Onte 2064: «Non hai espellos nos manicomios», a autobiografia de superación de Antonio Tizón

Non hai espellos nos manicomios. Antonio Tizón, biografia dunha superación from Arraianos Producions on Vimeo.

Antonio Tizón agasalloume onte un exemplar de Non hai espellos nos manicomios (Arraianos Producións, 2019), o libro que forma parte dun proxecto multimedia de edición estendida arredor da súa propia biografía. Dirixido e coordinado por Aser Álvarez, con banda sonora orixinal de Miro Casabella e montaxe audiovisual de Antonio Ramos, o proxecto constitúe un percorrido pola biografía de Antonio Tizón, que padece trastorno bipolar dende hai case corenta anos. Un proxecto de edición multisoporte, que mestura a impresión en papel e os contidos web (literarios, músicas e audiovisuais), algo aínda pouco frecuente no sector editorial galego, concibido como un achegamento á doenza mental dende o ámbito artístico e cultural e coa intención de ser utilizado na sensibilización social sobre esta cuestión.

A proposta literaria ten a súa cerna nun poemario aberto á hibridación de diversos medios de expresión, que dan paso a unha impactante autobiografía na que Tizón confesa a súa experiencia con esta doenza crónica dende a súa primeira crise en Madrid no 81, un terrible brote psicótico no que quedou mudo por completo, en silencio absoluto, perdendo mesmo a esperanza e o contacto coa realidad, o que levo a ser internado nun manicomio, até que trinta e catro meses despois regresó daquel inferno provocado pola mordida da loucura.

Como fixera nas súas novelas, A antesala luminosa (Xerais, 2015) e Un home estraño (Xerais 2018), Tizón concibe o seu novo proxecto creativo cunha intencionalidade sociopolítica e un valor terapéutico, consciente de que é a súa responsabilidade termar da súa biografía como doente crónico dun trastorno bipolar. Faino de forma valente unha veces valiéndose da poesía e outras relatando con crueza a súa propia experiencia. Aser consigue así un retrato humano de superación moi valioso e emocionante, concibido como relato da recuperación, normalización e integración do xornalista e escritor, o que axuda a desmitificar a doenza mental, a razón de ser de todo o proxecto.

Mención especial no desenvolvemento do proxecto merecen o traballo musical de Miro Casabella, con algún temas memorables como «Euforia, maldita euforia», e o visual a cargo da pintora Mari Quinteiro, a compañeira de Antonio, como a coidada realización fotográfica de Antonio Ramos, imaxes que enriquecen o proxecto multisoporte. Parabéns a Tizón e aos produtores por un dos proxectos de edición máis orixinais, coidados e socialmente valiosos que coñecimos en galego nos últimos anos.

Onte 2060: «Dez gatiñas viaxeiras» de Eva Mejuto e Víctor Rivas

Cando se xuntan os talentos de Eva Mejuto, unha experta en álbum ilustrado (velaí os seus xa clásicos como Maruxa), e de Víctor Rivas, un dos ilustradores galegos internacionais máis agudos, non é estraño que ofrezan unha marabilla como Dez gatiñas viaxeiras (Xerais 2019). Utilizando a estrutura dun conto tradicional acumulativo decrecente e textos rimados, o que permite unha doada memorización, propoñen ás primeiras lectoras unha viaxe en furgoneta pola Galicia enteira, dende o monte de Lestrobe até a Illa de Ons, pasando por Trives, a Muralla de Lugo, ás videiras do Salnés, o teatro de Ourense, o tráfico de Vigo, e o acougo da illa de Ons, onde viaxan cada unha das gatiñas.

Un texto para contar, cantar e memorizar, que incita a unha lectura visual detallada na procura de informacións gráficas agochadas, o que a transform nun xogo de identificación e procura de diferenzas. Aventúrolle  a este álbum un éxito rotundo. Recomendo que pola súa utilidade didáctica e a orixinalidade da proposta de coñecer o país non falte en biblioteca de aula ningunha de Educación Infantil.

