Onte 2099: «Un señor elegante», unha novela impresionante de Suso de Toro

Emocionoume e conmoveume a lectura d’ Un señor elegante, a impresionante novela de Suso de Toro, tanto pola peripecia heroica de Ramón Baltar, o protagonista indiscutible do relato, como pola engaiolante voz en segunda persoa dun narrador no que identifico a un escritor pletórico. Unha extraordinaria novela literaria de non ficción, á altura das mellores de Emmanuel Carrère, impresionante pola orixinalidade e polo rigor á hora de recuperar a memoria dunha familia burguesa, os Baltar, sobre o fondo da súa resistencia antifascista e galeguista. Reconstrución dunha historia verdadeira na que ao mesmo ritmo da súa detallada investigación oral e documental, o narrador (como o propio lector) vai descubrindo ao seu protagonista, o cirurxián humanista compostelán Ramón Baltar Domínguez (1902-1981), este señor elegante, unha eminencia, mais tamén, un disidente, un subversivo, un afouto demócrata, un compañeiro de viaxe, un xigante ético rigoroso, un centauro superlativo, un quirón.

Ao longo de máis cincocentas páxinas moi traballadas, o narrador non perde o fío dunha historia que quere ser sempre novela, mais non ficción, onde a imaxinación, a memoria persoal como a propia historia política vanse fundindo de forma prodixiosa. O milagre da literatura! O relato dunha historia familiar, tema presente en boa parte da obra taurina dende Calzados Lola (2007) a Sete palabras (2009), onde un narrador discreto afonda nos compromisos extraordinarios de tres xeracións da familia Baltar («os deberes dos Baltar»: a protección ás familias de Rosalía e Murguía, de Castelao ou Dieste;  a preservación dunha biblioteca centenaria completa…), mais sen agochar nin os dorosos conflitos e disputas entre irmáns nin o tradicional papel secundario das mulleres nunha familia de médicos moi patriarcal.

Unha achega moi valiosa, ademais, para a recuperación dunha memoria antifranquista, até hoxe agochada, capaz de reconstruír acontecementos claves, como Suso xa fixera en Home sen nome (2006), desta volta a caída en 1947 da Unión de Intelectuais Libres (UIL) e aqueles días lóbregos do cárcere da rúa do Príncipe; ou o desenvolvemento chamada «Operación Termópilas», un dos tantos capítulos memorables da novela; como a axuda médica recibida polos combatentes da guerrilla, aqueles «Juan Fernández» que entraban e saían de madrugada pola porta do sanatorio de Carreira do Conde.

Un señor elegante é unha novela metaliteraria, onde identificamos material  primixenio do ensaio Dentro da literatura (2019), recente premio ao mellor libro de ensaio do pasado ano, xa que o libro se presenta diante do lector como a crónica dun narrador que elabora unha historia familiar. Un artificio literario que facilita a reflexión sobre a construción do propio texto como da configuración dos propios personaxes, o que non impide que funcione como ficción, mesmo cunha resolución inesperada.

Un señor elegante, con certeza, pasará a formar parte desa media ducia de novelas imprescindibles de Suso de Toro, á altura de clásicos como os citados ou como Polaroid (1986), Tic-Tac (1993), A sombra cazadora (1994) ou Non volvas (2000). Tras o entusiasmo que xa nos provocou a publicación de Fóra de si (2018), na que o narrador reconstruía a súa propia historia, este gran relato protagonizado por Ramón Baltar confirma o regreso optimista do mestre Suso de Toro, unha gran noticia para o seu lectorado. Recomendabilísima. Parabéns ao noso benquerido Suso e á editora por novela tan lograda.

Zona a defender

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Zona a defender, o libro máis recente de Manuel Rivas:

Hai trinta e un invernos que Manuel Rivas presentou Galicia, el bonsai atlántico, o seu primeiro libro literario de non ficción. Partindo da metáfora da arboriña, á que se lle impide medrar, o xove xornalista coruñés retrataba o afundimento da nosa sociedade agraria ao tempo que paradoxalmente agromaban nesta Fisterra algunhas experiencias culturais e empresariais entón na vangarda. Un libro alboral no que o xornalista coruñés xa utilizaba un estilo poético para tecer unha escrita moi sensorial, tanto polo seu carácter sinestésico e retranqueiro, na que procuraba retorcer e estrullar cada unha das palabras como mellor xeito de afondar na súa ollada de gran angular sobre aquela Galicia, entón aínda esperanzada polas posibilidades do seu autogoberno, anterior á ocupación do fraguismo autonomista. Levedada dende entón nunha ducia de libros, algúns memorables como Toxos e flores (1992), Galicia. Galicia (1999) ou Episodios galegos (2009), Rivas culmina agora esta escrita política con Zona a defender. A esperanza indócil (Xerais 2020), probablemente, o libro máis importante do esteo da súa obra xornalística ensaística, síntese da súa característica escrita ás ceibas e da ollada de arcea sobre o horizonte.

