25 anos do Xurelo

O pasado sábado celebrouse en Ribeira un acto con motivo do XXV aniversario da primeira viaxe do Xurelo. Aquela expedición, promovida pola nosa emerxente Esquerda Galega e por algúns membros de grupos ecoloxistas, con motivo de tratar de impedir os verquidos radiactivos a 750 quilómetros da nosa costa, foi a primeira mobilización en defensa do mar de Galicia. Anos despois, Agustín Fernández Paz escribiu unha fermosa homenaxe literaria, convertida polo apoio dos lectores nun dos referentes da nosa literatura infantil.
Os valentes expedicionarios do Xurelo amosaron que tamén era posible en Galicia un novo xeito de entender a participación política e social. Aquelas mobilizacións, que duraron tres anos (incluída a primeira manifestación galega en Bruxelas), conseguiron impedir o funcionamento do cemiterio nuclear previsto e a prohibición internacional de verquidos radiactivos na chamada Fosa Atlántica. Estou seguro de que a resposta cívica do Prestige nunca se tería producido sen este humilde precedente.
Os heroes do arco da vella do Xurelo merecen hoxe o noso recordo e maior agradecemento.

(Foto: Xosé Castro)
Actualización (27-09-2006): Magnífico o o poema de Sara Jess.
Actualización (30-09-2006): Rúa do sol (un blog mariñeiro que non coñecía ata hoxe) publica un post moi esclarecedor sobre a expedición, identificando o nome de todos os participantes. Outra proba de como na rede podemos ir tecendo a memoria.
2ª Actualización (30-09-2006): o xogo das diferenzas entre as fotos que propón Josito é xenial. Na foto publicada tiraron pola borda ao pobre Xurxo Lobato. É incrible!


Actualización (01-10-2006): vía Depósito atopo a fotografía da mesa da homenaxe.

Actualización (09-10-2006): O fotógrafo Xosé Castro escribiume para indicarme que é o autor da foto da expedición, solicitándome que o fixera constar (como aquí facemos). Indica, tamén, que a foto foi sacada en automático, sendo el o primeiro pola esquerda agachado. Xosé Castro cubriu a información fotográfica para La Voz de Galicia, mentres que Xesús Naya ocupouse da información textual. Quedan recollidas, pois, as precisións.

Etiquetas: ,

Galicia en guerra

O Cartafol de libros faise eco da aparición de Galicia en guerra do xornalista Eduardo Rolland, o noso último título da colección Crónica. Alédame moito esta crítica desta obra sobre o papel de Galicia durante a IIª Guerra Mundial pois este é un dos libros máis singulares e desmitificadores (sabemos que contén documentos moi importantes, como por exemplo, a relación de galegos asasinados en Mathaussen) aparecidos neste chamado “Ano da memoria”. Presentáremolo en Vigo nas vindeiras semanas.

Etiquetas:

A menina ponteareana de Velázquez

Cando volvades polo Prado reparade no cadro de Velázquez con outros ollos tratando de indentificar á menina ponteareana. Isto si que é erudición galeguista!
Etiquetas:

