Ler e escribir en Galicia

Estes días rematei de ler o último libro do catedrático Narciso de Gabriel, Ler e escribir en Galicia, unha investigación (merecedora do premio Concepción Arenal) sobre a alfabetización dos galegos e galegas dende 1860 a 1990.
Como é adoito neste autor (o noso primeiro estudoso sobre historia da lectura e da alfabetización en Galicia), o traballo (moi rigoroso e metodoloxicamente ben dotado) presenta numerosos cadros de datos estatísticos que permiten reconstruír de forma moi precisa o proceso de desenvolvemento demográfico e alfabetizador do país (datos desagregados por sexos, provincias, por comarcas e mesmo por concellos, o que supuxo para o autor un esforzo hercúleo). Entre todos eles, quedeime con dous que, a pesar de ben coñecidos, me parecen moi significativos para comprender a situación demográfica e territorial de Galicia na actualidade:
Primeiro: mentres que A Coruña e Pontevedra duplican os seus habitantes desde 1860 a 1991, Lugo perde case un doce por cento e Ourense un catro, o que leva consigo unha progresiva concentración da poboación nas dúas provincias occidentais.
Segundo: a progresiva redución do peso de Galicia na poboación española, que pasa do 11,48% en 1860 ao 6,91% en 1991 (o peso da emigración foi decisivo). En 130 anos Galicia aumentou a súa poboación apenas nun millón de habitantes.
Alén da recollida dos resultados cuantitativos da investigación, tamén é de moito interese no libro o capítulo dedicado a precisar os conceptos de alfabetización (a capacidade de ler e de escribir) e analfabetismo funcional, moi útil para sinalar a importancia do dominio da mecánica da lectura, a escritura, o cálculo e a súa aptitude para utilizalas en situacións concretas. Un libro valioso, que merecería unha maior divulgación fóra da comunidade académica.

2 comentarios
  1. gardalivros
    gardalivros Dice:

    Apañamos a proposta do que promete ser un estudo de referencia para os que tentamos visibilizar o debate sobre o feito da leitura no noso contorno cultural. Hanos axudar a perspectivar o que se fixo e se está a facer nas bibliotecas e nas escolas ( a súa capacidade de penetración para fornecer apoio e participar en programas de alfabetismo para todos os grupos de idade) xa que a miudo se manexa o conceito de “alfabetización” dun xeito laxo(“literacy” en inglés acho que abrangue moito máis).Hoxe en dia fálase da alfabetización informacional (ALFIN), sen dúbida un reto para aprendizaxe permanente que tenta suturar a fenda dixital e que recolle o manifesto da IFLA/UNESCO sobre a biblioteca pública, mais acontece que baixo os eslogans, ao acobillo das políticas educativas e dos centros educativos,medra o fracaso escolar e as taxas de analfabetismo en adultos seguen a concentrarse nas mesmas zonas e nos mesmos grupos tradicionalmente desfavorecidos e vulnerabeis. O acceso aberto á información e ás TIC é necesaria mais non suficiente ( e a conectividade das TIC é ainda moi deficiente mesmo nas institucións públicas que ainda non dispoñen de banda larga).Fornécense materiais axeitados,de leitura doada, para quenes o precisan? E cando se fala de persoas alfabetizadas, precísase en que idioma(s) se le? Facilítase e promóvese a educación do adulto non alfabetizado na súa língua materna? A “educación documental” coma tema transversal na educación obrigatoria, u-la? Consecuencia, ao abeiro do papanatismo tecnolóxico, hai quen accede directamente ao uso das tecnoloxías sen unha previa e fundamental alfabetización funcional, cultural e crítica como capacidade de comprensión, analise, tratamento e expresión da información. Convén non confundir que a alfabetización tecnolóxica instrumental non é alfabetización na información xa que implica capacidade de avaliación e aplicación crítica da información.Neste senso sigo sen entender a falla de presenza do bibliotecario galego na vida social e cultural do país como garantes do acceso livre e paritario á información e como aliado da aprendizaxe e alfabetización.

Los comentarios están desactivados.