Tras Contra todo isto (Xerais 2018), un libro manifesto no que denuncia a descivilización, o avance do conformismo e da indiferenza parello ao das desigualdades e ao incremento do odio ao diferente, en Zona a defender, Rivas ofrece outro libro manifesto, aínda que de espírito máis propositivo e de pulsión máis poética, no que a desesperación provocada polo «mayday» contemporáneo, a alerta de emerxencia inminente, transfórmase en esperanza indócil, en capacidade de defensa dos espazos e dos colectivos máis vulnerables. Rivas convoca a participar na revolución de procurar unha sociedade decente (Saint-Exupéry), onde a honestidade (Orwell), o decoro (Valle-Inclán), a honra e a dignidade sexan prácticas comúns, onde se recupere e libere o sentido das palabras e o acento da verdade, na que se proxecte a memoria no campo do futuro, onde a solidariedade sexa o fío secreto do acordo entre xeracións e a produción de odio sexa contrarrestada pola política dos afectos. Rivas ofrece unha estratexia para participar nesta inequívoca revolución contente, a de preservar Zonas a defender (ZAD), unha denominación que se estendeu en Francia para conservar espazos vulnerables que non poden ser profanados e deben ser conservados a toda costa.

Organizados como unha psicoxeografía de catro ventos, estes textos xornalísticos de Rivas escritos coa pulsión poética da verdade e da ollada limpa de medo ofrécense tamén como unha colección de mapas capaces de orientarnos para circular (ou tratar de entender en profundidade) nesta era Mayday de máxima urxencia. Agravado pola emerxencia da pandemia do Covid19, xa identificabamos o colapso na liña dun horizonte enfermo (Manuel Antonio) pola doenza irreversible do planeta, que na súa globalidade constitúe a primeira Zona a defender. Para Rivas, como xa desenvolvera tamén en Contra todo isto, no ecocidio provocado polo quecemento global, termo máis axeitado ao do eufemismo de cambio climático, está a cerna do colapso contemporáneo. Unha mecha que se debe cortar antes de que a faísca alcance a dinamita (Benjamin) para o que cómpre un novo contrato da sociedade coa natureza baseado nas ideas de decrecemento, des-extinción e relocalización cosmopolita como alicerces dunha estratexia do local universal. Calquera loita local deste tipo é imprescindible para esta estratexia universal, na que por ventura virá xente nómade cun país portátil na maleta e identidades compartidas.

Neste desafío excepcional que afrontamos, Rivas identifica dende un pesimismo rebelde que vai da man da esperanza indócil outras Zonas a defender. A do xornalismo como un activismo democrático que non renuncia a utilizar a sonda de profundidade para chegar a causa das cousas. A da cultura como creadora de almeiros, espazos igualitarios  limpos de medo. A do feminismo que emancipe as mulleres e libere aos homes do «histerismo masculino». A da cidade como creadora de espazos de diversidade e memoria, onde se anove o urbanismo como parte da natureza. A do activismo da liberdade, a da loita contra a corrupción, a da república de iguais, a da tolerancia contraria, a do humor como única arma contra os negacionismo…

A aparición desta Zona a defender anticipouse á chegada das vacinas como unha lectura de emerxencia contra o virus do medo e do conformismo das que dormen coa conciencia tranquila. Activemos as Zonas a defender. Comprometámonos coa esperanza indócil. Un libro extraordinario, necesario, fermoso, un gran Rivas. Corran a libraría a procuralo!

Onte 2097: Brava, Lady Bubble!