Ler e escribir en Galicia

Estes días rematei de ler o último libro do catedrático Narciso de Gabriel, Ler e escribir en Galicia, unha investigación (merecedora do premio Concepción Arenal) sobre a alfabetización dos galegos e galegas dende 1860 a 1990.
Como é adoito neste autor (o noso primeiro estudoso sobre historia da lectura e da alfabetización en Galicia), o traballo (moi rigoroso e metodoloxicamente ben dotado) presenta numerosos cadros de datos estatísticos que permiten reconstruír de forma moi precisa o proceso de desenvolvemento demográfico e alfabetizador do país (datos desagregados por sexos, provincias, por comarcas e mesmo por concellos, o que supuxo para o autor un esforzo hercúleo). Entre todos eles, quedeime con dous que, a pesar de ben coñecidos, me parecen moi significativos para comprender a situación demográfica e territorial de Galicia na actualidade:
Primeiro: mentres que A Coruña e Pontevedra duplican os seus habitantes desde 1860 a 1991, Lugo perde case un doce por cento e Ourense un catro, o que leva consigo unha progresiva concentración da poboación nas dúas provincias occidentais.
Segundo: a progresiva redución do peso de Galicia na poboación española, que pasa do 11,48% en 1860 ao 6,91% en 1991 (o peso da emigración foi decisivo). En 130 anos Galicia aumentou a súa poboación apenas nun millón de habitantes.
Alén da recollida dos resultados cuantitativos da investigación, tamén é de moito interese no libro o capítulo dedicado a precisar os conceptos de alfabetización (a capacidade de ler e de escribir) e analfabetismo funcional, moi útil para sinalar a importancia do dominio da mecánica da lectura, a escritura, o cálculo e a súa aptitude para utilizalas en situacións concretas. Un libro valioso, que merecería unha maior divulgación fóra da comunidade académica.

A escola fusilada


Preparase unha homenaxe nacional aos mestres fusilados. Alí estaremos.
Etiquetas: ,

Aillados (San Simón) BS

Viva a República!

Esta mañá asistimos aos actos do setenta e cinco aniversario da Segunda República. Preparei o artigo do domingo sobre a cuestión, recalcando a revolución educativa republicana que sempre tanto admirei. Durante a concentración comentei con varios amigos as razóns do escaso entusiasmo polo espírito republicano dos actuais dirixentes nacionalistas (só vin alí a un ex-concelleiro). Que sería deles se Castelao ou Bóveda erguesen a cabeza?

Etiquetas: ,

Vigo romano

A descuberta dun ara funeraria demostra o carácter bimilenario da cidade de sal.

Un país digno

A raíz do meu comentario sobre o 23-F recibo por correo unha aclaración dun meu amigo que me parece moi significativa e que moito agradezo. Transcríboa tal como a recibín:

Nestes días de repaso á memoria lin moitas tonterías e nimiedades sobre o 23-F. Non lin que en todas as nosas cidades, houbo unha “defensa” civil dos concellos. Durante toda a noite foron ocupados polos concelleiros e militantes de Unidade Galega, penso que a iniciativa foi daquela coalición, case podo aseguralo, tería que confirmalo Camilo ou Carlos Vázquez, e estivemos acompañados polos compañeiros do Bloque e algúns do PSdeG. Fixémolo de modo consciente, era unha resistencia simbólica, mais militante. E non puiden evitar lembralo cando repasei o que ocorreu no 36, cando tamén os concellos foron o lugar da resistencia civil, ao menos na miña cidade. A iso da unha da madrugada chegaron diante do pazo de Raxoi unha columna de artillería dirixida polo gobernador militar da praza, comandante Bermúdez de Castro (que fora prácticamente obrigado polos seus oficiais a sumarse ao golpe) e recibiu as chaves do Concello, que deixara Anxel Casal había uns minutos, de mans do xefe da policía municipal, Vez Quijano. Este sería un dos que asasinou uns días despois a varias persoas, entre eles a Alonso Puente, “Nécoras”.
Volvendo ao noso 23-F, logo que fracasou, o día despois a iso das doce do mediodía o entón alcalde, Souto Paz, recibiu unha chamada telefónica: “le habla el mando militar de esta plaza, a partir de este momento le devuelvo el mando de la plaza”.
Con isto quero dicir que frente ás estupideces e ás trivialidades que levo oído e lido estes días, aquel golpe era verdadeiramente un intento de repetición do que desencadenou a Guerra civil española. Só non lle podían temer os políticos da dereita, eles non habían ser sacados das súas casas de noite polos fascistas, o resto tiñamos todos fundados temores. A pesar do cal na Galiza houbo xestos de resistencia e de dignidade civil que non foron rescatados para a nosa memoria. O cal paréceme gravísimo. Non sei o que fixeron en Madrid, mais nos nosos concellos esa noite existiu un país digno.