Onte 2058: As acuarelas de Vigo de Eduardo Baamonde

O pintor Eduardo Baamonde continúa desenvolvendo un dos proxectos máis singulares na actual edición galega, a dos cadernos de viaxe das cidades e vilas galegas. Editados por Almacéns de Fábula e impresos con agarimo na imprenta Lar de Viveiro, Baamonde leva publicados sete volumes apaisados de coidada encadernación acartonada nos que fai un percorrido en acuarelas polas pezas principais do patrimonio arquitectónico, así como de estampas populares ou recantos menos coñecidos que conservan enxebreza e carácter xenuíno de Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, O Salnés, A Coruña, Lugo e Vigo. Unha colección que se engade a outros cadernos de viaxe anteriores dedicados a Cambados, Sanxenxo e Vilalba, entre outros.

No caso do caderno de acuarelas de Vigo, Baamonde ofrece un paseo polo Vigo Vello (2018), no que están moi logrados algúns recantos da cidade en socalcos, como os da Praza do Peñasco ou a Fonte da Barroca; como tamén algúns edificios pétreos do ensanche extramuros ou de espazos portuarios e industriais. Un álbum que enriquece de forma moi singular a bibliografía viguesa co xénero clásico da edición de viaxes.

Mención á parte merece o traballo memorable de Baamonde como ilustrador do libro de Isabel Parreño Pena Postales de New York publicado por Edicións del Viento.

Parabéns a Eduardo Baamonde polo súa ollada de artista e pola súa teimosía como editor.

 

 

 

Onte 2053: «Libro dos manifestos» de Manuel Rivas

Volvín da xuntanza do padroado da Fundación Luzes lendo no Libro dos manifestos (Luzes, 2019) de Manuel Rivas. Un volume no que se reúnen os textos editoriais publicados na revista Luzes, que Rivas codirixe con Xosé Manuel Pereiro, dende a súa aparición en decembro de 2013. Depósitos de esperanza vibrantes,  chamadas contra a adversidade en tempos de desacougo. Manifestos dun xornalismo que se reivindica como un ben común, que nin mente nin domina, partilla a información, conta o que non se adoita contar, e faino con vontade de estilo. Rivas ofrece así un dos seus volumes de opinión política máis compactos, no que sempre aparece o estrelampo da retranca, a lucidez dos seus paradoxos (velaí a súa reivindicación da saudade do porvir) e súa inesgotable erudición lectora, como os mananciais máis limpos de argumentos e razóns.

Textos todos nos que identificamos un ganduxo sutil  que reivindica o xornalismo como unha aventura da liberdade, capaz de contribuír a crear espazos de esperanza e memoria para a cidadanía, para recuperar o alento necesario para unha nova época de cambio profundo da cultura política. Ou roubándolle as palabras a Rivas, do que fala este libro dos manifestos é do corazón do porvir, «alí onde se aniña o lugar da memoria, onde é a raizame que terma da esperanza na intemperei, o levedo que fai fermentar». Un libro cen por cen Rivas. Paga a pena colocalo a man na nosa biblioteca.

Onte 2052: «Carrusel» de Berta Dávila

Deixoume abraiado Carrusel de Berta Dávila, o primeiro libro que lin no que vai de ano. Este premio García Barros 2019 de novela é unha auténtica peza de ourivaría, tanto pola fluidez e beleza hipnótica dun relato de autoficción como pola afouteza da escritora compostelá para abordar con naturalidade temas tan complexos como a doenza mental, a convivencia coa dor, o oficio da escritura como peneira da realidade, a maternidade ou a perda de persoas moi queridas. Berta Dávila emociona con retratos familiares impresionantes como os da avoa Úrsula e do tío Carlos ou con páxinas memorialísticas onde o íntimo se verte no crisol de ouro do literario. Un libro que cando o rematas convida a ser iniciado. Máis non se pode pedir. Velaí a experiencia lectora deste carrusel, a vida implacable que nunca se detén, o xogo do círculo e a súa imposibilidade de mirar atrás. Recomendo esta novela memorable. Beizóns, admirada Berta!

Onte 2047: «Vigo, puro milagre», presentación na EMAO

Comparto algunhas fotos da presentación de Vigo, puro milagre o pasado venres na EMAO. A miña gratitude a Rafael Ojea, Fran Alonso e ao cento de amizades que me arrouparon co seu afecto e co seu tempo nunha xornada para min inesquecible. Beizón.

O que arde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar O que arde, o filme memorable de Oliver Laxe:


A estrea en vinte salas galegas do filme O que arde de Oliver Laxe coincide co segundo aniversario dos incendios que puxeron en perigo a coroa vexetal da área metropolitana viguesa e provocaron dúas vítimas mortais en Chandebrito aquel fatídico domingo, 15 de outubro de 2017. Unha coincidencia fortuíta que convida a compartir esta extraordinaria película, protagonizada por Benedita e polo seu fillo Amador, mais tamén a reflexionar sobre o sucedido tras aquela vaga incendiaria e sobre as promesas e compromisos para mudar a política forestal.