Hai apenas dous meses que Ledicia Costas sorprendeu as súas seguidoras cunha nova volta de porca ao Outromundo coa publicación da primeira entrega dos Minimortos. Agora volve facelo noutro dos seus mundos de ficción, o da inventora Lady Bubble, que creara co ilustrador Andrés Meixide, A señorita Bubble Baixo cero, (Xerais 2020) probablemente, a súa novela infantil máis atrevida e rabuda das publicadas até hoxe. Desta volta, Lady Bubble comeza unha nova vida en Rovaniemi, a capital da Laponia finesa onde ten a súa residencia oficial Papá Noel, onde acollerá na súa casa a unha ampla comunidade de pinguíns, os animais favoritos do seu inseparable Vicent, o neno do corazón mecánico. Xaora, fóra do seu medio natural a vida dos pingüíns non é doada, mais aínda cando sufren os efectos dos vertidos tóxicos ao mar da fábrica de xoguetes de Noel, na que traballan milleiros de elfos en condicións deplorables e con salarios de miseria.

Sen abandonar o espírito steampunk nin perder unha miga do interese pola temática científica e tecnolóxica da primeira entrega, en Baixo cero Ledicia Costas bota man dos recursos da utilización do diálogo como estratexia narrativa e do conto de Nadal dickensiano e do humor atolado de estirpe roaldahliana para relatar a revolta sindical de pingüíns e elfos e cuestionar así a crueldade e arbitrariedade machista de Noel, transformando a procura da igualdade e da dignidade nos valores máis xenuínos do Nadal. Unha revolta alternativa, tamén nas formas e na distribución dos agasallos, na que non faltan nin as panxoliñas reivindicativas nin as referencias aos magos e outros personaxes. Baixo cero abre así novas perspectivas temáticas para unha serie protagonizada pola Señorita Bubble que se consolida como outro dos universos creativos singulares de Costas, ao que tampouco é alleo o extraordinario traballo de ilustración dun Meixide en estado de graza, que entende o espírito steampunk e transgresor da autora viguesa, sobre todo no deseño arquitectónico e na creación dunha atmosfera propia dos contos de inverno.

Fermosísimo este conto de Nadal de Costas e Meixide, que supón a consolidación dunha serie, convertida xa en colección pola editora, que promete engaiolar e formar a milleiros de novos lectores e lectoras autónomos. Recomendo vivamente.

O ceo en galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa da Academia de fixar o nome das oitenta e oito constelacións

A Óscar Sánchez, Martin Pawley

Dende a aparición do cometa Halley en febreiro de 1986, que non regresará até xullo de 2061, entendín a fascinación que a observación astronómica provoca nas crianzas e nas persoas maiores. Desa pulsión netamente humana de ollar o ceo naceu o interese de todas as culturas por estudar os obxectos celestes e os fenómenos no Universo, sendo a Astronomía unha das ciencias máis antigas da humanidade. As primeiras observacións astronómicas, consistentes en debuxos e artefactos creados na prehistoria coa pretensión de documentar o que se vía no ceo, serviron para medir o tempo e incrementar a precisión dos calendarios agrícolas.

A humanidade comezou a nomear os grupos de estrelas co propósito de orientar aos viaxeiros e aos navegantes sobre océanos e mares. Así apareceron as «constelacións», padróns do ceo nocturno formados unindo as estrelas, un exercicio presente tanto nas culturas china e maia como na grega. Ptolomeo inventariou no seu Almagesto (século II a. C.) 48 grupos de estrelas recoñecibles polo seu debuxo no ceo nocturno. Entre estas constelacións, foron as doce primeiras ás do zodíaco: Augadeiro, Carneiro, Cangrexo, Capricornio, Xemelgos, León, Balanza, Peixes, Arqueiro ou Seteiro, Escorpión, Touro e Virxe. Entre as restantes, unhas utilizan nomes da mitoloxía grega como Andrómeda, Dragón, Centauro, Hércules, Orión, Pegaso, Perseo… e outras nomes como Lobo, Lebre ou Serpe, pola semellanza da silueta destes animais coa unión das estrelas que a compoñen.

Constelacións cuxo número foi ampliado dende a Idade Media, en boa medida pola navegación no hemisferio sur que descubriu a ollos europeos algunhas aquí invisíbeis ou formas incompletas doutras. Identificáronse así constelacións con nomes de animais «exóticos» como Camaleón, Pomba, Ave Fénix ou Peixe Voador, doutros animais como Raposiña ou Lince ou dos propios instrumentos de observación como Escuadro, Telescopio, Microscopio ou Retículo. Constelacións que en 1930 a Unión Astronómica Internacional fixou en 88, sendo as identificadas na actualidade.

