica Galicia, tras trinta e cinco anos de continuidade, vaia fallar o vindeiro 11 de outubro o seu primeiro premio na modalidade de «Cultura gastronómica» ou que Culturgal, a feira das industriais culturais que se celebrará en Pontevedra do 5 ao 7 de decembro, anuncie que un dos seus eixos temáticos será o da gastrocultura. Lecturas que alimentan, concertos con copa, teatro para comer, gastronomía sonora, showcooking…, iniciativas todas nas que conflúen a gastronomía e a cultura. A ter moi en conta.

Onte 1080: Manuel Rivas en Celanova



Rivas_le_asinatura_no_libro_da_casa_dos_poetas

Acompañamos a Manuel Rivas no acto de entrega do Premio Celanova Casa dos Poetas. Foi unha velada artística na que estiveron moi presentes as figuras de Curros e Celso Emilio Ferreiro, ás que se uniu a do autor d’ O lapis do carpinteiro como outro xornaleiro máis do porvir. As melodías contemporáneas de Zoar ensemble abríronlle a xanela a unha intervención absolutamente memorable de Xurxo Souto que chufou ben chufado a Rivas como «o escritor da épica dos humildes e da rebelión da realidade na procura do inefable«. No seu discurso Rivas, despois de agradecer o premio, referiuse á concepción anticipatoria da poesía de Curros, a de ver outro lado das cousas, utilizando información e emoción. Insistiu na necesidade de facer de Galicia un espazo de vida, desexo e creación, ao tempo que denunciou a situación de emerxencia da lingua, na que se cruzou a liña vermella, reclamando para a lingua «un rescate de pleno dereito, entre todos, coa intención de construír un espazo de simpatía e biodiversidade». Rematou a súa palabras Rivas convidando a brindar por un novo rexurdimento literario e popular.

Escoita a gabanza de Xurxo Souto (12 minutos).

Escoita o discurso de Manuel Rivas (13 minutos).

Onte 1079: «Operación dóce»

Operación-DulceTras Expiación, que tanta pegada me deixara, volvo a Ian McEwan con Operación Dulce, unha novela ambientada no Londres de comezos dos setenta no que se parodia as novelas británicas de espías. A pesar de que ao comezo a atmosfera da Guerra Fría e os enredos laborais e amorosos dos espías do M15 resultan aparentemente intranscedentes, a novela foime enguedellando grazas a prodixiosa estrutura deste artefacto narrativo artellado ao xeito das matrioscas, de relatos dentro de relatos. Axiña sabemos que o autor non pretende competir de xeito ningún coas novelas de Le Carré. Sen renunciar a entreter e interesar ao lector, McEwan manexa outra axenda ficcional, sitúase nun terreo ben diferente. Pretende escrutar nas fendas do amor e do engano, da honestidade e da corrupción, explorando as marxes da mentira e da traizón, que se confunden con grande facilidade coas da verdade e a lealtade. E, sobre todo, interrogando ao lector sobre os límites da propia ficción e da novela como xénero para representar unha época.

Onte 1078: 50 anos da laboral

50aniversarioSouben onte polo Galicia por diante dos actos de celebración do cincuenta aniversario da inauguración da Universidade Laboral da Coruña onde estudei interno bacharelato do 73 ao 76. Aqueles anos foron esenciais e inesquecibles na miña vida. Nunca esquecerei aquela primeira viaxe no dyane 6 con papá, un día de comezos de outubro de 1973 no que me incorporei. Paramos a tomar un café en Ordes, onde vin por vez primeira o formato actual de La Voz de Galicia. Na laboral comezou todo. Sei que alí me contaxiei da paixón por coñecer, saber e compartir, froito dun ensino de espírito franquista tan exixente individualmente como cooperativo a nivel grupal. Sei que alí xermolou a miña vocación educativa ao fío dos valores de esforzo, disciplina, (tamén de liberdade) e tolerancia que nos inculcaron a ferro e fariña. Sei que alí adquirín a paixón pola lectura, polos libros, pola música e polo cinema. Sei que foi alí onde aprendín a querer a Coruña popular, aquela que ruabamos en longuísimas camiñadas de fin de semana. Sei que alí, naquel fervedoiro de liberdade e entusiasmo, foi onde fixen miña a lingua galega e onde abracei as conviccións galeguistas e da esquerda ás que servín dende entón. Sei que alí coñecín algunhas persoas marabillosas coas que por ventura transcorridos tanto tempo manteño esa amizade e lealtade fonda que non precisa de palabras. Transcorridas catro décadas, sei que aquel grupo de melenudos do colexio Atlántico, fillos de traballadores humildes, gozamos nos anos do tardofranquismo do privilexio de recibir unha educación caracterizada polo rigor e a excelencia. Nunca o esquecerei nin terei palabras para agradecelo.

grupo Facebook Laboral nuestro curso 73-76 -op

Grazas ao compañeiro Manolo Fernández polo documentadísimo vídeo que preparou e por recuperar a primeira orla, que nos enche de saudades.

