Os adeuses
No artigo da semana en Faro de Vigo fago unha glosa da exposición Os adeuses do fotografo Alberto Martí Villardefrancos.

“Galicia é terra de adeuses” dixo Ramón Otero Pedrayo no discurso que pronunciou no paraninfo da Universidade de Santiago con motivo da inauguración do curso 1954-55. Esta frase rotunda, case un manifesto en cinco palabras que subliña a condición emigrante do pobo noso, foi recuperada na fermosa presentación que Ramón Villares escribiu para o catálogo da exposición Os adeuses do fotógrafo coruñés Alberto Martí Villardefrancos, aberta até onte nas instalacións viguesas da Fundación Barrié. Froito da colaboración da Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega, esta mostra itinerante memorable, inaugurada xa o pasado ano na Coruña, contribúe a construír a memoria do acontecido nas estacións marítimas da Coruña e Vigo hai máis de cincuenta anos. Daquela, Venezuela e Arxentina, sobre todo, e, en menor medida, Brasil e Uruguai, foron os destinos escollidos por máis de trescentos mil emigrantes galegos para inventar as súas vidas. Unha cifra elevadísima, arrepiante –supuña o cincuenta por cento do conxunto da emigración española a ultramar entre 1950 e 1970– que amosa canta verdade atesouraban as palabras de Castelao: “o galego en troques de rebelarse, emigra”.
A dor e a tristeza daquel éxodo de milleiros dos nosos compatriotas, que enxergaban alén mar un futuro que daquela en Galicia se lles negaba, quedou inmortalizado na fotografía que Manuel Ferrol fixera no peirao da Coruña en novembro de 1957, mergullado entre os emigrantes, que embarcaban na derradeira travesía do Juan de Garay rumbo a América, e os familiares que foran a ofrecerlles o último aloumiño. Esa extraordinaria foto –na que aparecen un pai e un fillo, Xan e Xurxo Calo, veciños de Fisterra, desfeitos e bagoantes despedindo á nai e a dous irmáns do primeiro– constitúe a icona máis internacional da fotografía galega, formando parte da colección permanente do Museo da Fotografía de Columbia e sendo reproducida en diversas historias da fotografía universal como exemplo dun dos mellores documentos gráficos da humanidade. Aquela fotografía, realizada ao abeiro da reportaxe que sobre a emigración masiva galega lle encargara a Ferrol a Comisión Católica de Emigración, foi publicada por vez primeira en Arxentina, en xuño de 1958, por Luís Seoane na revista “Galicia emigrante”, que a recibira de mans de Isaac Díaz Pardo. Oito anos despois, xunto a outras seis da mesma reportaxe, foi incluída no libro “Galicia hoy”, publicado por Ruedo Ibérico. Dende entón, a foto dos Calo foi considerada como a denuncia máis contundente da emigración nosa durante o século XX.
As fotografías dos adeuses de Alberto Martí non desmerecen de maneira ningunha a emoción e a calidade daquela magnífica e tan gabada reportaxe de Manuel Ferrol. Realizadas na mesma época e no mesmo escenario, estas setenta e tres imaxes, que o veterano fotógrafo coruñés mantivo inéditas até agora, posúen a potencia visual e a sutileza compositiva abondas para captar o estado da alma emigrante en momentos decisivos de transo como son os das saídas e as chegadas. Organizados en tres apartados (a ida, a volta, e a chegada ao porto de Vigo do “Santa María” en 1961, tras o secuestro do DRIL), cada un destes cartaces retrata unha historia secreta do que supuxo a emigración para milleiros de persoas, dende o latexo inicial da saudade, modulado a medida que o buque se afastaba do peirao, até a inevitable incerteza do regreso.
Nesta mostra o espectador atopará fotografías marabillosas, emocionantes, impactantes. Eis ese retrato de gran modernidade, utilizado para a cuberta do catálogo e para a promoción da mostra, de catro persoas de costas saudando cos panos de man aos seus seres queridos, a máis elegante expresión da saudade que nunca vira. Outrosí sucede coa dureza das escenas que retratan o rebumbio das aduanas, onde os emigrantes quedaban espidos, privados de calquera intimidade, mentres os axentes remexían sen o menor pudor nas maletas. Ou coa emotividade de retratos excepcionais dos nenos que perderon o barco, da meniña sentada entre maletas, da rapaza que en cuberta fai de nai cos seus irmáns pequenos, da monxa saudando dende o camarote á súa chegada ou das avoas subindo a bordo co seu obxecto máis querido, un tallo. Mención á parte merece o documento excepcional da presenza do fotógrafo do minuto fotografando no peirao (quizais a peza que recolle mellor o sentido desta mostra), coa intención de captar para sempre a esperanza depositada no derradeiro adeus ou a quentura da primeira apreta tras o reencontro.
Cos estes adeuses e apretas, Alberto Martí desvelou unha fascinante paisaxe humana que contribúe á renovación da iconografía sobre o fenómeno emigratorio galego, a nosa grande epopea colectiva. Coñecela é imprescindible para entender a historia recente de Galicia.


