Onte 1116: Tintimán en Lugo

XG00214501Entre as novidades para o público xuvenil lanzadas neste mes non podemos deixar de reparar nunha nova entrega de Tintimán, a serie de Jaureguizar protagonizada polo que se presenta como «o reporteiro máis novo de Europa e Indonesia». Desta volta o xornalista estrela do Diario Galego viaxa a Lugo para participar nunha das vodas celtas do «Arde Lucus»; cidade á que, tras a aparición do corpo do arqueólogo Henrique Alcorta, regresará para intentar desvelar un misterio que o levará a recuperar os planos utilizados no século III na construción da Muralla e o Carneiro alado e Ribadeo, unha alfaia castrexa do Museo de Lugo. Coma nas novelas anteriores, a trama dunha complexa investigación técese sobre un fito histórico, onde aparecen personaxes actuais recoñecibles, como o alcalde López Horacio, o doutor Fernández Paz (director da Unidade de Medicina Tropical do HULA), o historiador Adolfo de Abel Vilela, Aurelia Balseiro (directora do Museo Provincial), o inspector Xosé Cid Cabido (da Brigada de Delitos Patrimoniais) e Marcos Calveiro (director xeral de Patirmonio). Ademais, non faltan nin o humor nin o terror nin o amor nin a aventura trepidante. Con este Tintimán en Lugo, Jaureguizar acada a plena madurez dunha serie a que o ilustrador Matalobos deu unha imaxe de seu, moi atractiva e actual. Aventuro que Tintimán continuará engaiolando como as entregas que protagonizou en Santiago, A Coruña e Vigo.

Onte 956: «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha»

XG001541_o_gabinete_das_marabillas_CUB.inddMemorable foi a presentación de onte na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo d’ O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte, o libro de Irene e Rodrigo Pérez Pintos. Cento e moitas persoas seguiron as intervencións de Pablo Carrera, Pilar Barreiro e os autores sobre un libro tan singular na edición galega coma fermoso e atractivo.

Pablo Carrera disertou sobre os gabinetes de curiosidades e o papel do coleccionismo privado de láminas, gravados, bestiarios, obxectos exóticos e raros, marabillas que derón pé ao asombro da xente, sendo en moitos casos a orixe dalgúns dos grandes museos do século XX. Pilar Barreiro relatou con moito pulo narrativo como atopou información sobre Arxentino da Rocha, o protagonista do libro, cando na súa viaxe a Iquitos no Perú procuraba datos sobre a estancia alí do seu avó emigrante Wenceslao Barreiro.

Por último, Irene Pérez Pintos presentou os contidos do libro, no que identificou catro partes: a incrible biografía de Arxentino, o ensaio sobre o gabinete de curiosidades, o inventario de 622 do gabinete argallado por Arxentino e as fichas catalográficas máis destacadas do inventario, nas que hai unha forte presenza visual. Rematamos a presentación cantando o «Grándola» e curioseando entre as vitrinas e mesas nas que até o vindeiro martes se expoñen unha boa parte das pezas e obxectos imposibles catalogadas no  libro.

Sen dúbida este libro marabilla e sorpresa –ilustrado por Ramón Trigo e polo fotógrafo Manuel Vicente, mimado na edición por Ramón Domínguez– está chamado a converterse nun referente do noso catálogo e das bibliotecas públicas, escolares e familiares. Como dixo Irene Pérez Pintos «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte é un libro para ler e para ir lendo, para mirar os santos e a letra». Aventuro que será un deses títulos polos que o tempo non vai pasar por eles, un libro arca, chamado a perdurar.

Onte 922: Carlos Núñez co pergamiño Vindel

1979655_10152012078138807_1841363744_n[1]

Camiñando polas Avenidas atopamos onte a Carlos Núñez. sobre quen Faro publicaba una longa reportaxe sobre a súa xira nos Estados Unidos. Non puiden evitar preguntarlle sobre a experiencia de ter consultado o Pergamiño Vindel, a alfaia das cantigas de Martin Codax do que este ano celebramos o centenario do seu descubrimento. Contounos que está gardado nunha cámara acoirazada e soterrada da Pierpont Morgan Library en Manhattan, sen formar, polo tanto, parte das pezas expostas ao público. Confesounos a súa emoción ao poder consúltalo, “saltáronme as bágoas“, e a súa sorpresa polo seu tamaño, máis grande do que agardaba, e pola súa textura rugosa, onde se poden identificar as diversas modificacións dos copistas. Carlos contounos a experiencia emocionado, mais tamén decepcionado coas institucións culturais do país noso incapaces de poner a disposición da cidadanía galega esta primeira peza do seu patrimonio literario e musical cando se cumpren cen anos da súa descuberta. Un síntoma do grave desleixo cultural institucional no que vivimos. Chama a atención que estes días se inaugurase na Cidade da Cultura o que semella unha interesante e custosa exposición, Auga doce, da que prefiro descoñecer os custes de produción. Bo sería saber cales son os criterios de programación utilizados polos responsables das nosas institucións culturais.