Recoñecida co premio «Un certain regard» do Festival de Cannes 2019 ­–un certame onde Laxe xa fora premiado en 2010 pola súa opera prima, Todos somos capitáns, localizada nun centro de menores de Tánxer, e onde volveu ser recoñecido coa súa segunda longametraxe en 2016, Mimosas, gravada no Atlas marroquí– dende a primeira até a derradeira escena O que arde é unha película impresionante de beleza estarrecedora, onde os montes dos Ancares galegos son considerados non só como unha paisaxe marabillosa se non tamén como outro protagonista máis da narración. Velaí ese comezo inesquecible, no que o espectador asiste atónito a caída de altísimos eucaliptos, arrasados por unha escavadora, ao ritmo dun andante de Vivaldi, como da sobrecolledora batalla final que contra o lume libran os afoutos bombeiros forestais, filmada de forma documental e case heroica por Oliver e polo seu director de fotografía, Mauro Herce, de xeito que conseguen facer sentir na sala escura o latexo da terra ferida e a violencia do lume incontrolado.

Xaora, O que arde é unha historia familiar do regreso a casa de Amador, un pirómano que volve do cárcere e non quere ser axudado nin confesar o que sinte nin pensa. Un relato contado apenas por elipses visuais, por diálogos esenciais e longos silencios, rotos por frases chave, como esta de Benedita: «se provocan sufrimento é porque sofren». Narración inzada de momentos de tenrura e compaixón a carón da cociña de ferro, ou outros lírico-simbólicos, como esoutro da Benedita abrigada do ballón na cortiza dun castiñeiro, marcas narrativas dun director obsesionado en toda a súa filmografía en afondar no máis recóndito da dignidade humana e na súa relación íntima coa natureza.

Definido por Laxe como un «melodrama de bágoas contidas», O que arde retrata un mundo que morre entre a dignidade dos humildes sen renunciar a perpetuar a beleza desa Galicia aldeá agonizante. Como fixera tamén a redondelá Diana Toucedo en Trinta lumes (2018), Laxe filma como membro dunha tribo en vías de extinción identificando as pegadas na memoria das vivendas e nas cortes, como se se tratase dun fantasma sen recambio demográfico nin produtivo, fenómeno que algúns xa chaman o «holocausto rural de Galicia», estudado nun ensaio recentísimo, A morte de Galicia (Xerais 2019), volume de lectura moi aconsellable, coordinado polo historiador Isidro Dubert.

O que arde non pretende ser unha tese sobre a problemática incendiaria en Galicia, máis alá da animadversión do director pola presenza invasora do eucalipto sobre o territorio e das talas sobre as que axexa o propio Amador cando acompaña as vacas. Con todo, Laxe deita unha ollada sobre o fenómeno dos pirómanos chea de tolerancia, quizais para salientar así a ausencia de medidas políticas sobre os intereses arredor do sector forestal en Galicia, sobre a propiedade do monte, o devalo demográfico ou do propio cambio climático, que tamén forman parte das causas desta noxenta industria do lume en Galicia.

O que arde é un filme sobre xente rota, que ama e sinte dor en silencio. Unha película conmovedora e emocionante, capaz de abrir conciencias e corazóns no seu intento de representar sen renunciar a beleza a extinción da cultura tradicional da Galicia de montaña. Unha película que, ademais, obriga a repensar as políticas forestais que provocaron catástrofes como a lembrada en Chandebrito e preguntarse se dende entón mudaron, se se puxeron en marcha máis medidas de prevención, se as zonas devastadas foron limpadas e comezaron a ser repoboadas, se foron mobilizados os predios abandonados e incorporados ao banco de terras para ser cultivados..

Esta inquedante película en lingua galega de Oliver Laxe,  demostra que aínda existen fendas na industria para ofrecer un cinema de autor sen aditivos de azucre nin conservantes de saudade. Tras unha década de traxectoria, tras tres longas premiadas en Cannes, aquel Oliver Laxe, que nos descubrira o crítico Martin Pawley en 2008 na curta París#1, coa que o director coruñés pretendía responderse á pregunta que é Galiza, é hoxe unha das figuras europeas indiscutibles do cine de autor. Vaian ao cine a compartir a emoción deste cume do cine galego, hoxe unha das expresións máis punxentes da cultura na nosa lingua.