A pasada semana a Real Academia Galega aprobou unha proposta normalizada e oficial destas oitenta e oito constelacións. Unha listaxe (dispoñible na rede) froito da colaboración entre o Seminario de terminoloxía da Academia e dun equipo de astrónomos formado por Salvador Bará, profesor de Óptica da USC, Martín Pawley, membro da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e Dosi Veiga, impulsor de Ceos Galegos. Unha relación que, como sucedera coa iniciativa de nomear a estrela Rosalía de Castro da constelación de Serpentario tamén chamada Ofiuco, e do seu exoplaneta Río Sar, outra iniciativa da Agrupación Ío, pon o ceo en galego, sendo outro avance decisivo para a incorporación da nosa lingua no ámbito científico, froito dunha colaboración entre astrónomos e lingüistas. Unha iniciativa que continúa outras actualizacións recentes do vocabulario técnico matemático e dos nomes dos elementos químicos, desenvolto pola Academia con idéntico procedemento.

Esta iniciativa de fixar o nome das constelacións, únese neste ano ademais á publicación de Grandes Ideas da Astronomía (2020), un texto colectivo escrito por astrónomos de universidades e observatorios de todo o planeta, traducido para o galego polo incansable Martín Pawley, activista de todas estas propostas de alfabetización astronómica e galeguización científica. Un libriño delicioso, que se suma ao mapa do ceo despregable tamén publicado pola Agrupación Ío, configurando un modelo de divulgación científica de calidade e de aproveitamento didáctico, que responde as preguntas esenciais que se formula a Astronomía actual: dende cal é o valor do ceo nocturno e o perigo da contaminación luminosa, pasando pola estrutura do universo e o seu funcionamento até cal é a utilidade da cosmoloxía e astronomía no desenvolvemento doutras tecnoloxías, entre outras cuestións apaixonantes.

Iniciativas necesarias de alfabetización e divulgación astronómica vencelladas á unha utilización normalizada da nosa lingua, amosando que o emprego do galego na ciencia e na tecnoloxía amplía o noso horizonte e enriquece o noso patrimonio colectivo. Iniciativas que se ofrecen como un antídoto eficaz de tolerancia para inmunizarse dunha nova onda do virus do hexemonismo lingüístico, recuperado como manobra distractoria conservadora no debate da LOMLOE (a lei que modifica a lei Wert, aprobada polo PP en 2013) sobre a utilización vehicular das linguas oficiais na escola e sobre os seus niveis de competencia ao remate da escolarización.

Si, ollemos o ceo en galego, procuremos o Hexágono de inverno e identifiquemos Sirio, a estrela máis brillante do ceo visible situada na constelación do Can Maior. O ceo loce en galego.

Onte 2096: «A lavandeira de San Simón», comezo de Pequena Memoria

A publicación d’ A lavandeira de San Simón, texto de Eva Mejuto, ilustrado por Bea Gregores, que abre a colección Pequena Memoria de Xerais, supón un fito tanto para a historia da edición galega como na causa da memoria, a da recuperación das voces silenciadas, ocultas, exiliadas e castigadas da historia. Seguindo o fío temático que Eva Mejuto iniciara na novela Memoria do silencio (Xerais, 2019) e de precedentes como Mexique. El nombre del barco (Libros del Zorro Rojo 2017), Mejuto e Gregores artellan un relato dende a voz e a ollada de Teresa, unha rapaza filla dun desaparecido e dunha lavandeira que viaxa cada mércores á Illa de San Simón a levar a roupa limpa e unha empanada a algún dos alí encarcerados. Unha historia que empregando os recursos visuais da linguaxe do álbum ilustrado dá voz ás crianzas como vítimas invisibilizadas daqueles días de horror.

Un relato dirixido ao público infantil que homenaxea á rede de solidariedade tecida por unhas mulleres anónimas e afoutas, as lavandeiras ou madriñas, que se arriscaron a axudar aos presos da Illa de San Simón ou do buque Upo Mendi, fondeado na ría e utilizado tamén como cárcere, persoas que elas na súa maior parte descoñecían (procedentes en boa parte de Asturias) e que non cometeran máis delito ca defender a República e os seus valores.

Historia das lavandeiras, rescatada por investigadores e escritores redondeláns como Gonzalo Amoedo, Carlos Antuña Souto e J. Ángel Xesteira, e pola asociación de mulleres A Xanela de Redondela, na que Mejuto e Gregores apostan por dotar dunha forte pegada visual, combinando o primeiro plano coas imaxes panorámicas cenitais ou de grande angular, coa intención de crear a atmosfera de terror dunha historia entrañable narrada en clave íntima. Texto e imaxes complementadas pola documentación fotográfica das gardas e por un coidado texto informativo publicado como epílogo, estendido no espazo web creado por Mejuto, que permiten ao lectorado novo coñecer o que foi un dos episodios máis heroicos da guerra civil en Redondela.

Recomendo vivamente esta primeira e tan prometedora entrega da colección Pequena Memoria, un proxecto editorial que pola súa calidade temática, formal e editorial constitúe unha das achegas máis destacadas da lix galega dos últimos anos. Parabéns ás autoras e á editora.

Onte 2094: Presentación do libro «Escuela Digit@l», un informe sobre transformación dixital educativa


Participei onte na presentación de Escuela digit@l. Los materiales didácticos en la Red (Grao 2020), o libro coordinado por Manuel Area Moreira, catedrático de Tecnoloxía educativa da Universidad de la Laguna e investigador principal do Laboratorio de Educación e Novas Tecnoloxías (EDULLAB). Todo unha honra para min acompañar aos profesores Jesús Rodríguez Rodríguez (USC) e José Peirats Chacón (Universitat de Valencia), ás profesoras Tania Braga (Universidade do Paraná do Brasil) e Mariana Maggio (Universidade de Bos Aires), xunto ao editor Antoni Zabala, na presentación internacional dun libro-informe froito dunha ampla investigación universitaria sobre a situación da transformación dixital educativa en España. Unha obra que aparece nun momento decisivo, en plena pandemia covid 19, que precipitou a educación mixta, a que se desenvolve de forma presencial e a distancia (formalmente dixital).

Un libro que na miña opinión aborda de forma innovadora a escola dixital, xa que a identifica coa rede, e polo tanto coa utilización da hipertextualidade e as súas utilidades. Un alicerce sobre o que Manuel Area organiza os conceptos básicos desta transformación dixital e propón unha clasificación dos materiais dixitais educativos, chamada a convertirse en referencial. Este carácter hipertextual, xustificado polo feito de que hoxe a comunicacion en todos os ámbitos deixou de ser alfabética para transformarse en hipermedia e transmedia, obriga a unha alfabetización nas utilidades da lectura e escritura hipertextuais. Transformación, polo tanto de tecnoloxía educativa como do propio currículum.

O carácter e o ritmo desa hibridación dos materiais didácticos, así como a posibilidade do carácter disruptivo para o sector editorial privado da transformación dixital educativa en marcha é unha das cuestións mais controvertidas do informe. De seguiren así as cousas, terán algún papel as editoras comerciais? Os actuais materiais dixitais educativos, que supoñen apenas o 3% dun mercado de 800 millóns anuais do libro de texto (datos 2019), amosan tanto a insuficiencia e atractivo da oferta como a ausencia dun modelo de negocio alternativo, que entendo pasa por abandonar o modelo de libro de texto como secuencia curricular anual dunha materia para adaptarse ao modelo dos repositorios dixitais educativos institucionais e de suscricións por accesos.

Ademais de presentar por extenso sete experiencias de bos prácticas doutros tantos centros de Primaria e Secundaria, o libro ten un interesante carácter prospectivo achegando orientación para a elaboración de materiais educativos dixitais para editoras e produtoras, para o profesorado como para o alumnado e as súas familias. Entre estas orientacións é de salientar que a elaboración dos materiais dixitais debe ser considerada como unha actividade procesual, aberta, colaborativa, experimental e hipertextual, incorporando os avances da realidade virtual e aumentada, da big data como da Intelixencia Artificial.

En resume, un libro clave para entender o proceso de transformación educativa dixital, o que se está facendo nas escolas e institutos e o que debería acometerse no futuro. Parabéns a Manuel Area e ao seu amplo número de colaboradores.

Onte 2092: Iria Misa, Premio Agustín 2020

A pesar de que non puidemos viaxar a Vilalba, no serán de onte participamos vía telemática, xunto a Antía Yáñez e María Xesús Fernández Fernández, no xurado da cuarta edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo IESCHA e o Concello de Vilalba, coa colaboración de Xerais. Unha edición na que participaron 21 obras, cunha calidade media excelente, outro síntoma da madurez da nosa lix, a pesar da incomprensión periódica dunha parte da crítica literaria e académica galega, sometida polas lentes dos seus prexuízos.

Mostra da importancia en termos estritamente literarios da nosa lix foron as catro obras que declaramos finalistas, presentadas baixo os lemas «Monadas cuánticas», «Bartolina Sisa», «Vega» e «Máscara», todas elas moi valiosas e orixinais. Entre as catro, escollemos por unanimidade como gañadora a última delas, que levaba por título A cidade do átomo, que unha vez que Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, abriu a plica resultou ser da escritora miñorana Iria Misa, finalista da primeira edición de 2017A cidade do átomo é unha novela que retrata a paisaxe da cidade ucraína de Prípiat, abandonada o 27 de abril de 1986 tras a catástrofe  da central nuclear de Chernóbil.

Unha obra de enorme orixinalidade, tanto temática como estrutural, da que os membros do xurado destacamos no ditame «o seu nivel estilístico, a alta calidade da súa lingua literaria, así como a amenidade dun relato no que se mesturan textualidades diversas». Aínda que dirixida a un público infantil, probablemente de 10 a 12 anos en diante, «pode interesar sen dúbida a un lectorado de calquera idade, amosando que é posible abordar outras realidades e temáticas dende a nosa lingua e ampliando así o horizonte da nosa lix.»

Iniciada cun texto documental, a mensaxe oficial emitida polas autoridades informando da inminente evacuación da entón chamada «a cidade do átomo», construída de formigón branco en 1970 polas autoridades soviéticas como cidade do futuro para acoller ás familias dos traballadores da planta nuclear instalada a poucos quilómetros de alí. Seguindo a Lena Petrov e a outras nenas e nenos da Escola nº 2, coñecemos unha cidade gobernada polas crianzas que agardan o regreso dos seus maiores. Un procedemento narrativo audaz, que pode lembrar ao que utilizara William Golding n´O señor das moscas (1954), que lle permite a autora retratar a desolación da cidade radiada dende o punto de vista das vítimas máis novas. Un paseo por unha cidade arruinada onde todo permanece en pé, conservando a pegada e a memoria dos que alí morreron.

Novela de lectura conmovedora, ofrece escenas extraordinarias como a do teatro onde as crianzas escenifican O cabaliño concorvado, un conto popular ucraíno, a do baño colectivo nunha piscina baleira, a do café de Prípiat onde aparecen as ninfas acuáticas ucraínas ou a da viaxe na nora cuxo motor está completamente esnaquizado. Escenas todas elas visualmente inesquecibles para expresar a inexplicable beleza da desolación. Unha narración marcada por dúas citas esenciais da Svetlana Alexievich, a xornalista ucraína premio nobel de literatura (2015), no seu libro Voces de Chernóbil, referíndose ás crianzas vítimas da catástrofe: «morreremos e converterémonos en ciencia», «morreremos e esqueceranse de nós». Velaí na recuperación da memoria daquelas crianzas, das súas amizades e proxectos truncados onde reside o celme desta novela fermosa. Inevitablemente, tras a lectura d’ A cidade do átomo, lembramos As flores radiactivas (Xerais 1989), que Agustín Fernández Paz escribíu en Pontedeume conmocionado polo accidente de Chernóbil e polas mobilizacións como as do Xurelo, que a comezos dos anos oitenta se fixeran contra os depósitos radiactivos na fosa atlántica.

En definitiva, outro excelente premio Agustín, que se une aos que con anterioridade obtiveran as escritoras María Reimondez,  Rosa Aneiros e Antía Yáñez. Parabéns a Iria Misa, unha das narradoras máis orixinais e concienzudas da súa xeración, que con este premio abre novas posibilidades para a súa obra. Gratitude ao IESCHA, e a súa presidenta Marisa Barreiro, por continuar teimando do certame e contribuír a que non se esqueza a memoria do mestre Agustín.

Onte 2091: «Superavoa» de David Rodríguez

Esta quincena que estou de garda de porta e autobús, dou fe que a escola e os centros de traballo están abertos tamén grazas aos avós e ás avoas que traen e levan as crianzas. Apenas a punta do iceberg da axuda intrafamiliar e interxeracional que, á falta de medidas de conciliación públicas, alicerza hoxe o sistema de coidados dos picariños e evita que a familia se vaia a pique, máis aínda en tempos de pandemia e profunda desigualdade. Un traballo altruísta e unha responsabilidade social escasamente recoñecida que o escritor e ilustrador vigués David Rodríguez saca do armario en Superavoa (Xerais 2020), un valioso álbum de pequeno formato concibido para a nova serie Primeiras lecturas da veterana colección Merlín, que supera os 300 títulos en 32 anos de publicación. Un libro tributo a todas aquelas avoas como Rita capaces de facer mil cousas á vez, de curar a dor de barriga apenas poñendo a man enriba da neta ou de contactar coas suas maxestades na víspera de reis.

Superavoa, inevitablemente, levoume a outros títulos da nosa literatura infantil e xuvenil protagonizados por avós, como dous dos meus preferidos do catálogo de clásicos contemporáneos, O estanque dos parrulos pobres (Rodeira 1996) de Fina Casalderrey ou Todo o tempo do mundo (Xerais 2016) de David Pérez Iglesias. Porén esta de David Rodríguez é unha avoa feminista e empoderada, unha superheroína para as súas netas e netos, á que non lle falta nin capa nin botas con ás. Unha avoa á que non lle faltan habilidades de todo tipo e comparte doses de humor e tenrura a eito.

Benvida esta Superavoa chamada a axudar a fender a pedra dos prexuízos de xénero e micromachismos temperáns de tantos homiños e mulleriñas, como adoita dicir a socióloga da educación Amada Traba. Un álbum de escritura e composición magnífica que amosa a versatilidade estilística do autor, de quen coñeciamos os seus excelentes traballos como a ilustración do libro-disco da Banda dos Cueiros e de Eu ben vin, virivín. Cancioniero infantil para dicir, contar e cantar (Xerais 2018).  Unha obra que non debe faltar no catálogo das bibliotecas dos centros de Infantil e Primaria, útil tamén para animar as sesións de formación sobre igualdade e xénero das escolas de familias.

Onte 2090: Chegan Os Minimortos de Ledicia Costas

Se hai tres anos celebrabamos o Samaín coa publicación de Violeta quere ser vampiro. Un conto de Samaín (Xerais 2017), o primeiro álbum de Ramón D. Veiga e David Sierra, este ano a nosa festa do solpor trae ao lectorado autónomo, de 8 anos en diante, outra feliz sorpresa: Benvido ao Outro Barrio (Xerais 2020), o inicio da serie Os Minimortos de Ledicia Costas, ilustrada por Mar Villar. Como xa fixera en Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais 2014) e Esmeraldina, a nena defunta (Xerais 2016),  Ledicia localiza as historias no outro mundo, aquí o «Outro Barrio», onde viven os mortos e viaxan os que foron vivos. Territorio de paso onde viven Petunio, Maya, Dinamito, Pochiña e Penoso, os Minimortos, cinco nenos e nenas habitantes de ultratumba, que teñen liberdade para facer o que lles pete mentres agardan alí polos seus pais. Andanzas dos xenerosos e simpáticos Minimortos que coñecemos grazas á voz da Curuxa, que voa dun mundo a outro e non apreza moito aos humanos.

Nesta entrega inicial, que anuncia a aparición decontado dunha segunda, Criando malvas, os Minimortos recibirán con todo o seu agarimo a Catacrak, un rapaz que morreu en accidente de tráfico e pretende regresar a toda costa ao mundo dos vivos. Os Minimortos queren animalo a superar o seu medo, pretenden que se sinta no Outro Barrio coma na súa casa, que comprenda que por alí pasa todo o mundo, que se poden facer cousas que nunca soñaras e se pode estar sempre contento.  Xaora, será grazas á consulta do libro de Frankestein que le Pochiña, aos coñecementos científicos de Dinamito e a outras pesquisas como a panda intentará resolver o seu primeiro caso.

Unha narración que arrastra ao lectorado coma unha seda por unha atmosfera terrorífica, sen faltar nunca o ingrediente do humor retranqueiro e da ironía para abordar de forma explícita e con asombrosa naturalidade a cuestión da morte e da súa orixe (enfermidade, accidente…), un tema que até a publicación dos textos de Ledicia Costas semellaba vetado na literatura infantil e xuvenil, máis aínda nos textos para os máis novos, como é este caso.

Lonxe da representar o outro mundo por medio dos recursos da expresión gore ou violenta, Ledicia aposta nestas páxinas moi talentosas por celebrar o valor da vida, da amizade, da ledicia e do coñecemento compartido: «os nenos e nenas onde estean o mellor que poden facer é ser felices». Enfoque humanista que comparte a lectura da ilustradora Mar Villar, que ofrece un outro mundo luminoso, cheo de cores, luces e flores, fuxindo dos negros e a presenza de esqueletos e caveiras habituais. Un contrapunto visual irónico na representación do mundo dos mortos, roto apenas cando os Minimortos pasan polo bosque das calamidades, paisaxe queimada que tan ben coñecemos.

En definitiva, un magnífico inicio de serie, tanto pola brillantez na creación desta panda infantil tan singular como polo inusual diálogo entre texto e ilustración, próximo ao territorio do álbum. Unha serie ideal para as lecturas deste tempo de Samaín, no que lembramos a defuntos e celebramos a vida camiño do inverno. Benvidos Minimortos! Parabéns ás autoras.

Onte 2089: «Os incurábeis» de Antonio Tizón

Dentro da diversidade actual da novela negra e policial en lingua galega, non poden pasar desapercibidas cada unha das entregas de Antonio Tizón, probablemente, o autor que mellor ten explorado a utilidade das convencións de xénero para desvelar o mundo da doenza mental. Unha escrita orixinal e radical que o narrador e poeta coruñés concibe con intención sociopolítica e valor terapéutico, consciente que é a súa responsabilidade compartir a experiencia como doente crónico dun trastorno bipolar. Fíxoo nas súas dúas primeira novelas, A antesala luminosa (Xerais 2015) e Un home estraño (Xerais 2018), premio de novela curta «Cidade centenaria de Ribeira», e recunca, de forma máis explícita, na terceira, Os incurábeis (Xerais 2020), quizais a máis lograda do proxecto de pentaloxía da que forman parte.

N’ Os incurábeis Tizón non renuncia ao seu modelo de novela mulata de intencionalidade social nin a súa localización nun momento histórico recoñecible (o trimestre posterior ao 11-S de 2001) nin a un espazo identificable (o barrio coruñés dos Castro, identificado con todos os sinais), encadrándose no subxénero de «novela coruñesa». Como tampouco renuncia ao protagonismo do seu antiheroe, o inspector Xosé Sánchez Pereiro, un policía sibarita, prudentemente canalla e corrupto, a quen entrega a voz narradora dende a primeira palabra dunha historia que comeza como investigación do asasinato de Paloma Bieito Moreira, a vella prostituta propietaria do Niño da Pomba, toda unha lenda no barrio. Complexa esculca con múltiples ires e vires, que sosteñen unha trama moi traballada que nunca perde interese para un lector enfrontado á  psicoloxía e comportamentos imprevisíbeis dos incurábeis, as persoas que padecen as enfermidades mentais máis graves.

Crueza dun relato que Tizón sabe mitigar creando unha atmosfera envolvente, onde a voz de Sánchez Pereiro mestura xornadas interminables de tapas e chiquiteo con tardes de sete e media e noites de puterío que nalgunhas ocasións poden chegar a deixar ao lector coa boca aberta. Non hai dúbida que estas páxinas son nas que mellor se come e se bebe da narrativa galega actual, capaces de constituír unha guía dos mellores viños (non só galegos) e destilados de principios do século XXI. Novela gourmet, que enfronta a Pereiro coas mellores delicias do Montalbano de Camileri, mais na que o narrador coruñés non renuncia por iso a relatar de forma abraiante os comportamentos máis desmesurados e a retratar as personalidades máis obtusas.

Con todo, a cerna desta terceira entrega de Tizón é enfrontar ao leitorado cos dilemas éticos da aplicación da eutanasia aos enfermos mentais incurábeis, que dunha maneira consciente ou inconsciente, a berros ou en silencio, piden unha morte digna, sen máis dor da necesaria, porque sufren, porque fan sufrir aos demais e porque son un perigo, para eles mesmos e para a sociedade enteira. Velaí neste debate incómodo sobre a abordaxe das doenzas mentais mais difíciles e perigosas, tantas veces oculto baixo as alfombras do noso benestar, onde reside o corazón dunha novela literariamente moi valiosa e de lectura engaiolante. Tizón reclama así atención para unha temática case inédita no catálogo narrativo galego. Parabéns e gratitudes para ao meu admirado Antonio por ofrecer outra novela tan valente e distinta ao que hoxe se publica e se valora. Recoméndoa vivamente.