Onte 1077: Nova libraría en Pontevedra

Tras a inauguración da magnífica libraría de Espazo Lector Nobel non hai dúbida que Pontevedra, como cidade do libro galego, é boa vila e dá de ler a quen pasa. Foi o de onte un serán de ledicia no que participamos do entusiasmo da apertura dunha nova libraría no que ata hai uns meses fora o local dunha entidade bancaria. Un feito do que non tiñamos precedentes, o de que milleiros de libros ocupen o espazo antes dedicado as finanzas. Esta proeza do equipo de libreiros de Nobel racha coa tendencia de peches de librarías do que tantas veces nos lamentamos con melancolía, ao tempo que supón unha reivindicación da libraría como espazo cultural de encontro cidadán. A aposta pola presenza destacada e preferente do libro galego, así como polo fondo cultural constitúen as trabes deste ilusionante proxecto libreiro. Consolidar a tendencia de volver as librarías, tamén en Galicia, semella posible. Beizóns e a mellor sorte para Espazo Lector Nobel de Pontevedra.

 

Onte 1076: O mar interior de Prado

Aproveitando unha horiña que quedou entre xuntanzas, visitei onte Mar interior, a exposición retrospectiva da obra de Miguelanxo Prado instalada no segundo andar do Museo das Peregrinacións das Praterías. Comisariada por Fausto Isorna e producida por El Patito Editorial, a mostra de 59 pezas orixinais está dividida en dúas salas, a primeira dedicada aos seus traballos iniciais de ilustración e animación, a segunda aos protagonizados polo mar. Produciume particular emoción ver os orixinais das ilustracións de libros publicados por Xerais, dende as da edición de Retorno a Tagen Ata de 1986, pasando polas de Cos pés no aire, Contos de nadal, até as máis recentes de Fantasmas de luz. Como gustei das de Pedro y el lobo, sempre un dos meus traballos preferidos de Miguelanxo, ou da presenza fachendosa daquel Xabarín que entusiasmou a xeración de picariños galegos dos noventa. Xaora, a cerna da exposición está na segunda sala, onde se presentan algúns orixinais de Trazo de xiz de 1993, un dos títulos centrais na obra de Prado, así como os seus universos oceánicos, primeiro o da película De profundis de 2007, despois o de Ardalén, obra mestra coa que obtivo o Premio Nacional de Cómic do pasado ano. Aquí podemos gozar de todos os matices do seu universo mariño, traballados sobre o seu cromatismo lírico e o seu trazo narrativo tan característico dun contemporáneo con espírito de clásico. En ambas as dúas salas hai sorpresas e curiosidades, entre outras, algunhas edicións internacionais dos libros de cómic, os orixinais de cartelaría de festivais ou os deseños dos personaxes de Men in Black da factoría Spielberg. Mar interior constitúe un dos acontecementos culturais e literarios do ano en Galicia. Ben sería que puidese itinerar polo país adiante.

 

Onte 1075: Gómez Noya e a Región de Murcia

region_murcia_noyaO tetracampion das series mundiais de trialtón, o galego Javier Gómez Noya, contou para a súa participación co patrocinio da Región de Murcia. Así aparece na súa elástica. Por asombroso que pareza, un dos mellores deportistas galegos de todos os tempos, cunha traxectoria olímpica e internacional consolidada ao longo da década, non contou na súa elástica co apoio do país ao que pertence. Os responsables das secretarías xerais de deporte e de turismo, ambas as dúas dependentes do presidente Feijoo, deberían dar algunha explicación sobre isto. Perdeuse outra magnífica oportunidade para dar a coñecer nas televisión de todo o mundo «Galicia», «Galicia calidade», «Deporte galego» ou calquera outra marca que promocionase o país, algúns dos seus produtos ou a cultura de noso. Sorprende que a Xunta e as deputacións non patrocinasen a Gómez Noya cando se gastan millonadas en patrocinar as etapas da Vuelta España. Como sorprende a presenza do deportista acompañando ao presidente Rajoy nunha das súas camiñadas, coma se dun amigo de toda a vida se tratase. Xa temos expresado noutras ocasións a nosa admiración por Javier Gómez Noya, un auténtico home de aceiro con corazón xeneroso, un traballador extraordinario con grande fortaleza psicolóxicaun modelo de esforzo, superación e confianza nas propias posibilidades, en definitiva, un gran campión do que nos orgullamos todos os galegos. Xaora, os nosos parabéns para o ferrolán, a quen admiramos como deportista e como cidadán comprometido co seu país e coa súa lingua.