Onte 2045: «A nena, o monstro e o mar», o regreso dos contos de Leopolda Diéguez

Entre as novidades do verán non me pasou desapercibida A nena, o monstro e o mar de Teresa González Costa, a segunda historia relatada por Leopolda Diéguez. Como a primeira desta serie, Fred Quincalla, o nómade do mar, esta novela infantil ofrece a voz singular desta contadora xenial, viaxeira e facedora de artes máxicas, acompañada de Gran Gogol, o seu paciente compañeiro, que esta vez escoita o que lle sucedeu á nena que quería chegar ao mar. Unha aventura, non exenta de perigos, xa que o monstro construíu un muro coa intención de que a auga salgada nunca volvese a aquela cidade, que obriga á protagonista a facer un itinerario procurando respostas para cada unha das súas preguntas (unha atinada imaxe da construción do coñecemento). Un recurso da narración de tradición oral que a escritora do Grove actualiza afondando na compoñente fantástica e máxica e introducindo o relato alegórico (eis ese conto dentro do conto, a historia de Amair Tala, toda unha homenaxe a nubeiros e tronantes).

Teresa González Costa sempre sorprende, tanto no desenvolvemento dos seus argumentos, inzados de imaxinación e de reviravoltas para os seus numerosos personaxes ,que aparecen e desaparecen da escena, como na construción complexa das novelas como na creación de ambientes cun puntiño onírico, poético e culturalmente refinado (aquí dálle o protagonismo á música de jazz). Elementos que proporcionan a todas as súas obras, tanto as novelas como as pezas dramáticas, un recendo cosmopolita cargado  de memoria familiar. Xaora, aquí o mar volve a constituírse en protagonista dunha novela que fala da identidade, da memoria, máis tamén da indiferencia, do egoísmo capitalista e da irresponsabilidade colectiva de estragar o que constitúe un patrimonio da humanidade.

A nena, o monstro e o mar é un libro que se propón como conquista para lectores e lectoras expertos de oito anos en diante, amosando que a nosa literatura infantil non renuncia a outorgarlle protagonismo a estes libros iceberg. Parabéns a Teresa por ofrecer outra novela tan singular e probablemente contra corrente, capaz de sacar aos seus personaxes da Torre dos Aristocráticos e Espantosos Castigos e lonxe de calquera intención didactista suscitar ao lectorado tantas preguntas como flores nacerán na area da beiramar. Brava, Teresa!

Onte 2044: «Lúa en Ningures» de Beatriz Maceda

Estes días de vergonzosa peregrinaxe do Open Arms pola costa de Lampedusa, volvín ler Lúa en Ningures, a estremecedora novela infantil de Beatriz Maceda, ilustrada por Laura Veleiro. Na tradición de narrativa antibelicista galega de obras  como Valados (Xerais 2009) de Agustín Fernández Paz ou O valo de Carlos Labraña (Xerais 2017), como do libro libro antolóxico Educación e paz III. Literatura galega pola paz (Xerais 2008), coordinado polo inesquecible Suso Jares, Beatriz Maceda ofrece unha narración plena de matices sobre a problemática das persoas refuxiadas en tempo de guerra e, en xeral, das migracións no tempo actual. Sen acudir a localización xeográfica ningunha nin a referenciar conflitos bélicos concretos, Maceda afonda no estrañamento e na tráxica precariedade na que son obrigadas a vivir  oito mil persoas refuxiadas, boa parte delas menores, en Ningures, un campo internacional xestionado por unha ONG.

Vidas esnaquizadas, como as da familia de Lúa, a rapaciña narradora, obrigada a abandonar o fogar con apenas tres cousas, a súa caixa de pintura, unha edición d’ O principiño e o paquete que lle metera o seu avó no peto. Vidas para as que non semella existir a esperanza, que non contan con nada ao que poder regresar, vítimas doadas para as infeccións e para as penalidades de veráns e invernos severos, mais que sen embargo serán capaces de reconstruírse mercede os vimbios solidarios das palabras como «solidariedade» e «dignidade» que vividas alí poden adquirir un significado grande, que era imposible abarcar coa vista. Vidas que poden volver enxergar as estrelas grazas á lectura, as artes da ilustración ou da propia edición de libros cartoneiros.

Fronte á desolación de vidas rotas, na máis xenuína tradición exuperyana, Maceda conta a ledicia e a esperanza posibles, para o que se vale dun monllo de fragmentos aprendidos por Lúa de memoria d’ O principiño, libro co que dialoga de forma tan natural como deliciosa: «O que embelece o deserto é que esconde un pozo en calquera parte». Lúa en Ningures é unha novela pioneira na literatura infantil galega, tanto pola súa temática política como pola súa proposta artística, presente tanto no texto de Maceda como nas magníficas ilustracións de Laura Veleiro.

A centralidade do valor da narrativa debuxada como xeito universal de contar ou da expresión do graffiti presentes no texto insírese na atmosfera visual creada por unhas ilustracións cuxos fondos xeométricos proporcionan á obra un contexto alternativo, homenaxeando á cultura mediterránea e ás novas expresións das artes urbanas. Obra moi a ter en conta en calquera catálogo de lecturas inclusivas e de educación para a paz, non pode faltar en ningunha das nosas bibliotecas escolares. Parabéns a Beatriz Maceda e Laura Veleiro por libro tan valioso.

Onte 2043: «Conta nove estrelas» de Andrea Maceiras

Entre a máis que excelente colleita da colección Merlín no que vai de ano, destaca Conta nove estrelas de Andrea Maceiras, a novela infantil que mereceu o Premio Lazarillo 2018.  Tras dúas grandes novelas xuvenís, Europa Express (2015) e O que sei do silencio (2018), Maceiras amosa nesta obra de ficción científica a súa versatilidade e habilidade para abordar todo tipo de temas e subxéneros, o que a confirma como unha das grandes narradoras da súa xeración. Despois dunha experiencia de lectura engaiolante e aditiva, aventuro que esta novela de imaxinación desbordada sobre a aceptación da diferenza e a conquista dos valores da tolerancia, entre outros temas da formación do criterio moral, ambientada nunha sociedade intergaláctica, hipercomunicada, hipertecnolóxica e hiperregulada, está chamada a ser unha das obras máis representativas da literatura infantil do noso tempo.

Quepi, a heroína protagonista, é diferente á calquera dos habitantes do afastado planeta Dot da luminosa Galaxia OMA, o universo onde vive co seu irmán Udai e o seu avó Acasi. Quepi é única e singular, xa que ten o cabelo e os ollos da cor turquesa das rusgalias; posúe, ademais, a capacidade de comunicarse coa natureza até confundirse totalmente con ela. Afouta e atrevida é capaz de agochar un bobó, un animal prohibido cuxa saliva corrosiva destrúe todo o que toca, desafiando o cumprimento das Tres Normas Inquebrantables impostas polo seu avó: ser invisible, permanecer en silencio e agardar a que caia o tenue Sol de Sibi.

Nun espazo de ficción coidado con todo detalle, como corresponde ao xénero, Maceiras constrúe unha aventura preciosa, que non dá tregua ao lectorado, protagonizada por dous irmáns na procura dun futuro mellor,  identificado coa posibilidade de observar no firmamento A Estrela Dormente. Unha viaxe intergaláctica, a velocidades supersónicas, que os obrigará a superar probas, afrontar perigos e arriscar as súas propias vidas. En definitiva, a aventura como viaxe iniciática de aprendizaxe e superación.

Escrita con grande vontade de estilo, a prosa flúe coma a auga limpa –como lle gustaba dicir ao mestre Agustín Fernández Paz– Andrea ofrece unha das súas novelas máis logradas e atractivas. É unha beizón atoparse cunha escritora en lingua galega en plena madurez estilística e creativa capaz de atreverse con proxecto tan complexo como é  crear un universo alegórico cheo de matices onde abordar as cuestións esenciais da condición humana. Novela de formación e de aventuras contribúe tanto á educación literaria como ao debate sobre valores fulcrais sobre os que artellar unha convivencia actual e futura. Alédome moito da publicación da súa tradución ao castelán, o que sei ampliará considerablemente o lectorado dunha das nosas autoras infanto-xuvenis máis destacadas. Parabéns, moitos, Andrea!

Parabéns, tamén, para Paula Mayor, autora das ilustracións, que lle imprimen ao texto un carácter poeticamente futurista. Excelente traballo!