A dor e a tristeza daquel éxodo de milleiros dos nosos compatriotas, que enxergaban alén mar un futuro que daquela en Galicia se lles negaba, quedou inmortalizado na 
A celebración de efemérides («Ano de tal ou de cal») constitúe, ademais dun útil recurso didáctico, a posibilidade de orientar ao longo dun ano as políticas sociais, culturais e educativas públicas e privadas (sobre todo no eido da edición e da comunicación) cara a un tema, problema, personalidade, obra ou manifestación artística. A experiencia internacional e nacional demostrounos a súa eficacia como mecanismo de rescate ou sensibilización social, mais tamén que sen unha programación axeitada poden constituír o máis 
O 21 de decembro de 1980 celebrouse o referendo polo que o pobo galego aprobou o actual Estatuto de Autonomía de Galicia. Transcorridas tres décadas, coa excepción dos comentarios de 

O 27 de outubro foi a data escollida pola Alcaldía para celebrar o bicentenario da declaración por parte do Consello de Rexencia de España e Indias de Vigo como “Cidade, Fiel, Leal e Valorosa”. A concesión deste título foi a máis importante honra que nos deixou a Reconquista, ao tempo que a publicación deste decreto sinala formalmente a epifanía da nosa cidade facendo xustiza ao esforzo da súa veciñanza (daquelas xa unhas catro mil persoas) para lograr a súa liberación e a de toda Galicia, xa que tras a vitoria popular de Vigo, se organizaron as forzas que venceron na batalla de Pontesampaio. Cidade bicentenaria cunha historia milenaria –non esquezamos que os xacementos catalogados proban a existencia de asentamentos humanos sobre os brazos estendidos da ría e do Val do Fragoso dende o Paleolítico–, Vigo foi modelando ao longo destes dous séculos o seu celme de vilar mariñeiro chantado no Berbés e de comunidade agraria estendida sobre as farturentas terras do Val do Fragoso até ofrecer a súa actual fasquía de cidade metropolitana atlántica, especializada nas industrias do automóbil e da construción naval, con vontade inequívoca de liderar o proxecto de modernización e de benestar de Galicia.
No 
O gaiteiro do Fragoso non se conformaba e será quen propoña en 1966 ao alcalde Portanet a creación dunha Escola de Gaiteiros na Escola de Artes de Oficios. Iniciativa que se concretaría en 1971 coa posta en funcionamento dunha aula experimental de gaita dentro do Conservatorio Municipal de Vigo da que será o seu primeiro mestre. O fito senlleiro desta primeira «cátedra da gaita galega» levarao a loitar por dar un paso máis aló: facer oficial a gaita. Un novo soño feito realidade en 1977, co apoio do pleno da Corporación, cando o Ministerio de Educación y Ciencia recoñeceu por vez primeira os estudos oficiais desta expresión musical.
No 