Onte 919: Xornalismo vocacional

1888823_736152143084870_1444954366_o

A presentación de Sete Caveiras, a novela de negra de Elena Gallego, no impresionante Museo Manuel Torres de Marín, volveu ser un acto de reivindicación do xornalismo vocacional. Reclamouno a presentadora da novela, a escritora Asun Estévez, que gabou a Elena Gallego »por ser a primeira muller que fai en galego unha novela do xénero negro». «Esta historia, ademais de entreternos, convídanos a facer unha lectura social, a do acoso laboral, ademais de facer unha reivindicación polo xornalismo profesional e vocacional, onde non vale todo, onde se pon en valor o papel das hemerotecas e o traballo dos xornalistas». Reivindicación que, como en presentacións anteriores, corroborou a autora, que insisitiu ademais na súa «intención de implicar aos lectores nesta obra de misterio coa que quixen facer unha homenaxe a Agaatha Christie e os seus Dez negriños». O xornalista xubilado Anxo Carregal, coordinador do Club de Opinión Portocelo, organizador do acto, sinalou tamén a homenaxe que Sete Caveiras fai o xornalismo vocacional, «unha novela protagonizada por unha xornalista, Marta Vilas, o que non é unha casualidade ao ser escrita por unha xornalista». Xornalismo vocacional que Carregal, veterano profesional da información durante máis de tres décadas, traballou en medios como La Voz de Galicia, Faro de Vigo, e Diario de Pontevedra, continúa desenvolvendo no seu blog «Cousas de Carregal», onde segue puntualmente a actualidades política e cultural de Marin. Excelente presentación de Sete Caveiras que o repetiremos o venres 28 de marzo na Libraría Miranda de Bueu.

Onte 847: De bibliotecas e museos en Galicia

Malas noticias publicáronse onte sobre bibliotecas e museos en Galicia. Os datos do INE indican que no período 2008-2012 Galicia é a comunidade que perdeu máis bilbiotecas (45) e os galegos, a pesar do incremento nestes catro anos, están entre os que menos utilizan os servizos públicos de lecturas, un punto por baixo da media española. Tampouco é máis alentador o informe do Consello Galego de Museos, presentado nas xornadas «Os museos na sociedade actual», no que se denuncia a paralización do sector dende hai trinta anos, a queda de visitantes, a falta de regulación legal clara e o incumprimento por parte das administracións das súas obrigas. Dúas informacións que lonxe de calquera conformismo alertan sobre a situación de precariedade que en Galicia viven bibliotecas e museos, institucións esenciais nas políticas públicas de promoción e difusión cultural.

Onte 786: Na Casa del lector

Non me decepcionou a Casa del Lector na visitiña que fixen aproveitando unha viaxe de traballo a Madrid. Gustoume a intervención urbanística e cultural do Matadero Madrid, un modelo que podería ser emulado para a recuperación do espazo da Panificadora de Vigo. Gustoume a arquitectura interior da institución dirixida polo galego César Antonio Molina, sobre todo no arranxo dos espazos para a lectura (onde non apareza o nome de biblioteca). É, sobre todo, gustoume a exposición «La Villa de los Papiros», un auténtico luxo sobre esta biblioteca da Antiguidade clásica, sepultada no ano 79 pola erupción do Vesubio, a única daquel tempo que chegou aos nosos días, Unha exposoción na que se percibe a pegada da filosofía epicúrea e o tránsito entre o rolo de papiro ao códice de pergameo que viviu a sociedade romana do primeiro século da nosa era. A peza principal da exposición é o fresco de Terencio Neo e a súa muller, unha das imaxes pompeianas mais famosas e tamén unha das iconas da historia da lectura. Unha ilustración que resume o que era o mundo dos libros e da lectura privada no século primeiro. Reparemos en que ambos os dous personaxes teñen nas súas mans os dous formatos de libro máis comúns no mundo antigo: o rolo de papiro e a taboíña de cera. Como significativo tamén é o feito que a moza terme dun stilus, un útil de escritura; mentres que no papiro do que se cre maxistrado novo pendure un titulus, a etiqueta na que se adoitaban escribir as primerias palabras da obra. Unha exposición interesantísima sobre a lectura na antiguidade, que axuda a entender as mudanzas da lectura do noso tempo. Paga a pena unha vista devagariño á Casa del Lector. Vilveremos.