Onte 1074: Vigo Dixital

Vigo_dixital

Sempre é unha boa nova a aparición dun novo medio de comunicación, e moito máis se é en galego. Desta volta saudamos a publicación de Vigo Dixital, un medio electrónico que se publica baixo o soporte da plataforma de creación de contidos Opennemas, desenvolta polo empresa Openhost radicada en Amoeiro. No seu primeiro editorial, Vigo Dixital expresou a vontade de ser «instrumento para a comunicación popular ao servizo da veciñanza» viguesa. Un medio en internet que se comprometeu coa información rigorosa, veraz e plural, co emprego da lingua galega, así como reivindicou entender «sermos vigueses e viguesas como o noso xeito de sermos galegos e galegas en Vigo». Agradezo aos seus responsables, membros da asociación sen ánimo de lucro ALÉN – Iniciativa para a Comunicación Popular, cuxos nomes descoñezo e que non identifiquei en ningures, a entrevista telefónica que me fixeron sobre as políticas culturais e lingüísticas en Vigo. Os meus mellores desexos para o futuro deste novo medio que agardemos se consolide no entorno da profesionalización, pluralidade e independencia informativa tan necesaria na cidade de Vigo (e na súa área metropolitana), como nos medios en lingua galega.

Onte 1073: Celso na memoria

celsogrande1No trixésimo quinto cabodano de Celso Emilio Ferreiro procuro de novo o relato das súas derradeiras horas nas páxinas dos seus biógrafos. Coinciden tanto Nicolás como Porteiro e Perozo que foi un pasamento repentino. Aquel xoves, caloroso en Vigo, xantara co cantor Suso Vaamonde, e co seu irmán Luís, que lle agasallara un exemplar de Limiar, o seu álbum no que incluira o poema homónimo de Ferreiro. A primeira hora da tardiña tomara café no Cosmos, a cafetaría da rúa Marqués de Valladares, co pintor Abreu e co xornalista Xosé Antonio Perozo, que pouco despois o acompañaron a súa casa da avenida de Castrelos. No serán, Celso sentiuse mal, sentindo unha grande opresión no peito, polo que decidiu deitarse un rato antes de cear con toda a familia para celebrar a noticia do próximo casamento do seu fillo Xosé María. Celso confesáralle a Moraima que «hoxe non teño acougo». Antes da medianoite chamou polos seus, mais caeu fulminado diante deles. O médico cando chegou só puido certificar o falecemento por «hemorraxia cerebral». Días antes, segundo relata Ramón Nicolás, Celso agasallara a Moraima dous poemas manuscritos, «A noite» e «Abril 72», que ela levaba no bolso e nos que agora identificamos a morte presentida e a derradeira e apaixonada declaración do poeta amante:

«Todo navegante ten un tempo
no reloxio das horas implacables
que marcarán o tempo do naufraxio.
Alerta, capitán:
Por sotavento achégase o trebón.»

Trinta e cinco anos despois, Celso Emilio Ferreiro continúa «enversado» (como a el lle prestaba dicir) en milleiros de lectores e lectoras de diversas xeracións, cantado en ducias de linguas ao son dos ritmos máis diversos. Celso Emilio Ferrreiro, poeta do pobo, sempre na memoria de noso!

Onte 1072: Nemancos

cabo_vilano

Percorremos onte algúns dos vieiros das terras de Nemancos, entre os concellos de Muxía e Camariñas, espazo literario lópez abentiano no que Xosé María Lema desenvolveu algunhas escenas memorables da súa Costa de Solpor. A pesar da fortísima ventada e de abraiarnos coas dimensións da piscifactoría da norueguesa Stolt Sea Farm, pagounos moito a pena a visita ao Faro Vilán e ao seu aqueladiño centro de interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimas da Costa da Morte. Como tamén foi ben proveitosa a paradiña en San Xulián de Moraime, impresionante igrexa do século XII, unha das tantas alfaias pouco coñecidas do románico, onde conversamos cunha veciña sobre o que foi o mosteiro e o cárcere onde gardaba as súas ovellas. Despois dun xantar monográfico de froitos do mar, procuramos o acougo e unhas horas de lectura na praia do Lago, unha marabilla natural que por ventura conserva o seu espazo intermareal atlántico. Ao regreso, probablemente para desfacer ideas prexuizadas, en Quintáns, na parroquia de San Martiño de Ozón, parounos na estrada unha manda de vacas, demostrando que a de Nemancos, é tamén terra gandeira. Unha xornada nemanquina ben aproveitada, si señor!