Pareceume un acerto a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes, que preside o pintor Manuel Quintana Martelo, de instituír dende este ano o «Día das Artes Galegas» coa intención de exaltar, divulgar e promover a creación artística en Galicia. Como tamén o foi o de escoller para esta efeméride a data do primeiro de abril, en lembranza da mesma xornada do ano 1188, coa que se certifica nas limeiras do Pórtico da Gloria aquel como obra do Mestre Mateo. Comézase así unha nova institución da nosa cultura exaltando ao Mestre Mateo, o xenio renovador da arquitectura e escultura románicas, retratado para a ocasión con todo o xenio de Miguelanxo Prado.
Sobre a figura de Mateo, o mestre de obras da Catedral de Compostela dende 1168, non se ten investigado abondo na nosa cultura. Coa intención de saber máis sobre a súa figura recorrín onte á erudición de Xosé Filgueira Valverde no seu traballo, «Datos y Conjeturas sobre la biografía del Maestro Mateo«, publicado no seu libro Historias de Compostela (Bibliofilos Gallegos, 1970; Xerais, 1982), onde aos datos achegados pola historiografía romántica, o polígrafo pontevedrés apenas engade a posibilidade de que o pai de Mateo fose o arquitecto da ponte de Salime, sobre o río Navia. Moito queda aínda por afondar, coñecer e poñer en valor de quen foi un dos piares da cultura de noso.
Xaora, este Día das Artes Galegas da Academia de Belas Artes, como a proposta que hai varios anos xa fixera a viguesa asociación A Nave das Ideas, homenaxeando ao pintor Urbano Lugrís, á actriz María Casres e ao músico Xesús Bal y Gay, supón unha ollada transversal, modernizadora e vivificadora da cultura galega, aínda moi ancorada nos límites do fenómeno literario. Celebrar a nosa creación artística no seu conxunto, sexa a literaria, a musical, plástica, dramática, cinematográfica ou transmedia, supón unha oportunidade para que a cultura galega recupere azos e alento en tempos moi difíciles como os que vivimos.