O legado de Olimpio Liste

No artigo da semana en Faro de Vigo fago unha homenaxe a figura do etnógrafo Olimpio Liste falecido o pasado 15 de setembro:

O pasado día 15 faleceu en Pontevedra Olimpio Liste Regueiro, o fundador dos Museos Liste de Oseira e Vigo, unha das figuras pioneiras e máis destacadas no estudo da etnografía galega durante as últimas cinco décadas. Nacido en 1932 na pontevedresa rúa Sarmiento, a súa relación apaixonada coa cultura material galega comezou de pícaro, cando nas vacacións escolares frecuentaba a aldea de Ventosa, no concello da Golada, onde nacera a mestra coa que seu pai casara en segundas nupcias. Aqueles días foron decisivos, xa que como Olimpio confesou “alí abríuseme un mundo sorprendente e descoñecido” onde puido coñecer e participar nas faenas e traballos da casa máis diversos: “erguíame coma un raio, facía de todo, a sega do centeo, enxugar as bestas…”. A súa afección polo estudo do patrimonio popular naceu durante os anos de bacharelato da man do seu profesor Xosé Filgueira Valverde, a quen recoñeceu como un dos seus mestres. Tras sacar a diplomatura de Inspección Técnica, Olimpio dedicouse ao ensino de persoas cegas, outra das súas grandes vocacións.

Iniciou o seu labor como investigador e coleccionista de obxectos e trebellos en 1963, cando comezou a percorrer nun seiscentos os camiños da Galicia aldeana coa intención de “recoller datos sobre cousas abandonadas, a punto de perderse ou que estaban preto do lume”. Un labor que, inevitablemente, “levou a rescatalas daquel fin tráxico e a buscar unha casa onde gardalas”. Con esta intención, en 1968 Olimpio adquiriu a casa na que o mosteiro cisterciense de San Cristovo de Cea daba acubillo aos peregrinos, local dedicado daquela ás escolas públicas de Oseira, onde na planta baixa inauguraría en 1972 o Museo Etnográfico de Oseira. Dende entón contando sempre co compromiso teimoso e infatigable da súa muller Josefina Fernández Mosquera e da súa filla Araceli, e coa colaboración de Xesús Ferro Couselo e Xoaquín Lorenzo Fernández “Xocas, os dous grandes etnógrafos ourensáns, Olimpio foi “organizando” dentro das posibilidades que permitían as limitacións de espazo, as que chegarían a ser once mil pezas de diversas coleccións relacionadas todas elas cos traballos agrícolas, con máis de corenta actividades tradicionais, con obxectos singulares na vida rural galega e co feito da exclaustración monacal. Magoadamente pechado en 2011, ao carecer de axudas públicas para o seu mantemento, o museo almacén Oseira foi testemuña principal das angueiras deste gran investigador da cultura material galega.

Por ventura para a cidade de Vigo, en 1999, tras a constitución da Fundación Liste, Olimpio asinou un convenio co concello polo que este cedía durante cincuenta anos o chalé Barreras do barrio da Pastora, onde se expoñerían máis de dúas mil cincocentas pezas da súa colección sobre diversos aspectos da cultura tradicional galega. Un proxecto museístico de novo cuño no que Olimpio e a súa familia desenvolveron unha concepción divulgadora da etnografía, cun inequívoco compoñente didáctico, que coma mestre o pontevedrés nunca esqueceu, coa intención de facer chegar o interese polo patrimonio material e inmaterial a un público familiar. A creación da asociación Barcal de amigos do Museo Liste, como a xestión dende o outubro de 2012 (tras a crise de financiamento que levou a pechar o museo durante case un ano) do Centro de Artesanía Tradicional, ampliaron a dimensión dun dos museos máis atractivos de Vigo.

A dimensión divulgadora e didáctica de Liste estivo presente tamén nas súas publicacións, sexa na primeira guía do seu museo vigués, publicada en 2003 co título “O presente do pasado”, coma nos vídeos documentais gravados hai vinte e cinco anos coa súa filla Araceli, profesora de Belas Artes e continuadora do seu labor. Entre estas películas merece especial mención á relativa á recuperación do besadoiro, o arado máis grande do mundo, aquel do que o padre Sarmiento dicía era movido por once xugadas de bois, que xa non ara na terra galega dende hai douscentos cincuenta anos, mais que reconstruíu para expoñelo no museo de Oseira. Olimpio dirixiu un proxecto de traballo de axuda para demostrar o seu funcionamento, iniciativa relatada nun vídeo editado en 1988 e descrita con todo detalle no traballo (“O besadoiro e a súa ergoloxía”) da súa filla Araceli. Outrosí sucedeu coa reconstrucion que pai e filla fixeron dos oficios, proceso e labores relacionados coa sega e coa seitura do pan centeo en Ventosa, outros dous documentos visuais moi valiosos sobre traballos desaparecidos, que eles rescataron e hoxe podemos ver en internet.

Olimpio Liste, figura humilde e xenerosa onde as houber, desenvolveu un labor de xigante, impagable para a conservación e posta en valor da cultura material galega. Deixa un impresionante legado que merece ser protexido e conservado.

A foto é de Óscar Vázquez.

Onte 629: Mupega

Foi unha excelente idea escoller o Mupega para presentar en Compostela Tastarabás, a enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas. Poucos espazos poden ser máis axeitados para reivindicar a nosa memoria lúdica que este Museo Pedagóxico de Galicia, no que se está desenvolvendo un interesante proxecto de museificar o patrimonio pedagóxico de Galicia e de recuperar a memoria escolar e da infancia. Magoadamente, aínda pouco coñecido para o gran público (e mesmo para a maioría dos profesionais da educación), no Mupega agóchase un completo percorrido pola historia da nosa educación pública, dende as aulas daquelas informais escolas de ferrado, pasando polas escolas racionalistas de indianos e por aqueloutras do entusiasmo pola educación da segunda República, até as da escola franquista. Noutras salas, expóñense a evolución dos materiais didácticos, cunha especial atención ao ensino profesional, sen esquecer a atención ao xogo e o xoguete, inseridos no ciclo da infancia e na súa recuperación dende o eido educativo. Ademais, o Mupega é un centro dinamizador das experiencias de recuperación da memoria escolar e da investigación en historia educativa de Galicia. Aconsello unha visita devagariño, paga a pena.

Onte 481: ROM

Dedicamos unhas cantas horas á vista do ROM (Royal Ontario Museum), un antigo museo de historia natural reconvertido en museo das culturas para o goce dun público familiar e escolar. Na primeira ollada, semella un museo moi ecléctico, cunha moi potente e atractiva colección de dinosauros (quizais das mellores do mundo), mais na que tamén teñen certo interese as salas dedicadas ás civilizacións antigas, sobre todo no que atinxe ás artes decorativas e o vestiario. Mais o ROM semella tamén un museo dinámico, en clara transformación da súa identidade de vello museo de bioloxía e xeoloxía cara un modelo que poña en valor a diversidade das culturas. Eis todo unha nova planta dedicada a expoñer obxectos que representan as tradicións artísticas e culturais de pobos autóctonos de varias partes do globo, con particular atención á cultura dos primeiros pobos norteamericanos. Idéntico obxectivo proxectan exposicións non permanentes (magníficas) sobre o Carnaval («a emancipación da celebración») ou a desacougante mostra fotográfica sobre o xenocidio dos khmeres vermellos en Camboia. Con todo, máis alá do indubidable valor das coleccións, no ROM destaca o seu interese por conquistar ao público familiar, sobre todo aos picariños, e o forte peso do voluntariado na xestión destas actividades. Mención á parte merece a impactante arquitectura capaz de harmonizar un edificio de clásica liña vitoriana cunha peza de cubismo poliédrico. A pesar dos esforzos de modernización e de aproveitamento didáctico, o futuro deste tipo de museos de orixe decimonónica, coma o ROM torontino  (ou no caso galego como o Museo do Pobo Galego ou o Luis Iglesias de Historia Natural da USC) é incerto, a menos que sexan capaces de transformar a visita nunha experiencia auténtica de coñecemento que se prolonga nos soportes dixitais. Museos en tránsito.

Onte 413: Na Casa dos Poetas

Dixo Celso Emilio Ferreiro que «Celanova ten a dimensión exacta para ser andada». No serán chuvoso de onte puidémolo comprobar, antes de participar na presentación do libro de Ramón Nicolás Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez. Antonio Piñeiro foi o agarimeiro anfitrión co que percorremos as salas todas dunha das casas museo máis xeitosas, dinámicas e visitadas do país. Ademais dos tesouros currosianos alí expostos, coroa poética incluída, a Casa dos Poetas garda no seu segundo andar, onde está instalada a biblioteca, outras pezas de enorme interese. Na galería está unha instalación espectacular que ningún visitante debe perder: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez. Nestes meses é tamén obrigada a visita ás saliñas de homenaxe ao celanovés César Moreiras («Spock» ou «Cesarito»), un dos fundadores do Frente Comixario e un dos pioneiros da banda deseñada galega. Falecido apenas aos vinte e nove anos, Moreiras foi un polifacético artistas urbanos dos oitenta, músico (membro de «Última adevertencia»), xornalista (correspondente en Celanova de La Región), fancineiro e comiqueiro. Gustáronme moito as súas planas axedrezadas e xeométricas, case sempre en branco en negro, como as da da súa particular homenaxe a Longa noite de pedra, o libro publicado por Celso Emilio no mesmo ano que naceu Moreiras. Eis as coincidencias da providencia laica. Esta humilde exposición de Moreiras merece ser divulgada e coñecida.

Imaxe destacada: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez